Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 12 de novembro de 2003 Páx. 13.964

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de adhesión da empresa Don Rodrigo The Spanish Saddlery, S.L., ó convenio colectivo de marroquinería (zona centro).

Visto o expediente do acordo de adhesión da empresa Don Rodrigo The Spanish Saddlery, S.L. ó convenio colectivo de marroquinería (zona centro) (código convenio 1503882), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-10-2003 e subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social, polo comité de empresa o día 2-10-2003, de confor

midade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e o Real decreto 2412/1982, de 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 21 de outubro de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Acta número seis da comisión negociadora

do convenio colectivo de empresa Don Rodrigo

The Spanish Saddlery, S.L.

En Vimianzo, ás 11.00 horas do día 2 de outubro de 2003.

Reunidos

Dunha parte, en representación dos traballadores:

Os membros do comité de empresa: Juan Luis Figueiras Caamaño, Rosa Trillo Barbeira, María Santos Caamaño e asisten en calidade de asesores laborais en representación da Federación Nacional Gallega de Industrias Afines de la Unión General de Trabajadores UGT, Isabel López Rei.

Doutra parte, en representación da empresa:

Antonia Lema Olveira, administrador-xerente da sociedade. Antonio Galdo Martínez, administrador da sociedade.

Acordan:

1. Proceder ó ascenso de tódolos especialistas a oficiais de 3ª.

2. Proceder á conversión en indefinidos dos contratos das traballadoras eventuais á que se fai referencia na acta número dous á data do vencemento do contrato eventual subscrito.

3. As traballadoras mal clasificadas a que se refire a acta número 2 serán promovidas á categoría de oficiais de 2ª.

4. Proceder a un incremento da paga de outubro segundo o convenio anexo.

E finalmente, anéxase ó presente o acordo do convenio colectivo da empresa Don Rodrigo Spanish Saddlery, S.A.U., que constitúe un documento inseparable da presente acta.

A parte social manifesta que o membro do comité de empresa ausente con motivo de encontrarse en situación de IT está conforme co presente acordo.

En proba disto asinan esta acta co seu anexo.

Asdo.: Antonia Lema Olveira e Antonio Galdo Martínez.

Asdo.: representación dos traballadores.

Asdo.: Isabel López Rei.

Adhesión ó convenio de marroquinería, coiros cincelados e similares de Madrid, Castela-A Mancha, A Rioxa, Cantabria, Burgos, Soria, Segovia, Ávila, Valladolid e Palencia (BOE do 7 de agosto de 2003) e convenio colectivo de empresa Don Rodrigo The Spanish Saddlery, S.L.U.

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación: funcional, persoal e territorial.

Este convenio regula as condicións de traballo entre a empresa Don Rodrigo The Spanish Saddlery, S.A.U. e os traballadores incluídos nos seus ámbitos persoal e territorial, aplicándose con preferencia ó disposto nas demais normas laborais vixentes, e sen prexuízo da aplicación supletoria e subsidiaria do convenio colectivo de marroquinería, coiros cincelados e similares, que cada ano estea vixente, de Madrid, Castela-A Mancha, A Rioxa, Cantabria, Burgos, Soria, Segovia, Ávila, Valladolid e Palencia (zona centro), téndose producido a adhesión o pasado 7 de agosto de 2001.

Artigo 2º.-Ámbito temporal e denuncia.

Este convenio estará vixente desde o 1 de xaneiro de 2003 ata o 31 de decembro de 2005, con efectos retroactivos a 1-1-2003, e entrará en vigor á data da súa sinatura con independencia de cando se produza su publicación no boletín oficial correspondente.

Se ningunha das partes denunciar o acordo dentro dos 3 meses anteriores ó seu vencemento, entenderase prorrogado tacitamente de ano en ano e con vixencia en todo o seu contido normativo, económico e obrigacional.

Artigo 3º.-Comisión paritaria.

Asinado o presente convenio, constituirase unha comisión mixta como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do cumprimento do presente convenio. A comisión estará integrada por 2 representantes dos traballadores e 2 da empresa. Ámbalas partes poderán contar con asesores que estean presentes nas súas reunións con voz pero sen voto.

A comisión reunirase sempre que o requira calquera das partes, debendo celebra-la reunión dentro dos 5 días seguintes ó requirimento.

Serán funcións específicas da comisión paritaria as seguintes:

1. Interpretación da aplicación da totalidade do articulado e espírito do convenio.

2. Vixilancia do cumprimento do convenio.

3. Establecemento de procedementos voluntarios de solución de conflictos colectivos.

4. Tratar de dirimi-las posibles diferencias que sobre o convenio colectivo poidan suscitarse logo de sometemento á orde xurisdiccional social.

5. Analiza-las posibles incidencias e acordar, se for o caso, as adaptacións que poidan derivare das modificacións do convenio da zona centro ou demais lexislación aplicable á relación laboral mantida entre traballadores e empresa.

As reunións da comisión celebraranse, en todo caso, dentro da xornada laboral.

Capítulo II

Revisión salarial

Artigo 4º.-Cláusula de revisión salarial.

As condicións económicas, isto é, tódolos conceptos monetarios que figuran no presente texto, incrementaranse tódolos anos de vixencia e/ou prórroga tácita, na contía que se fixe para o convenio da zona centro de marroquinería, garantindo en todo caso o incremento do IPC real. Para facer efectivo o anterior, aboarase o IPC previsto incrementado coa suba que, se for o caso, se estableza para o dito convenio, no momento da súa publicación, con efectos do 1 de xaneiro do ano de que se trate. Se posteriormente se rexistrase un IPC previsto ou real superior, aboaranse as diferencias entre o IPC real e o previsto, ou, se for o caso, entre IPC previstos, con efectos retroactivos do 1 de xaneiro. Procederase de igual forma nos seguintes anos de vixencia ou prórroga tácita do convenio. Non obstante, se non puider coñecerse o incremento que para o ano en cuestión se fixa para o convenio de marroquinería, ben por estar en proceso de negociación, ben por estar pendente de publicación no boletín

oficial correspondente, anticiparase o incremento correspondente ó IPC previsto ou, cando for o caso, real.

Así mesmo, ademais do disposto no parágrafo anterior, a empresa destinará o 5% dos beneficios netos do ano anterior, despois de impostos, ó incremento das retribucións, distribuíndo esa cantidade de forma lineal entre tódolos traballadores do cadro de persoal sobre o salario base. Ora ben, se algún traballador xa vise equiparado o seu salario base ó establecido para o convenio da zona centro, verá incrementado o seu complemento ad personam salvo que este xa estivese igualmente equiparado ó complemento lineal do convenio de marroquinería, caso en que os traballadores que vaian equiparándose

tanto en salario base como en complemento ó convenio mencionado cederán este dereito de repartición de beneficios a favor dos non equiparados.

Capítulo III

Ordenación da xornada e descansos

Artigo 5º.-Festivos.

Alén dos 14 días declarados inhábiles segundo o calendario oficial aprobado pola autoridade competente, declárase inhábil, con carácter retribuído e non recuperable, o martes de Entroido. No suposto de este día ser declarado festivo pola autoridade competente, pasarase ó día hábil seguinte a dita festividade.

Capítulo IV

Clasificación profesional e retribucións

Artigo 6º.-Clasificación profesional e salario base.

Co fin de asimila-las relacións laborais ó convenio da zona centro de marroquinería, establécese xa a mesma clasificación profesional respecto dese convenio. Non obstante, en materia económica aínda rexen as especialidades que constan a seguir:

Nivel 1. Oficial 1ªSalario base: 563.35

Nivel 2. Oficial 2ªSalario base: 531.17

Nivel 2. Montador 2ªSalario base: 531.17

Nivel 3. Oficial 3ªSalario base: 505.44

Nivel 4. EspecialistasSalario base: 495.78

Artigo 7º.-Complemento ad personam.

Este complemento ten a consideración de ad personam e será non absorbible e revalorizable tódolos anos de conformidade coas subas que experimente o salario base e que se establecen por convenio vixente ou por prórroga tácita del. Terá o mesmo tratamento que o salario base, isto é, terase en conta para efectos de cálculo da antigüidade, pagas extraordinarias e calquera outro concepto que tome de cálculo o salario base.

Artigo 8º.-Complemento de antigüidade.

Aboarase a razón do 1% por cada ano completo traballado, cun tope de 27 anos (límite equivalente a 9 trienios que se establecen no convenio colectivo da zona centro). Esta porcentaxe calcularase sobre o salario base e complemento ad personam.

Artigo 9º.-Gratificacións extraordinarias.

Alén das gratificacións extraordinarias a que faga referencia o convenio da zona centro, os traballadores da empresa Don Rodrigo The Spanish Saddlery, S.A. terán dereito a unha paga de outubro que consistirá en:

Paga de outubro: consistirá nunha paga lineal de 77 euros que se fará efectiva xunto coa mensualidade de outubro. Esta paga experimentará as revalorizacións que experimente o salario base durante a vixencia do presente convenio ou durante a súa prórroga tácita.

Os traballadores que se vexan equiparados ó convenio mencionado cederán este dereito a favor dos non equiparados. Procederase a reparti-lo importe entre os non equiparados a partes iguais.

Artigo 10º.-Incentivo de producción.

Establécese un incentivo de producción para aqueles operarios con categoría profesional de montadores, a razón das pezas realizadas.

Non obstante, os incentivos pactados cos afectados experimentarán os incrementos anuais pactados polo presente convenio colectivo ou pola súa prórroga tácita, coa revisión salarial, se proceder, derivada do IPC real.

Artigo 11º.-Complemento de incapacidade temporal.

Os traballadores que estean en situación de IT percibirán a cargo da empresa un complemento ata o 100% da súa retribución.

Artigo 12º.-Póliza de seguros.

Nos casos de incapacidade total, absoluta ou morte derivada de accidente, os traballadores ou os seus beneficiarios percibirán unha indemnización de 12.020 euros. Queda, por tanto, derrogado o precepto que no convenio da zona centro fai referencia á póliza de seguros.

Disposición adicional

O non regulado neste convenio rexerase polo disposto no convenio colectivo de marroquinería, coiros cincelados e similares de Madrid, Castela-A Mancha, A Rioxa, Cantabria, Burgos, Soria, Segovia, Ávila, Valladolid e Palencia (zona centro) vixente en cada momento. Por conseguinte, soamente non serán de aplicación os preceptos do citado convenio que contraveñan o disposto no presente acordo. Especialmente, non serán de aplicación aqueles artigos da zona centro de contido económico que sexan substituídos integramente polas cláusulas do presente, salvo aqueles a que expresamente se remitan ó convenio de zona centro.

Disposición transitoria

Única.-A denominada paga de outubro recollida no presente acordo, así como o incremento do 5% sobre os beneficios netos anuais da empresa manteranse unicamente en canto non se producir a equiparación salarial plena ó convenio da zona centro, momento en que desaparecerán para tódolos traballadores. Non obstante, e dado que algúns traballadores se poden ver equiparados antes que outros, manterase para os non equiparados de acordo co disposto nos artigos precedentes.