Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 13 de outubro de 2003 Páx. 12.679

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de outubro de 2003 pola que se convoca certame de premios ó deseño de páxinas web, ó desenvolvemento de materiais educativos curriculares en contorno web e a galerías de imaxes neste contorno, dentro do Proxecto Siega.

No marco actual da sociedade da información existe unha crecente demanda social, especialmente nos ámbitos académico e profesional, de recursos educativos multimedia interactivos e de ferramentas informáticas que permitan o establecemento de novas vías de información e comunicación entre os diferentes membros da comunidade educativa.

No comezo da exposición de motivos da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, dise que «os cambios tecnolóxicos transformaron as sociedades modernas en realidades complexas, afectadas por un forte dinamismo que ten

no coñecemento e na información o motivo de desenvolvemento económico e social». En particular, o uso das tecnoloxías da información e das comunicacións no sistema educativo posibilita e facilita este acceso á información e á formación.

Por isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través desta convocatoria e no marco das actuacións que se veñen desenvolvendo dentro do Proxecto Siega (Sistema de Información da Educación Galega), pretende fomenta-lo desenvolvemento de materiais educativos que supoñan a utilización de ferramentas propias da sociedade da información nos centros.

Para tal fin, e por isto

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxectivo.

O obxectivo desta orde é convocar, mediante concurso, un certame de premios ó deseño e contidos de páxinas web, ó desenvolvemento de materiais educativos curriculares en contorno web de materias que constitúen o currículo das ensinanzas non universitarias de plans vixentes ou experimentais, e a galerías de imaxes neste contorno.

Segundo.-Modalidades.

Poderase participar nesta convocatoria por tres modalidades:

* Modalidade A: deseño e contidos de páxinas web de centros educativos.

* Modalidade B: desenvolvemento de materiais educativos curriculares en contornos web.

* Modalidade C: galería de imaxes en contorno web.

Terceiro.-Destinatarios.

Modalidade A: equipos de profesorado de centros educativos de titularidade pública e privados concertados, do ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega, que impartan ensinanzas recollidas no artigo 7.3º da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación.

Modalidades B e C: profesorado e alumnado, separada ou conxuntamente, que teña destino ou estea matriculado, respectivamente, nestes centros. O profesorado participante nesta convocatoria, a título individual ou en grupo, deberá estar en activo e impartindo ensino nos niveis non universitarios.

Cuarto.-Asignación económica.

A cantidade total destinada a premios ascende a 60.000 euros. O seu pagamento farase con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.01.322A.482.0 en contía de 24.000 euros e 07.01.322T.482.0 en contía de 36.000 euros, respectivamente, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha vez realizada a retención correspondente.

Quinto.-Requisitos.

Os proxectos que se presenten por calquera das tres modalidades consideradas, deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Requisitos xerais:

* Os traballos deben ser redactados e presentados en lingua galega.

* Deberán incluírse toda clase de guías, manuais e algún tipo de apoio, con instruccións sinxelas e doadas de seguir.

* O material presentado non poderá incluír publicidade de empresas, productos ou servicios comerciais.

* Tódolos traballos presentados individualmente ou en grupo deberán ser inéditos e orixinais. Non se poderán presentar traballos comercializados nin premiados con anterioridade.

* Os proxectos que se presenten na modalidade A deberán incluír como obrigatorios os seguintes contidos:

-Datos identificativos do centro.

-Ensinanzas que se imparten no centro.

-Xestión administrativa: horarios, avisos, taboleiro de anuncios, etc.

* Os materiais presentados pola modalidade A deberán estar publicados no servidor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no momento de finaliza-lo prazo de entrega fixado nesta convocatoria. Ademais, deberá entregarse unha copia en soporte magnético (CD-ROM).

* Os materiais presentados dentro da modalidade B e as galerías de imaxes presentadas dentro da modalidade C versarán sobre contidos curriculares das diferentes áreas e niveis educativos non universitarios, entregaranse por duplicado en soporte magnético (CD-ROM) e estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización nun navegador estándar.

2. Requisitos técnicos:

* As páxinas deberán aterse ós criterios xerais de deseño, navegabilidade e uso que se indican:

-Sempre que sexa posible, evitar no corpo do texto as barras de desprazamento (scroll).

-En tódalas páxinas debe estar presente un menú que permita o acceso a todos eles.

-Ter en conta a correcta visualización na maioría dos navegadores, nas súas últimas versións e sistemas operativos.

-Realiza-los interfaces co obxectivo de que o seu deseño sexa visualizado correctamente a partir da configuración de pantalla de 800x600.

-Recorrer ó uso de follas de estilo en fervenza (CSS).

-Mediante iconos ou texto debe indicárselle a quen navega en que sección se encontra, a onde pode ir, como pode volver á páxina principal, etc.

-Debe tenderse á máxima estandarización e a empregar unha simboloxía unívoca e doada de comprender.

-Co fin de achega-los contidos ós usuarios, debe facerse un deseño atractivo, amigable e funcional das interfaces.

-Para evitar tempos de descarga excesivos non se deben recarga-las páxinas de excesivas imaxes.

-Non deberán utilizarse letras maiúsculas, acentos, espacios en branco ou outros caracteres especiais nos nomes de ningún dos arquivos ou carpetas incluídos nas aplicacións, sexan estas páxinas htm, imaxes ou de calquera outro tipo.

* As páxinas web realizaranse en formato HTML, e a súa extensión será «.html» ou «.htm».

* Se as páxinas incluísen compoñentes multimedia que requirisen unha instalación de módulos adicionais no navegador, deberá advertirse isto na páxina inicial e indica-las instruccións de descarga, instalación e configuración necesarias.

* As galerías de imaxes presentadas dentro da modalidade C cumprirán, ademais, os seguintes requisitos:

-Un mínimo de 75 imaxes.

-As imaxes presentaranse en formato JPEG, cun tamaño mínimo de 640x480 píxeles.

-Virán presentadas no contorno web, de xeito que apareza unha páxina inicial na que se inclúan as miniaturas das fotos e permita o acceso directo a cada unha.

-Cada imaxe deberá ir acompañada do pé de foto correspondente, onde aparecerán: a data, o motivo representado e, opcionalmente, a aplicación didáctica, etc.

Sexto.-Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

1. Solicitudes.

Os participantes que, reunindo as condicións esixidas, desexen acceder a esta convocatoria, formularán as súas solicitudes por medio de instancias de acordo cos modelos que figuran nos anexos.

As solicitudes poderán presentarse no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Documentación.

* Modalidade A.

-Solicitude de participación segundo o modelo do anexo I.

-Declaración asinada pola persoa responsable da páxina web, segundo o anexo III desta convocatoria.

-Aprobación, por parte do Consello Escolar do centro, da participación deste neste certame, segundo o anexo IV.

-Certificado orixinal do secretario do centro, segundo o anexo V desta convocatoria, que acredite que o autor ou os coautores están matriculados nel ou pertencen ó seu cadro de persoal.

* Modalidades B e C.

-Solicitude de participación segundo o modelo do anexo II.

-Certificado orixinal do secretario do centro ou centros dos autores, segundo o anexo VI, que acredite que estes son alumnos matriculados no centro ou profesores pertencentes ó seu cadro de persoal.

-Declaración asinada por tódolos autores do proxecto, segundo o anexo VII desta convocatoria.

Os participantes na modalidade B deberán incluír tamén unha memoria detallada, escrita en formato DIN A4, onde conste:

-Exposición e descrición das características técnicas para a utilización dos programas.

-Descrición do procedemento e dos medios utilizados.

-Características do software e hardware necesarios para a súa utilización.

-Guía detallada.

3. Prazos de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ó da publicación desta orde e finalizará o día 15 de novembro de 2003.

Sétimo.-Criterios de selección. Comisión de selección.

1. Criterios de valoración. Máximo 100 puntos.

* Modalidade A.

Para a valoración das páxinas presentadas teranse en conta, tanto a calidade técnica coma o contido educativo destas, de acordo co seguinte baremo:

-Calidade dos contidos relacionados coa organización do centro e a participación da comunidade educativa, ata un máximo de 20 puntos.

-Calidade, secuenciación e desenvolvemento de actividades e de exercicios relacionados coas diferentes áreas e materias curriculares, os contidos transversais e o respecto implícito ós valores constitucionais, ata un máximo de 50 puntos.

-Calidade técnica da páxina web, boa organización desta e facilidade de navegación, segundo se describe no punto quinto desta orde, ata un máximo de 30 puntos.

* Modalidade B.

Para a valoración dos proxectos curriculares presentados terase en conta, tanto a calidade técnica como o contido educativo destes, de acordo co seguinte baremo:

-Axuda que presenta á resolución de problemas didácticos concretos dunha materia, ata un máximo de 30 puntos.

-Que proporcione mecanismos de comprensión dos procesos implicados e non interveñan elementos de motivación alleos ó proceso de aprendizaxe, ata un máximo de 25 puntos.

-Facilidade de manexo, funcionalidade e posibilidade de modificacións, ata un máximo de 25 puntos.

-Calidade da documentación do programa e transferibilidade ós centros educativos, ata un máximo de 20 puntos.

* Modalidade C.

Terase en conta a calidade técnica e o contido educativo das galerías de imaxes de acordo co seguinte baremo:

-Aproveitamento didáctico das imaxes presentadas, ata un máximo de 35 puntos.

-Calidade técnica e artística das fotografías, ata un máximo de 30 puntos.

-Contribución a unha visión global do tema escollido, ata un máximo de 20 puntos.

-Presentación e facilidade de navegación pola galería a través da páxina web índice, ata un máximo de 15 puntos.

2. Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección presidida polo secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue, e integrada polos seguintes membros:

Vocais:

-O xefe da Área de Sistemas de Información e Comunicacións.

-Catro membros do persoal docente especialistas en novas tecnoloxías.

Secretario: un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elevará a proposta de concesión dos premios ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

A comisión de selección terá a facultade de declarar deserto un, varios ou a totalidade dos premios na proposta de concesión. De quedaren desertos un ou varios premios, a súa contía poderá acumularse a outras categorías. Igualmente, a comisión de selección poderá requiri-los participantes que acheguen as informacións e aclaracións que coide oportunas.

A orde de concesión determinará en cada caso os beneficiarios e a contía dos premios.

Oitavo.-Contía dos premios e forma de pagamento.

Os premios que se poderán outorgar e a súa contía serán os seguintes:

* Modalidade A.

-Equipos de profesorado de escolas de educación infantil, centros rurais agrupados, centros de educación primaria, centros de educación infantil e primaria e centros públicos integrados:

a) Un primeiro premio de 3.000 euros.

b) Un segundo premio de 2.500 euros.

c) Un terceiro premio de 2.000 euros.

d) Un cuarto premio de 1.500 euros.

e) Un quinto premio de 1.000 euros.

-Equipos de profesorado do resto dos centros educativos de ensinanzas non universitarias:

a) Un primeiro premio de 3.000 euros.

b) Un segundo premio de 2.500 euros.

c) Un terceiro premio de 2.000 euros.

d) Un cuarto premio de 1.500 euros.

e) Un quinto premio de 1.000 euros.

* Modalidade B.

-Educación infantil e primaria:

a) Un primeiro premio de 4.500 euros.

b) Un segundo premio de 3.000 euros.

c) Un terceiro premio de 2.000 euros.

d) Un cuarto premio de 1.500 euros.

e) Un quinto premio de 1.000 euros.

-Ensino secundario obrigatorio e bacharelato:

a) Un primeiro premio de 4.500 euros.

b) Un segundo premio de 3.000 euros.

c) Un terceiro premio de 2.000 euros.

d) Un cuarto premio de 1.500 euros.

e) Un quinto premio de 1.000 euros.

-Ciclos formativos e outras ensinanzas:

a) Un primeiro premio de 4.500 euros.

b) Un segundo premio de 3.000 euros.

c) Un terceiro premio de 2.000 euros.

d) Un cuarto premio de 1.500 euros.

e) Un quinto premio de 1.000 euros.

* Modalidade C.

-Profesorado e/ou alumnado de escolas de educación infantil, centros rurais agrupados, centros de educación primaria, centros de educación infantil e primaria e centros públicos integrados.

a) Un primeiro premio de 600 euros.

b) Un segundo premio de 400 euros.

c) Un terceiro premio de 250 euros.

d) Cinco accésit cunha contía de 150 euros cada un.

-Profesorado e/ou alumnado do resto dos centros educativos de ensinanzas non universitarias.

a) Un primeiro premio de 600 euros.

b) Un segundo premio de 400 euros.

c) Un terceiro premio de 250 euros.

d) Cinco accésit cunha contía de 150 euros cada un.

Os premios concedidos serán incompatibles con calquera outro tipo de premio, mención ou axuda económica da índole que sexa á que puidesen opta-los proxectos presentados.

O pagamento do importe correspondente ós premios farase por transferencia bancaria a nome do autor ou autora se o traballo é individual. No caso de que o traballo sexa colectivo, establecerase na solicitude se o pagamento se lle fará ó coordinador ou a tódolos integrantes do grupo, tendo en conta que porcentaxe se distribuirá dentro deste.

Noveno.-Resolución da convocatoria.

O prazo máximo de resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, entendéndose desestimadas as solicitudes presentadas no caso de non resolverse neste prazo.

A proposta da concesión de premios emitida pola comisión de selección elevarase ó conselleiro de

Educación e Ordenación Universitaria, para a súa resolución e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen prexuízo de cantos outros recursos considere oportuno interpor.

Décimo.-Obrigas do beneficiario.

O beneficiario ten a obriga de facilita-la información que lle sexa requirida, ademais dos programas fontes cos códigos precisos, textos, imaxes, fontes tipográficas e recursos multimedia.

Todo este material e documentación quedará en posesión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que reserva para si a facultade de publicalos e difundilos polos medios que considere axeitados. Así mesmo, os autores dos proxectos premiados comprométense a colaborar coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na adecuación dos traballos ós criterios que esta coide oportunos para a súa difusión e utilización.

Décimo primeiro.-Certificacións dos traballos.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expedirálle-las oportunas certificacións ós participantes nos traballos premiados ou con mención de accésit.

Décimo segundo.-Retirada dos materiais non seleccionados.

Os interesados ou os seus representantes legais poderán retira-la documentación dos traballos non premiados na Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; edificio administrativo San Caetano, no prazo de 30 días contados desde a publicación da resolución do concurso.

Décimo terceiro.-Recurso.

Contra esta orde poderá interporse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, segundo prevé a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta convocatoria entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria