Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 06 de novembro de 2003 Páx. 13.706

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 31 de outubro de 2003 pola que se modifica a do 12 de febreiro de 2003 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

O artigo 13 bis da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, di que lle corresponde ó conselleiro competente en materia de Administración local exerce-las competencias que respecto ós funcionarios de administración local con habilitación de carácter nacional lle correspondan á Comunidade Autónoma e, así mesmo, a designación de representantes da nosa comunidade nos tribunais cualificadores de procesos selectivos de persoal para as entidades locais.

Por outra banda, o Decreto 226/2003, do 11 de abril, establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e atribúe,

no seu artigo 11, entre outras, competencias á Dirección Xeral de Administración Local relativas ás citadas materias, polo que, para acadar unha maior eficacia e celeridade na tramitación dos distintos expedientes, considerase necesario integrar na dirección Xeral de Administración Local tódalas competencias na materia, xa sexan propias ou delegadas, debendo, en consecuencia, modifica-la orde de delegación de competencias do 12 de febreiro de 2003.

Polo tanto, facendo uso das facultades que me confire o artigo 43 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Introdúcese un novo artigo 3º na Orde do 12 de febreiro de 2003 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 3º.-Delegación no director xeral de Administración local.

Deléganse no director xeral de Administración local as competencias que de seguido se relacionan:

a) As competencias que lle correspondan ó conselleiro en materia de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

b) A designación de representantes da Comunidade Autónoma nos tribunais cualificadores de procesos selectivos de persoal para as entidades locais».

Artigo 2º

Os artigos 3º e 4º da Orde do 12 de febreiro de 2003 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, pasan a ser 4º e 5º respectivamente.

Artigo 3º

O párrafo inicial do punto 1º do artigo 1 da Orde do 12 de febreiro de 2003 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local queda redactado do seguinte xeito:

«1. Deléganse no secretario xeral as competencias que se relacionan a seguir, sen prexuízo das que son obxecto de delegación nos artigos 2, 3 e 4 desta orde».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os puntos h) e i) do artigo 1º da Orde do 12 de febreiro de 2003 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2003.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local