Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Luns, 10 de novembro de 2003 Páx. 13.854

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2003 pola que se convocan unhas xornadas sobre a Lei 13/2003, reguladora do contrato de concesión de obras públicas.

Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2003, e a través do Centro de Estudios Locais de Galicia, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas sobre a Lei 13/2003, reguladora do contrato de concesión de obras públicas, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Profundar no coñecemento da Lei 13/2003, reguladora do contrato de concesión de obras públicas.

Segunda.-Contido.

Trataranse estes temas:

A concesión administrativa: concesión de obra, concesión de servicio público e concesión de dominio público. Antecedentes do contrato de concesión de obra pública. A súa regulación no texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas. Obxectivos, aspectos xerais, a nova Lei 13/2003: obxectivos. Estructura. Preceptos de carácter básico da lei. As concesións no dereito comunitario europeo. O expediente de contratación. Actuacións previas.

Planificación. O estudio de viabilidade. Anteproxecto de construcción e explotación da obra. Proxecto de obra e replanteo. Os pregos de cláusulas administrativas particulares. Procedementos e formas de adxudicación. Requisitos esixidos ós licitadores. Contidos das proposicións. Adxudicación e formalización do contrato. A execución das obras. Execución por terceiros. Responsabilidade na execución das obras por terceiros. O principio de risco e ventura na execución das obras. A modificación do proxecto. O remate das obras. Reflexións sobre a nova lei. Análise económica da Lei de concesión de obra pública (I). O financiamento privado. O financiamento cruzado. Outras formas de financiamento. As cláusulas de progreso. Os indicadores de control de calidade concesional. Análise económica dalgúns aspectos da nova regulación concesional (II). O equilibrio económico da concesión. A cantidade e termo da concesión. As revisións das tarifas na concesión administrativa. Dereitos e obrigas do

concesionario. O uso e conservación da obra pública. Prerrogativas e dereitos da Administración. A extinción das concesións. A extinción por cumprimento e prazo das concesións. Causas de resolución e efectos. A concesión: aspectos notariais e rexistrais. Réxime orzamentario, contable, patrimonial e de fiscalización dos contratos de concesión de obras públicas (contribucións á construcción e explotación da obra).

Terceira.-Destinatarios.

Persoal ó servicio da Administración local galega, da Xunta de Galicia e interesados en xeral.

Cuarta.-Desenvolvemento.

Horario: mañá e tarde.

O lugar e a data: as xornadas convocadas desenvolverase no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, praza de Pontevedra, 22, A Coruña, os días 4 e 5 de decembro de 2003.

Quinta.-Inscrición.

Prazo: remata o martes, día 2 de decembro de 2003.

Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

Nº de prazas: limitado á capacidade do local.

Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 3 de decembro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 57 ou 981 54 62 56.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Entregaráselles ó remate desta xornada a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública