Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 14 de outubro de 2003 Páx. 12.779

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Goa, nos concellos de Viveiro e O Vicedo (Lugo), promovido pola empresa Eurovento, S.L., Unipersonal.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do

impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 8 de agosto de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Goa, nos concellos de Viveiro e O Vicedo (Lugo), promovido pola empresa Eurovento, S.L. Unipersonal, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Parque eólico de Goa. Proxecto. Outubro de 2001.

* Avaliación de impacto ambiental. Parque Eólico Goa. Outubro de 2001.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque Eólico de Goa, que supón a ampliación do parque do Vicedo mediante a instalación e explotación dun parque eólico de 5,2 MW de potencia total nos concellos de Viveiro e O Vicedo (Lugo), constituído por 4 aeroxeradores, modelo BAZÁN-BONUS de 1.300 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

608.8504.837.500

608.8504.837.230

608.7004.836.950

609.0004.836.500

609.0004.836.250

608.7504.836.000

608.2504.836.000

608.3754.836.500

608.2504.837.000

608.5004.837.500

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle no

Plano topográfico e instalacións. Código GAL GOA EJ-02 V-01, do estudio de impacto ambiental.

As coordenadas UTM dos 4 aeroxeradores previstos son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

42608.549,64.836.810,6

43608.741,54.836.742,3

44608.817,04.836.628,0

45608.608,54.836.051,8

2. Protección da atmósfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similar.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

Dada a escasa entidade das obras, non se considera preciso a realización de medicións durante esta fase. Na fase de funcionamento, levarase a cabo un plan de seguimento do nivel de ruído, presentando para tal fin a documentación requirida no punto 10.3 da DIA.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga precisará da autorización de Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

As obras non poderán afectar á calidade e volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro.

Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe previstos (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, no marco do Plan de Vixilancia Ambiental proposto no Es A.

A achega das augas das drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar erosión, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, nin interferindo na rede natural de drenaxe, co fin de evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou

escorrega superficial. Non está permitido a lavada de maquinaria e materiais nos cursos fluviais.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto dende planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

Á vista da información achegada no estudio ambiental, e tendo en conta o cumprimento dos anteriores condicionados, non se estima preciso levar a cabo un plan de control da calidade das augas.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

A circulación de vehículos e maquinaria de obra no parque restrinxirase ós viais e zonas acondicionadas para o efecto.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas na documentación ambiental, non permitíndose o seu sobredimensionamento.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas, lonas...) para impedi-la proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estes se producisen, deberán ser retirados e depositados en lugar autorizado.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica, reflictindo a localización prevista no plano requirido no punto 10.2 desta DIA.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que, se trala finalización das obras, existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. No caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, restaurando o préstamo ó finaliza-la obra.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da construcción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

Mentres non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción, os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación, disporanse no edificio de control do parque.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto da avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola presencia dos aeroxeradores, tanto deste parque como do do Vicedo.

Para tal fin, levarase a cabo un plan de seguimento de avifauna e unha valoración conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna do parque de Goa e o do Vicedo, do que constitúe unha ampliación, incluíndo a liña de evacuación que lles dá servicio. Neste senso, presentarase a documentación requirida nos puntos 10.4 e 10.5 da DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberase proceder á súa trituración e espallaxe homoxénea, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección do patrimonio cultural.

Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque eólico, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá

que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Durante a fase de execución de obra procederase á inspección dos terreos rozados e dos perfís das gabias do cableado.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

O acabado exterior da caseta da estación de manobra será acorde co contorno, segundo o indicado no estudio ambiental.

9. Restauración.

Tódalas superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes dos viais, foxos, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, garantirase o mantemento da revexetación ó longo do tempo.

Para tal fin, levarase a cabo o Plan de recuperación de solos e vexetación incluído no estudio ambiental, realizando un seguimento da súa efectividade, tal como se contempla no plan presentado. Incrementarase a intensidade do seguimento no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación.

Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse paralelamente ó avance da obra, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de acada-la integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Ó finaliza-las obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

Na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo tódalas actuacións necesarias para recupera-la situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, incluíndo a restauración dos viais creados para uso exclusivo do parque e a revexetación das zonas afectadas pola desmontaxe. Neste senso, presentarase a documentación requirida no punto 10.7 da DIA.

10. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración

e, se procede, imposición das medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

10.1. Informe aclaratorio da posible afección do proxecto sobre as especies vexetais endémicas e as recollidas na Directiva 92/43/CEE, presentes na área do parque segundo o estudio ambiental, acompañado de proposta de medidas protectoras para evita-la súa afección, de se-lo caso.

10.2. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, incorporando, se é o caso, as modificacións que se deriven do informe anterior. Así mesmo, reflictiranse as instalacións do parque eólico do Vicedo existentes no contorno inmediato do de Goa.

Diferenciaranse, en cores ou grafía distintiva, os viais preexistentes dos de nova construcción e aqueles que se van acondicionar, se é o caso, indicando na lenda a lonxitude de cada tipo e a das gabias do cableado. Reflictiranse, así mesmo, o punto/os de acceso ó parque, dispositivos de drenaxe e a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e acopio de materiais.

10.3. Novo plan de seguimento do nivel de ruído, conforme a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento da antedita lei, no que se inclúa:

* Proposta xustificada de puntos de control, centrándose nas vivendas existentes a menos dun quilómetro dos aeroxeradores, e incluíndo un punto de medición na área do parque. Acompañarase dun plano de localización dos puntos de control a escala mínima 1:25.000 e dunha táboa coa distancia dos puntos ó aeroxerador máis próximo. Neste senso, non se considera axeitada a selección de puntos efectuada para a campaña preoperacional, dado que inclúe algúns moi afastados e exclúe, por exemplo, o núcleo de Pardiñeira, o máis próximo ós aeroxeradores segundo o EsA.

* Proposta metodolóxica para o control das emisións, indicando a frecuencia das medicións que se van efectuar.

* Resultados dunha medición na fase preoperacional, en tódolos puntos propostos. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e os informes de resultados deben estar asinados polo técnico da entidade realizadora da medición. Os resultados incluirán, sen detrimento dos percentís L, L e L, o parámetro Leq.

10.4. Plan de seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna, que deberá ser elaborado por técnico/s especializado/s na materia e virá asinado polo/s autor/es, constando a súa titulación e acreditación do coñecemento da materia. Desenvolverá, como mínimo, os seguintes aspectos:

* Metodoloxía do seguimento, detallando os controis que se van efectuar e a súa frecuencia, para

a caracterización do comportamento das aves ante os aeroxeradores e a detección de morte por colisión. Para esta última, terase en conta que en cada visita se revisarán os 4 aeroxeradores do parque e que a frecuencia das visitas será como mínimo mensual, contemplando unha quincenal nas épocas reproductoras, de dispersión de xuvenís e de paso migratorio ou movementos locais, así como unha redefinición da frecuencia en función dos resultados do seguimento, incrementándoa no caso de detectarse afeccións.

* Definición xustificada de limiares de afección (alerta e inadmisible) por colisión e aparición de efecto baleiro, que indiquen a necesidade de adoptar medidas protectoras ou correctoras específicas.

* Proposta de medidas protectoras e/ou correctoras que se van adoptar no caso de acada-los anteditos limiares. Medidas propostas para a detección e corrección de impactos puntuais imprevistos, por desvío de rutas migratorias ou pasos, acumulación temporal de aves na área, etcétera.

* Descrición da estructura e contido dos informes que se van presentar, que conterán como mínimo un punto introductorio (indicando datas e descrición das campañas efectuadas), outro cos datos e resultados obtidos e un de valoración, discusión e conclusións finais.

10.5. Proposta metodolóxica para a detección e valoración dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre a avifauna en relación ós parques eólicos de Goa e O Vicedo, así como a súa liña de evacuación, de acordo co punto 6.1 da DIA. Proporanse limiares de risco e medidas correctoras específicas ó respecto.

10.6. Proposta de integración do programa de vixilancia e seguimento ambiental deste parque co do Vicedo, para tódolos indicadores obxecto de seguimento ambiental.

10.7. Addenda ó plan de restauración presentado, que inclúa a descrición e valoración económica de tódalas actuacións previstas para o desmantelamento e abandono do parque, integrada por memoria, planos, prego de condicións e orzamento, que conteña medicións debidamente xustificadas, cadro de prezos unitarios, unidades de obra con prezos descompostos, orzamentos parciais, presuposto total de execución material e orzamento total de execución por contrata.

10.8. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do indicado no punto 12.3 da presente DIA.

10.9. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras (referida á contrata ou contratas que vaian executa-lo parque), de acordo co Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

10.10. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o

indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a totalidade da documentación requirida.

Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, no que figuren tódalas actividades (incluíndo as medidas protectoras e correctoras), indicando, para cada unha, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

No caso de que durante o seguimento ambiental se detectasen, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, comunicando a esta dirección xeral a incidencia detectada e propoñendo as medidas correctoras precisas para corrixilas, que serán avaliadas polo órgano ambiental, quen informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Ó final das obras, comunicarase a data de posta en marcha do parque. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos e o estado final do parque trala finalización das obras, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal; descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos contemplados no estudio ambiental e no condicionado da declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado dos viais, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, zonas nas que se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.2. Informe ambiental semestral: presentarase a partir do inicio da explotación do parque, durante os dous primeiros anos. Incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.

b) Resultados do control dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co indicado no punto 3 da DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o punto 6.1.

d) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, conforme o que se derive da documentación requirida no punto 10.5 da DIA.

e) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos viais, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Describiranse as posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

11.3. Informe ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación, incluído nos informes anuais do parque eólico do Vicedo, de acordo coas condicións que se deriven da documentación requirida no punto 10.6 da DIA. Con carácter xeral, terá os contidos do informe descrito no punto anterior.

Non obstante, esta dirección xeral, á vista dos resultados obtidos no seguimento ou a proposta motivada do promotor, poderá modifica-lo contido e/ou periodicidade do dito informe, así como a frecuencia dos controis que se van realizar.

11.4. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe indicando as posibles variacións respecto do plan de desmantelamento previsto, xunto coa súa xustificación.

11.5. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados dende o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, remitirase un informe acompañado de reportaxe fotográfica, que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas.

12. Condicións adicionais.

12.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

12.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizaralle a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá a súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

12.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

12.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

12.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó medio ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de cento cincuenta e sete mil seiscentos setenta e cinco euros con setenta e dous céntimos (157.675,72). O importe definitivo do aval, que será actualizable, poderá propoñerse cando se dispoña do orzamento da totalidade do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 10.7 da DIA.

12.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera intre e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

12.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

12.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

12.9. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme ó disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado Parque eólico de Goa, promovido pola empresa Eurovento, S.L. Unipersonal, consiste na ampliación do parque eólico do Vicedo mediante a instalación e explotación dun parque eólico composto por 4 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, nos concellos de Viveiro e O Vicedo (Lugo). Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

* Número de aeroxeradores: 4.

* Modelo: Bazán-Bonus 1300.

* Potencia unitaria por aeroxerador: 1.300 kW.

* Potencia total instalada: 5,5 MW.

* Altura das torres: 55 m.

* Diámetro do rotor: 62 m.

* Investimento previsto: 3.941.893 euros.

A obra civil inclúe a execución duns 725 m de viais de acceso ós aeroxeradores, cunha largura de rodadura de 5 m e dotados de foxos e drenaxes para a recollida e evacuación de pluviais. Prevese a execución duns 2.186 m de gabias de conducción do cableado, cunha largura de 80 cm.

Medidas preventivas e correctoras

Protección da atmosfera:

* Rega das superficies cando as obras coincidan co período de estiaxe.

* Realización dun control das emisións de ruído e introducción dun apantallamento en caso necesario.

Protección do solo:

* Disposición das gabias do cableado paralelas e lindantes ós viais en boa parte do seu percorrido.

* Determinación da situación das instalacións auxiliares de obra utilizando na medida do posible as áreas máis degradadas á vista dun experto.

* Evita-las chairas de inundación e zonas próximas a fontes ou áreas de captación de auga con contornos de solos hidromorfos.

* Control topográfico dos límites de escavación e reducción do uso de terras de recheo.

* Reducir ó estrictamente necesario o movemento de terras e a ocupación derivada dos labores de obra civil.

* Realiza-los acopios de terra vexetal e outros préstamos cunha altura máxima de 1,5 m e con criterios de mantemento que garantan a conservación das súas propiedades, grao de humidade, especialmente dos solos con horizonte H.

* Humectación continua en tempos de seca, tanto dos acopios como das zonas de explanación.

* Estabilizar inmediatamente os noiros, terrapléns e materiais mobilizados, empregando mallas para evitar desprazamentos.

* Minimiza-la superficie ocupada polas instalacións necesarias durante esta fase.

* Adecua-la superficie de ocupación das plataformas eólicas á topografía da zona, e reducir na medida do posible a dita superficie, evitando o sobredimensionamento e aproveitando os viais existentes e os de nova construcción.

* Minimiza-la compactación tanto nas plataformas eólicas como nas zonas non ocupadas directamente polas instalacións, pero que poidan ser empregadas para a manobra da maquinaria.

* Controla-lo diámetro de perforación nas voaduras e evita-lo sobredimensionamento.

* Revexetación de tódalas zonas desprovistas de vexetación, incluíndo noiros pedregosos.

* Control e vixilancia continuado durante a fase de obras, especialmente durante a apertura de viais, construcción das zapatas e instalación dos aeroxeradores.

* Control de eficacia das medidas correctoras adoptadas. No caso de que durante a fase de construcción, se comprobase a existencia de formacións que requirisen especial preservación, procederase á reformulación dos labores de execución de obra civil.

* Acondicionamento e rehabilitación das zonas afectadas, redistribuíndo os acopios procedentes dos movementos de terras, recuperación da morfoloxía superficial, acabado e sustentación de terrapléns e noiros. Plan de recuperación de solos e vexetación.

* Na fase de abandono, retirada dos aeroxeradores, inutiliza-lo cableado soterrado e acondicionamento e rehabilitación de tódalas zonas que fosen afectadas polos labores de desmantelamento da instalación.

Protección da rede hidrolóxica:

* Preserva-los cursos hidrográficos, adoptando as medidas correctoras recollidas para o tratamento dos solos.

* Instalaranse trampas de sedimentos ou mallas para controla-la escorrega, reducirase ó mínimo o uso de materiais de recheo e construiranse foxos amplos.

* Evitar no posible as afeccións a canles superficiais, restituíndo a achega de caudais ás vertentes orixinais, evitando a aparición de canles de drenaxe.

Protección da vexetación:

* Mante-lo hábitat existente, reducindo de forma sistemática o grao de ocupación e compactación derivado de calquera obra civil.

* Emprego de técnicas adecuadas de roza da vexetación, que favorezan a revexetación polas especies da zona nas áreas afectadas polas obras.

* Aínda que as instalacións do proxecto non modifican substancialmente as formacións de vexetación de maior valor da zona, deberán terse en conta as medidas correctoras propostas para o solo, co fin de evitar efectos indirectos non desexados.

* Durante a fase inicial do plan de vixilancia levaríase a cabo un recoñecemento de detalle de evolución estacional das especies e comunidades de interese, co fin de afina-la eficacia das medidas correctoras propostas e evita-los efectos das accións de proxecto que puideran transformalas.

Protección da fauna:

* Deseño das torres e pas dos aeroxeradores de xeito que diminúen a posibilidade de colisión de aves. Tecnoloxía de control e funcionamento para evita-los episodios de colisión.

* No caso de detectarse un elevado número de colisións, retrasarase a entrada en funcionamento dos aeroxeradores máis conflictivos.

* Realización dun seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna.

Sobre a paisaxe:

* Acabado exterior da estación de manobra acorde co contorno da zona.

* Aproveitamento de viais existentes na medida do posible.

* Medidas no deseño dos aeroxeradores (diminuí-la sección das pas, torres de baixa solidez) e emprego de cores pouco rechamante no seu acabado, de tons mate.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable, cos seguintes condicionantes que se van incluír na declaración ambiental:

1. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. Durante a fase de execución de obra procederase á inspección dos terreos rozados e dos perfís das gabias.

3. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

5. Tal e como se contempla no artigo 63.2º da citada Lei 8/1995, os traballos arqueolóxicos financiaranse con cargo á execución do proxecto.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a través da Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, emite un informe que inclúe un resumo do proxecto, uns comentarios sobre a calidade da documentación gráfica e escrita e as seguintes consideracións:

Actualmente, o lugar onde se pretende construí-lo parque non presenta ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espacios naturais.

1. En canto á vexetación, explicítase que nigunha das especies que poidan sufrir alteración se atopa no catálogo nacional de especies ameazadas, pero se atopan especies presentes na Directiva 92/43/CEE. Deberá deixarse claro se van ser afectadas, se é o caso, as medidas propostas para evitalo. Minimizarase a superfie alterada, sinalizando as zonas que se van ocupar.

2. Non se efectúa un estudio de efectos acumulativos ou sinérxicos malia que o parque de Goa

é contiguo ó do Vicedo, e próximo ó de Viveiro. Atenderase á sinerxia sobre a avifauna e o impacto visual.

3. No desenvolvemento e aplicación do plan de aves, teranse en conta as seguintes recomendacións:

* Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos, que se establecerá a priori.

* A frecuencia de mostraxe debe considera-las particularidades estacionais e locais da avifauna (migracións, época reproductora, inicio do voo).

* Presentación de forma explícita dos datos empregados na consecución dos resultados.

* O parque eólico pode ocasionar unha mortandade de aves desprezable durante moitos anos e provocar despois repentinamente (durante unha xustaposición casual de certa bandada de aves con certas condicións meteorolóxicas adversas e certa alteración) unha mortandade espectacular de centos de aves nunha soa noite. Polo que o plan debe presentarse para que se solape en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil.

* Determinación de limiares de alerta, cunha metodoloxía rigorosa que sirva para a adopción das medidas oportunas, como pode se-la estipulación dun período de parada de aeroxeradores por mortandade temporal de aves.

* Implementaranse as medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, tanto durante a execución como a explotación. Unha vez detectado o posible impacto adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

* Deberían integrarse nun único plan de vixilancia de aves as afeccións que se produzan polos parques Goa e O Vicedo e liña de evacuación.

4. Con independencia do previsto no Plan de Vixilancia do Estudio Ambiental, durante o replanteo e execución efectuaranse os controis oportunos para garantir que non se producen impactos imprevistos, sobre todo nas poboacións de aves, sen esquece-los demais factores do medio. No momento no que se detecte un posible impacto, tomaranse as medidas oportunas para evitalo, comunicándolle ó correspondente servicio de conservación da natureza tal situación, así como as medidas que se planifican adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de producir afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística que inclúe unha descrición das características do proxecto e da súa localización,

impacto turístico-medioambiental e principios normativos nos que se basea o informe.

No punto de conclusións indican que a instalación producirá unha serie de impactos que deberán ser minimizados coa execución do plan de vixilancia, valorando finalmente o proxecto co incidencia turística moderada.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite un informe que inclúe a descrición da rede hidrolóxica na área do parque, un resumo das características do proxecto avaliado, da súa localización e dos seus efectos, acompañado do seguinte condicionado:

En todo momento, durante a construcción e na fase de explotación deberán terse en conta as medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de verter refugallos neles. Prohibirase a lavada de camións e formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción nas proximidades dos leitos dos regos afectados. A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que trala construcción do parque eólico, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.

As obras non poderán afectar á calidade nin ó volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións. Os servicios de abastecemento terán prioridade fronte a calquera outro, segundo as prescricións establecidas na proposta do plan hidrolóxico de Galicia-Costa.

Un condicionante básico para entender desta área sería que a futura autorización reflictise que a instalación se axustará ó cumprimento da proposta do Plano Hidrolóxico de Galicia-Costa e ás súas directrices, en todos aqueles aspectos que lle sexan de afección.

Se con motivo da realización dalgún acceso ou vial con gabia do cableado prodúcese algún cruzamento cun curso fluvial ou se interrompe algún sistema de abastecemento das parroquias dos consellos afectados, serán necesarias medidas de protección e corrección dos seus efectos, sendo en todo caso preceptiva a autorización do organismo Augas de Galicia, segundo o establece o R.D. 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e a Lei de augas, no texto refundido aprobado polo Real decreto 1/2001, do 20 de xullo.

En definitiva, esta área considera que a instalación do citado parque eólico non produce alteracións importantes en relación coa planificación hidrolóxica da zona, sempre e cando se cumpran as medidas preventivas e correctoras especificadas neste informe.

Non obstante, faise indispensable unha correcta execución do parque, de tal xeito que a incidencia sobre a rede hidrolóxica da zona sexa mínima, evitando a vertedura de substancias contaminantes ou as interrupcións de abastecemento, sendo necesario, neste caso, e atendendo especialmente ós cruzamentos de arroios ou cursos fluviais por parte da conducción eléctrica, a autorización preceptiva segundo a lexislación vixente de augas.