Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Martes, 11 de novembro de 2003 Páx. 13.889

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Maviva, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Maviva, S.A., con nº de código 3603262, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-9-2003, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data do 29-7-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 29 de setembro de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial Pontevedra

Convenio colectivo de Maviva, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regulará as condicións ás que se terán que axusta-las relacións laborais entre a empresa Maviva, S.A. e os seus traballadores, tanto os actuais como aqueles que nun futuro se poidan incorporar.

A actividade da empresa Maviva, S.A. consiste en recibir, almacenar e distribuír mercadorías alleas, segundo instruccións recibidas dos propietarios desas mercadorías.

Ámbito territorial do convenio: os centros de traballo situados na provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Vixencia e efectos económicos.

Con independencia da data en que se asine, o presente acordo terá vixencia e efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2003 ata o 31 de decembro do ano 2004. En caso de non se efectuar denuncia por algunha das partes, o acordo prorrogarase de maneira

automática en tódolos seus termos por un prazo dun ano e así sucesivamente mentres non se faga a correspondente denuncia.

A denuncia deberá presentarse cunha antelación mínima de tres meses á data do seu vencemento. No suposto de prórroga do prazo de vixencia, establécese a revisión automática da táboa salarial tomando como referencia o IPC do último ano.

Artigo 3º.-Condicións e compensación por melloras.

A empresa respectará as condicións máis beneficiosas de que viña desfrutando o persoal, incorporadas no seu contrato individual.

O conxunto das condicións pactadas neste convenio absorberá e compensará aquelas melloras que puidesen establecerse polas disposicións legais ou convencionais vixentes en cada momento.

Tódalas condicións económicas establecidas neste convenio teñen o carácter de mínimas e son as que figuran nas táboas salariais anexas.

Artigo 4º.-Definición das categorías profesionais.

Neste artigo defínense as categorías profesionais que agrupan as diversas tarefas e funcións que se realizan no ámbito funcional deste convenio:

* Licenciado: é o que desempeña cometidos para o exercicio dos cales se esixe ou require o seu título de doutor, licenciado ou enxeñeiro, en calquera dependencia ou servicio da empresa.

* Diplomado: é o que desempeña cometidos para o exercicio dos cales se esixe ou require o seu título académico de grao medio, en calquera dependencia ou servicio da empresa.

* Operador loxístico de primeiro ano: é a persoa que realiza e asume as responsabilidades de xestión, recepción, entrega e as reclamacións das mercadorías por parte dos clientes; así como as inherentes á execución práctica desas tarefas que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Operador loxístico: é a persoa que realiza as mesmas funcións que o operador loxístico de primeiro ano, a partir do segundo ano de permanencia na empresa, así como as inherentes á execución práctica desas tarefas que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Auxiliar administrativo de primeiro ano: é a persoa que no seu primeiro ano efectúa labores auxiliares. Estes labores poden ser de: arquivo, distribución de correspondencia, punteos, xestións preestablecidas presentación de documentos ante organismos oficiais e calquera outro de similares características, así como as inherentes á execución práctica desas tarefas que lle sexan encomendadas polos seus superiores. Pode utilizar para o desenvolvemento do seu traballo máquinas auxiliares de oficina.

* Auxiliar administrativo: é a persoa que realiza as funcións do auxiliar administrativo de primeiro ano, a partir do segundo ano de permanencia na empresa, así como as inherentes á execución práctica desas tarefas que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Oficial administrativo: é a persoa que desempeña as funcións do auxiliar administrativo e ademais desenvolve as funcións de administración inherentes á execución práctica desas tarefas, así como as encomendadas polos seus superiores.

* Coordinador de almacén: é a persoa que pode realiza-las funcións do operario de 1ª e do operario e ademais realiza:

a) Tarefas de coordinación entre varios equipos, quendas e centros de traballo.

b) Mantemento xeral dos medios de producción.

c) Así como as inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Operario de 1ª: é a persoa que realiza as funcións do operario e ademais ten:

a) Capacidade de formar outros operarios.

b) Responsabilidade de quendas e/ou equipos.

c) Así como as inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Operario: é a persoa que realiza as seguintes funcións:

a) Tarefas do día a día.

b) Tarefas de mantemento.

c) Recepción e transporte.

d) Estiba e expedición.

e) Así como as inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Axudante de operario: é a persoa que realiza as funcións de operario durante o seu terceiro ano de servicios na empresa, así como as inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

* Operario de 2º ano: é a persoa que realiza as funcións de operario durante o seu segundo ano de servicios na empresa, así como as inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polo seus superiores.

* Operario de primeiro ano: é a persoa que realiza as funcións de operario durante o seu primeiro ano de servicios na empresa, así como as inherentes á execución práctica desas tarefas e que lle sexan encomendadas polos seus superiores.

Artigo 5º.-Traballo en distinta categoría profesional.

O persoal afectado por este convenio de empresa poderá ser destinado, con carácter provisional á realización de funcións distintas ás súas específicas, sempre e cando non supoñan diminución da retribución, salvo os complementos funcionais. Cando as funcións distintas ás súas específicas correspondan a unha categoría superior, os traballadores terán dereito á retribución da categoría superior durante o tempo que as realicen.

Artigo 6º.-Ascensos.

Os ascensos suxeitaranse ás seguintes regras:

a) Ascenso automático a categoría superior.

Para as categorías que se indican a seguir, os traballadores ascenderán automaticamente cando leven nelas os seguintes períodos de tempo:

* O operario de primeiro ano polo transcurso do período de 1 ano ascenderá á categoría de operario de 2º ano, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

* O operario de 2º ano polo transcurso do período de 1 ano ascenderá á categoría de axudante de operario, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

* O axudante de operario polo transcurso do período de 1 ano ascenderá á categoría de operario, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

* O operario, polo transcurso do período dun ano, ascenderá á categoría de operario de primeira, sempre e cando siga a prestar servicios para a empresa.

* O operador loxístico de primeiro ano pasará a operador loxístico polo transcurso do período de 1 ano, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

* O auxiliar administrativo de primeiro ano pasará a auxiliar administrativo polo transcurso do período de 1 ano, sempre e cando siga prestando servicios para a empresa.

b) Ascenso por concurso.

1. Para ascender ás diversas categorías existentes ata a de operario de primeira, a empresa poderá convocar concursos que permitan clasifica-lo persoal para, ou ben cubri-las vacantes producidas por baixas de persoal no cadro, ou ben cubri-las vacantes de nova creación que a empresa considere necesarias, establecendo esta os requisitos e as condicións necesarias para o acceso a estes concursos.

Para poder ascender á categoría de operario de primeira será requisito imprescindible unha permanencia mínima, prestando servicios para a empresa de seis meses.

As probas profesionais dos concursos serán teórico-prácticas.

Unha vez efectuada a valoración das probas profesionais por parte do Departamento de Recursos Humanos (Formación), esta valoración trasladarase para a súa comunicación, a unha comisión paritaria, constituída por:

* 2 membros en representación da empresa.

* 2 membros da representación social, que sexan dunha categoría superior ou de igual categoría á do posto que se pretenda cubrir, se existise; de non ser así, da categoría máis próxima.

Artigo 7º.-Cesamentos voluntarios.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da dimisión.

O persoal comunicaralle á dirección da empresa a data do seu cesamento cunha antelación mínima de 15 días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato deberá seguir prestando os seus servicios mentres non transcorra o prazo sinalado neste artigo. O abandono do posto de traballo sen que transcorrese o prazo sinalado será penalizado cunha deducción equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite de aviso previo, lle correspondese o cesamento.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

Durante a vixencia deste convenio a xornada máxima no seu cómputo anual será de 1.776 horas, sendo o 24 e 31 de decembro preferentemente de descanso. A xornada distribuirase fundamentalmente en tres quendas:

a) Quenda de mañá: de 6.00 a 14.00 horas.

b) Quenda de tarde: de 14.00 a 22.00 horas.

c) Quenda de noite: de 22.00 a 6.00 horas.

Tanto en almacén como en oficinas existen xornadas partidas a quendas. Por necesidades da producción que impón a unidade productiva, as quendas poden ser obxecto de modificación, logo de comunicación ó comité de empresa.

Artigo 9º.-Paz social.

Os representantes legais dos traballadores e a empresa, debido á especialidade da actividade desenvolvida pola empresa, que realiza a xestión loxística de mercadorías de terceiros destinados a unidades de producción en serie de vehículos, acordan someterse ós mecanismos de determinación de servicios de mantemento, en caso de folga, establecidos no capítulo IV do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos (AGA), subscrito pola Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, recoñecendo que a paralización da actividade laboral, por causa non fundamentada, pode orixinar, debido ó custo económico, a perda total da súa actividade.

Artigo 10º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de trinta días naturais, que se desfrutarán nun ou dous períodos. Desfrutaranse preferentemente entre os meses de xuño e setembro, 15 días obrigatoriamente nesas datas e os outros 15 días tamén se desfrutarán, preferentemente, neses meses, sempre tendo presentes as necesidades da empresa.

O calendario de vacacións fixarase na empresa, cunha antelación de dous meses ó comezo do seu desfrute, para o coñecemento dos traballadores.

Artigo 11º.-Licencias.

O persoal, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración polos motivos e durante o tempo máximo que a continuación se especifican:

* 15 días naturais en caso de matrimonio.

* 1 día natural por traslado do domicilio habitual.

* 4 días naturais en caso de falecemento, accidente, enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Este prazo será de 2 días máis no suposto de desprazamento fóra de Galicia.

* 4 días naturais en caso de nacemento de fillo/a.

* 1 día natural en caso de falecemento de tíos e sobriños, cando o parentesco sexa por consanguinidade.

* Polo tempo imprescindible e necesario o traballador poderá dispor de ata 4 días naturais ó ano por necesidade de atender asuntos persoais que non admitan demora. Esta última licencia, xustificada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impor ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

* Todo o anteriormente disposto neste artigo será de aplicación para as parellas de feito suficientemente acreditadas.

Artigo 12º.-Excedencia por maternidade.

Remítese ó regulado pola lei nesta materia.

Artigo 13º.-Salario.

A estructura salarial queda configurada da seguinte forma:

a) Salario base: retribúese en doce mensualidades e dúas pagas extras.

b) Complemento de responsabilidade: retribúese en doce mensualidades.

c) Complemento de transporte: retribúese en once mensualidades.

d) Antigüidade: retribúese cun 5 % do salario base dos traballadores afectados.

e) Complemento de non absentismo: retribúese en once mensualidades.

f) Horas extraordinarias.

g) Complemento de nocturnidade.

Artigo 14º. Complemento de non absentismo

Establécese un complemento de non absentismo para premia-la presencia continuada no traballo, e pagarase sempre que non houbera ningunha ausencia ó traballo durante o mes en curso. Computarase como tal toda ausencia ó traballo, salvo as ocasionadas por continxencias profesionais, por licencias ou por hospitalización.

Este complemento devengarase mes a mes e por meses completos, e pagarase en 11 mensualidades a cantidade de 27,04 euros ó mes (o mes que non se pagará no ano 2003 será o de agosto).

Artigo 15º.-Incrementos e revisións.

Para o ano 2003, o incremento sobre o salario base será do 5% aplicándose con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2003 (xúntase táboa salarial no anexo I).

Para o ano 2004, o incremento sobre o salario base será do 4% (xúntase táboa salarial no anexo II.

No suposto que o IPC do ano 2004 superase o 4%, este exceso terase en conta para a negociación do seguinte convenio en 2005.

Artigo 16º.-Traballo nocturno.

Considérase traballo nocturno o realizado entre as 22.00 da noite e as 6.00 da mañá. O traballo nocturno retribuiráselles nun 35% máis sobre o salario base a aqueles traballadores que, sendo da quenda diúrna pasen a traballar na quenda nocturna, cando sexa por petición da empresa.

Aqueles traballadores que sexan contratados especificamente para traballar na quenda nocturna percibirán un 25 % máis sobre o salario base que lles corresponda, así como aqueles traballadores que soliciten voluntariamente pasar da quenda diúrna á nocturna.

Artigo 17º.-Gratificacións.

Os traballadores incluídos neste convenio percibirán as seguintes gratificacións extraordinarias:

1ª Entre o 10 e o 25 de xullo, trinta días de salario base máis a antigüidade; o devengo producirase entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño.

2ª Entre o 10 e o 20 de decembro, trinta días de salario base máis a antigüidade; o devengo producirase entre o 1 de xullo e o 31 de decembro.

Artigo 18º.-Antigüidade.

Calcularanse sobre os salarios base que figuran na táboa anexa. Esta antigüidade contarase a partir do ingreso na empresa, sen que o ascenso de categoría supoña perda da adquirida.

A antigüidade será recoñecida por cuadrienios e retribuirase co 5% do salario base dos traballadores afectados. Establécese un máximo de seis cuadrienios.

Artigo 19º.-Complemento de responsabilidade.

* Complemento funcional de responsable de quenda: 189,32 euros/mes.

Os responsables de quenda deberán te-la categoría de operarios de primeira.

* Complemento funcional de subresponsable de quenda: 94,66 euros/mes.

Os subresponsables de quenda deberán te-la categoría de operarios, como mínimo.

Os complementos de responsabilidade e subresponsabilidade de quenda retribúense en doce mensualidades ó ano. Estes complementos percibiranse en tanto en canto se realicen tales funcións e deixarán de percibirse a partir do momento en que se deixe de desempeña-la función como responsable ou subresponsable de quenda.

Artigo 20º.-Axudas de custo.

O persoal que teña que realizar algunha comisión de servicio fóra do centro habitual de traballo terá dereito a recibir anticipos á conta polos gastos que haberá de soportar. Posteriormente o traballador entregaralle á empresa os xustificantes correspondentes a

estes gastos. Non obstante, a empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento de hospedaxe e manutención do traballador en substitución do aboamento das axuda de custos en efectivo.

O aboamento por quilometraxe en comisión de servicio será de 0,23 euros/km.

Artigo 21º.-Complemento por IT.

a) No caso de accidente laboral ou enfermidade profesional, a empresa completará desde o primeiro día da baixa a prestación correspondente á Seguridade Social ata o 100% de tódalas retribucións salariais.

b) No suposto de accidente non laboral ou enfermidade común que requira hospitalización de máis dun día completarase desde o primeiro día de baixa a prestación correspondente á Seguridade Social ata o 100% de tódalas retribucións salariais.

c) Nos demais casos de accidente non laboral ou enfermidade común, os tres primeiros días da baixa completaranse ata o 25% de tódalas retribucións salariais (excepto o complemento de non absentismo) e a partir do terceiro día da baixa completarase ata o 100% de tódalas retribucións salariais (excepto o complemento de non absentismo).

Artigo 22º.-Recoñecemento médico.

Tódolos traballadores afectados por este acordo terán o dereito a someterse a un recoñecemento médico unha vez ó ano na data que a empresa determine. A utilización dos datos obtidos no recoñecemento médico estarán sometidos ó regulado pola lei nesta materia. O custo deste recoñecemento médico será por conta da empresa.

Artigo 23º.-Réxime sancionador.

Principio de ordenación:

1. Estas normas de réxime disciplinario perseguen o mantemento da disciplina laboral, aspecto fundamental para a normal convivencia, ordenación técnica e organización da empresa, así como a garantía e defensa dos dereitos e intereses lexítimos de traballadores e empresarios.

2. As faltas, sempre que sexan constitutivas dun incumprimento contractual culpable do traballador, poderán ser sancionadas pola dirección da empresa de acordo coa graduación que se establece neste capítulo.

3. Toda falta cometida polos traballadores clasificarase en leve, grave ou moi grave.

4. A falta, grave ou moi grave, requirirá comunicación escrita e motivada da empresa ó traballador.

5. A imposición de sancións por faltas moi graves seralles notificada ós representantes legais dos traballadores, se os houber.

Artigo 24º.-Graduación das faltas.

1. Consideraranse faltas leves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata tres ocasións nun mes por tempo total inferior a vinte minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo dun día durante o período dun mes.

c) A non comunicación coa antelación previa debida da inasistencia ó traballo por causa xustificada, salvo que se acreditase a imposibilidade da notificación.

d) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que iso non causase risco á integridade das persoas ou prexuízo da empresa, caso no que poderá ser cualificado, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

e) A desatención e falta de corrección no trato co público cando non prexudiquen gravemente a imaxe da empresa.

f) Os descoidos na conservación do material que se tivese a cargo ou fose responsable e que produzan deterioracións leves nel.

g) A embriaguez non habitual no traballo.

2. Consideraranse faltas graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata en tres ocasións nun mes por un tempo total de ata sesenta minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo de dous ou catro días durante o período dun mes.

c) O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos que tivesen incidencia na Seguridade Social.

d) A simulación de enfermidade ou accidente, sen prexuízo do previsto na letra d) do número 3.

e) A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída ó traballo.

f) A desobediencia ás ordes e instruccións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, salvo que delas derivasen prexuízos graves á empresa, causasen avarías ás instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa ou comportasen risco de accidentes para as persoas, caso no que serán consideradas como faltas moi graves.

g) A falta de comunicación á empresa das deterioracións ou anormalidades observados nos útiles, ferramentas, vehículos e obras ó seu cargo, cando diso derivase un prexuízo grave á empresa.

h) A realización sen o oportuno permiso de traballos particulares durante a xornada, así como o emprego de útiles, ferramentas, maquinaria, vehículos e, en xeral, bens da empresa para os que non estivese autorizado ou para usos alleos ós do traballo encomendado, mesmo fóra da xornada laboral.

i) O quebrantamento ou a violación de segredos de obrigada reserva que non produza grave prexuízo para a empresa.

j) A embriaguez no traballo.

k) A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afecta-lo proceso productivo ou a prestación do servicio que, previamente, mediase a oportuna advertencia da empresa.

l) A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que diso non derivase prexuízo grave para as persoas ou as cousas.

ll) A diminución do rendemento normal no traballo de maneira non repetida.

m) As ofensas de palabras proferidas ou de obra cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo, cando revistan acusada gravidade.

n) A reincidencia na comisión de cinco faltas leves, aínda que sexa de distinta natureza e sempre que mediase sanción distinta da amoestación verbal, dentro dun trimestre.

3. Consideraranse faltas moi graves:

a) A impuntualidade non xustificada en entrada ou saída do traballo en dez ocasións durante seis meses ou en vinte durante un ano debidamente advertida.

b) A inasistencia inxustificada no traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas ou a apropiación, furto ou roubo de bens propiedade da empresa, de compañeiros ou de calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa.

d) A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa por enfermidade ou accidente coa finalidade de realizar calquera traballo por conta propia ou allea.

e) O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo para as empresas.

f) A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercute negativamente no traballo.

g) A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

h) A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

i) A inobservancia dos servicios de mantemento en caso de folga.

j) O abuso de autoridade exercido por quen desempeña funcións de mando.

k) O acoso sexual.

l) A reiterada non utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene, debidamente advertida.

ll) As derivadas dos puntos 1.d) e 2), l) e m) deste artigo.

m) A reincidencia ou reiteración na comisión de faltas graves, considerando como tal aquela situación na que, con anterioridade ó momento da comisión do feito, o traballador fose sancionado dúas ou máis veces por faltas graves, mesmo de distinta natureza, durante o período dun ano.

Artigo 25º.-Sancións.

1. As sancións máximas que poderán imporse pola comisión das faltas enumeradas anteriormente, son as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal ou escrita e suspensión do emprego e soldo de ata dous días.

b) Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de tres a catorce días.

c) Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de catorce a un mes, traslado a centro de traballo de localidade distinta durante un período de ata un ano e despedimento disciplinario.

2. As anotacións desfavorables que como consecuencia das sancións impostas poidan facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ó cumpri-los prazos de dous, catro ou oito meses, segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.

Artigo 26º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós 10 días; as graves, ós 20 días, e as moi graves, ós 60 días a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós 6 meses de se cometeren.

Artigo 27º.-Seguridade e saúde laboral.

Formación e crédito horario do delegado de prevención:

Este epígrafe ten como fundamento o desenvolvemento das funcións que á negociación colectiva lle concede a disposición sétima do Real decreto 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención na que se di que en negociación colectiva poderán establecerse os criterios polos que se decida o tempo e os medios de que se disporán para o desempeño da súa actividade os traballadores designados polas empresas e os delegados de prevención en canto a planificación e formación en materia preventiva.

Así pois, establécese que no suposto de que a empresa non estea obrigada e non opte pola constitución dun servicio de prevención propio ou mancomunado, nin recorra a un servicio de prevención alleo, e a excepción de que o empresario poida asumir persoalmente a actividade de prevención, o delegado de prevención recibirá a mesma formación que os traballadores designados pola empresa para ocuparse da actividade preventiva.

A formación mínima, neste caso, será a sinalada no artigo 34 do Regulamento como funcións do nivel básico, co contido sinalado na letra B) do anexo IV do mencionado Regulamento dos servicios de prevención.

A formación deberá ser facilitada polo empresario polos seus propios medios ou mediante concerto con organismos ou entidades especializadas na materia e deberán adaptarse á avaliación dos riscos e á aparición doutros novos, repetíndose periodicamente se fose necesario.

O tempo dedicado á formación será considerado como tempo de traballo para tódolos efectos e o seu custo non poderá recaer en ningún caso sobre o delegado de prevención.

O tempo utilizado no desenvolvemento das súas funcións polo delegado de prevención, como indica o artigo 37 da LPRL, estará incluído no crédito horario que lle corresponda pola súa condición de representante legal dos traballadores, non obstante, non se lle imputará ó citado crédito horario o tempo empregado nos seguintes cometidos:

-As reunións convocadas polo comité de seguridade e saúde.

-As reunións convocadas polo empresario en materia de prevención.

-Acompaña-los técnicos nas avaliacións de carácter preventivo do ambiente de traballo.

-Acompaña-los inspectores de Traballo nas visitas que realicen ós centros de traballo para comproba-lo cumprimento da normativa sobre prevención de riscos laborais.

-As visitas ós centros de traballo para coñece-las circunstancias que desen lugar a un dano na saúde dos traballadores unha vez que o empresario informase de tal acontecemento. En tal caso, os delegados de prevención deberán emitir informe detallando as características da visita efectuada e unha copia deste seralle entregada ó empresario.

Formación xeral sobre prevención de riscos laborais:

Tal e como se especifica no artigo 19 da LPRL, deberase garantir que cada traballador reciba unha formación teórica e práctica suficiente e adecuada en materia preventiva, tanto no momento da súa contratación, como cando se produzan cambios nas funcións que desempeñe ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo.

A formación centrarase no posto de traballo ou función de cada traballador, adaptará á evolución dos riscos e repetirase periodicamente cando sexa necesario.

En virtude do exposto, a empresa deberá facilitar unha formación que reúna as seguintes características fundamentais.

Obxectivo:

Coñecemento por parte dos traballadores dos conceptos básicos en materia de prevención de riscos laborais e primeiros auxilios, cumprindo así o establecido nos artigos 19 e 20 da Lei 31/1995, de PRL.

Destinatario:

Tódolos traballadores.

Contido:

-Aspectos xerais da prevención de riscos laborais.

-Riscos xerais do centro de traballo.

-Riscos específicos do posto de traballo.

-Actuación ante posibles emerxencias.

Periodicidade:

Á incorporación dos traballadores á empresa, así como cando se produza un cambio de posto de traballo e en calquera outra circunstancia que aconselle a actualización desta formación.

Equipos de protección individual e a súa actualización:

Paralelamente á formación que se lles imparta ós traballadores e cando non se poida eliminar ou limita-lo risco por outros medios, deberán utilizarse equipos de protección individual, como marca o artigo 17 da LPRL.

Os equipos de protección individual necesarios identificaranse a partir das avaliacións de riscos que se realicen na empresa. Cada posto de traballo terá determinado o tipo de equipo de protección individual que será obrigatorio ou recomendable utilizar segundo a tarefa que se estea realizando e vixiarase tanto que estes equipos cumpran os requisitos marcados na lexislación vixente como utilización por parte dos interesados.

Avaliación e saúde dos traballadores:

A vixilancia da saúde dos traballadores ten como obxectivos fundamentais o poder actuar precozmente ante alteracións da saúde destes, así como o control do medio de traballo a través das consecuencias que ten sobre eles. Por iso, a empresa garantiralles ós traballadores ó seu servicio a vixilancia periódica da súa saúde, en función dos riscos inherentes ó seu traballo.

Os traballadores que así o desexen serán sometidos a recoñecementos nos que se revise o seu estado de saúde nos seguintes supostos:

-Cando se incorporen a un posto de traballo.

-Despois dunha ausencia prolongada.

-A intervalos periódicos que se determinen nos protocolos sobre vixilancia da saúde que sexan elaborados pola Administración sanitaria.

Estes recoñecementos realizaranse tendo en conta os riscos específicos ós que se encontran expostos os traballadores no seu posto de traballo e os resultados terán a privacidade marcada no artigo 22 da LPRL.

A empresa e os traballadores, en materia de seguridade e saúde respectarán e cumprirán o establecido na LPRL e nos regulamentos que a desenvolven, permanecendo en vigor o establecido neste artigo durante a vixencia da citada lei. Así mesmo, o contido do artigo sufrirá as modificacións que á súa vez afecten á lei ou ós seus regulamentos.

Artigo 28º.-Comité de empresa.

Sen prexuízo dos dereitos e facultades conferidos polas leis, recoñéceselles ós comités de empresa:

A) Ser informados pola dirección da empresa:

a) Trimestralmente, sobre a evolución do sector económico ó que pertence a empresa, sobre a evolución dos negocios e a situación da producción e vendas da entidade, sobre o seu programa de producción e evolución probable do emprego e sobre as horas extraordinarias realizadas.

b) Anualmente, coñecer e ter á súa disposición o balance, a memoria e, no caso de que a empresa revista forma xurídica de sociedade, de canto documento se lles dea a coñecer ós socios.

c) Con carácter previo á súa execución pola empresa, sobre a reestructuración do cadro de persoal, peches totais ou parciais, definitivos ou temporais, e as reduccións de xornada, sobe os plans de formación profesional da empresa.

d) En función da materia de que se trata:

1. Sobre implantación ou revisión de sistemas de organización de traballo e calquera das súas posibles consecuencias: estudios de tempos, establecemento de sistemas de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

2. Sobre a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa, cando isto supoña calquera incidencia que afecte o volume de emprego.

3. A empresa facilitaralle ó comité de empresa o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice, estando lexitimado o comité para efectua-las reclamacións oportunas á empresa e, de se-lo caso, á autoridade laboral competente.

4. Sobre sancións impostas por faltas moi graves e, en especial, por supostos de despedimentos.

5. No referente ás estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias: os índices de sinistralidade, o movemento de ingresos e cesamentos e os ascensos.

B) Exercer un labor de vixilancia sobre as seguintes materias:

a) Cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como o respecto dos pactos, condicións ou usos da empresa en vigor, formulando, de se-lo caso, as accións legais oportunas ante a empresa e os organismos ou tribunais competentes.

b) A calidade da docencia e a súa efectividade nos centros de formación-capacitación da empresa.

c) As condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo na empresa.

C) Participar, como regulamentariamente se determine, na xestión das obras sociais establecidas na empresa en beneficio dos traballadores ou das súas familias.

D) Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo cumprimento de cantas medidas procuren o mantemento e o incremento da productividade na empresa.

E) Recoñéceselle ó comité de empresa a capacidade procesual, como órgano colexiado, para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relacionado co ámbito da súa competencia.

F) Os membros do comité de empresa e esta no seu conxunto observarán sixilo profesional en todo o referente ós epígrafes do punto A deste artigo.

G) O comité velará non só porque nos procesos de selección de persoal se cumpra a normativa vixente ou paccionada, senón tamén polos principios de non discriminación, igualdade de sexo e fomento dunha política racional de emprego.

Artigo 29º.-Garantías.

a) Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte ó do seu cesamento, agás que este se produza pola revogación ou dimisión, e sempre que o despedimento ou sanción se baseen na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación, sen prexuízo, polo tanto, do establecido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores.

b) Non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causas ou razón do desempeño da súa representación.

c) Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa, nas materias propias da súa representación, e poderán publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social.

d) Disporán dun crédito de horas retribuídas mensuais que a lei determine e estas poderán acumularse por trimestres naturais, de tal modo que, sen supera-lo máximo legal, poidan ser consumidas en calquera momento do período trimestral correspondente.

e) Sen excede-lo máximo legal poderán ser consumidas as horas retribuídas de que dispoñen os membros do comité ou delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia dos membros a cursos de formación organizados polo seu sindicato, institutos de formación ou outras entidades.

Artigo 30º.-Roupa de traballo.

A empresa, anualmente, facilitaralle a cada traballador un vestiario adecuado para verán e outro para inverno, comprometéndose o persoal ó bo trato do material facilitado pola empresa.

Artigo 31º.-Contratación.

a) Contratos eventuais de duración determinada por circunstancias da producción, por acumulación de tarefas ou exceso de pedidos.

Segundo o previsto no artigo 15.1º b) o Estatuto dos traballadores e para os sos efectos da duración máxima destes contratos, entenderase como convenio sectorial aplicable de referencia o das empresas siderometalúrxicas sen convenio propio da provincia de Pontevedra.

Estes contratos terán unha compensación dun día por cada tres meses traballados no suposto de que unha vez finalizado o contrato non continuase na empresa. Todo iso enténdese sen prexuízo da compensación marcada pola lei.

b) Contratación de empresas de traballo temporal

Como política de empresa, esta non utilizará os servicios de ETT as substitucións nos supostos de substitución por IT, vacacións, licencias e debido á actividade da empresa para a descarga das rodas en bouzas, para imprevistos de traballo, pedidos puntuais e urxentes.

Artigo 32º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado por este convenio haberá que aterse ó previsto no ET, aplicarase de forma subsidiaria o acordo de cobertura de baleiros Resolución 13-4-1997, así como disposicións legais vixentes ou que se poidan promulgar durante a vixencia do convenio.

Artigo 33º.-Comisión paritaria.

Para solucionar tódalas dúbidas e diferencias que poidan xurdir durante o período de vixencia do convenio, no que se refire á súa interpretación e aplicación, as partes asinantes deste convenio obríganse a someterse á comisión paritaria, constituída para o efecto.

Esta comisión estará composta por dous membros de cada representación. Ás reunións da comisión poderá asistir un asesor de cada representación, con voz pero sen voto.

Disposicións transitorias

Primeira.-Todo o regulado neste convenio entenderase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2003, agás as licencias, e afectará a tódolos traballadores que estiveran na empresa no momento da sinatura deste.

Segunda.-O complemento persoal non absorbible e revalorizable ten a consideración de salario base e, como tal, aboarase tamén nas pagas extraordinarias e devengará antigüidade.

Terceira.-Aqueles traballadores que teñan habilitación administrativa para a conducción de camións e realicen efectivamente esas funcións, terán como mínimo a categoría e a retribución da categoría de operario.

Cuarta.-Debido ás especiais circunstancias do calendario de producción dos nosos principias clientes, o desfrute do exceso de xornada para o ano 2003 estará fixado no calendario adxunto (días en azul).

Quinta.-Nas próximas datas José María Casas de Ron redactará un artigo sobre a reducción do absentismo que se premiará nas condicións que quede redactado por unha cantidade de 100 euros. Unha vez que se redacte este artigo realizarase un anexo ó convenio.

ANEXO I

Táboa salarial do ano 2003

A) Salario base.

Categoría

Euros mensual

Euros anual

(14 pagas)

Operario de primeiro ano542,247.591,36

Operario de segundo ano575,728.060,08

Axudante de operario609,198.528,66

Operario682,829.559,48

Operario de primeira756,4610.590,44

Categoría

Euros mensual

Euros anual

(14 pagas)

Coordinador de almacén823,4111.527,74

Operador logístico de primeiro ano575,728.060,08

C. operador logístico682,829.559,48

Auxiliar administrativo de primeiro ano575,728.060,08

Auxiliar administrativo609,198.528,66

Oficial administrativo816,7011.433,80

Diplomado843,4911.808,86

Licenciado910,4212.745,88

B) Complemento de transporte.

Complemento de transporteEuros mensualEuros anual

Percíbeno tódolos traballadores77,20

(11 pagas)

849,21

C) Complemento de responsabilidade.

Complemento de responsabilidade

Importe (percibiranse en canto se realicen as ditas funcións)

Complemento responsable de quenda189,32

Complemento subresponsable de quenda94,66

D) Horas extraordinarias.

Horas extrasEuros

Hora extraordinaria6,01

Normal

Hora E. sábado mañá7,14

Hora E. sábado tarde10,52

Hora E. festivo día10,52

E) Traballos nocturnos.

Aqueles traballadores que por razóns conxunturais teñan que realizar traballos en horario nocturno por encima da súa xornada habitual, percibirán un complemento de dispoñibilidade horaria de 12,17 euros/hora se é festivo e de 8,11 euros/hora se non é festivo.

ANEXO II

Táboa salarial do ano 2004

A) Salario base.

Categoría

Euros mensual

Euros anual

(14 pagas)

Operario de primeiro ano563,937.895,02

Operario de segundo ano598,758.382,50

Axudante de operario633,568.869,84

Operario710,139.941,82

Operario de primeira786,7211.014,08

Coordinador de almacén856,3511.988,9

Operador loxístico de primeiro ano598,758.382,5

Categoría

Euros mensual

Euros anual

(14 pagas)

D. operador loxístico710,139.941,82

Auxiliar administrativo de primeiro ano598,758.382,5

Auxiliar administrativo633,568.869,84

Oficial administrativo849,3711.891,18

Diplomado877,2312.281,22

Licenciado946,8413.255,76

B) Complemento de transporte.

Complemento de transporteEuros mensualEuros anual

Percíbeno tódolos traballadores77,20

(11 pagas)

849,21

C) Complemento de responsabilidade.

Complemento de responsabilidade

Importe (percibiranse en canto se realicen as ditas funcións)

Complemento responsable de quenda196,89

Complemento subresponsable de quenda98,45

D) Horas extraordinarias.

Horas extrasEuros

Hora extraordinaria6,01

Horas extrasEuros

Normal

Hora E. sábado mañá7,14

Hora E. sábado tarde10,52

Hora E. festivo día10,52

E) Traballos nocturnos.

Aqueles traballadores que por razóns coxunturais teñan que realizar traballos en horario nocturno por encima da súa xornada habitual, percibirán un complemento de dispoñibilidade horaria de 12,17 euros/hora se é festivo e de 8,11 euros/hora se non é festivo.

Interveñen na negociación e sinatura deste convenio:

-Por parte dos traballadores:

José Carbajo Rodríguez

Juan Carlos Rodríguez González

José Luis Prada Franco

Modesto Iván Álvarez Fernández

Fernando Dacosta Rocha

-Por parte de la empresa:

Maruxa Sanmartín Gómez

Daniel Gómez Prieto