Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 31 de outubro de 2003 Páx. 13.509

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

AUDIENCIA PROVINCIAL DA CORUÑA (SECCIÓN SEGUNDA)

EDICTO (153/2003-M).

Eu, Manuel Ferreiro González, secretario da Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña,

fago saber que neste recurso se dictou sentencia do teor literal seguinte:

«A Coruña, catro de xuño de dous mil tres.

A maxistrada María José Pérez Pena, como tribunal unipersoal da Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña, pronunciou, en nome de El-Rei, a seguinte sentencia:

No recurso de apelación interposto contra a sentencia dictada polo maxistrado-xuíz do Xulgado de Instrucción número un da Coruña, en xuízo de faltas número 153/2003, seguido por falta de furto, no que figura como apelante Juan Carlos Casal Barral, e como apelados Jorge Gundín López, Autoservicio Makro, con intervención do Ministerio Fiscal.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Que no xuízo de faltas aludido se dictou sentencia, con data do 11-4-2002, coa parte dispositiva que di así: «Resolvo: condeno a Juan Carlos Casal Barral como autor responsable dunha falta intentada de furto do artigo 623.1º do Código Penal á pena dun mes de multa, cunha cota de 6 euros diarios, pagadoira nun único prazo dentro dos 15 días seguintes a aquel en que se efectúe o requirimento para o seu aboamento, cunha responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias non satisfeitas, e ó pagamento das custas procesuais, con restitución ó seu propietario, o establecemento comercial Autoservicio Makro, dos efectos intervidos, convertendo en definitiva a entrega provisional que deles se realizara».

Segundo.-Que, notificada a dita sentencia ás partes, interpuxo contra ela recurso de apelación Juan Carlos Casal Barral, que foi admitido para ámbolos efectos, e conferidos polo instructor os traslados que establece o artigo 795.4º da Lei de axuizamento criminal, ás restantes partes, se elevaron as dilixencias a esta audiencia, para resolución do recurso, correspondendo, por repartición a esta sección segunda, co número 153/2003.

Terceiro.-Na tramitación deste recurso observáronse as prescricións e formalidades legais.

Feitos probados.

Admítense os feitos declarados probados na resolución recorrida, que para ser breves, se dan aquí por reproducidos.

Fundamentos de dereito.

Acéptanse os fundamentos de dereito da sentencia apelada e

Primeiro.-O aquí recorrente fundamenta o seu recurso, partindo da súa culpabilidade, en que na data en que ocorreron os feitos era adicto á heroína e que foi a causante de que delinquise.

O xuízo oral realizado con ocasión dos feitos cometidos polo apelante foi sen a súa presencia, aínda que iso non pode servir de base a unha indefensión,

toda vez que o apelante foi citado en debida forma para a súa realización.

Recoñécese autor dos feitos polos que foi xulgado, cinguíndose este a impugna-la contía de multa, por considerala excesiva; o dito motivo non pode prosperar, toda vez que a condena imposta foi dun mes de multa que é a pena mínima sinalada no artigo 623 do Código Penal. E polo que respecta á cota de seis euros imposta, tampouco pode ser esta considerada excesiva; se se parte que da cota de 2.000 ptas. (12 euros) o Tribunal Supremo, en sentencia con data do 7-4-1999, non a consideraba excesiva, xustificando iso en que se hipoteticamente se dividise a contía da multa (desde 200 ata 50.000 ptas.) en dez tramos ou chanzos de igual extensión, a suma de 2.000 ptas. encóntrase na metade inferior do primeiro tramo, que vai desde 200 ata 5.080 ptas., polo que neste caso en que a multa foi fixada en 6 euros (1000 ptas.) non se pode considerar excesiva, ó non se ter producido unha vulneración da individualización punitiva; razóns polas que o recurso debe ser desestimado.

Segundo.-O recurso debe ser desestimado e confirmada a sentencia apelada; con imposición das custas causadas nesta alzada ó apelante.

Vistos os preceptos legais de xeral e pertinente aplicación.

Decido que, con desestimación do recurso interposto contra a sentencia dictada polo Xulgado de Instrucción número un da Coruña, con data do 11 de abril de 2002, debo confirmar e confirmo na súa integridade a citada resolución; todo isto con imposición das custas causadas nesta alzada ó apelante.

Contra esta resolución non cabe ningún recurso ordinario.

Así, por esta miña sentencia, da que se unirá certificación á peza, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E co fin de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) para que lle sirva de notificación ó denunciado-apelante, Juan Carlos Casal Barral, expido e asino este edicto na Coruña o 25 de setembro de 2003.

O secretario

Rubricado