Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 08 de outubro de 2003 Páx. 12.537

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2003, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. de Pereira, Casanova e Guntiñas, no concello da Pobra do Brollón. (Expediente 34/1999 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A. con domicilio para os efectos de notificación na avda. de Arteixo 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro do sector eléctrico, e os ordenados no capítulo III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997, en relación coa disposición transitoria undécima do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

1º David López Rodríguez manifesta que na relación de bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica que nos ocupa, figura como propietario dunha parcela que non lle pertence e que, polo contrario, existe outra parcela afectada que é da súa propiedade e que non lle foi atribuída na dita relación de bens e dereitos.

2º José Rodríguez de Arriba, quen se opón á declaración de utilidade pública da liña porque as instalacións eléctricas que xa existen son suficientes, así mesmo solicita que se instale cableado illado para que se ocasionen os mínimos prexuízos ós propietarios. Tamén manifesta a súa desconformidade coa cualificación de cultivo do predio da súa propiedade como monte alto, cando en realidade existe un piñeiral cunha plantación superior ós trece anos. Por último pide a través desta delegación provincial, que se lle faciliten os datos para coñece-lo lugar concreto polo que o seu predio é atravesado pola instalación da liña eléctrica.

3º Josefa Franco Marzabal manifesta que a empresa beneficiaria, no presente expediente expropiatorio, non lle facilitou planos nos que poida ve-la maneira en que lle afecta a servidume ó predio, así mesmo recorre ó artigo 26 do Decreto 2619/1966 no sentido de que o trazado da liña poida facerse por terreos de dominio público sen que afecte a súa parcela. Tamén manifesta que a liña cruza o predio en diagonal quedando, debido ás súas pequenas dimensións, inservible e que se trata dun predio de influencia urbana e non rústica. Por último, fai constar que estas alegacións fainas sen dispoñer dos correspondentes planos da liña eléctrica e, en consecuencia, solicita que se paralice o prazo de alegacións mentres non dispoña dos ditos planos.

4º Nélida Ferreiros Dacal, quen solicita que na valoración da parte do predio da súa propiedade afectada pola expropiación, se teña en conta que o cultivo da parcela non é prado, senón horto e que na superficie afectada pola servidume existen castiñeiros e árbores froiteiras.

5º Ramón Fernández Maceda, quen manifesta a súa desconformidade coa denominación que na relación de bens e dereitos afectados se lle dá ó cultivo das parcelas da súa propiedade afectadas polo presente expediente, xa que figura monte alto, cando en realidade están destinadas á explotación de coníferas.

6º Dolores Rodríguez Vázquez, quen, en primeiro lugar, fai constar que os predios nº 12, 20 e 23 do proxecto, atribuídos na relación de bens e dereitos que obra no expediente á alegante, pertencen en realidade a súa irmá. Así mesmo, manifestan as dúas irmás, que non dispoñen do plano no que se reflicta por onde transcorre a liña, polo que se ten que paraliza-lo expediente ata que o dito plano non estea no seu poder. Tamén alegan que a liña que se pretende instalar transcorre cerca da existente, orixinando esta duplicidade de liñas na deterioración evidente para os seus predios que se evitaría adecuando o actual. Para efectos valorativos, en relación con cada un dos predios, fan consta-lo seguinte: con respecto ó predio nº 12 que non se trata dun predio de labor, senón que está plantado de pinos, con respecto ó predio nº 20, que coa liña existente e a que se pretende instalar quedaría totalmente inutilizado, e con respecto ó predio nº 23, que pola súa situación, o seu destino é

distinto ó rústico. Por último manifestan que é posible que a liña discorra por terreos de dominio público cumprindo as condicións que se esixen na lexislación eléctrica aplicable na materia.

7º Mª Luisa Vega Armesto, manifesta non estar de acordo coa denominación que na relación de bens e dereitos afectados se lles dá ó cultivo das parcelas da súa propiedade afectadas polo trazado da liña que nos ocupa, xa que o predio nº 7 aparece dedicado a monte alto e a nº 18 a monte baixo, cando ámbalas dúas están dedicados a explotación de coníferas.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación ás mesmas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razons:

1º En canto ó manifestado por David López Rodriguez, porque xa foron corrixidos os erros de titularidade advertidos polo alegante na relación de bens e dereitos.

2º No referente as alegacións feitas por José Rodríguez de Arriba, faise constar que a instalación da liña que nos ocupa, que substituirá á existente, está plenamente xustificada polo mal estado desta, incapaz de proporcionar unha subministración adecuada á crecente demanda de enerxía da zona. Así mesmo, polo que respecta á cualificación do cultivo da súa parcela, será no acto do levantamento da acta previa á ocupación do predio, acto para o que será oportunamente citado José Rodríguez de Arriba co fin de que poida efectua-las alegacións que estime convenientes, o momento no que se definirá, de forma exacta as características do cultivo e demais bens e dereitos que se lle afecten pola construcción da liña eléctrica. Por último, tamén lle foron facilitados os planos que demandaba para unha mellor identificación da súa parcela.

3º Polo que respecta ás manifestacións feitas por Josefa Franco Marzabal, porque a modificación do trazado da liña que propón, de forma que afecte a terreo de dominio público e non á súa parcela, non cumpriría os requisitos que esixe o artigo 26 do Decreto 2619/1966 polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas ó supoñer unha variación superior en lonxitude ó 10 por cento da parte do predio que, segundo o proxecto, discorre pola propiedade da alegante. No referente ó prexuízo que a liña ocasiona a súa parcela e á cualificación urbanística da mesma, débese manifestar que este non é o momento procedemental no que se deben de tratar estas cuestións, senón na fase de prezo xusto que se sustanciará posteriormente conforme o procedemento establecido nos artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa. Por último, cabe indicar que o proxecto presentado pola empresa beneficiaria cumpre cos

requisitos que, para a identificación das parcelas, establece o artigo 15 do Decreto 2619/1966, así mesmo, na tramitación do expediente, seguíronse tódolos pasos que, en canto a información pública, esixe a normativa de aplicación polo que non procede suspende-lo prazo de alegacións tal e como solicita Josefa Franco Marzabal quen, a pesar diso, tampouco efectuou novas alegación unha vez que se lle facilitaron os planos que solicitou.

4º En canto ás alegacións feitas por Nélida Ferreiros Dacal, Ramón Fernández Macesa y Mª Luisa Veiga Armesto, cabe resaltar que a empresa beneficiaria tomou nota do manifestado polos alegantes en canto á cualificación do cultivo e arborado exis-

tente na súa parcela, de todas formas será no momento do levantamento das actas previas á ocupación cando se defina de forma exacta as características dos bens e dereitos que resulten afectados pola instalación da liña eléctrica obxecto do presente expediente para os efectos da súa posterior valoración para a determinación da indemnización que corresponda.

5º Por último, no referente ás manifestación feitas por Dolores Rodríguez. Vázquez e Elba Rodríguez. Vázquez, porque se correxiron os erros existentes na relación de bens e dereitos en canto á titularidade das parcelas nº 12, 20 e 23 do proxecto. Tamén neste caso se debe sinalar que o proxecto cumpre cos requisitos que, para a identificación das parcelas, establece o referido artigo 15 do Decreto 2619/1966, e que, na tramitación do expediente, seguíronse tódolos pasos que, en canto á información pública, esixe a normativa de aplicación; polo que non procede a suspensión do prazo de alegacións como solicitan as alegantes que, de todas maneiras, non fixeron novas alegacións unha vez que se lles facilitaron os planos que pediran. Tampouco cabe falar de duplicidade de liñas, como alegan Dolores e Elba Rodríguez Vázquez xa que a liña existente será substituída pola que se pretende instalar mediante o presente expediente. Polo que respecta á valoración das parcelas, debe facerse constar

que este non é o momento procedemental oportuno para determina-la indemnización que corresponda, senón que este se fixará nunha fase posterior polo procedemento establecido nos artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa. Neste procedemento, os interesados presentarán as correspondentes follas de aprecio, nas que poderán facer tódalas manifestacións que consideren convenientes para os efectos de valora-la indemnización que corresponda polos prexuízos que a imposición da servidume de paso da liña eléctrica ocasione ás súas parcelas. Por último, en canto á modificación do trazado que propoñen, cabe dicir que non cumpre os requisitos que conxuntamente esixe o artigo 26 do Decreto 2619/1966, xa que, leva-la liña por terreos de dominio público, suporía unha variación superior en lonxitude ó 10 por cento da parte da liña que, segundo o proxecto, transcorre sobre a propiedade das alegantes.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que na liña, ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dan ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ós que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997 antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de función e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de indus

tria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuída polos decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1-Liña media tensión aérea con orixe na L.M.T. Monforte-Brollón e remate no C.T. de Casanova de 2.148 metros de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

2-Liña media tensión aérea con orixe na L.M.T. ó C.T. de Casanova e remate no C.T. de Frieira de 1.168 metros de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

3-Centro de transformación aéreo de intemperie de Casanova de 50 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/280-220 V.

4-Centro de transformación aéreo de intemperie de Frieira de 50 kVA. de potencia e relación de transformación 20.000/280-220 V.

5-Rede de baixa tensión aérea de Casanova de 1.380 metros de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

6-Rede de baixa tensión aérea de Frieira de 525 metros de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

7-Rede de baixa tensión aérea de Guntiñas de 960 metros de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución denominado L.M.T, C.T. e R.B.T. Pereira, Casanova e Guntiñas e os seus anexos, subscritos polo enxeñeiro técnico industrial José María Fernández Rey, visados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña cos números 983130, 983130, 983130 e 024246 en datas 4-9-1998, 26-5-2000, 10-11-2000 e 6-8-2002 respectivamente, e unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido dos informes técnicos de data 27 de febreiro de 2003.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios en relación coas instalacións autorizadas.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa de 16 de decembro de 1954, e 31 do Regulamento da Lei 10/1966 do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso de data 3 de xullo de 2003, Diario Oficial de Galicia de data 10 de xullo de 2003 e no BOP de Lugo do 8 de xullo de 2003, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello da Pobra do Brollón. Ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 2 de setembro de 2003.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo