Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 10 de outubro de 2003 Páx. 12.607

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2003 pola que se ordena a publicación do Regulamento de réxime interior do Consello Galego de Pesca.

O Decreto 246/2002, do 18 de xullo, regula o Consello Galego de Pesca, establecéndose no seu artigo 3 que as normas de réxime interior que regulen o seu funcionamento serán elaboradas por unha comisión composta por cinco membros, designada para o efecto entre os vocais do Pleno, debendo aprobarse na seguinte reunión á da constitución deste último, e publicándose no Diario Oficial de Galicia por resolución do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

En consecuencia, e á vista do Regulamento de réxime interior do Consello Galego de Pesca, aprobado polo Pleno do consello na sesión celebrada o 12 de setembro de 2003,

RESOLVO:

Ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento de réxime interior do Consello Galego de Pesca, aprobado polo Pleno do Consello na sesión celebrada o 12 de setembro de 2003, que se insire como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO

Regulamento de réxime interior

do Consello Galego de Pesca

TÍTULO I

Da natureza, réxime xurídico e composición

do Consello Galego de Pesca

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

O Consello Galego de Pesca é un órgano colexiado, consultivo e asesor da Xunta de Galicia nos asuntos da pesca, marisqueo e acuicultura con incidencia no sector galego e dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

1. A organización e funcionamento do Consello Galego de Pesca rexerase polo disposto no Decreto 246/2002, do 18 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Pesca, e por este regulamento.

2. En todo o non previsto nas citadas disposicións, aplicarase o disposto, respecto ós órganos colexiados, no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Sede.

O Consello Galego de Pesca terá como sede os servicios centrais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en Santiago de Compostela.

Artigo 4º.-Composición.

O Consello Galego de Pesca terá a composición establecida no Decreto 246/2002, do 18 de xullo.

Artigo 5º.-Duración do mandato.

1. O mandato dos membros do Consello Galego de Pesca será de catro anos, renovables por períodos de igual duración, e empezará a computarse desde a data da constitución do Pleno do Consello.

2. O mandato do membro do Consello nomeado para ocupar unha vacante producida por cesamento anticipado no cargo doutro membro, computarase desde a notificación do seu nomeamento pola organización ou entidade que o designou á Secretaría do Consello, e expirará ó mesmo tempo que o dos restantes membros do Consello.

3. Os membros do Consello continuarán no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión dos membros do novo Consello.

4. En ningún caso a renovación de tódolos membros do Consello paralizará o seu funcionamento e os traballos que se estivesen desenvolvendo.

TÍTULO II

Dos membros do Consello

Artigo 6º.-Dereitos.

Os membros do Consello Galego de Pesca, que actuarán no exercicio das súas funcións con plena autonomía e independencia, teñen dereito a:

a) Participar con voz e con voto nas sesións do Pleno e das comisións sectoriais de que formen parte.

b) Asistir ás reunións de calquera das comisións sectoriais nas que estean integrados, podendo facer uso da palabra, logo de autorización do presidente.

c) Acceder á documentación que estea na secretaría do Consello.

d) Dispoñer da información relativa ós temas ou estudios que sexan desenvolvidos polo Pleno ou polas comisións sectoriais.

e) Presentar mocións e suxestións para a súa consideración polo Pleno ou polas comisións sectoriais e deixar constancia dos seus votos particulares ós acordos adoptados.

Artigo 7º.-Deberes.

Os membros do Consello Galego de Pesca teñen o deber de:

a) Asistir ás sesións do Pleno e das comisións sectoriais ás que fosen convocados, e participar nos seus traballos. No caso de non poder asistir, deberán facerllo saber ó seu suplente coa debida antelación.

b) Adecua-la súa conducta a este regulamento e ás directrices e instruccións que, no seu desenvolvemento, dicte o propio Consello.

c) Gardar reserva en relación coas actuacións do Consello que, por decisión dos seu órganos, se declaren reservadas.

d) Non facer uso da súa condición de membro do Consello para o exercicio de actividades profesionais, mercantís ou industriais.

Artigo 8º.-Incompatibilidades.

As persoas designadas como expertos estarán suxeitas á lexislación estatal e autonómica sobre incompatibilidades.

Artigo 9º.-Indemnizacións.

A pertenza ó Consello Galego de Pesca non será remunerada, sen prexuízo da percepción de indemnizacións por asistencia e gastos de desprazamento a cada unha das sesións do Pleno ou comisións sectoriais que se celebren. Para tales efectos, habilitaranse os fondos necesarios para aboa-las cantidades que correspondan.

Artigo 10º.-Cesamento e provisións de vacantes.

1. Os membros do Consello Galego de Pesca cesarán:

a) Ó termo do período de catro anos para o que foron designados.

b) Por incorrer en causa de incompatibilidade.

c) Por renuncia.

d) Por proposta das organizacións ou entidades que os designaron, ou das comisións sectoriais respecto ós vocais no Pleno por elas elixidos.

e) Por falecemento.

2. No caso de que algún membro, titular ou suplente, do Consello incorra en ausencias reiteradas e inxustificadas ás sesións do Pleno ou das comisións sectoriais, ou incumpran gravemente os seus deberes, o Pleno ou as comisións sectoriais, mediante acordo motivado, poderán dirixirse á organización ou á entidade que o designou para que propoña o seu cesamento e substitución como membro do Consello.

3. No caso de que se produzan vacantes por cesamento anticipado, a organización ou entidade á que pertenza o membro do Consello que perdera a súa condición deberá comunicarlle á Secretaría do Consello o nome da persoa designada para substituílo.

Artigo 11º.-Ausencia e substitución.

1. Nos supostos de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os membros titulares do Consello Galego de Pesca poderán ser substituídos polos seus suplentes, que terán os mesmos dereitos e deberes.

2. Os membros titulares e os suplentes poderán ser substituídos pola organización ou entidade que os designou. Respecto dos vocais que representan no Pleno as diversas comisións sectoriais, a súa substitución deberá ser acordada por estas.

3. A substitución á que se refiren os puntos anteriores deberá serlle comunicada previamente a Secretaría do Consello.

4. Non se admite delegación de voto noutros membros do Consello.

TÍTULO III

Dos órganos do Consello Galego de Pesca

Artigo 12º.-Órganos.

Os órganos que compoñen o Consello Galego de Pesca son o Pleno e as comisións sectoriais.

Capítulo I

Do pleno

Artigo 13º.-Composición.

O Pleno do Consello Galego de Pesca estará integrado pola totalidade dos membros que o compoñen segundo o establecido no Decreto 246/2002, baixo a dirección do presidente e asistido polo secretario.

Artigo 14º.-Funcións.

Son funcións do Pleno as seguintes:

a) Acorda-la elaboración de cantos estudios ou informes se estimen oportunos para favorece-lo desenvolvemento do sector pesqueiro galego e a planificación pesqueira por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e todos aqueles que sexan solicitados pola consellería.

b) Estudiar e propoñerlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos as reformas que considere necesarias na regulamentación pesqueira de carácter rexional ou nacional que poidan influír no ordenamento do sector pesqueiro de Galicia.

c) Analizar e propoñe-las regulamentacións que, en materia pesqueira, se consideren necesarias.

d) Realizar consultas a outros organismos e institucións.

e) Elaborar informes e dictames en tódolos casos nos que así dispoña a maioría simple dos seus membros e, ademais, naqueloutros que así o solicite a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

f) Elaborar dictames sobre os anteproxectos de lei e proxectos de decretos lexislativos en materia de pesca, marisqueo e acuicultura.

g) Ter coñecemento, coa antelación suficiente, do proxecto de orzamentos anual da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

h) Aproba-lo réxime de organización e funcionamento interno do Consello.

Capítulo II

Comisións sectoriais

Artigo 15º.-Comisións sectoriais.

As comisións sectoriais do Consello Galego de Pesca son as previstas no Decreto 246/2002.

Artigo 16º.-Composición.

As comisións sectoriais ás que se refire o artigo anterior estarán integradas polos seguintes membros:

a) O presidente, que será un director xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos con competencia na materia e nomeado polo conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

b) Seis vocais en representación das organizacións sindicais máis representativas ou de maior representatividade da Comunidade Autónoma de Galicia, dous por cada unha delas.

c) Seis vocais en representación do sector ó que se refire a comisión.

d) Nas comisións sectoriais de pesca de artes fixas e menores en caladoiro nacional, de pesca de cerco, de marisqueo a pé e de marisqueo desde embarcación, ademais dos vocais previstos nas alíneas b) e c) anteriores, figurarán tres vocais como representantes das federacións provinciais de confrarías, un vocal por cada unha delas.

e) O secretario, que será o do Pleno do Consello Galego de Pesca.

Artigo 17º.-Funcións.

En relación cos temas concretos e específicos que se correspondan co seu ámbito sectorial, as comisións sectoriais terán as seguintes funcións:

a) Acorda-la elaboración de cantos estudios ou informes se estimen oportunos para favorece-lo desenvolvemento do sector pesqueiro galego e a planificación pesqueira por parte da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e todos aqueles que sexan solicitados pola consellería.

b) Estudiar e propoñerlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos as reformas que considere necesarias na regulamentación pesqueira de carácter rexional ou nacional que poidan influír no ordenamento do sector pesqueiro de Galicia.

c) Analizar e propoñe-las regulamentacións que, en materia pesqueira, se consideren necesarias.

d) Realizar consultas a outros organismos e institucións.

Capítulo III

Do presidente

Artigo 18º.-Funcións.

1. Son funcións do presidente do Pleno e das comisións sectoriais:

a) Dirixir, promover e coordina-las actuacións dos seus respectivos órganos.

b) Convoca-las sesións ordinarias e extraordinarias e fixa-la orde do día, tendo en conta, se é o caso, as propostas e peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Presidi-las sesións, dictando as directrices xerais para o seu axeitado goberno e moderando o desenvolvemento dos debates.

d) Fixa-los prazos en que deberán emitirse, se é o caso, os informes requiridos.

e) Dirimir co seu voto os empates, para efectos de adoptar acordos.

f) Visa-las actas e certificacións dos acordos adoptados, asegurando o seu cumprimento.

g) Solicita-la colaboración que estime pertinente a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións e particulares.

h) Cumprir e facer cumprir este regulamento, propoñéndolle ó Pleno a súa interpretación nos casos de dúbidas ou omisións nos casos de falta de previsión normativa.

i) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente do órgano.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o vicepresidente substituirá o presidente no Pleno, con plenitude de facultades e deberes, e exercerá as funcións que lle delegue o presidente.

3. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do presidente da comisión sectorial, substituirao outro director xeral ou delegado territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con plenitude de facultades e deberes.

Capítulo IV

O secretario

Artigo 19º.-Nomeamento.

O secretario será nomeado polo conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos entre os funcionarios que presten servicio na Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo co establecido no artigo 5.1º do Decreto 246/2002, do 18 de xullo.

Artigo 20º.-Funcións.

1. Correspóndenlle ó secretario do Pleno e das comisións sectoriais as seguintes funcións:

a) Asistir, con voz pero sen voto, ás reunións do Pleno e das comisións sectoriais.

b) Efectua-la convocatoria das sesións dos órganos por orde do seu presidente, así como as citacións ós seus membros, xunto coa documentación pertinente.

c) Custodia-la documentación dos órganos do Consello Galego de Pesca.

d) Executa-las dilixencias que lle sexan encomendadas polos presidentes.

e) Prepara-los asuntos que teñan que ser tratados en cada reunión, segundo a orde do día.

f) Redactar e autoriza-las actas das sesións co visto e prace do presidente.

g) Remitir unha copia da acta das sesións do Pleno ou das comisións sectoriais ós membros dos citados órganos.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade, o secretario poderá ser substituído por outro funcionario da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

TÍTULO IV

Do funcionamento do Consello Galego de Pesca

Capítulo I

Pleno

Artigo 21º.-Das sesións.

O presidente do Consello, por propia iniciativa ou por proposta do Pleno, poderá invitar ás sesións do Pleno a persoas responsables das políticas sectoriais con incidencia significativa nos ámbitos da pesca, marisqueo e acuicultura que sexan obxecto de estudio ou análise, así como a funcionarios, representantes do sector privado ou expertos.

Artigo 22º.-Convocatoria das sesións.

1. O Pleno reunirase con carácter ordinario, como mínimo, dúas veces ó ano, celebrándose a primeira sesión durante o segundo trimestre do ano e a segunda sesión durante o cuarto trimestre do mesmo ano. A convocatoria remitirase ós membros do Pleno cun mínimo de 10 días de antelación.

2. As sesións extraordinarias do Pleno poderán ser convocadas polo presidente, cunha antelación mínima de setenta e dúas horas, en calquera dos seguintes supostos:

a) Por propia iniciativa.

b) Mediante solicitude de, alomenos, un tercio dos seus membros, dirixida ó presidente, na que, ademais das sinaturas, consten os motivos e o asunto que se vai tratar. Neste caso, o prazo máximo para a súa celebración será de dez días.

3. Á convocatoria, que conterá a orde do día da sesión, xuntarase a documentación específica sobre os temas que se van tratar.

4. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes tódolos membros do Pleno e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 23º.-Quórum de constitución.

Para a válida constitución do Pleno será necesaria a presencia do presidente e do secretario, ou persoas que os substitúan e, en calquera caso, a da maioría absoluta dos seus membros en primeira convocatoria; en segunda convocatoria, que será transcorridos quince minutos, bastará para a válida constitución, ademais do presidente e do secretario, ou persoas que os substitúan, a asistencia de, polo menos, unha terceira parte dos seus membros.

Artigo 24º.-Deliberacións.

1. O presidente abrirá a sesión, dirixirá os debates e velará pola observancia do regulamento.

2. O presidente, por propia iniciativa, poderá limita-lo tempo de que dispoñen os oradores, antes de iniciar un debate ou durante este. O presidente acordará o peche do debate.

3. O Pleno, por proposta do presidente, poderá acorda-la suspensión da sesión, fixando o momento no que se ten que restablecer.

4. O presidente, logo de acordo do Pleno, poderá pospoñer calquera punto da orde do día para a próxima reunión do Pleno.

Capítulo II

Comisións sectoriais

Artigo 25º.-Das sesións.

O presidente das comisións sectoriais, por propia iniciativa ou por proposta dos seus integrantes, poderá invitar ás sesións da comisión sectorial a persoas responsables das políticas sectoriais con incidencia significativa nos temas concretos e específicos que sexan obxecto de estudio ou análise na comisión sectorial, así como a funcionarios, representantes do sector privado ou expertos.

Artigo 26º.-Convocatoria das sesións.

1. As comisións sectoriais reuniranse con carácter ordinario, como mínimo, unha vez cada tres meses. A convocatoria remitirase ós seus membros cun mínimo de 10 días de antelación.

2. As sesións extraordinarias das comisións sectoriais poderán ser convocadas polo presidente, cunha antelación mínima de setenta e dúas horas, en calquera dos seguintes supostos:

a) Por propia iniciativa.

b) Mediante solicitude de, polo menos, un tercio dos seus membros, dirixida ó presidente, na que, ademais das sinaturas, consten os motivos e o asunto que se vai tratar. Neste caso, o prazo máximo para a súa celebración será de dez días.

3. Á convocatoria, que conterá a orde do día da sesión, xuntarase a documentación específica sobre os temas que se van tratar.

4. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes tódolos membros da comisión sectorial e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

Artigo 27º.-Quórum de constitución.

Para a válida constitución das comisións sectoriais será necesaria a presencia do presidente e do secretario, ou persoas que os substitúan e, en calquera caso, a da maioría absoluta dos seus membros en primeira convocatoria; en segunda convocatoria, que será transcorridos quince minutos, bastará para a válida constitución, ademais do presidente e do secretario, ou persoas que os substitúan, a asistencia de, polo menos, unha terceira parte dos seus membros.

Artigo 28º.-Deliberacións.

1. O presidente abrirá a sesión, dirixirá os debates e velará pola observancia do regulamento.

2. O presidente, por propia iniciativa, poderá limita-lo tempo de que dispoñen os oradores, antes de iniciar un debate ou durante este. O presidente acordará o peche do debate.

3. A comisión sectorial, por proposta do presidente, poderá acorda-la suspensión da sesión, fixando o momento no que se ten que restablecer.

4. O presidente, logo de acordo da comisión sectorial, poderá pospoñer calquera punto da orde do día para a próxima reunión da comisión.

Capítulo III

Disposicións xerais

Artigo 29º.-Votacións e adopcións de acordos.

1. Os acordos adoptaranse por maioría de votos, dirimindo os empates o presidente mediante o seu voto de calidade.

2. A votación será secreta se así o piden a metade máis un dos membros do Pleno ou da comisión sectorial presentes.

Artigo 30º.-Votos particulares.

1. Os membros do Pleno ou das comisións sectoriais discrepantes, en todo ou en parte, do sentir da maioría poderán formular individual ou colectivamente consideracións particulares, que deberán quedar unidas ó texto da acta da sesión.

2. As consideracións particulares terán que presentarse ante a Secretaría do Consello nun prazo máximo de corenta e oito horas, contado desde o final da sesión.

Artigo 31º.-Actas das sesións.

1. De cada sesión o secretario levantará unha acta coas especificacións establecidas no artigo 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que será remitida a cada membro do Pleno ou das comisións sectoriais antes da convocatoria da sesión seguinte, na que deberá someterse a aprobación.

2. A acta, na súa forma definitiva, será asinada polo secretario co visto e prace do presidente.

Artigo 32º.-Informes e propostas.

1. Os informes e dictames a que fan referencia os artigos 14º e 17º deste regulamento serán elaborados por un grupo de traballo designado para o efecto entre os vocais do Pleno ou das comisións sectoriais e composto por cinco membros. Para o desenvolvemento dos seus labores, o grupo de traballo poderá solicita-la colaboración que estime necesaria. O resultado dos traballos do grupo seralle entregado ó presidente do Pleno ou da respectiva comisión sectorial para a súa inclusión na orde do día da seguinte sesión e posterior aprobación.

2. O parecer do Pleno expresarase baixo a denominación de informes ou propostas do Consello Gale

go de Pesca, coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

TÍTULO V

Da reforma do regulamento

Artigo 33º.-Reforma do regulamento.

1. Calquera reforma deste regulamento deberá ser presentada ó presidente do Consello para a súa elevación ó Pleno por, polo menos, un tercio dos seus membros.

2. Presentada unha proposta de reforma, o Pleno decidirá, segundo o seu alcance e contido, ben sometela a debate e votación en sesión plenaria, ben remitila a unha comisión de traballo que se creará especificamente para isto coa composición que determine o propio Pleno.

3. As reformas do regulamento deberán ser aprobadas pola maioría absoluta dos membros do Pleno e entenderanse incorporadas desde o momento da súa aprobación.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA