Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 24 de outubro de 2003 Páx. 13.230

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 382/2003, do 16 de outubro, polo que se modifica o Decreto 125/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

O Decreto 125/2002, do 4 de abril, establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, sinalando no seu artigo 2º os órganos nos que se estructura.

O artigo 4º da citada disposición, regula as competencias e as unidades nas que se estructura a secretaría xeral, e no punto 2.1.2, ó Servicio de Planificación, correspóndenlle entre outras a recompilación de datos e a súa validación para elabora-las estatísticas sobre a actividade de aproveitamento dos recursos mariños; nembargantes, a esta consellería está incardinada a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, regulada no artigo 7º do Decreto, e que no punto 2.2.2 recolle as competencias do Servicio de Estudios Pesqueiros, correspondéndolle a elaboración de estatísticas da consellería, estudio e elaboración de informes con base nas estatísticas, formular liñas de actuación en consonancia cos datos xurdidos das estatísticas e propoñe-las actuacións ou aspectos que se van mellorar, ampliar ou suprimir da toma de datos para a elaboración das estatísticas.

O artigo 8º da citada disposición regula as competencias do Centro de Control do Medio Mariño que adquire rango de dirección xeral e ten atribuídas as funcións relativas á aplicación da normativa sobre calidade das augas e da producción de moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura, e, particularmente as referidas ó control das condicións oceanográficas e fitoplancto, de biotoxinas mariñas, de contaminación química e de microbioloxía e patoloxía, tanto no referido ós productos como ás zonas de producción; a coordinación, execución e control das actuacións relacionadas con prevención e loita contra as patoloxías de moluscos, peixes e outros organismos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, e a elaboración dos informes relativos á calidade do medio e sanidade animal, o que supón un incremento das funcións e das competencias que debe asumi-lo Centro de Control do Medio Mariño.

En consecuencia, e por todo o exposto, resulta adecuado proceder á reforma do Decreto 125/2002, do 4 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, co informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo

de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

No artigo 4º, no punto 2.1.2. Servicio de Planificación, suprímese o segundo parágrafo: «Recollida e validación dos datos para a elaboración das estatísticas da actividade de aproveitamento dos recursos mariños».

Artigo 2º

O artigo 7º, no punto 2.2.2. Servicio de Estudios Pesqueiros, queda redactado como segue:

«Correspóndelle a elaboración de estatísticas da consellería, estudio e elaboración de informes con base nas estatísticas, formular liñas de actuación en consonancia cos datos xurdidos das estatísticas e propone-las actuacións ou aspectos que se van mellorar, ampliar ou suprimir da toma de datos conseguidos para a elaboración das estatísticas.

Recollida e validación dos datos para a elaboración das estatísticas da actividade de aproveitamento dos recursos mariños».

Artigo 3º

O artigo 8º do Decreto 125/2002, do 4 de abril, que establece as competencias do Centro de Control do Medio Mariño, queda redactado como segue:

«1. Con rango de dirección xeral, exercerá as funcións relativas á aplicación da normativa sobre calidade das augas e da producción de moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura, e, particularmente, as referidas ó control das condicións oceanográficas e fitoplancto, de biotoxinas mariñas, de contaminación química e de microbioloxía e patoloxía, tanto no referido ós productos como ás zonas de producción. Igualmente correspóndelle a coordinación, execución e control das actuacións relacionadas coa prevención e loita contra as patoloxías de moluscos, peixes e outros organismos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, e a elaboración de informes relativos á calidade do medio e sanidade animal, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos da comunidade autónoma.

Para o exercício das súas funcións, contará coa seguinte unidade:

1.1. Subdirección Xeral do Centro de Control do Medio Mariño:

Correspóndelle:

-O desenvolvemento das funcións de coordinación técnica e administrativa das distintas liñas de traballo realizadas na unidade».

Disposición transitoria

Cando como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto se modifique

a denominación ou contido das subdireccións xerais ou servicios existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, por proposta do secretario xeral, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de traballo de libre designación, ou a adscribilos con carácter temporal a postos de igual ou inferior nivel, se se trata de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún caso, poida significa-la readscrición ou adscrición cambio de residencia, todo isto sen prexuízo do dispostos nos artigos 27.5º e 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia e da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que

poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A modificación da estructura orgánica que se establece neste decreto non supón incremento do gasto público.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos