Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 03 de outubro de 2003 Páx. 12.374

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 29 de setembro de 2003 pola que se modifica a Orde do 5 de xuño de 2003 que establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica.

A entrada en vigor da Lei 27/2003, do 31 de xullo, reguladora da orde de protección das víctimas da violencia doméstica, a través da modificación de determinados artigos da Lei de axuizamento criminal, supón a unificación dos distintos instrumentos de amparo e tutela ás víctimas, co obxecto de que, mediante un rápido e sinxelo procedemento xudicial, poidan obter un estatuto integral de protección que concentre de forma coordinada, unha acción cautelar de natureza civil e penal, asistencia social ou de calquera outra índole.

A propia exposición de motivos da Lei establece que a orde xudicial de protección suporá, así mesmo, que as distintas administracións públicas, estatal, autonómica e local, activen inmediatamente os instrumentos de protección social establecidos nos seus respectivos ordenamentos xurídicos.

Á vista do anterior, resulta conveniente proceder á adaptación da normativa autonómica e, en concreto, a modificación da Orde do 5 de xuño de 2003, pola que se establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica, no que atinxe ó acceso ó programa e á forma de acredita-lo cumprimento dos requisitos de acceso a el.

Efectivamente, na devandita orde recóllense como formas de acredita-la súa problemática social, ben a copia da correspondente denuncia ante a autoridade gobernativa ou xudicial, ben un informe dos servicios sociais ou ben a través de calquera outro medio que, de conformidade coa normativa vixente, se puidese establecer.

Como consecuencia da implantación da orde de protección, que crea un título habilitante para acceder ás distintas medidas de asistencia social previstas para este colectivo, entre as que esta incluído este programa da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, procede modifica-la súa normativa reguladora, recoñecendo a orde de protección como medio de acredita-la existencia dos malos tratos.

Como queira que, sen prexuízo do deber xeral de denuncia previsto no artigo 262 da Lei de axuizamento criminal, tanto as instancias gobernativas como as entidades ou organismos asistenciais, públicos ou privados, que tiveran coñecemento dos feitos que dean lugar á orde de protección, teñen a obriga de poñelos inmediatamente en coñecemento da autoridade xudicial, non ten sentido mante-los medios probatorios anteriores, dado que tanto a denuncia ante a autoridade gobernativa como cando sexan os

servicios sociais os que coñezan tal situación, deberano poñer en coñecemento da autoridade xudicial que, de se-lo caso, dictará a correspondente orde de protección, título habilitante para acceder ó programa.

En función do exposto, logo do informe da Asesoría Xurídica e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 2º e 3º.1 da Orde do 5 de xuño de 2003, pola que se establece un programa de inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica, que quedan redactados do seguinte xeito:

«Artigo 2º.-Beneficiarias: requisitos.

Poderán ser beneficiarias do programa as mulleres galegas víctimas de violencia doméstica que estean desempregadas e estean amparadas por unha orde de protección dictada por órgano xudicial competente, ó abeiro do disposto na Lei 27/2003, do 31 de xullo.

Artigo 3º.1

As solicitudes deberán formularse no modelo que se publica como anexo I, dirixidas ás delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, acompañadas de copia da orde de protección dictada por órgano xudicial competente, ó abeiro do disposto na Lei 27/2003, do 31 de xullo».

Disposicións transitoria

As solicitudes de incorporación ó programa presentados antes da entrada en vigor da presente orde resolveranse de conformidade co disposto na normativa vixente no momento da súa solicitude.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os directores xerais de Promoción do Emprego e de Formación e Colocación a dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais