Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 13 de outubro de 2003 Páx. 12.678

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 24 de setembro de 2003 pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Cabaleiro Goás.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Cabaleiro Goás, con domicilio en Ourense.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Cabaleiro Goás foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o día vintenove de maio de dous mil tres, ante o notario Enrique Hernanz Vila, co número de protocolo setecentos cincuenta e nove por Manuel Cabaleiro Fabeiro, Alfonso Clemente González, Francisco Javier Puente Prieto, Carmen Mª Torrado Cerdeiriña, Mª Dolores Cobas Brey, Mª del Carmen Villar Suárez, José Luis García Rodríguez e Ovidio Fernández Álvarez; interveñen todos no seu propio nome e dereito e ademais Manuel Cabaleiro Fabeiro como representante da comunidade de herdeiros do Dr. Cabaleiro Goás, Alfonso Clemente González na súa condición de xerente xeral do Complexo Hospitalario de Ourense, Francisco Javier Puente Prieto na súa condición de director operativo do Complexo Hospitalario de Ourense, Carmen Mª Torrado Cerdeiriña na súa condición de representante do Complexo Hospitalario de Ourense, Mª Dolores Cobas Rey como directora de Recursos Económicos e Servicios Xerais do Complexo

Hospitalario de Ourense, Mª Carmen Villar Suárez na súa condición de representante da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, José Luis García Rodríguez na súa condición de presidente da Comisión de Investigación do Complexo Hospitalario de Ourense e Ovidio Fernández Álvarez na súa condición de presidente da Comisión de Docencia do Complexo Hospitalario de Ourense.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 8 dos seus estatutos, organizar, promover e realizar actividades relacionadas coa formación, docencia e investigación en ciencias da saúde no Complexo Hospitalario de Ourense e a súa área de influencia, con interese preferente nas áreas biomédicas e na saúde mental.

A planificación das actividades da Fundación Cabaleiro Goás considerará as necesidades do corpo social e orientará sempre a súa actividade da acordo coas directrices, obxectivos e prioridades institucionais da Consellería de Sanidade e do Sergas.

4. O padroado da fundación estará integrado segundo se especifica no artigo 10 dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, proposta de clasificación como benéfico social da Fundación Cabaleiro Goás, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico social e á súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de setembro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Cabaleiro Goás adscribíndoa á Consellería de Sanidade que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública