Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 10 de outubro de 2003 Páx. 12.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de outubro de 2003 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. A fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día trinta de xullo de dous mil tres, ante o notario Manuel Remuñán López, co número de protocolo oitocentos trinta e sete, por Aurelio Miras Portugal que intervén en nome e representación da Xunta de Galicia.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 6º dos estatutos, intermediar na xestión das actuacións necesarias para a obtención dos fondos dos organismos nacionais e internacionais destinados a financiar programas de axuda humanitaria.

Igualmente, a prestación de asistencia de forma rápida e eficaz en crises humanitarias en casos de urxente necesidade e, particularmente, en coordinación coas comunidades galegas radicadas nas áreas afectadas.

Así mesmo, realizará actividades formativas que teñan como finalidade a capacitación de voluntarios e profesionais en materia de asistencia humanitaria,

así como campañas de sensibilización entre a poboación galega e as comunidades galegas no exterior.

4. O padroado da fundación estará integrado segundo se especifica no artigo 10º dos seus estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Emigración.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34º da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 30 de setembro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia e adscribila á Consellería de Emigración, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública