Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 12 de novembro de 2003 Páx. 13.953

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 5 de novembro de 2003 pola que se recoñece e declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne.

Visto o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne.

Antecedentes de feito.

1. Manuel López Casas, en representación da fundación, en escrito do 4 de xullo de 2003, formulou solicitude de clasificación e de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Centro Tecnolóxico da Carne foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o día dezaoito de outubro de dous mil, ante o notario Luis Rajoy Brey, co número de protocolo mil setecentos dezanove, pola Deputación Provincial de Ourense a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia, S.A., por medio dos seus representantes; esta escritura foi rectificada por outra posterior de data trece de febreiro de dous mil un outorgada ante o mesmo notario e co número de protocolo douscentos setenta e catro, e complementada por outra posterior de data vintecatro de febreiro de dous mil tres outorgada en Ourense ante a notaria María José Rodríguez Tourón polo antedito representante, Manuel López Casas.

3. A Fundación Centro Tecnolóxico da Carne ten por obxecto, segundo establece o artigo 4 dos estatutos, o desenvolvemento tecnolóxico das empresas galegas relacionadas co sector cárnico en tódolos ámbitos de actividade e tódalas explotacións existentes e, en particular:

a) Fomenta-la investigación e o desenvolvemento na materia cárnica.

b) Mellora-las técnicas de xestión productiva.

c) Coordina-la correcta utilización de tódolos medios tecnolóxicos existentes en Galicia.

d) Asisti-lo sector nos procesos de adaptación lexislativa.

e) Atende-la formación profesional dos recursos humanos.

4. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de inte

rese benéfico-social da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede á súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

5. Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 23 de xullo de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 5 de agosto), clasificouse como benéfico-social a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne e adscribiuse á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para efectos do exercicio do protectorado sobre ela, en cumprimento do disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

6. Na constitución da fundación constan os datos relativos á personalidade dos fundadores; á súa capacidade para constituíla e á súa vontade de facelo como de interese galego, conforme os preceptos da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; os estatutos; a dotación inicial, constituída por un total de seis mil dez euros con doce céntimos (6.010,12 euros); e a designación das persoas naturais que constitúen o órgano de goberno inicial da fundación, coa aceptación dos seus cargos.

7. Nos estatutos da fundación constan os datos relativos á súa denominación de Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (artigo 1); o seu enderezo no Parque Tecnolóxico de Galicia, San Cibrao das Viñas, Ourense (artigo 1); o seu obxecto e finalidade de desenvolvemento tecnolóxico das empresas galegas relacionadas co sector cárnico (artigo 4); as regras para a aplicación das rendas ó obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigos 22 e 4); e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 6 a 16).

8. En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do catro de novembro de dous mil tres, a Asesoría Xurídica emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundacións para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, en relación co Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, correspóndelle á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade no indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista dos artigos 2, 3, 4.1º, 5, 6, 7.1º.2 e 5 e 11.1º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 4 do Regulamento de organización e funcionamento do seu protectorado, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, polo que procede dicta-la presente orde. Por todo iso,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 7/1983, do 22 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios e de solicita-las preceptivas autorizacións, quede suxeita ó protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural