Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 15 de outubro de 2003 Páx. 12.816

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 2003 pola que se adxudican as axudas correspondentes ó Programa de Sociedade da Información convocadas no anexo II, da Orde do 29 de abril de 2002 (Diario Oficial de Galicia do 13 de maio) e na Orde do 13 de febreiro de 2003 (Diario Oficial de Galicia do 26 de febreiro).

A Orde do 29 de abril de 2002 (DOG do 13 de maio), pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas correspondentes ás accións do programa sectorial de servicios ó cidadán do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e se procede á súa convocatoria, prevé no seu anexo II a concesión de axudas correspondentes ó Programa de Sociedade da Información.

De acordo co Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos, as competencias atribuídas á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento foron asumidas pola Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Na súa virtude, de acordo co establecido nas bases da citada orde de convocatoria e na Orde do 13 de febreiro de 2003 (DOG do 26 de febreiro), atendendo ás dispoñibilidades de crédito e por proposta elaborada pola comisión de selección prevista no punto 6 das bases da convocatoria, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Concede-las axudas para a realización de proxectos de investigación aplicada para realizar por grupos de investigación consolidados e de excelencia en universidades, organismos públicos de investigación e centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma, ós beneficiarios que se relacionan no anexo I desta resolución, nas contías que en cada caso se sinalan e polo período de tempo indicado, que se computará a partir do día seguinte da súa publicación no DOG. Aqueles proxectos que figuran no dito anexo con autorización para contratar persoal deberán realiza-la dita contratación confor

me ás normas establecidas polas bases da convocatoria.

Segundo.-Concede-las axudas para a realización de proxectos de investigación de centros tecnolóxicos ós que se relacionan no anexo II desta resolución.

As axudas que se relacionan nos anexos I e II comprenden a totalidade da subvención necesaria para a realización do proxecto, incrementado nun 10% destinado ós gastos institucionais que a súa execución supón ó organismo ó que pertence o investigador responsable.

Terceiro.-Concede-las axudas para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento para empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro, ás que se relacionan no anexo III desta resolución.

Cuarto.-Concede-las axudas para dotación de laboratorios e departamentos de I+D de empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro, ás que se relacionan no anexo IV desta resolución.

Quinto.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde da convocatoria suporá a perda do dereito a percibi-la subvención correspondente.

Sexto.-Contra esta resolución poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes que se contará a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De non estima-la interposición deste recurso, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contará a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2003.

P.D. (Orde 21-1-2003)

Jesús Vázquez San Luis

Secretario xeral da Consellería de Innovación,

Industria e Comercio