Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 12 de novembro de 2003 Páx. 13.952

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 16 de outubro de 2003 pola que se lle outorga a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Outeiro de Rei para cambio de uso de solo urbanizable industrial a residencial en San Martín de Guillar.

O planeamento urbanístico vixente no Concello de Outeiro de Rei consiste nunhas normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o 30 de outubro de 1992.

Nun principio, o Concello de Outeiro de Rei remitiu un documento, para informe previo á aprobación inicial, que comprendía dúas modificacións das ditas normas de planeamento, unha referida á zona A e outra á zona B. Posteriormente remítise, para aprobación definitiva, o documento que agora se analiza e que tan só se refire á zona B (de superficie de 60.740 m), toda vez que aquela modificación relativa á dita zona A queda expresamente excluída por diferirse a unha posterior tramitación, constando ademais no expediente a revogación, de data do 9 de xaneiro de 2003, da autorización para a incorporación dos terreos á solicitude de cambio urbanístico á sinalada zona A, lindante co sector RA-46.

Así mesmo, e con respecto ó expediente enviado para informe previo á aprobación inicial, o actual documento que agora se aproba engade á zona B unha pequena bolsa de solo urbanizable residencial de 10.423 m que forma parte do sector RA-48-2, que se considera acertadamente acumulada para conseguir un sector de máis entidade, cun total de 71.163 m. O novo sector así creado recibe a denominación de RA-49.

Así pois, o concello de razón vén formular unha modificación puntual das súas vixentes normas subsidiarias de planeamento que ten por obxecto o cambio de uso dunha zona, de 71.163 m de superficie e lindante co sector RA-48 e localizada na zona do Salete-San Martín de Guillar, cualificada na actualidade como solo urbanizable de uso industrial pasándoa a residencial para vivenda unifamiliar, sen incrementa-la intensidade do uso.

O obxecto da modificación dá cumprimento ó sinalado no artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Rematada a fase de elaboración da modificación puntual e, inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente ó informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data do 22 de novembro de 2002, ó abeiro do disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O pleno da corporación, na súa sesión do 17 de marzo de 2003, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida ó trámite de información pública polo prazo dun mes mediante anuncios publicados no Diario Oficial de Galicia nº 59, do 25 de marzo de 2003, no xornal La Voz de Galicia e no diario El Progreso de datas 22 e 23 de marzo e 26 e 27 de marzo de 2003, respectivamente.

No expediente constan os informes emitidos polo secretario do concello e pola arquitecta municipal, ambos con data 27 de xuño de 2003, favorables á modificación puntual proposta no que respecta á súa conformidade coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada.

O pleno da corporación, en sesión do 30 de xuño de 2003, acordou aprobar provisionalmente o proxecto de modificación puntual, remitíndoo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

De conformidade co disposto polo artigo 89.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ó conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, vistos os informes xurídico e técnico, do Servicio de Urbanismo e Inspección Territorial de Lugo, con datas do 6 de agosto e 22 de setembro, respectivamente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Outeiro de Rei para cambio de uso de solo urbanizable industrial e residencial en San Martín de Guillar. De acordo co disposto na disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, o solo obxecto da modificación terá a condición de solo urbanizable non delimitado, polo que o seu desenvolvemento deberá levarse a cabo mediante o correspondente plan de sectorización.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publica-la normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da

súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contenciosa-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2003.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda