Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 08 de outubro de 2003 Páx. 12.513

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 10 de setembro de 2003 pola que se ratifica a extinción da Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela, tramitado neste protectorado por instancia do padroado da citada fundación.

Feitos

Primeiro.-A Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo, o día 7 de outubro de 1994, ante o notario do Colexio da Coruña, Julio Reigada Montoto, co número dous mil catrocentos noventa e seis.

Segundo.-Por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 27 de xaneiro de 1995 (Diario Oficial de Galicia número 29, do 10 de febreiro), clasifícase como de interese sanitario a

Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela e adscríbese á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Terceiro.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, por Orde do 24 de abril de 1995 (Diario Oficial de Galicia número 93, do 16 de maio), recoñece de interese galego e ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da citada fundación.

Cuarto.-A Consellería de Sanidade recibe o acordo adoptado polo órgano de goberno da Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela na súa reunión do 20 de decembro de 1999, relativo á extinción da fundación pola imposibilidade de cumprimento dos seus fins.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-De conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, a extinción das fundacións procederá polas causas previstas na carta fundacional e nos supostos establecidos no artigo 39 do Código civil, dándolles ós bens e dereitos o destino predeterminado nas devanditas disposicións.

Segundo.-A extinción das fundacións require, tal e como esixe o artigo 39 do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, acordo do seu órgano de goberno adoptado coa maioría indicada no artigo 13.3º da referida disposición, que deberá ser ratificado polo protectorado, logo da tramitación do correspondente expediente no que conste a exposición razoada da causa determinante da extinción, o balance da fundación, a proposta de designación de liquidadores, o programa da súa actuación e o proxecto de distribución do producto da venda do patrimonio da fundación.

Terceiro.-No expediente tramitado para tal efecto resulta acreditado o cumprimento dos requisitos esixidos pola normativa aplicable e, basicamente, a imposibilidade de cumpri-los fins enunciados no artigo 4 do capítulo I dos estatutos da fundación.

Vistas as seguintes normas xurídicas: a Constitución española de 1978; o Estatuto de autonomía para Galicia; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais normativa de xeral e pertinente aplicación,

DISPOÑO:

Ratifica-la extinción da Fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela acordada polo seu padroado

e, conseguintemente, dispoñe-la inscrición desta disolución no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, logo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, por resultar acreditada na tramitación do expediente a carencia de bens fundacionais.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2003.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade