Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Luns, 27 de outubro de 2003 Páx. 13.289

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 391/2003, do 10 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vigo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alarga e mellora da rúa Gandarón.

O Concello de Vigo, en sesión celebrada o día 6 de xuño de dous mil tres, aprobou o proxecto de alarga e mellora da rúa Gandarón e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Vigo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local do día vintesete de agosto de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior

e Administración Local o día once de setembro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o Concello de Vigo, esta rúa presenta unha sección transversal reducida, o que unido ó seu carácter de colector do tráfico industrial que xeran as actividades presentes nas ribeiras do Lagares, provoca, desde hai tempo, importantes problemas de seguridade vial e atoamentos. A dita carencia vénse manifestando sobre todo no relativo ós peóns, xa que na maior parte do percorrido non existen beirarrúas nin iluminación adecuada, o que produce unha mingua de funcionalidade engadida; así mesmo, a demora no tempo de execución da obra incrementaría as situacións de degradación do tecido urbano, ata extremos dificilmente soportables, así como as conxestións viarias que sen dúbida repercutirían sobre a potencialidade de todo o sector e, por suposto, directamente na seguridade vial dos cidadáns.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Vigo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alarga e mellora da rúa Gandarón.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E

VOLUNTARIADO