Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Martes, 11 de novembro de 2003 Páx. 13.899

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo arbitral sobre discrepancias relativas ó acordo 3 do pacto celebrado en Vigo na empresa Viguesa de Transportes, S.A. (Vitrasa).

Visto o texto do laudo arbitral sobre discrepancias relativas ó acordo 3 do pacto celebrado en Vigo o 22-8-2002, na empresa Viguesa de Transportes, S.A. (Vitrasa), para os efectos de dirimi-las cuestións que se producen no sistema de tempos de receso nas cabeceiras de liña e toma e deixa do servicio, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores; artigo 2 f) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo; artigo 24.4º do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (AGA), e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, a delegación de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais de Pontevedra en Vigo,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito laudo arbitral no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de outubro de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Ref. 6/2003.

Laudo arbitral

José Mª Casas de Ron, designado polas partes árbitro en acta de compromiso arbitral con data do 14 de febreiro de 2003, en procedemento de solución de conflictos, con base no establecido no capítulo III do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA), procedemento número de referencia 6/2003, no que son interesados, dunha parte a empresa Viguesa de Transportes, S.A. (Vitrasa) e doutra a representación dos traballadores da dita empresa, partes asinantes da acta de compromiso arbitral citada e lexitimados no conflicto sobre discrepancias relativas ó acordo número 3 do pacto celebrado en Vigo o 22-8-2002, na empresa, para os efectos de dirimi-las cuestións que se producen

no sistema de tempos de receso nas cabeceiras de liña e toma e deixa do servicio, unha vez establecido o desacordo final no proceso negociador seguido. Visto o expediente e oídas as partes, resolvo a cuestión suscitada por medio deste laudo con base nos seguintes

Antecedentes.

1. Con data do 22-8-2002, e debido á declaración de folga na empresa de referencia, mantivéronse reunións na Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais perante a autoridade laboral provincial, con representantes da propia Administración, da empresa, o comité de folga e asesores sindicais de CC.OO, UGT e CIG. No punto 3 de acordos que motivaron a desconvocatoria de folga, con avinza das partes, dispúxose o seguinte: «Establécese unha comisión de estudio da que a primeira reunión terá lugar o vindeiro día 5 de setembro para analiza-los tempos de receso nas cabeceiras de liña e toma e deixa de servicio, dos servicios que considere a comisión, que deberá chegar a conclusións no prazo dun mes a partir da súa constitución, fixándose a mediación do xefe da Inspección de Traballo e Seguridade Social para dirimi-los desacordos que se produzan na negociación, comprometéndose as partes a acata-la súa decisión». No punto 4º sinala: «Antes do 31-12-2002 adoptarase o novo sistema de

recadación».

2. Este compromiso arbitral executouse na data e nas circunstancias establecidas no encabezamento deste documento, con intervención do actuante pola designación arbitral citada. Ademais da acta da autoridade laboral provincial referida, é necesario ter en conta a regulación convencional prevista no convenio colectivo de aplicación sobre xornada de traballo no seu artigo 8 e no seu artigo 30 sobre presentación de liquidacións, convenio colectivo de empresa publicado no BOP do 3 de xullo de 2001.

3. Esgotadas as canles de solución internas, tal e como consta na citada acta de compromiso arbitral, as partes acoden ó sistema de solución extraxudicial de conflictos colectivos.

Procedemento.

1. O árbitro designado constituíu a mesa de arbitraxe con data do 14 de febreiro e asistira á dita mesa representantes das dúas partes en litixio e especificamente representando á empresa Francisco Javier Pérez Bravo, director de Recursos Humanos; e pola representación dos traballadores Manuel Marque López, presidente do comité de empresa (UGT), Marcos Rodas Fernández, da Federación Galega de Transportes de CIG, e Manuel Bastón Entenza e Nicasio Guerrero Ferro, de CC.OO.

2. O árbitro comunica que no procedemento se garantirán os principios de audiencia, contradicción e igualdade, podendo as partes efectuar calquera alegación que sirva como defensa das súas posicións e que pola súa vez sirva para ilustra-lo árbitro nos matices do asunto que se somete á súa decisión.

3. Pola complexidade do asunto que implica a revisión de toda a documentación a que se fará referencia, este procedemento acóllese ó sistema de prazos especiais previsto na normativa do acordo interprofesional, tal como tamén se efectuou no laudo simultáneo sobre revisión salarial para a mesma empresa e da mesma data.

4. O árbitro deu prazos, prorrogados por petición das partes, para a entrega das respectivas documentacións fundamentatorias das peticións respectivas, que se concretaron por ámbalas dúas partes en cadansúas propostas para as cuestións suscitadas, así como 7 anexos sobre horarios de conductores e servicios, datos de tempo rexistrados polo sistema de axuda á explotación en tempo real, horarios reflectidos polo servicio de axuda á explotación nas liñas de Vitrasa en días laborables e festivos, ademais doutra documentación solicitada polo propio árbitro e referida ó convenio colectivo e outros.

Fundamento da resolución.

Dúas son as cuestións que se presentan á solución arbitral que, aínda que teñen denominador común, ó seren materias que afectan a organización do tempo de traballo na empresa, teñen enfoque e sistemática distinta e van ter un tratamento separado para os efectos de exposición neste laudo, referíndose o árbitro en primeiro lugar á problemática dos tempos de axuste e descansos, recesos e, en segundo lugar, á denominada toma e deixa do servicio.

1. Tempos de axuste e descansos.

O servicio urbano que presta a concesionaria Vitrasa na cidade de Vigo, nos últimos dez anos, vai substituíndo as denominadas liñas diametrais de principio e fin por liñas circulares; a primeira delas é a circular C1, creada en 1992. Nos seguintes anos vanse creando novas liñas circulares, proceso que se acentúa a partir das remodelacións que se van implantando a partir de 2001. Tódalas cuestións relacionadas cos tempos de receso en cabeceiras de liña foron tendo un tratamento ó longo dos anos nas diversas comisións conformadas entre representantes empresariais e sindicais, co fito significativo de que no ano 2002 se presentaron nesta materia medidas colectivas de presión, en forma de declaración de folga, e entre os que se atopaba, como motivo de reivindicación, unha modificación nos denominados tempos de receso. Estes tempos de receso non teñen unha regulación específica, salvo a prevista no artigo 8 do vixente convenio colectivo, todo isto dentro dos parámetros do artigo 34 do

Estatuto dos traballadores.

As posicións das partes son diverxentes neste punto, no sentido de que para a empresa 1) non é máis que unha simple execución do poder de organización e dirección desta; 2) que se legalmente se entendese que o exceso da xornada ordinaria, o período de descanso non tería a consideración de tempo efectivo; 3) que se se implantase un sistema de xornada partida, non habería necesidade de articular tempos de descanso - receso en cabeceira, e que 4), en

definitiva o sistema de receso nunca ofreceu problemas, pois tal como se lle comunicou ó árbitro expresamente, a empresa nunca sancionou nin se amoestou o persoal por efectuar paradas nin nos puntos establecidos nin en calquera outro punto do itinerario con motivo de que xurdise algún imprevisto ou necesidade. A empresa busca, en definitiva, unha flexibilización no horario de liñas que permita un maior tempo de receso nas cabeceiras, tratando de organizar na medida do posible a realización da xornada laboral, sen necesidade de incrementala co tempo de descanso a cargo do traballador, e tendo en conta que estamos ante a prestación dun servicio público ó cidadán. Así mesmo, desde 5-9-2002, celebráronse 8 reunións dunha comisión de estudio e análise dos tempos de receso en liña e toma e deixa do servicio, que finalizan coa do 20-1-2003, na que se solicita a apertura das previsións do punto 3º da acta da autoridade laboral provincial do 22-8-2002.

Esta posición é contraria á social. Por parte dos traballadores da empresa, hai que sinalar que todo o comité se suma á proposta de CIG na problemática para os tempos de receso e de toma e deixa nos servicios da empresa, proposta que, como se dicía antes, tamén se fixo chegar ó árbitro. Motivándose nas necesidades fisiolóxicas, descansos mínimos, estrés do traballo do conductor, problemáticas do tráfico e velocidade dentro do núcleo urbano, presión do sistema de control SAE implantado, e na evidencia de que os períodos e tempos sumados de parada poden computar como hipotético tempo total de descanso, a proposta dos traballadores non pode considerar suficiente o descanso mínimo establecido pola lei, e que, por razóns organizativas, tampouco se pode fixar un tempo de descanso concreto para tódalas liñas polas diferencias de servicio de cada unha delas; propoñen, en definitiva, que se fixen como mínimo dous descansos de 15 minutos cada un ou, no caso de liñas de servicios máis longas,

un descanso mínimo de 10 minutos ó finalizar cada carreira sempre por conta da empresa e dentro da xornada de 8 horas. Ademais, estes descansos deben poder realizalos (os conductores) en lugares con mínimos servicios básicos para poder desfrutalos adecuadamente, como é un lugar onde poder realiza-las súas necesidades fisiolóxicas ou tomar un bocadillo, un café, etc.

Estas son, en definitiva, as dúas posicións, dúas posturas que argumentadamente se basean en cadanseus estudios sobre os horarios en días ordinarios e festivos das liñas de Vitrasa.

Quere senta-lo árbitro unha primeira premisa. Estamos ante unha materia que, sen prexuízo de que no ano 2002 e en sede administrativa, as partes decidisen someterse a un procedemento arbitral, estamos, dicíase, diante unha materia que, por afecta-la organización empresarial na súa faceta máis complexa, tendo en conta que esta organización do servicio público afecta a prestación de servicios ordinarios, e á vista por unha parte da propia normativa

establecida no convenio e por outra parte sendo escasas as normas de dereito necesario contidas no Estatuto dos traballadores, o árbitro senta, como se dicía, como premisa previa ou primeira, o feito de que debe de se-la autonomía colectiva, a través do convenio de empresa, quen regule de forma concertada estas cuestións, por ser parte dun todo que, en calquera caso, un laudo arbitral non pode afrontar, e, por outra parte, por ser asunto case imposible de fixar de forma material estrictamente, debido a que a propia necesidade organizativa ten que permitir, pola actividade, unhas marxes de flexibilidade que xuridicamente son imposibles de fixar taxativamente.

Dito isto, o árbitro quere fixar algúns aspectos relevantes que ten en conta na súa decisión, decisión que, insístese, hai que enmarcar nesa sistemática de necesidade que sexa a través do convenio colectivo como se regule, tanto esta materia como a que a continuación se vai expoñer no segundo punto deste laudo, que é a referida ás tomas e deixas do servicio. Sen prexuízo disto, o árbitro quere fixar, dicía, algúns feitos relevantes. A actividade da empresa necesariamente como concesionaria do servicio público, ten que acoller uns criterios de flexibilidade; de flexibilidade polo peculiar e complexo traballo dos seus conductores, que afrontan tódalas incidencias relacionadas cun servicio complicado, ó servicio dos cidadáns, e nun marco que non se pode deixar de recoñecer como extremadamente dificultoso pola propia configuración urbana e pola propia organización do tráfico, e por outra parte tamén necesitado de flexibilidade porque o propio servicio público ten que ir continuamente

adaptándose ás necesidades que a propia entidade municipal e o propio servicio público demandan, mellorando, reorganizando ou introducindo novas alternativas, e que necesariamente afectan as liñas ou o réxime de traballo.

O árbitro, neste punto, e quere ser claro, ante a prestación dun servicio público, neste marco complexo, non pode senón dicir que dialecticamente o vector que implica a necesidade de presta-lo servicio é decisivo para os efectos de aceptar unha potente capacidade de organización e dirección como a que Vitrasa ten que exercer para poder cumpri-los seus cometidos sociais e cidadáns; en palabras máis sinxelas, para o árbitro o poder de organización e dirección de Vitrasa está potenciado polo carácter de servicio público e pola complexidade do propio servicio que se presta.

Das reunións mantidas coas partes e tamén cos traballadores en sesións separadas, o árbitro colixe que, sen entrar na aplicación de ningunha norma que non sexa o costume ou uso profesional ou empresarial, aplicable ós recesos, estes se efectúen por norma consuetudinaria por iniciativa do traballador, sen outro control que a súa profesionalidade, que se demostra, e todo isto no marco organizativo do sistema de control de liñas e horarios que a concesionaria pública ten necesariamente que ter dis

posto para poder presta-lo servicio. E este sistema consuetudinario, cunha flexibilidade que este árbitro non pode menos que valorar, debido ós variadísimos modelos de recesos que os conductores adoptan en función das súas necesidades; sistema consuetudinario e variado e que por estar baseado na profesionalidade dos conductores non motivou, e así se lle certificou ó árbitro, ningunha sanción ós conductores ó longo da historia empresarial.

Este árbitro, analizados os tempos das follas do servicio de axuda á explotación, tanto en días ordinarios como en sábados ou festivos, enténdeos como razoables e matizados por ese consuetudinario e profesional uso que eles, e para as súas necesidades, fan os conductores.

Outro sistema alternativo, por exemplo as partes falaron sobre xornada partida, tería que ser obxecto de negociación colectiva, e máxime cando a empresa está nun proceso continuo de modificación de liñas e expresamente nestes últimos tempos nos que practicamente xa se adaptaron as liñas ás novas necesidades, superándose o sistema primitivo de liñas diametrais, e chegando a acordos nos tempos de receso en varias liñas circulares e ordinarias; como resumo desta situación, a comisión de estudio e análise dos tempos de receso en cabeceira de liña e toma e deixa do servicio acadaron acordos de reforma en catro das seis liñas analizadas no momento de presentación de solicitude de arbitraxe.

2. Tomas e deixas do servicio.

Parecida problemática preséntano-lo seguinte dos puntos que se someten á arbitraxe, debendo tamén neste caso senta-lo árbitro, como premisa previa, a súa opinión de que tamén unha modificación radical da toma e deixa do servicio se deberá realizar a través da canle natural da negociación colectiva. Quedou definido que a problemática se suscita na denominada deixa do servicio, é dicir, finalización dos percorridos por parte dos conductores e diversas operacións realizadas polo conductor co seu vehículo e que afectan as incidencias e recadación. Débese sinalar, así mesmo, que a deixa do servicio que ofrece problemas non é a da quenda de mañá, que se realiza en función do convenio colectivo ás 14.00 horas, en ruta, e de común acordo entre conductor entrante e saínte, sistema este previsto á luz do artigo 8 do convenio colectivo relacionado tamén co artigo 30 do citado texto legal, en canto á denominada presentación de liquidacións ou entrega de recadacións, e que, como no caso dos

recesos, tamén se ve afectada por un costume empresarial ou uso profesional que, en definitiva, supón un sistema operativo para as partes ó cal se poden aplica-las mesmas consideracións e pronunciamentos que se fixeron para o sistema de recesos. A deixa do servicio en cocheiras consiste nas seguintes operacións: entrada do autobús en cocheiras, descarga automática de datos nos terminais habilitados, pase do vehículo polo tren de lavado, aparcadoiro, sinatura perante a Inspección de Servicios, con entrega de lectura de quilómetros. Os atrasos sobre horarios fixados na deixa

do servicio motivan a elaboración por parte do conductor dun parte de incidencias xustificativo a través do cal se aboan os tempos de exceso de xornada motivados polo atraso na deixa do servicio. A discrepancia aparece porque os traballadores propoñen unha modificación dos tempos de toma e deixa afectando tamén os que se realizan nos cambios de quenda en mediodía, que provocan, ó xuízo da parte social, uns atrasos que habería que pagar ou compensar, e tamén unhas incidencias non compensadas na deixa do servicio en cocheiras, propoñendo os traballadores a fixación dun tempo de toma e deixa de 20 minutos por servicio efectuado na quenda de mañá ou calquera outro que non finalice na central de Vitrasa e non poida acceder á máquina de fichar. Para os servicios que terminan na central computarase a xornada ata a hora rexistrada pola máquina de recadación. O tempo de exceso de xornada sería computado e aboado mensualmente como horas extras. Significan os traballadores que a problemática

haberá que trasladala á negociación do próximo convenio colectivo, entendendo, desde a responsabilidade, que o cambio debe ser paulatino para lle causa-los mínimos prexuízos á organización da empresa.

Fixados estes antecedentes, o árbitro, reiterando que a súa posición neste caso é a que manteñen os traballadores con respecto ó tratamento que por convenio colectivo debe facer desta problemática e polas anteditas razóns, observa dúas problemáticas distintas con respecto á deixa do servicio. Na quenda de mañá, a substitución de conductores faise, como se dicía, de forma profesional por eles, provocando as mesmas alteracións ou desfases para o servicio e mediante un costume ou uso empresarial aceptado, e que comporta unha flexibilidade que non cuestiona ningunha das partes, tal como se acreditou nas comparecencias efectuadas na mesa de arbitraxe. Non presenta problema ó árbitro, salvo unha modificación de maior alcance á que aquí se suscita, a xornada partida, e que tería que realizarse na negociación colectiva, a deixa do servicio nestas substitucións intermedios na mesma xornada en liñas servidas por conductores con réxime de xornada continuada e que se realiza de acordo ó

expresado uso ou costume empresarial. Por outra parte, as incidencias que o árbitro revisou no último ano supoñen menos dun 0,5 % de incidencias de reclamación de horas por exceso de xornada, entendéndose pois que tal sistema flexible da solución operativa as substitucións entre conductores que se realizan a partir das 14 horas, non presentando problemas a entrega de recadación tal e como está previsto no convenio colectivo, no seu artigo 30, salvo que efectivamente se quixese modificar por convenio colectivo.

A deixa do servicio ó finaliza-la xornada de prestación de servicios da liña, ten uns tempos fixados pola empresa en función de cronometraxes que foron examinados e desagregados por este árbitro. Supoñen 15 minutos desde o momento de entrada en cocheiras e a operación final de comprobación. Este tempo

de 15 minutos foi previo á introducción de medidas de automatización para a obtención de datos e contaxe de recadación, polo que evidentemente novamente nos encontramos diante o feito de que a diverxencia que se establece entre a posición dos traballadores e a da empresa, é a que se significa entre a posición da parte económica, no sentido de que existe un sistema implantando con tempos e que provoca un escasísimo número de incidencias (nos últimos 9 meses, 118 incidencias con parte, para 24.000 servicios), e por outra parte a petición social, baseada nuns criterios de mellora de condicións de traballo para os efectos da implantación dun período de descanso de 20 minutos, descanso retribuído para todo o persoal de servicio na quenda de mañá ou para o persoal que non finalice en cocheiras e non poida acceder á máquina de fichar, e entendéndose por outra parte que, para os servicios que rematan na central da empresa que a xornada tería que computarse ata a hora rexistrada pola máquina

de recadación e non en función da que en definitiva se realiza segundo cadro horario complementado cos oportunos partes de incidencia.

Nada pode dici-lo árbitro sobre esta cuestión, pois, a pesar de que se lle presentasen dúas propostas diferentes, entende que unha delas é típica de negociación colectiva e que se efectivamente é alternativa ante a colisión que se produce, obxecto da arbitraxe, é certo tamén que este procedemento non pode ser nunca substitución da canle natural da negociación colectiva, e por outra parte, a empresa preséntanos unha organización productiva e horaria baseada nas actuais normas e, en cambio, a parte social propón unha revisión dos sistemas de xornada, horarios, descansos e retribucións que o seu propio enunciado leva necesariamente á autonomía colectiva. Xa en xullo de 2002 a Inspección de Traballo postulou que as modificacións deberan selo a través de convenio colectivo, significando o árbitro que tamén aquelas que pola súa transcendencia poidan ser consideradas modificacións substanciais das condicións de traballo conforme o artigo 41 do Estatuto dos traballadores, como efectivamente

o serían algunha das propostas e examinadas ó longo deste procedemento arbitral.

Por isto, conforme os propios termos das normas citadas, vistas as regras de interpretación do Código Civil, a documentación achegada, as declaracións das partes, cumpridos os principios de garantía de procedemento, e aplicados os prazos excepcionais de resolución polas razóns anteditas, resolvo a cuestión xurídica suscitada, dictando o seguinte laudo conforme o artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos Colectivos de Traballo publicado no DOG do 4-5-1995.

Un.-Con base no artigo 8 do vixente convenio colectivo, e á vista do artigo 34 do Estatuto dos traballadores, e non tendo o período de descanso sobre xornada continuada consideración de tempo de traballo efectivo, enténdese que o actual sistema

de recesos é compatible coa regulación legal xeral existente en materia de descansos, debéndose en todo caso modifica-lo status actual en negociación colectiva entre empresa e representantes dos traballadores, debendo, en calquera caso, dispoñerse unha información prolixa, completa e previa ás modificacións que se establezan nas liñas, como consecuencia dos traballos da dirección ou de comisións de estudio na materia.

Dous.-En relación coas deixas de servicios, enténdese vixente o sistema actual mentres non sexa substituído tanto nas substitucións de mediodía como nos de final de servicio en cocheiras, por norma colectiva convencional, debendo comunicar mensualmente ós membros do comité de empresa as incidencias que se ocasionen para o seu control e seguimento, e debendo fixar publicamente para coñecemento de tódolos traballadores as normas directivas sobre as fases que a toma e deixa do servicio teñen que cumprilas por tódolos conductores e traballadores afectados polas ditas operacións.

Este laudo poderá ser recorrido perante a xurisdicción social nos termos establecidos no punto 4º do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA).

Dado en Vigo o 22 de xullo de 2003.

O árbitro

Rubricado