Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 17 de outubro de 2003 Páx. 12.966

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 29 de setembro de 2003 pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos da Mancomunidade de Municipios de Terras de Deza.

Visto o texto dos estatutos que rexerán a Mancomunidade de Municipios de Terras de Deza, obsérvase que a súa aprobación se realizou de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e 143 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-O expediente para a constitución da mancomunidade iniciouse por acordo dos concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, A Golada, Rodeiro e Dozón.

Segundo.-Con data 16 de outubro de 2002 foi aprobado inicialmente o proxecto de estatutos pola Comisión Xestora.

Terceiro.-Con data 8 de novembro de 2002, a Asemblea de Concelleiros dos municipios integrantes da mancomunidade aproba provisionalmente o citado proxecto de estatutos.

Cuarto.-Segundo certificación da secretaría da mancomunidade, o proxecto dos estatutos foi exposto a información pública durante o prazo dun mes, mediante edictos publicados nos taboleiros de anuncios dos concellos, así como no BOP de Pontevedra nº 228, do 27 de novembro de 2002 e no Diario Oficial de Galicia nº 227, do 26 de novembro de 2002, sen que se producise ningunha reclamación ou alegación respecto deles.

Quinto.-Así mesmo, o proxecto de estatutos recibiu o informe da Deputación Provincial de Pontevedra e da Dirección Xeral de Administración Local, da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

Sexto.-O presidente da Comisión Xestora remitiu, con data de entrada nesta consellería do 19 de setembro de 2003, certificacións dos acordos dos plenos dos concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, A Golada, Rodeiro e Dozón, que conforman a Mancomunidade de Terras de Deza, de aprobación defi

nitiva dos estatutos, así como unha copia certificada destes, para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local

DISPÓN:

A publicación dos estatutos da Mancomunidade de Municipios de Terras de Deza no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 143.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2003.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

ANEXO

Estatutos da Mancomunidade de Municipios de Terras de Deza

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, no seu capítulo II, artigo 135, establece que os municipios da Comunidade Autónoma de Galicia terán dereito a asociarse en mancomunidades para a execución ou prestación en común de obras, servicios ou actividades da súa competencia e, en consecuencia, os concellos comprendidos no ámbito de actuación da comarca de Deza deciden a constitución dunha mancomunidade de municipios conforme os seguintes estatutos:

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Denominación.

Os municipios de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, A Golada, Rodeiro e Dozón, pertencentes á provincia de Pontevedra, asócianse voluntariamente constituíndo unha mancomunidade baixo a denominación de Mancomunidade de Terras de Deza.

Artigo 2º.-Personalidade e capacidade.

A Mancomunidade de Terras de Deza, como entidade local, goza de plena personalidade e capacidade xurídica co obxecto de cumpri-los fins da súa competencia establecidas nestes estatutos e de conformidade co establecido na lexislación vixente sobre réxime local. En consecuencia, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar, e allear toda clase de bens, celebrar contratos, establecer, xestionar e explota-los servicios propios da súa competencia, obrigarse, interpoñer recursos e exerce-las accións que considere conveniente sen máis limitacións que as previstas na normativa vixente e as normas derivadas da natureza da mancomunidade e das contidas nestes estatutos, a imposición de exaccións e a aprobación de tarifas e prezos públicos esixibles pola prestación dos servicios mancomunados.

Artigo 3º.-Domicilio social.

A sede ou domicilio social da mancomunidade será a da casa consistorial do concello onde resida a presidencia, sen prexuízo de poder establecer unha sede administrativa permanente.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial onde a mancomunidade desenvolverá os seus fins será o dos termos municipais dos municipios mancomunados.

Fins da mancomunidade

Artigo 5º.-Fins.

Os fins da mancomunidade que se establecen en principio son:

a) Conservación de estradas e camiños locais.

b) Tratamento integral de todo tipo de residuos.

c) Protección do ambiente.

d) Promoción do desenvolvemento económico, social e turístico dos concellos mancomunados.

e) Promoción do solo industrial.

f) Potenciación dun mercado comarcal gandeiro e fomento de feiras agrícolas e gandeiras e de productos agropecuarios de calidade.

g) Prevención e extinción de incendios e coordinación de protección civil.

h) Abastecemento e saneamento de auga.

i) Defensa e posta en valor do patrimonio histórico-artístico.

j) Servicios sociais.

k) Coordinación do ensino artístico e musical.

l) Coordinación da planificación urbanística.

m) Transporte público.

Artigo 6º.-Opción na prestación dos servicios.

1. Os concellos interesados na constitución da mancomunidade poderán optar pola prestación mancomunada de todos ou dalgúns dos servicios determinados como fins da entidade.

2. Os concellos asociados para a prestación dos servicios poderán mancomunarse con outros concellos para a prestación dos servicios que non estean comprendidos dentro dos fins da mancomunidade ou daqueles que, constando como fins da mancomunidade, non teñan sido ratificados polo Pleno do Concello interesado.

3. Nembargantes poderán mancomunarse servicios con outros municipios sempre que a súa prestación se poida efectuar de xeito independente e resultase aconsellable por razóns técnicas ou de eficacia.

Artigo 7º.-Ampliación dos fins.

A mancomunidade poderá amplia-los seus fins prestando outros servicios de competencia municipal, logo de acordo das corporacións dos concellos asociados, e sen que poida asumi-la totalidade das

competencias asignadas pola lexislación ós respectivos municipios.

Artigo 8º.-Órganos de goberno.

Ós órganos de goberno da mancomunidade serán representativos dos concellos que a integran.

O goberno e a administración da mancomunidade corresponderá ós seguintes órganos:

a) Órganos de goberno: Pleno, Presidente, Vicepresidente e Comisión de Goberno.

b) Órganos complementarios: Comisión Especial de Contas.

Artigo 9º.-Pleno.

O Pleno da mancomunidade é o órgano superior de goberno da entidade á que representa como corporación de dereito público e componse dun número de vocais designados por cada concello por proposta dos concelleiros de cada candidatura que obtivese representación logo do previsto neste artigo, na seguinte proporción, incluíndo os alcaldes como membros natos:

Lalín: 8 vocais.

Silleda: 5 vocais.

Vila de Cruces: 4 vocais.

A Golada: 3 vocais.

Rodeiro: 3 vocais.

Dozón: 2 vocais.

Os concellos mancomunados designarán os seus representantes con carácter regrado de entre os seus membros corporativos por maioría simple na primeira sesión seguinte á súa constitución ou á comunicación da baixa dalgún dos seus membros.

A mancomunidade constituirase nos dous meses seguintes á constitución das respectivas corporacións locais e mentres continuarán nos seus cargos os anteriores.

A designación farase do seguinte xeito:

a) O número de vocais que lle corresponden a cada formación política a nivel comarcal será o resultante de repartir os vintecinco (25) vocais aplicando a regra D'Hondt ó número de votos acadados por cada formación política no total da comarca, e non entrando na partilla aquelas candidaturas que non acaden a nivel comarcal un mínimo dun 5% dos votos válidos.

b) A atribución dos escanos dos vocais en cada concello farase por aplicación da regra de Deza que figura de seguido:

Base 1ª.-Repartiranse os escanos de cada concello proporcionalmente ó número de votos acadados no dito concello polas distintas formacións políticas. Para isto multiplicarase o número de votos obtido por cada candidatura en cada concello polo número total de escanos de cada concello e dividido polo total de votos de cada concello. Deste xeito obterase unha media proporcional.

Base 2ª.-Nunha primeira repartición asignaráselle a cada candidatura un número de escanos en cada concello igual á parte enteira das proporcións obtidas logo da aplicación da base primeira.

Base 3ª.-Os escanos que falten atribuiranse asignando ós partidos ós que lle falte aínda representación seguindo o criterio do maior resto a nivel comarcal e precisamente no concello no que ten ese maior resto; se nalgún momento do proceso un partido non pode obter escano no concello onde ten o maior resto por estar xa cuberta a cota territorial, obterao naquel onde teña o seguinte e queden escanos por atribuír.

Base 4ª.-A ningún partido se lle asignará escano mentres outro con maior resto aínda non o teña asignado.

No caso de restos iguais aplicaranse por esta orde os seguintes criterios de desempate:

1º Maior número de votos no concello ou concellos afectados.

2º Maior número de votos a nivel comarcal.

Artigo 10º.-Atribucións.

Corresponden ó Pleno as atribucións seguintes:

a) A constitución do Pleno, a elección e moción de censura do presidente e a elección do vicepresidente.

b) A designación dos membros da Comisión Especial de Contas.

c) A aprobación dos seus orzamentos e contas.

d) A separación dun dos municipios e a separación-sanción, que requirirá a maioría absoluta da mancomunidade.

e) A modificación dos estatutos que requirirá a maioría de dous tercios da mancomunidade.

f) A incorporación á mancomunidade de novos membros.

g) A disolución da mancomunidade.

En xeral correspóndenlle as atribucións que o artigo 22 da Lei 7/1985, do 2 de abril RBRL, e o artigo 64 da Lei de Administración local de Galicia 5/1997, do 22 de xullo, e outras leis confiren ó Pleno dos concellos, na medida en que a súa natureza e funcións non o impidan.

Os acordos serán adoptados por maioría simple, maioría absoluta e quórum de dous tercios do número legal de membros nos supostos que a LAL e LBRL establecen para os plenos dos concellos coas excepcións anteriormente sinaladas.

Artigo 11º.-Adopción de acordos e sesións ordinarias.

1. Tódolos membros do Pleno terán voz e voto nas sesións, esixíndose para a validez dos acordos que sexan adoptados co voto favorable da maioría simple dos seus membros presentes, salvo para aqueles acordos en que a normativa vixente esixa a maio

ría absoluta legal ou de dous tercios para os plenos municipais.

2. O Pleno celebrará sesións ordinarias polo menos dúas veces ó ano e nas datas que determine o propio Pleno.

3. O Pleno quedará validamente constituído coa asistencia dun tercio do número legal dos seus membros.

4. En canto á celebración de sesións extraordinarias, observarase o establecido no artigo 46.2º da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Artigo 12º.-Comisión de Goberno.

A Comisión de Goberno é o órgano de xestión ordinaria da mancomunidade e estará integrado polo seu presidente e por un número de cinco vocais, que serán nomeados e cesados libremente polos plenos dos respectivos concellos, sendo un representante por cada concello.

En caso de ampliación ou reducción do número de concellos, os integrantes ampliaranse ou reduciranse de igual modo.

Artigo 13º.-Atribucións.

Son atribucións propias da Comisión de Goberno as seguintes:

a) A asistencia ó presidente no exercicio das súas atribucións.

b) As atribucións que o Pleno e o presidente da mancomunidade ou outro órgano da mancomunidade deleguen nel ou que lle atribúan as leis por analoxía á Comisión de Goberno municipal.

c) Non son delegables as que por analoxía non poidan ser obxecto de delegación do Pleno e do alcalde na Comisión de Goberno segundo a lexislación vixente.

d) O presidente pode delega-lo exercicio de determinadas atribucións nos membros da Comisión de Goberno, sen prexuízo das delegacións que para cometidos especiais poida efectuar en favor de calquera membro do Pleno da mancomunidade, aínda que non pertenzan a aquela comisión.

Artigo 14º.-A adopción de acordos e sesións ordinarias.

1. A Comisión de Goberno adoptará os seus acordos por maioría e o voto no seo deste órgano será ponderado de conformidade coa representación atribuída a cada concello no artigo 9 destes estatutos.

En caso de empate, o voto de calidade do presidente decidirá a adopción do acordo.

2. O réxime de sesións ordinarias será determinado polo presidente de acordo coa normativa vixente.

Artigo 15º.-Presidencia.

A presidencia renovarase coa periodicidade das corporacións locais, polo mecanismo da moción de censura e polos casos de vacante, ausencia, e enfermidade do presidente.

Artigo 16º.-Atribucións do presidente.

1. Corresponden ó presidente as atribucións seguintes:

a) Representa-la mancomunidade.

b) Convocar e presidi-las sesións do Pleno, da Comisión de Goberno e de calquera outro órgano da mancomunidade.

c) Publicar, executar e facer cumprir os acordos do Pleno e da Comisión de Goberno.

d) As atribucións que o artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, RBRL, e o artigo 61 da Lei de Administración local de Galicia 5/1997, do 22 de xullo, atribúen ó alcalde.

2. Corresponderá ó vicepresidente a substitución do presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como as atribucións que o presidente voluntariamente lle atribúa.

Artigo 17º.-Comisión Especial de Contas.

A Comisión Especial de Contas integrarase por un presidente e por un número de membros que designe o Pleno, respectando a proporcionalidade da representación neste órgano dos distintos grupos políticos.

Artigo 18º.-Renovación.

1. O Pleno e a Comisión de Goberno renovaranse coa mesma periodicidade que as corporacións locais. Tódolos membros dos órganos de goberno da mancomunidade continuarán en función unha vez disoltas as corporacións, mentres non se constitúan as novas.

Despois de cada proceso de eleccións municipais, a corporación que resulte delas, na primeira sesión que celebre, deberá designa-los seus representantes nos órganos de goberno da mancomunidade.

A presidencia renovarase coa periodicidade das corporacións locais, polo mecanismo da moción de censura e polos casos de vacante, ausencia e enfermidade do presidente.

2. A perda da condición de concelleiro suporá o cesamento na representación, salvo nos casos de renovación das corporacións nos que continuarán nas súas funcións na mancomunidade soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos seus sucesores, sen que poidan adoptar acordos para os que legalmente se requira unha maioría cualificada.

Artigo 19º.-Administradores.

O Pleno poderá nomear un ou varios administradores para a xestións dos asuntos e acordos que os órganos de goberno adopten. O seu nomeamento e revogación realizarase mediante acordo adoptado por maioría simple.

Artigo 20º.-Do secretario, do interventor e do tesoureiro.

1. Os postos de secretario, interventor e tesoureiro serán desempeñados por funcionarios con habilita

ción de carácter nacional que ocupen idéntico posto no concello onde radique a sede da mancomunidade ou por aqueles que os substitúan sempre que sexan funcionarios con habilitación de carácter nacional. Poderán crearse prazas de habilitación nacional para os postos anteriores. De non existiren, o Pleno designará un funcionario que teña tal condición e preste os seus servicios noutro concello da mancomunidade.

En última instancia o posto de tesoureiro poderá ser desempeñado por un membro da mancomunidade.

2. As funcións son as atribuídas ós respectivos postos pola lexislación de réxime local.

Réxime xurídico

Artigo 21º.-Réxime xurídico.

O réxime xurídico aplicable á organización, funcionamento, acordos e resolucións dos órganos da mancomunidade axustarase ó disposto na lexislación de réxime local no que non resulte incompatible coa propia natureza da mancomunidade e con estes estatutos.

Artigo 22º.-Sesións.

A convocatoria e réxime das sesións e actas dos órganos colexiados da mancomunidade axustarase ó disposto na normativa vixente. O Pleno celebrará sesión ordinaria unha vez ó semestre. A Comisión de Goberno celebrará sesión ordinaria unha vez ó mes.

A data das sesións ordinarias da asemblea será establecida durante o primeiro mes de cada mandato polo Pleno e polo presidente respecto da Comisión de Goberno, sen prexuízo das modificacións que posteriormente se establezan.

Artigo 23º.-Bens e servicios.

1. A mancomunidade poderá dispoñer de todo tipo de bens; os servicios poderán ser xestionados en calquera das formas previstas na lexislación sobre o réxime local e, así mesmo, poderá utilizar para o cumprimento dos seus fins de tódolos tipos contractuais previstos nela.

2. Logo da cesión polos respectivos concellos, tódalas obras, instalacións e elementos necesarios para os fins da mancomunidade serán propiedade exclusiva desta.

Artigo 24º.-Acordos.

1. Os acordos que adopten os órganos de goberno da mancomunidade vincularán a tódolos municipios mancomunados, sempre que se adopten para o cumprimento dos fins asumidos pola entidade, salvo que requiran a expresa ratificación de cada un dos municipios asociados.

2. Esta ratificación a requiren os seguintes acordos:

a) A aprobación dos regulamentos de cada servicio, nos que se concretarán as respectivas achegas ordi

narias e extraordinarias, así como a ubicación das distintas instalacións ou locais dos diferentes servicios da mancomunidade.

b) A disolución da mancomunidade.

c) A admisión de novos municipios ou a separación dalgún.

d) O aval de compromisos económicos contraídos pola mancomunidade.

e) A aprobación e modificación dos seus estatutos.

A separación dun dos concellos non requirirá acordo plenario do resto dos concellos.

Persoal

Artigo 25º.-Provisión.

1. A mancomunidade contará co persoal necesario para a realización das tarefas e funcións precisas para unha adecuada e eficaz prestación dos servicios da súa competencia.

2. Para as funcións distintas da secretaría, intervención e tesourería, que serán exercidas por funcionarios con habilitación de carácter nacional, recrutarase o persoal de conformidade co previsto na lexislación local.

Réxime económico

Artigo 26º.-Recursos.

Os seguintes recursos integran a facenda da mancomunidade:

1. Ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado.

2. Subvencións e outros ingresos de dereito público.

3. Taxas pola prestación de servicios.

4. Prezos públicos.

5. Contribucións especiais pola execución de obras ou o establecemento, ampliación ou mellora dos servicios da súa competencia.

6. Os procedentes de operacións de crédito.

7. Multas.

8. As achegas ordinarias e extraordinarias dos municipios mancomunados fixadas de acordo con estes estatutos.

Artigo 27º.-Achegas ordinarias e extraordinarias.

1. As achegas ordinarias dos municipios mancomunados son de dous tipos:

a) As destinadas a atende-los gastos de funcionamento normal e ordinario da mancomunidade. A súa contía fixarase atendendo a criterios de superficie dos termos municipais e a calquera outro criterio que o Pleno decida. Esta contía será obrigatoria para tódolos concellos membros.

b) As destinadas a sufraga-los gastos de conservación, funcionamento e explotación de cada servicio que se estableza. A súa contía será fixada pola man

comunidade establecendo un módulo específico para cada servicio a establecer, de conformidade cunha distribución proporcional das cargas en relación cos beneficios obtidos por cada municipio polos servicios utilizados.

2. As achegas extraordinarias son aquelas destinadas a facer fronte ós gastos de primeiro establecemento, ampliación ou mellora das instalacións dos servicios, incluídos os gastos de amortización e xuros das operacións de crédito a realizar. As mesmas determinaranse en proporción á poboación de cada municipio, corrixíndose, se é o caso, con base en criterios de extensión do termo municipal, da poboación, das características do servicio ou doutros criterios.

3. Cada municipio só estará obrigado a contribuír para a instalación, ampliación ou mellora dos servicios de que resulte beneficiario.

Artigo 28º.-Garantías.

Os municipios mancomunados comprométense a consignar nos seus respectivos orzamentos as cantidades precisas para atender, nos sucesivos exercicios económicos, as obrigas derivadas de compromisos contraídos coa mancomunidade.

Artigo 29º.-Retención das participacións.

As achegas económicas dos municipios realizaranse na forma e prazos que determine o Pleno da mancomunidade.

Transcorrido o prazo para o ingreso das achegas dos municipios que integran a mancomunidade, o seu presidente poderá dirixirse ós órganos da Administración da Xunta de Galicia para a retención dos fondos do municipio debedor e o seu ingreso na facenda da mancomunidade, debéndose presenta-la certificación de descuberto regulamentaria en cada caso.

Así mesmo, o presidente poderá esixi-lo pagamento a calquera municipio que se atrase nas súas achegas tanto ordinarias como extraordinarias, sinalando para o seu aboamento un prazo de vinte días. Transcorrido o dito prazo sen ter feito efectiva a débeda, queda habilitado para solicitar dos órganos da Administración central ou provincial a retención nas participacións do municipio debedor nos impostos ou ingresos que lle correspondan a fin de que se ingresen no orzamento da mancomunidade.

Esta retención é autorizada expresamente polos concellos mancomunados no momento da aprobación destes estatutos, debéndose acompañar coa certificación de descuberto regulamentaria en cada caso.

Artigo 30º.-Orzamento.

O orzamento será aprobado anualmente polo Pleno nos prazos e cos requisitos que a lexislación vixente establece para eles.

Artigo 31º.-Rendición de contas.

En relación coa rendición de contas da xestión da entidade, observaranse as normas que regulan as de igual carácter dos concellos, correspondendo a súa aprobación ó Pleno logo de dictame da Comisión Especial de Contas.

Duración da mancomunidade

Artigo 32º.-Duración e disolución da mancomunidade.

O prazo de vixencia da mancomunidade, tendo en conta o carácter permanente dos seus fins, é indefinido, podendo non obstante disolverse polas seguintes causas:

a) Por disposición legal.

b) Por acordo do Pleno co quórum da maioría absoluta.

c) Cando resulte inviable técnica e economicamente a súa continuación pola separación dun ou máis municipios mancomunados.

Artigo 33º.-Comisión liquidadora.

Unha comisión liquidadora fará un inventario de bens, servicios e dereitos da mancomunidade, cifrará os seus recursos, cargas e débedas e relacionará o seu persoal e proporá ó Pleno da mancomunidade a oportuna distribución ou integración deles nos concellos mancomunados, de conformidade cos datos que servisen para a formación do patrimonio. A proposta de liquidación para ser aprobada requirirá o voto favorable da maioría absoluta do Pleno. Unha vez aprobada, a proposta será vinculante para os concellos mancomunados.

Modificación dos estatutos

Artigo 34º.-Vixencia dos estatutos.

O prazo de vixencia dos estatutos é igualmente indefinido. Nembargantes, poderán ser modificados por iniciativa do Pleno da mancomunidade ou dalgún dos concellos mancomunados por acordo adoptado de dous tercios do número legal de membros, modificación para a que, en todo caso, deberá seguirse o mesmo procedemento e requisitos que se esixen para a súa aprobación.

Incorporación e separación de municipios

Artigo 35º.-Incorporación.

Con posterioridade á aprobación definitiva destes estatutos, outros municipios poderán incorporarse á mancomunidade. Para isto, requirirase a realización dos mesmos trámites legais que para a modificación dos estatutos. O municipio incorporado deberá achega-la parte alícuota do activo da entidade e, así mesmo, asumi-la obriga de responder, tamén alicuotamente, do pasivo. A dita valoración realizarase na data na que se produza a incorporación.

Artigo 36º.-Separación.

Calquera dos municipios integrantes da mancomunidade poderá abandonala por acordo da súa corporación adoptado por maioría absoluta. Os municipios que abandonen a entidade non terán dereito a retira-la súas achegas. Neste caso deberán comunicalo á mancomunidade con antelación dun ano. Así mesmo, estarán obrigados a satisface-la súas débedas proporcionalmente.

Artigo 37º.-Separación-sanción.

O incumprimento reiterado da súas obrigas para a mancomunidade por parte dun concello mancomunado será causa suficiente para proceder á súa separación definitiva, podendo reclamárselle o pagamento da súas débedas á mancomunidade e os gastos derivados da súa separación, de conformidade co establecido no artigo 29 destes estatutos. Para esta separación definitiva será necesario acordo do Pleno por maioría absoluta.

Dereito supletorio

En todo o non previsto nestes estatutos será de aplicación a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Lei 7/1985, do 2 de abril, RBRL e demais lexislación aplicable.

Disposicións adicionais

Primeira.-No suposto de que algún ou algúns dos concellos da mancomunidade non mancomunasen tódolos seus servicios previstos no artigo 5 destes estatutos, os seus representantes no Pleno non terán dereito a voz nin a voto cando se debatan asuntos referidos a servicios non mancomunados. Neste caso, o quórum determinarase computando só os representantes dos concellos que teñan mancomunado o servicio obxecto do debate.

Segunda.-A presidencia da mancomunidade elixirase na súa sesión constitutiva, co mesmo procedemento previsto para a elección de alcaldes, sendo de aplicación a mesma normativa para o seu nomeamento, destitución e cesamento, coas seguintes excepcións:

1. Poderá ser candidato a presidente calquera dos vocais.

2. As referencias ó número de votos municipais entenderanse referidas a votos a nivel comarcal.

Terceira.-De conformidade co previsto no artigo 4 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, o Pleno solicitará da Comunidade Autónoma que a mancomunidade sexa eximida da obriga de manter postos propios reservados a habilitados de carácter nacional.

Cuarta.-Mentres non se proceda á contratación laboral do persoal, as tarefas e funcións necesarias para a prestación dos servicios mancomunados serán desempeñados por persoal das respectivas escalas

dos concellos mancomunados, sendo a adscrición voluntaria para o funcionario.

Quinta.-O persoal dos municipios asociados que preste os seus servicios á mancomunidade en horario distinto ó da xornada laboral do seu concello, como actividade complementaria, percibirá unha gratificación mensual polos servicios extraordinarios e especiais, quedando declarada expresamente nestes estatutos a compatibilización de funcións por razóns de interese público.

Sexta.-Antes de iniciarse a prestación dos servicios mancomunados, deberá procederse ó estudio dos custos de cada servicio, así como a un estudio económico das achegas que deberá realizar cada municipio.

Sétima.-O Pleno da mancomunidade constituirase conforme determina a LALG e convocarase dentro do mes seguinte á data da publicación dos estatutos conforme o artigo 141 da LALG.