Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 12 de novembro de 2003 Páx. 13.955

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 403/2003, do 16 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Santiago de Compostela, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de actuación en Santiago de Compostela, saída de Noia.

O Concello de Santiago de Compostela, en sesión celebrada o día vintesete de febreiro de dous mil tres, aprobou o proxecto de actuación en Santiago de Compostela, saída de Noia e, na sesión do trinta de xuño de dous mil tres, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Santiago de Compostela foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vintetrés de setembro de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día cinco de setembro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, a actuación é necesaria co obxecto de darlle una tratamento de vía urbana a unha avenida que soporta unha elevada intensidade de tráfico rodado e peonil, ó ser unha zona cun alto grao de consolidación de edificacións residenciais e próxima ó campus universitario, o que ocasionou numerosos accidentes e está a provocar un alto risco de sinistrabilidade, agravada ademais pola falta de beirarrúas en toda a avenida.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Santiago de Compostela, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de actuación en Santiago de Compostela, saída de Noia, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezaseis de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local