Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 12 de novembro de 2003 Páx. 13.956

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 405/2003, do 29 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado C.L. de Penasinceira por Pin a Mazaira e Paradela.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día nove de maio de dous mil tres, aprobou o proxecto

denominado C.L. de Penasinceira por Pin a Mazaira e Paradela e, na sesión do vinteoito de xullo de dous mil tres, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vinte de outubro de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dez de outubro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a Deputación Provincial de Lugo, a actuación vén motivada polo grave problema de illamento que están a experimenta-los veciños das localidades de Pin de Abaixo e Vilargoncide, no Concello de Navia de Suarna; problema que motiva a necesidade da urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executa-la obra, máxime cando se aveciña o período invernal, que imposibilitará a circulación rodada, pretendéndose con esta actuación a solución do grave problema de incomunicación existente nestas localidades.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado C.L. de Penasinceira por Pin a Mazaira e Paradela, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios,

obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, vintenove de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local