Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 12 de novembro de 2003 Páx. 13.955

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 25 de outubro de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación Cabaleiro Goás e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data 13 de outubro de 2003 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 24 de setembro de 2003, pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Cabaleiro Goás, adscribíndoa á Consellería de Sanidade que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 8 dos seus estatutos ten como obxecto organizar, promover e realizar actividades relacionadas coa información, docencia e investigación en Ciencias da Saúde no Complexo Hospitalario de Ourense e a súa área de influencia, con interese preferente nas áreas biomédicas e na saúde mental.

A planificación das actividades da Fundación Cabaleiro Goás considerará as necesidades do corpo social e orientará sempre a súa actividade de acordo coas directrices, obxectivos e prioridades institucionais da Consellería de Sanidade e do Sergas.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Cabaleiro Goás, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Cabaleiro Goás, no rexistro de fundacións de interese galego, sección da Consellería de Sanidade, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A devandita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ó protectorado e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o

proxecto de orzamento ó protectorado, con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2003.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL