Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 06 de novembro de 2003 Páx. 13.741

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2003 pola que se autoriza a modificación dunha granxa mariña titularidade de Insuamar S.L., situada na praia de Lago, municipio de Xove, provincia de Lugo.

Examinado o expediente instruído para efectos de ampliación dunha granxa mariña, apreciáronse os seguintes

A) Feitos:

Primeiro.-O día 20 de xullo de 2000, Eduardo Míguez López (DNI nº 33992169-D), en representación de Insuamar, S.L., presentou solicitude para a instalación dun parque de cultivo de moluscos e ampliación da granxa mariña que a devandita empresa ten en Xove (Lugo).

Segundo.-Con data do 15 de setembro de 2000, a empresa presenta un escrito no que renuncia á creación deste parque de moluscos e manifesta o seu interese de continuar coa ampliación da granxa mariña.

Terceiro.-Por Resolución do 22 de setembro de 2000, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, declárase o desestimento de Insuamar, S.L. da solicitude de instalar un parque de moluscos.

Cuarto.-Con data do 2 de outubro de 2001, a empresa presenta o modificado nº 2 do proxecto de ampliación da granxa, no que se reduce a superficie solicitada en concesión.

Quinto.-O interesado achegou a documentación requirida para a tramitación deste tipo de expedientes.

Sexto.-No expediente consta a seguinte documentación:

-Anuncio de información pública inserido no DOG.

-Informe urbanístico do Concello de Xove.

-Informe da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente).

-Informe técnico biolóxico da Delegación Territorial de Lugo.

-Informe da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Lugo.

-Informe da Dirección Xeral de Turismo (Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo).

-Cualificación ambiental e declaración de efectos ambientais da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente).

-Informe xurídico emitido polo Servicio Técnico-Xurídico.

B) Fundamentos de dereito.

Este órgano é competente para resolve-lo expediente de conformidade coa Lei 6/1993, do 11 de

maio, de pesca de Galicia (DOG nº 101), co Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre (DOG nº 142) e coa Orde do 27 de marzo de 2000, pola que se regula o procedemento para o outorgamento do permiso de actividade a establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre (DOG nº 67).

Examinadas as disposicións citadas, a proposta de resolución da Delegación Territorial de Lugo, o artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas de xeral e pertinente aplicación, esta consellería

RESOLVE:

Autorizarlle a Insuamar, S.L. (CIF B-27036326) a modificación do establecemento de cultivos mariños que a continuación se indica, e a ocupación de 13.740,13 m de dominio público marítimo terrestre.

* Tipo: granxa mariña.

* Situación: praia de Lago, municipio de Xove (Lugo).

* Data inicial de outorgamento: Orde do 21-9-1987 (BOE nº 235).

* Remate da vixencia: 27 de decembro de 2007.

* Especies: rodaballo (Psetta maxima).

De acordo cos proxectos e documentación presentados, as características básicas da modificación son as seguintes:

* Incremento da superficie: 13.740,13 m.

* Incremento de dominio público: 13.740,13 m.

* Construcción de:

* 23 piscinas cilíndricas de 10 m de Ø e 1,50 m de altura.

* 11 piscinas cilíndricas de 8 m de Ø e 1,50 m de altura.

* 29 piscinas cilíndricas de 5 m de Ø e 1,50 m de altura.

* 1 vaso regulador que sirva de biodecantador do efluente antes de vertelo ó mar así como de depósito de auga.

* Incremento da capacidade de producción: 130 tm/ano.

Baixo as seguintes condicións:

Primeira.-Obras e instalacións.

As obras e instalacións, que poderán dar comezo no momento no que o titular dispoña dos informes e autorizacións preceptivas dos distintos organismos competentes na materia, levaranse a cabo conforme o proxecto de ampliación da granxa mariña Insuamar

en Lago - Xove (Lugo), elaborado por Ángel Delgado Cid, enxeñeiro de camiños, colexiado número 4.657, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos o 18-8-2003. O citado documento recolle o proxecto inicial xunto cos modificados presentados posteriormente pola empresa.

As obras deberán quedar totalmente finalizadas no prazo de tres anos, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente resolución.

A execución das obras e instalacións realizaranse de acordo co disposto nos artigos 5 e 6 da Orde do 27 de marzo de 2000 citada.

Segunda.-Ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

Á concesión de ocupación do dominio público marítimo terrestre sonlle de aplicación na súa integridade as condicións e prescricións sinaladas no informe do 12 de xuño de 2002 da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente), aceptadas pola empresa con data 7 de novembro de 2002.

Terceira.-Declaración de impacto ambiental.

Coa finalidade de minimiza-los posibles impactos ambientais negativos, e que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable, deberanse aplicar, xunto coas medidas incluídas no estudio de efectos ambientais, as establecidas pola declaración de efectos ambientais formulada por Resolución do 30 de agosto de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, notificadas ó promotor con data 7 de outubro de 2002.

Cuarta.-Outras condicións.

Á ampliación seralle de aplicación a vixencia e demais condicións sinaladas na orde inicial de outorgamento do establecemento e modificacións posteriores autorizadas.

Quinta.-Extinción.

O permiso de actividade e a concesión ós que se refire esta resolución, extinguiranse polo incumprimento dalgunha das condicións dela, polos casos previstos no artigo 72, da Lei 6/1993, de pesca de Galicia e no Decreto 193/1997, do 5 de xuño, así como polo incumprimento da calquera das prescricións sinaladas no informe do 12 de xuño de 2002, da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente) sobre a ocupación do dominio público.

Sexta.-Licencias doutros organismos competentes na materia.

O outorgamento deste permiso de actividade e concesión non exime o seu titular da obtención das licencias, permisos e autorizacións legalmente procedentes.

Sétima.-Impostos.

O titular xustificará o pagamento á Facenda Pública do imposto que grava as concesións e autorizacións (transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados) ou acreditará a declaración de non

estar suxeito ó acto de dito imposto, feita pola Delegación de Facenda ou oficina liquidadora correspondente.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdicción contenciosa-administrativa, que se interporá no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos