Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 07 de outubro de 2003 Páx. 12.474

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2003 pola que se lle dá cumprimento ó acordo da Comisión de Goberno deste consello do 25 de setembro de 2003, polo que se convoca proceso selectivo para a provisión pola quenda de promoción interna de sete prazas vacantes no cadro de persoal laboral do Consello de Contas de Galicia.

Para a provisión de seis postos de conductor de alto cargo e un de conserxe vacantes na vixente relación de postos de traballo do persoal laboral desta institución, a Comisión de Goberno acordou, en uso das atribucións que lle confire o artigo 9 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, anunciar probas selectivas para cubri-las devanditas prazas, en réxime laboral fixo, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Anúncianse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo seis prazas de conductor de alto cargo e unha de conserxe, pertencentes ó grupo III e ó grupo IV, respectivamente, do vixente convenio colectivo do persoal laboral do Consello de Contas de Galicia, polo sistema de promoción interna.

1.2. A adxudicación das prazas efectuarase de acordo coa puntuación total obtida.

2. Procedemento de selección.

2.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición; as probas e valoracións

axustaranse ó que se especifica no anexo I desta convocatoria.

2.2. Na fase de concurso valoraranse os servicios efectivamente prestados como persoal laboral fixo no Consello de Contas e outros servicios prestados a outras administracións públicas, a posesión de titulacións xerais e específicas e a realización de cursos de formación e cualificación profesional, de conformidade co anexo antes citado, ata a data da publicación da convocatoria.

2.3. A fase de oposición consistirá na realización do exercicio que se cita no devandito anexo.

2.4. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

3. Requisitos dos aspirantes.

3.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser persoal laboral fixo do Consello de Contas de Galicia e pertence-lo día de publicación desta convocatoria no DOG a calquera das categorías integradas nos grupos IV e V do convenio colectivo deste persoal, segundo prevé a disposición adicional terceira do devandito convenio, desempeñando efectivamente a súa categoría de orixe durante, polo menos, dous anos.

b) Estar en posesión do permiso de conducir tipo C2 (equivalente ó novo carné C e C+E), para o caso dos aspirantes a conductor de alto cargo.

c) Non estar separado do servicio de calquera das administracións públicas en virtude de expediente

disciplinario, nin estar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio da función pública.

3.2. Tódolos requisitos enumerados no punto 3.1. deberán posuírse na data na que remate o prazo da presentación da solicitude e mantelos ata o momento da formalización do contrato.

4. Solicitudes.

4.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitarllo ó conselleiro maior do Consello de Contas en instancia segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4.2. Á instancia xuntaráselle a documentación que acredite os méritos alegados nela, na seguinte forma:

4.2.1. Os cursos de formación e cualificación profesional acreditaranse mediante a presentación do correspondente diploma, copia compulsada deste, ou certificación do centro que os expide.

4.2.2. As titulacións alegadas acreditaranse mediante a presentación do título correspondente, copia compulsada, ou certificación do órgano competente de estar en condicións de obtelas na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

4.2.3. A experiencia profesional acreditarase mediante a certificación expedida polo secretario xeral do Consello de Contas de Galicia.

4.3. A presentación de solicitudes farase na sede oficial do Consello de Contas ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e dirixiranse ó conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. Rematado o prazo de admisión de solicitudes, o conselleiro maior publicará no taboleiro de anuncios do consello e no DOG, no prazo dun mes, resolución pola que se aproba a lista de admitidos e excluídos, na que consten as causas da exclusión e o prazo para emendalas.

Para emenda-los defectos que motivaron a exclusión ou omisión das devanditas relacións os aspirantes disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución no DOG. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou omisión, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

5.2. Contra a resolución que aprobe a lista definitiva de aspirantes admitidos poderase interpor recurso de reposición, no prazo dun mes a partir da súa publicación no DOG, perante o conselleiro maior, que resolverá o que proceda.

De non se presentar recurso de reposición, o escrito de reparación de defectos considerarase recurso de reposición se o aspirante fose excluído definitivamente da realización das probas.

6. Tribunal.

6.1. 0 tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria.

6.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó conselleiro maior, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou se se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas na presente base.

Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, publicarase no DOG resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal, que substituirán os que perderan a súa condición por algunha das causas previstas no parágrafo anterior.

6.3. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

Tódolos membros do tribunal terán voz e voto.

6.4. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

6.5. 0 tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle ó conselleiro maior.

6.6. 0 tribunal cualificador adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que sexan escritos e non deban ser lidos perante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

6.7. 0 tribunal que actúe nestas probas selectivas terá a categoría terceira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

6.8. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas anunciadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

7. Desenvolvemento dos exercicios.

7.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra C, de conformidade co establecido na resolución da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 10 de marzo de 2003, referente á orde de actuación dos aspirantes nos procesos de selección para o ingreso na Administración autonómica de Galicia durante o ano 2003.

7.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para que acrediten a súa identidade; e presentaranse provistos de lapis e bolígrafo para a realización do exercicio escrito.

7.3. Os aspirantes serán convocados para o exercicio nun só chamamento, sendo excluídos das probas aqueles que non comparezan, salvo nos casos de forza maior, debidamente xustificada, e libremente apreciada polo tribunal.

7.4. O día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación de aspirantes admitidos e excluídos que se publicará no DOG e na sede do consello.

8. Lista de aprobados.

8.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública a relación dos aspirantes seleccionados en cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

8.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o exercicio da fase de oposición.

8.3. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das correspondentes á fase de oposición e maila puntuación obtida na fase do concurso de méritos na forma establecida no anexo I. O tribunal fará pública a lista dos aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada un deles, foran seleccionados, a cal en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas anunciadas. A devandita relación, que lle será elevada polo tribunal á Comisión de Goberno, xunto coa proposta de contratación a favor dos aspirantes que figuran nela, será publicada no taboleiro de anuncios do Consello de Contas e no DOG.

9. Presentación de documentos.

9.1. Os candidatos seleccionados deberán presentar na Secretaría Xeral do Consello de Contas, nun prazo de dez días naturais desde que se faga pública a lista daqueles, os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI.

b) Copia autenticada ou fotocopia compulsada do título e do permiso de conducir esixidos.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade ou defecto físico que impidan o desempeño das funcións correspondentes.

e) Declaración de non estar suspendido, mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas, nin estar inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

f) Manifestación do interesado de non estar desempeñando ningún posto ou actividade privada incompatible ou suxeita a recoñecemento de incompatibilidade.

A citada manifestación fará referencia tamén á circunstancia de se o interesado está ou non percibindo algún tipo de pensión.

9.2. Quen non presente, ou o faga de maneira incompleta, a documentación sinalada no prazo fixado, agás en casos de forza maior, perderá os seus dereitos a ocupa-la praza.

9.3. O período de proba será de dous meses para os conductores de alto cargo e dun mes para o/a conserxe.

10. Norma derradeira.

Contra a presente convocatoria, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a Comisión de Goberno do Consello de Contas de Galicia no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o artigos 10.1.ap. c e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Os actos administrativos que se deriven desta convocatoria e das actuacións dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e formas establecidas na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, a Administración poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal, conforme o previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do anterior o persoal ó que fai referencia a base 3 da presente convocatoria poderá interpoñer reclamación previa á vía xudicial laboral no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no DOG, conforme os artigos 69 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2003.

Luciano Fariña Busto

Conselleiro maior

ANEXO I

Procedemento de selección

0 procedemento de selección será o de concurso-oposición.

A) Exercicio.

1. A fase de oposición constará do exercicio que a continuación se indica:

1.1. Un exercicio, consistente en contestar por escrito a un grupo de preguntas (35 no caso dos aspirantes a conductores de alto cargo e 30 no de aspirantes a conserxe), tipo test, con respostas alter

nativas, propostas polo tribunal e correspondentes ó programa citado no anexo II, durante o tempo máximo de 2 horas para os conductores de alto cargo e 1 hora e 45 minutos para o/a conserxe. O cuestionario será elixido inmediatamente antes do exame, por sorteo entre tres exemplares distintos, elaborados previamente polo tribunal.

B) Valoración.

1.1. Fase de concurso.

1.1.1. Méritos profesionais: máximo 6 puntos.

0,04 puntos por mes de servicios efectivos prestados ó Consello de Contas como conductor-ordenanza (no caso dos aspirantes a conductor de alto cargo) ou como ordenanza (no dos aspirantes a conserxe).

0,02 puntos por mes de servicios prestados a outras institucións públicas noutras categorías.

1.1.2. Titulacións xerais:

Licenciado ou equivalente: 3 puntos.

Diplomado universitario ou equivalente: 2 puntos.

Bacharelato ou equivalente (só para a praza de conserxe): 1 punto.

As titulacións non son acumulativas, só se valorará a máis alta.

1.1.3. Por dispor de permiso de conducir de categoría superior á esixida na convocatoria: 1 punto.

1.1.4. Por cursos relacionados coa praza anunciada (impartidos por centros e organismos oficiais dependentes das AA PP, polo Inem, ou por outros centros dentro do acordo de formación continua do persoal das AA PP): máximo 1 punto.

Asistencia: 0,20 puntos por curso.

1.1.5. Por ter acadado o diploma de linguaxe administrativa galega: 1 punto.

1.2. Fase de oposición.

O exercicio de que consta a fase de oposición cualificarase da forma seguinte:

1.2.1. Cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 4,5 puntos.

1.3. Puntuación final.

Será a suma das puntuacións obtidas na fase de concurso e na de oposición, sempre que os candidatos fosen declarados aptos na fase de oposición.

Esta puntuación final determinará os candidatos declarados aptos, que en ningún caso poderán supera-lo número de prazas anunciadas, e ó mesmo tempo establecerá a orde definitiva dos aspirantes aprobados.

No caso de empate na puntuación final dirimirase a prol dos que obtivesen a maior puntuación na fase de oposición, se persistise o empate acudirase á puntuación obtida no epígrafe de méritos específicos da fase de concurso, e no último caso utilizarase o criterio das cargas familiares.

ANEXO II

Programas das probas

A) Conductores de alto cargo:

1. O Consello de Contas de Galicia. Marco legal e competencias. Organización e funcionamento.

2. Código de circulación.

3. O conductor: factores que diminúen as súas aptitudes. Permiso e licencias de conducción: clases e vehículos autorizados a conducir. O vehículo: definicións, documentación, a carga e persoas transportadas.

4. O accidente de circulación: comportamento no caso de accidente. Delictos contra da seguridade do tráfico. Nocións básicas de primeiros auxilios.

5. O engraxamento: aceites: a súa finalidade e tipos. Sistemas de engraxamento. Cambio de aceites, ventilación. Filtrado. Refrixeración no vehículo: funcións, distintos tipos de refrixeración e o seu coñecemento.

6. Elementos de seguridade: freos, tipos e o seu coñecemento. A suspensión: órganos de suspensión e amortecemento do automóbil. Funcións dos amortecedores.

7. O motor diésel: órganos principais. Bomba de inxección e inxectores: funcionamento. Bomba de aliñación. Arrinque en frío, quentadores.

B) Conserxe:

1. O Consello de Contas de Galicia. Marco legal e competencias. Organización e funcionamento.

2. Introducción á comunicación. A comunicación humana. A linguaxe como medio de comunicación. Diferencia entre información e comunicación.

3. Tipos de comunicación: oral e telefónica.

4. Correspondencia oficial: entradas e repartición. Saídas.

5. Información e atención ó cidadán.

ANEXO III

Tribunais

Tribunal titular:

Presidente: Rosendo Figueroa Dorrego, secretario xeral.

Vocais:

Caridad Sanz Bravo, xefa da Sección de Arquivo e Biblioteca.

Marcelino Tojeiro Couce, representante dos traballadores.

Ana Landrove Becerra, representante dos traballadores.

Secretario: José M. Dacal Vázquez, xefe da Sección de Persoal.

Tribunal suplente:

Presidente: Luis Fuentes García, auditor.

Vocais:

Valentín Lagoa Martínez, xefe da Sección Económica.

Clara Gamarra Lozano, representante dos traballadores.

Pedro Méndez Gil, representante dos traballadores.

Secretario: Humberto López Vázquez, axudante de auditoría.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA