Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 29 de outubro de 2003 Páx. 13.401

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 21 de outubro de 2003, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se regula a fase de prácticas establecida na Orde do 6 de marzo de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 14 de marzo), pola que se convocaba concurso-oposición para ingreso no corpo de mestres en expectativa de ingreso na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a adquisición de novas especialidades.

A Orde do 6 de marzo de 2003 (DOG do 14 de marzo) establece no punto 60 a necesidade de realiza-las prácticas docentes previas ó nomeamento dos interesados como funcionarios de carreira, co obxecto de valora-las súas aptitudes para a docencia, quedando dispensados da fase de prácticas os que prestasen servicios docentes como funcionarios de carreira en centros públicos durante un tempo mínimo dun curso escolar, sempre que o nomeamento fose expedido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Ministerio de Educación, Ciencia e Deportes ou comunidades autónomas con competencias plenas en materia de educación, con asignación de número de rexistro persoal.

En virtude do establecido na citada orde, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Para a avaliación da fase de prácticas dos aspirantes a ingreso no corpo de mestres serán designadas dúas comisións cualificadoras, unha para as especialidades de idioma estranxeiro: inglés, educación física e música e outra para as especialidades de educación infantil, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, formadas por especialistas e que terán a seguinte composición:

-Un inspector técnico de educación, que será o presidente.

-Dous vocais, funcionarios do corpo de mestres, especialistas na área pola que superaron o proceso selectivo os aspirantes.

Segundo.-Os compoñentes das comisións serán designados pola Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro.-A Inspección Educativa poderá visita-los mestres en prácticas e emitirá un informe sobre o desenvolvemento da súa función, que será tido en conta pola comisión avaliadora.

Cuarto.-Cada mestre en prácticas elaborará unha programación correspondente á área ou especialidade pola que opositou. De non imparti-la docencia nesa área ou especialidade, realizará a programación da que imparte maior número de horas, indicando brevemente obxectivos, contidos básicos, actividades, metodoloxía e criterios de avaliación.

Esta programación debe estar acorde co proxecto curricular do centro. O mestre en prácticas poderá solicitar do coordinador do departamento didáctico respectivo orientación e información para a súa realización.

O mestre en prácticas remitiralle, entre o 11 e o 22 de marzo de 2004, á Dirección Xeral de Persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-San Caetano-Santiago de Compostela a programación elaborada, que levará o visto e prace do coordenador do departamento didáctico ou, no seu defecto, do director do centro e unha breve memoria da súa actividade docente, referida á aplicación da citada programación, coordinación co departamento didáctico e co equipo docente, desenvolvemento da función titorial e avaliación.

O mestre aplicará a programación ó longo do curso 2003/2004, coas modificacións máis oportunas, se é o caso, para o mellor aproveitamento dos seus alumnos.

Quinto.-Na primeira quincena do mes de abril de 2004 reuniranse as comisións avaliadoras e cualificarán as programacións e memorias presentadas.

As comisións avaliadoras poderán pedir información dos directores, xefes de estudio e coordinadores de departamento didáctico. A avaliación final da fase de prácticas reflectirase nunha acta coa cualificación de apto ou non apto.

Os aspirantes declarados non apto perderán tódolos dereitos ó seu nomeamento como funcionarios de carreira, segundo o establecido no punto 61 da orde de convocatoria do 6 de marzo de 2003 (DOG do 14 de marzo).

Sexto.-No suposto de que unha vez recibida pola comisión avaliadora toda a información pertinente e, como consecuencia dela, se considere procedente formular un xuízo negativo sobre o candidato, polo menos dous membros da comisión deberán establecer contacto persoal con el e observar directamente o desenvolvemento da súa función docente e da súa función como membro do departamento didáctico correspondente e informarán o outro membro da comisión das conclusións ás que cheguen na súa tarefa avaliadora.

As comisións avaliadoras non poderán redactar acta definitiva con apto ou non apto sen a presencia, cando menos, de dous dos seus membros.

Sétimo.-Para efectos do establecido no punto 60 da Orde do 6 de marzo de 2003 (DOG do 14 de marzo), establécese como duración da fase de prácticas ata o 31 de marzo de 2004.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2003.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Persoal