Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 12 de novembro de 2003 Páx. 13.956

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 404/2003, do 23 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial 7603 do punto quilométrico 8,00 ó 10,500 (concellos de San Sadurniño e Valdoviño).

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión do día trece de setembro de dous mil dous, aprobou o proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial 7603 do punto quilométrico 8,00 ó 10,500 e, na sesión do trinta e un de xaneiro de dous mil tres, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial da Coruña foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vintenove de setembro de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día cinco de marzo de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a actuación é necesaria co fin de evita-lo altísimo risco de accidentes con perigo para a vida humana, debido á existencia, entre outros extremos, de curvas perigosas con pequeno raio, edificacións e vivendas pegadas á estrada, o estado do piso, o largo da calzada, de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos, e a intensidade media do tráfico.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial 7603 do punto quilométrico 8,00 ó 10,500, debendo, de se-lo caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, vintetrés de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local