Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Luns, 20 de outubro de 2003 Páx. 13.009

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 373/2003, do 16 de outubro, sobre asunción por parte da Comunidade Autónoma de Galicia de funcións en materia de Academias e a súa asignación a diversos departamentos da Xunta de Galicia.

En aplicación do disposto no artigo 27.19º do Estatuto de autonomía para Galicia e do artigo 3 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle a esta a competencia exclusiva en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución española, e o desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, Academias.

Procede avanzar no exercicio das competencias sobre o fomento da cultura e da investigación en Galicia por parte das corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, Academias, asumindo especificamente as referidas nos acordos alcanzados no contexto da declaración do Pleno da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia na sesión do día vintenove de setembro de dous mil tres, de recoñecemento de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a Real Academia Galega de Ciencias, a Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, a Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario; e da declaración do Pleno da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Xunta de Galicia na sesión do día vinteseis de novembro de dous mil dous, en relación coa competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para a constitución e o

exercicio de protectorado sobre a Real Academia Galega.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Quedan asumidas as funcións en materia de fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Cons-

titución española e de desenvolvemento lexislativo e execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, Academias, que teñan o seu domicilio no territorio da Comunidade Autónoma, e, en particular, as referidas á Real Academia Galega de Ciencias, á Real Academia de Medicina e Cirurxía, á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, á Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e á Real Academia Galega.

Artigo 2º

A competencia xeral para a regulación desta materia correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia e ós distintos departamentos desta segundo o obxecto e finalidade de cada Academia, nos termos establecidos no presente decreto e nos que se fixen para a regulación xurídica destas corporacións.

En particular, adscríbense ás consellerías que se indican as Academias que a continuación se relacionan:

-Real Academia Galega, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Real Academia Galega de Ciencias, á Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

-Real Academia de Medicina e Cirurxía, á Consellería de Sanidade.

-Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

-Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública