Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 28 de outubro de 2003 Páx. 13.355

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declaran de utilidade pública, en concreto, as instalacións da liña de alta tensión (L.A.T.) a 132/66 kV desde a subestación eléctrica Chantada ata a subestación eléctrica Faro, a cal afecta o concello de Chantada, en Lugo. (Expediente 011/2002 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Enerfin, S.A., con enderezo para efectos de notificación en praza Manuel Gómez Moreno, edificio Bronce 5ª planta, 28020 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 15 de abril de 2002 a devandita empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da liña de alta tensión L.A.T. a 132/66 kV desde a subestación eléctrica Chantada ata a subestación eléctrica Faro, achegando o preceptivo proxecto de instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regulamenta as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve.

Segundo.-A Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo someteu o devandito proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, ó trámite de información pública mediante Resolución do 31 de xaneiro de 2003. Esta resolución foi publicada no DOG do 13 de febreiro de 2003, no BOP de Lugo do 14 de febreiro e no xornal El Progreso do 13 de febreiro de 2003. O anuncio estivo exposto no taboleiro de anuncios do Concello de Chantada, en Lugo.

Así mesmo, practicouse notificación individual ós interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro.-De acordo co disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enviáronse separatas relativas ó proxecto á Confederación Hidrográfica del Norte, á Xefatura Provincial de Estradas da Consellería de Política Territorial de Obras Públicas e Vivenda de Lugo, á Demarcación de Estradas do Estado do Ministerio de Fomento en Lugo, á empresa Telefónica e ó Concello de Chantada, en Lugo.

Deste trámite de información desprendeuse a conformidade das diferentes entidades, empresas e administracións á autorización da instalación.

Cuarto.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública realizáronse as seguintes alegacións:

1. Jesús Montes Otero expuxo, no seu escrito de 20 de febreiro de 2003, que o predio descrito na notificación da Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo, de data 4 de febreiro de 2003 e número de saída 12.371, relativa ó proxecto que nos ocupa e con destino a Josefa Otero Blanco, é en realidade da súa propiedade.

2. Antonia Fernández Vázquez, Sofía Addelaziz Blanco, Francisco Montes Ledo, Juan Vázquez Saa, Sara Areán López, Hermitas Vázquez Guerra, Magdalena Gómez González, Pura Blanco Vázquez, Silvito Rogel Neira, Amadeo Vázquez Rubines, Leonor Montes Faílde, Miguel Fernández Montenegro, Ramón Otero Blanco, Juan Blanco Vázquez, Felicita Rubines González, Elvira Arias Fernández, Jesús Montenegro Poyán, José Vázquez Cambeiro, Cándido Areán Poyán, Francisco García Diéguez, Encarnación Abad Vázquez, Remigio Díaz Hermida, Rosa Yebra Amorín, María Teresa Blanco López, María Dolores Blanco Ledo, Eduardo Areán Sánchez, Lidia Sánchez Diéguez, Julio Otero Boán, Pegerto Torres González, José Antonio Diéguez Otero, Luis Areán Montes, Blandina Almuíña Areán, Obdulia Diéguez Rodríguez, Jesús Abad Pérez, Perpetua Saa Calvo, Julia Blanco López, Inés López Fernández, María Blanco Vázquez, Gloria Blanco Fraga, Antonio Rogel Blanco, Manuel Areán Montes, Vicente Blanco López, María Blanco López, Nieves Vázquez

González, José Manuel Moure Hermida, Antonio Poutón Pereira, Miguel Montes Cabo, José Díaz Areán, Áurea Poyán Varela, Estrella Cabo Areán, Jesús Montenegro Diéguez e Elsa Montes Vence, manifestaron, en diferentes comunicacións de datas de entrada na Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo do 11 e 12 de marzo de 2003, o seguinte:

-A declaración de utilidade pública para a interconexión eléctrica que se solicita terá que ser, segundo os alegantes, necesariamente posterior á autorización administrativa dos proxectos eólicos ós que terá que servir, e como ata a data de presentación das alegacións, non se ten constancia da autorización daqueles, expoñen que o proxecto da liña que lles afecta neste expediente non se pode aprobar.

-Dado que na relación de superficie afectada non aparece ningunha ocupación temporal fóra da propiamente correspondente á servidume de paso, entenden que a execución das obras para a instalación da liña se vai realizar única e exclusivamente pola devandita servidume, o que implicará a destrucción de maneira parcial ou total dos peches existentes nos predios, non existindo, no expediente, ningún estudio topográfico que permita asegura-la devolución de devanditos peches ó seu estado primitivo.

-Boa parte dos camiños de acceso que figuran no expediente son privados polo que non poderán ser ocupados ou utilizados pola empresa promotora sen previa afectación.

-Por último solicitan que nas parcelas das que son propietarios, se leve a cabo un replanteo ou marcado con estacas sobre o terreo dos límites da servidume, dado que coa información facilitada non se pode precisar con exactitude que parte do predio é o afectado nin a que voo afecta. Esta marca deberíase en todo caso realizar antes da convocatoria para o levantamento de actas previamente á ocupación do predio afectado, xa que o descoñecemento da exactitude do ben expropiado levaría aparellada a indefensión dos interesados.

3. Ademais das alegacións anteriores, Remigio Díaz Hermida, Rosa Yebra Amorín, María Teresa Blanco López, María Dolores Blanco Ledo, Eduardo Areán Sánchez, Lidia Sánchez Diéguez, Julio Otero Boán, Pegerto Torres González, José Antonio Diéguez Otero, Luis Areán Montes, Blandina Almuíña Areán, Obdulia Diéguez Rodríguez, Jesús Abad Pérez, Perpetua Saa Calvo, Julia Blanco López, Inés López Fernández, María Blanco Vázquez, Gloria Blanco Fraga, Antonio Rogel Blanco, Manuel Areán Montes, Vicente Blanco López, María Blanco López, Nieves Vázquez González, José Manuel Moure Hermida, Antonio Poutón Pereira, Miguel Montes Cabo, José Díaz Areán, Aurea Poyán Varela, Estrella Cabo Areán, Jesús Montenegro Diéguez e Elsa Montes Vence, expoñen que nas notificacións remitidas a cada un deles, cometéronse diferentes erros relativos á titularidade e cualificación das parcelas incluídas na relación de bens e dereitos afectados, á existencia de reparcelacións das anteriores que afectan a distintos

propietarios, á consideración de unidades parcelarias como varias diferentes e á superficie de servidume.

Ademais, e por outra parte, Nieves Vázquez González fai saber que na parcela nº 397-A da súa propiedade existe un depósito de abastecemento de auga situado dentro da zona de servidume da nova liña eléctrica, polo que entende que esta servidume non terá que supor limitación ó uso e gozo do devandito depósito.

4. Claudio Sánchez Simón, en ámbolos dous escritos datados o 20 de febreiro de 2003 e referentes ás propiedades identificadas cos números 109 e 108, alega que nas notificacións que se lle achegaron se indican os metros cadrados das leiras afectadas pola expropiación pero non se menciona o valor engadido do devandito terreo afectado. Por outra banda, aclara que na súas parcelas existe unha arboreda de bidueiros e carballos, no que se destacan tres destes últimos que son centenarios, que, segundo o interesado, incrementa a valoración da expropiación. Ademais, estima que a superficie total dos dous predios afectados é aproximadamente de 708 metros cadrados e non dos 667 que se desprenden das comunicacións.

5. Jesús Fiedez Poyán, como un dos herdeiros de Manuel Fernández Martul, solicitou, o 24 de febreiro de 2003, información acerca da contía que ten que aboa-la empresa promotora referente á liña eléctrica.

6. Elvira Hermida Bardelás, no seu escrito do día 3 de marzo de 2003, e en calidade de titular da parcela nº 11 expuxo que:

-A utilidade pública non implica que as liñas teñan que pasar polo trazado previsto xa que estas poden aproveita-las afeccións anteriores existentes, o que reportaría a mesma utilidade e sería un aforro.

-A parte do terreo que non esta incluída no expediente, por non estar afectado pola liña, quedará notablemente danado por esta, polo que é pretensión do alegante incluí-la totalidade do predio no expediente expropiatorio.

-Por último, pretende tamén que, ou ben se troca o trazado da liña que discorre pola súa propiedade para un extremo do predio ou, do contrario, se lle indemnice polo prexuízo que lle supón situa-la liña segundo a traza proxectada e non situala no devandito extremo.

7. Francisco Eiriz Jorge, como propietario da parcela nº 320, alegou, o 28 de febreiro de 2003, que debido a que na notificación que se lle enviou non era posible saber cál era exactamente a superficie afectada, xa que no terreo non hai sinal ningunha da citada obra nin de por onde pasará a liña eléctrica, resultaba difícil saber cál sería a arboreda afectada e por iso a indemnización. Por todo iso o alegante pediu que se realizase un marcado sobre o terreo da futura liña eléctrica.

8. Jesús Bardelás Hermida, na súa calidade de director da sociedade cooperativa Icos, S.C.G. expuxo no seu escrito do 26 de febreiro de 2003 o seguinte:

-No expediente expropiatorio en curso identifícase a Carmen Fernández Fernández como titular da parcela nº 33, cando en realidade esta lle foi adquirida a Carmen pola sociedade cooperativa. Para dar fe diso achegouse copia da escritura pública notarial do devandito acto.

-A sociedade Icos, S.C.G. non subscribiu convenio ningún coa empresa Enerfin, S.A. para a cesión nin para a autorización, ou establecemento, da liña que se pretende.

-Ignórase o modo e a forma en que a liña pretendida afecta a propiedade da sociedade, o cal é causa de indefensión. Ademais, ese predio adquiriuse para a ampliación das instalacións industriais, polo que se a traza da liña afectase a parcela, esta causaría gravísimos prexuízos, directos polo establecemento da instalación, e indirectos porque impide a ampliación industrial anteriormente mencionada.

Quinto.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo emitiu informe, o día 2 de maio de 2003, favorable da solicitude obxecto deste expediente segundo o exposto na Lei 54/1997,

do 27 de novembro, do sector eléctrico e o exposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sexto.-O estudio de impacto ambiental desta instalación eléctrica foi sometido a información pública conxuntamente coa autorización administrativa, aprobación de proxecto e utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que nos afecta, na resolución de información pública anteriormente exposta.

Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións ó estudio de impacto ambiental da citada liña.

Sétimo.-O 2 de outubro de 2003, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, realizou a declaración de impacto ambiental relativa ó proxecto que agora se autoriza.

Oitava.-As características técnicas básicas da instalación, que o seu fin é a interconexión das subestacións eléctricas de Chantada e Faro para a evacuación da enerxía producida nos parques eólicos de Farelo, Chantada, Penas Grandes e Monte Cabeza, segundo o proxecto realizado polo enxeñeiro industrial Guillermo Planas Roca, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, son as seguintes:

-Un tramo soterrado de 112 metros de lonxitude entre a subestación de Chantada e o apoio número un, composto por un circuíto con conductor Al-1200 e cable á terra disposto baixo entubada en canle formigonada.

-Outro aéreo, entre o apoio número un e a subestación de Faro de 11.729 metros de lonxitude, composto por un circuíto con dous conductores por fase L.A.-280 e cable de terra AC-50 sobre apoios metálicos de celosía.

-Nun futuro instalarase a liña aérea de alta tensión a 66 kV de 11.003 metros de lonxitude entre o apoio número un e o apoio número 48, composta por un circuíto cun conductor por fase L.A.-280 e cable á terra AC-50 sobre apoios metálicos de celosía.

-Orzamento: 1.586.558,25 euros.

-Concello afectado: Chantada, Lugo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sobre autorización de instalacións eléc

tricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, no seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas e do resto de documentación obrante no expediente, queda de manifesto que:

1. A declaración de utilidade pública se fai en virtude dos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e segundo o establecido no capítulo V do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

2. Os parques eólicos ós que a futura liña eléctrica lle vai dar servicio foron autorizados nas seguintes datas:

-5 de febreiro de 2003, parques eólicos de Penas Grandes e Monte Cabeza.

-14 de maio de 2003, parque eólico de Farelo.

-26 de xuño de 2003, parque eólico de Chantada.

3. En todo momento se respectará o establecido nos artigos 157, 158, 159, 160 e 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, os cales fan referencia ó alcance e ós límites da servidume de paso da enerxía eléctrica.

4. O replanteo ou marcado con estacas, ó cal se fai referencia en diferentes alegacións, será realizado, se así o consideran oportuno os servicios da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, con carácter previo á acta previa de ocupación dos terreos.

5. A empresa promotora tomou en consideración as alegacións realizadas en relación coa propiedade, extensión, natureza e valoración das propiedades incluídas ou que poidan verse afectadas no presente expediente; non obstante, será no trámite de levantamento de actas, acto ó que serán debidamente convocados, cando se demostrará a titularidade das devanditas parcelas, e se porá de manifesto as súas consideracións acerca da extensión, natureza e valoración das devanditas propiedades.

6. O proxecto da presente liña eléctrica de alta tensión cumprirá coas esixencias técnicas e de seguridade que se lle esixen a un proxecto destas características, e axustarase, ademais, ós condicionados impostos polas administracións, empresas e organismos afectados pola súa instalación.

7. Para lle dar resposta ás alegacións referentes á posible indefensión dalgún dos afectados e á posibilidade de acceso ó proxecto ou ó expediente da instalación eléctrica que nos atinxe, este órgano substantivo recorda que o proxecto se someteu ó trámite de información pública segundo o establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e tal e como se reflicta nos antecedentes de feito. Por outra banda, e continuando co anterior, recor

dase ós alegantes que estes teñen a posibilidade de acceder ó expediente actualmente en curso segundo o seguinte:

-Segundo a letra a) do artigo 35 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os cidadáns, nas súas relacións coas administracións públicas, teñen dereito a coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos nos que teñan a condición de interesados, e a obter copias de documentos contendidos neles.

-O punto 1º do artigo 37 da anterior lei, reflicta o dereito que os cidadáns teñen a acceder ós rexistros e ós documentos que, formando parte dun expediente, consten nos arquivos administrativos, calquera que sexa a expresión gráfica, sonora ou en imaxe, ou o tipo de soporte material en que figuren, sempre que tales expedientes correspondan a procedementos rematados na data da solicitude.

-O devandito acceso, segundo o punto 7º do anterior artigo, será exercido polos particulares de forma que non se vexa afectada a eficacia do funcionamento dos servicios públicos debéndose, para tal fin, formular petición individualizada dos documentos que se desexen consultar, sen que caiba, salvo para a súa consideración con carácter potestativo, formular solicitude xenérica sobre unha materia ou conxunto de materias. Non obstante, cando os solicitantes sexan investigadores que acrediten un interese histórico, científico ou cultural relevante, poderase autoriza-lo acceso directo daqueles á consulta dos expedientes, sempre que quede garantida a intimidade das persoas.

-No mesmo artigo, no seu punto 8º, faise mención do feito de que o devandito dereito levará consigo o de obter copias ou certificados dos documentos dos que o exame sexa autorizado pola administración, logo de pagamento, se é o caso, das exaccións que se encontren legalmente establecidas.

Por todo iso, e tendo en conta o antedito, a interesada poderá acceder ó expediente da forma anteriormente exposta, o cal se encontra nas dependencias da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas de Santiago de Compostela.

8. Respecto á cuestión do depósito de auga alegado por Nieves Vázquez González, a empresa promotora responde que o devandito depósito non se verá afectado polo paso da liña ó quedar fóra da zona de servidume. Non obstante, se o devandito depósito estivese afectado pola implantación da liña, respectarase en todo momento o establecido no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión, para o seu correcto uso e gozo por parte da propietaria.

9. No caso das dous últimas alegacións concretas realizadas por Elvira Hermida Bardelás, debemos manifestar que:

-Este organismo non ten en conta a alegación referente á modificación do trazado da liña eléctrica,

xa que esta non se axusta ós requisitos establecidos no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

-Ó igual que no punto anterior, tampouco se ten en conta a petición para a inclusión no expediente expropiatorio da parte do predio da súa propiedade non afectado pola servidume, xa que para iso, e segundo o establecido no punto 2º do artigo 152 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e o punto 2º do artigo 22 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, a alegante debe xustifica-las causas concretas determinantes dos prexuízos económicos, tanto como consecuencia da alteración das condicións fundamentais de explotación do predio, como das súas posibilidades de aproveitamento rendible. Non obstante, a interesada poderá solicita-la expropiación total do devandito predio ata o momento do levantamento da acta previa á ocupación segundo os termos establecidos nos devanditos preceptos.

10. Por último e con relación ó escrito presentado pola sociedade cooperativa Icos, S.C.G. con relación ó prexuízo que lle causaría a implantación da liña, esta dirección xeral debe dicir que será no momento do levantamento de actas cando se fará consta-la devandita alegación.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la liña de alta tensión (L.A.T.) aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132/66 kV desde a subestación eléctrica Chantada ata a subestación eléctrica Faro, no termo municipal de Chantada, en Lugo.

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Terceiro.-Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo cas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 1.586.558,25 euros.

Segunda.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira.-En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento técnico de liñas eléctricas de alta tensión, e as súas instruccións técnicas complementarias segundo Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da devandita facultade.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Enerfin, S.A.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de impacto ambiental do 2 de outubro de 2003, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 7.1º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas