Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 10 de outubro de 2003 Páx. 12.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2003, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da modificación dos artigos 4 e 7 do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Alúmina Española, S.A. e Aluminio Español, S.A.

Visto o acordo para a modificación dos artigos 4 e 7 no convenio colectivo da empresa Alúmina Española, S.A. e Aluminio Español, S.A. (código 2700062), no seu centro de traballo de San Cibrao, asinado o día 29 de maio de 2003, pola representación da mentada empresa e dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 puntos 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado acordo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado acordo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Lugo, 19 de xuño de 2003.

Ana Chao Vázquez

Delegada provincial de Lugo

Acta da comisión negociadora do convenio colectivo para o centro de traballo de San Cibrao (Lugo)

Representantes dos traballadores:

José Luis Combarro Infantes.

Francisco Jiménez Corpas.

Jesús García García.

Manuel J. Fernández Rodríguez.

Representantes da dirección:

Emilio Marcos García.

Reunidos en San Cibrao, o día 29 de maio de 2003, as persoas arriba referenciadas, integrantes da comisión negociadora do 12ª convenio colectivo para o centro de traballo de San Cibrao, adoptan os seguintes acordos:

Primeiro.-Modifica-lo artigo 4 do 12º convenio colectivo, que queda redactado como segue:

Ámbito funcional.

Por razóns da función quedan excluídos das disposicións deste convenio, agás no disposto no artigo 7.2º del, os postos denominados función directiva.

Non obstante o anterior, calquera dos ocupantes dos postos de encargado disporán dun prazo de tres meses, a partir da sinatura deste convenio, para solicita-la súa inclusión nel. Ós ditos ocupantes seralles mantido o posto de traballo e a súa categoría profesional, adaptándose a súa retribución á liña marcada neste convenio.

Segundo.-Modifica-lo artigo 7, engadindo un novo punto 2, do 12º convenio colectivo, que queda redactado como segue:

Artigo 7.-Ingresos de persoal.

A selección e admisión do persoal será realizada pola dirección de empresa, que someterá ós solicitantes ás probas médicas, psicotécnicas e profesionais que considere necesarias.

En toda contratación deberán quedar garantidos os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como de publicidade.

O comité de empresa disporá de información, con antelación suficiente, dos procesos de selección que vaian ser convocados.

A dirección, consciente da responsabilidade social da empresa no contorno, comprométese, para a provisión autorizada de vacantes, a acudir preferentemente ás oficinas de emprego da zona, unha vez esgotadas as posibilidades de cobertura con persoal

do cadro de persoal do propio centro de traballo ou doutros centros do grupo Inespal.

En todo caso, a dita provisión realizarase dentro dun prazo de 2 meses, agás que medien circunstancias excepcionais que serán comunicadas ó comité de empresa.

O comité de empresa, recibirá mensualmente relación nominal das altas e baixas habidas no cadro de persoal, así como das previsións de cobertura que vaian producirse.

Durante a vixencia de convenio a dirección fomentará na medida do posible a suscrición de concertos con institucións o centros educativos, co obxecto de facilita-las accións de formación ou aprendizaxe.

7.1. Contrato de relevo.

Acórdase o establecemento de contratos de relevo nas seguintes condicións: réxense polo establecido no artigo 12.6 do Estatuto dos traballadores, así como o establecido no capítulo IV do Real decreto 144/1999, do 29 de xaneiro, e coas especificacións que se recollen a continuación:

Persoal afectado.

Afectará exclusivamente a aqueles empregados que se rexan integramente por convenio colectivo do centro Alúmina Española, S.A. e Aluminio Español S.A. en San Cibrao. O seu ofrecemento será obrigatorio para a empresa e a súa aceptación voluntaria para o traballador.

Calendario de aplicación.

Durante o ano 2001 ó persoal con 62 anos cumpridos ou máis.

Durante o ano 2002: 61 anos ou máis.

Durante o ano 2003: 60 anos.

Durante o ano 2004: 60 anos.

Consideraranse para estes efectos os coeficientes reductores de idade de xubilación que puidesen existir.

Condicións económicas para persoal substituído de convenio colectivo.

Sempre que se dean os requisitos legais para poder ter acceso á xubilación parcial, e desde o día do cesamento no traballo a xornada completa, o empregado substituído para a tempo pacial, ó 23% da súa xornada, cobrando os seus devengos por parte da empresa nesa proporción e cobrando a pensión de xubilación parcial correspondente. A empresa complementará a suma de tódalas prestacións que reciba o empregado ata acadar brutas o 78% da retribución bruta anual que lle correspondería de estar a tempo completo e ata o momento da extinción da pensión da xubilación parcial por calquera das causas previstas no artigo 15 do Real decreto 144/1999, do 29 de xaneiro.

Os beneficios sociais da persoa substituída, por estaren a tempo parcial, serán proporcionais.

Plan de pensións: a empresa realizará as achegas correspondentes como se o empregado se atopase traballando a tempo completo.

Condicións para o empregado relevista de convenio colectivo:

O empregado de novo ingreso de convenio colectivo, entrará nas seguintes condicións:

1. O contrato será a tempo completo, agás que por interese do novo empregado e co fin de axiliza-lo relevo, sexa a tempo parcial. Neste caso o contrato non poderá ser inferior ó 77 % da xornada ordinaria.

2. A duración do contrato de relevista será a que estableza a lexislación vixente para estes contratos.

Flexibilidade nos relevos.

O momento de saída do empregado substituído está condicionado á existencia do relevo adecuado, e para facilitalo, ámbalas partes acordan:

1. Unha vez formalizado o contrato de relevo, a dirección establecerá un período de solapamento para formación do relevista no posto por un período máximo de tres meses.

2. Permítese que o relevo do persoal de oficina sexa de producción/mantemento e viceversa.

3. O relevista non impedirá a promoción interna, entrando ó nivel máis baixo dentro de cada grupo profesional, cando a dita posibilidade sexa viable.

4. Os relevistas serán dentro da unidade de traballo que forman as sociedades Alúmina Española, S.A. e Aluminio Español, S.A., en San Cibrao, non sendo necesario que coincidan na mesma sociedade o relevista e o relevado.

7.2. Xubilación forzosa.

Dado o compromiso de rexuvenecemento de cadros de persoal que persegue a regulación do contrato de relevo, establécese como idade máxima de xubilación na empresa a de 65 anos, que operará como idade de xubilación forzosa para o traballador, sempre que reúna os requisitos para acceder á pensión da Seguridade Social.

Afectará a todo o persoal do centro de traballo de Aluminia Española, S.A. e Aluminio Español, S.A. en San Cibrao.

7.3. Vixencia.

As condicións aquí pactadas só serán de aplicación durante a vixencia deste convenio colectivo.

Terceiro.-As modificacións acordadadas entrarán con efectos da data de publicación do 12º convenio colectivo.