Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2003 Páx. 12.332

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 25 de setembro de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán os contratos de distribución en exclusiva das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia para Galicia, España e o resto do mundo e as que regularán os contratos de autor, traducción e coedición.

Pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 8 de xuño de 1992, aprobáronse as bases que rexen os contratos de distribución en exclusiva das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia.

Pola súa banda, pola Orde do 21 de febreiro de 1991 fixáronse os modelos de contratos para as publicacións editadas pola Xunta de Galicia.

Polo Decreto 196/2001, do 26 de xullo, polo que se regulan as publicacións da Xunta de Galicia, a competencia en materia de publicacións pasou á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Como consecuencia da experiencia acadada no desenvolvemento da actividade relativa ás publicacións da Xunta de Galicia e da implantación de novas tecnoloxías que afectan directamente a comercialización e a xestión da actividade editorial, cómpre a creación dun novo marco normativo. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Apróbanse as bases que rexerán os contratos de distribución en exclusiva das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia, para Galicia, España e o resto do mundo que son as que figuran no anexo I adxunto á presente orde.

Artigo 2º.-Apróbanse as bases dos contratos de autor, traductor e coedición que figuran respectivamente nos anexos II, III e IV desta orde, as cales deberán figurar como contido mínimo no clausulado de tales contratos que celebren os distintos departamentos da Xunta de Galicia, sen prexuízo da competencia que en materia de contratación corresponda a cada consellería e sen que supoña prefixa-lo procedemento contractual que en cada caso proceda.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Quedan derrogadas a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 8 de xuño de 1992 pola que se aproban as bases que rexerán os contratos de distribución en exclusiva das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia e a do 21 de setembro de 1995 pola que se aproban as bases que rexerán no contrato de distribución en exclusiva, para fóra de Galicia, das obras que integran o fondo editorial da Xunta de Galicia.

Segunda.-Queda derrogada a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 21 de febreiro de 1991 pola que se fixan os modelos de contratos que se utilizarán para as publicacións da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO I

Contrato de distribución: bases

Primeira.-A Xunta de Galicia adxudicará mediante concurso a contratación da distribución do fondo de publicacións de tódalas consellerías e organismos dependentes delas, en réxime de exclusividade.

Segunda.-Con independencia desta exclusividade, a Xunta de Galicia poderá establecer contratos con aquelas empresas que pola súa peculiaridade fan chega-lo producto directamente ó usuario final; tal como é o caso dos clubs de lectores.

Terceira.-Quedarán excluídas do fondo de publicacións aquelas obras que sexan obxecto de coedición con outros organismos públicos ou outras empresas, sempre que no correspondente contrato de coedición se especifique o sistema de distribución.

Cuarta.-A Xunta de Galicia manterá, sen prexuízo dos efectos derivados do contrato de distribución exclusiva:

a) O dereito de fixa-lo número de exemplares que, de cada edición e título, será obxecto de distribución

e venda ó público, que poderá acadar ata un máximo dun 70% da tirada total.

b) A iniciativa para fixar ou modifica-lo prezo de venda ó público do seu fondo editorial.

Quinta.-A Xunta de Galicia comprométese a substituí-los exemplares defectuosos, sempre que dispoña de exemplares en bo estado, sen cargo ningún para a empresa distribuidora.

Sexta.-A empresa distribuidora obrígase á distribución do fondo editorial da Xunta de Galicia, no ámbito xeográfico que lle corresponda, garantindo o transporte e/ou repartición de exemplares baixo o seu exclusivo cargo a tódalas localidades que os soliciten e ó regular fornecemento de exemplares a tódolos puntos onde vendan regularmente obras de edicións oficiais ou onde llelos soliciten.

A obriga expresada anteriormente será extensible ó envío de exemplares que sexan solicitados directamente por libreiros ou por particulares a través da internet, á Xunta de Galicia.

Sétima.-A empresa distribuidora comprométese a repoñer dos fondos que teña en depósito a Xunta de Galicia os exemplares que lle sexan solicitados por esta. Esta reposición entenderase sen cargo ningún para a Xunta de Galicia.

Oitava.-A Xunta de Galicia comprométese a aboarlle como contraprestación á empresa distribuidora o 50% do prezo de venda ó público, sen IVE, das obras súas que fosen obxecto de venda efectiva, sen que esta poida reclamar ningunha outra cantidade polo servicio de distribución contratado ou polos riscos derivados do depósito, que correrán a cargo exclusivo dela.

A empresa distribuidora fará efectiva a percepción da porcentaxe indicada como contraprestación polo servicio efectivamente prestado mediante a correspondente retención na cantidade total liquidada, deixando constancia dela na carta de liquidación.

Así mesmo a empresa distribuidora poderá aplicarlles ata un 60% de desconto ás librerías de áreas de grandes superficies e a aquelas librerías situadas en poboacións de máis de 25.000 habitantes, no caso de Galicia e máis de 500.000 para o resto do Estado e que se comprometan a ter un fondo estable de, como mínimo, un 5% das obras editadas pola Xunta de Galicia. Esta porcentaxe adicional será asumida enteiramente pola Xunta de Galicia e non minguará a comprometida coa empresa distribuidora. A empresa distribuidora quedará obrigada a facer liquidación por separado destas vendas, xustificándoas de maneira fidedigna.

Novena.-A empresa distribuidora deberá renderlle liquidación semestral á Xunta de Galicia de tódalas obras obxecto de distribución. Esta liquidación, así como o estado de existencias, seranlle presentados á Xunta de Galicia dentro do mes seguinte ó remate

do semestre (xullo para o primeiro semestre e xaneiro do ano seguinte para o segundo semestre).

A Xunta de Galicia poderá face-las alegacións que considere convenientes dentro dos dez días naturais seguintes ó da presentación da liquidación. Se a Xunta de Galicia non contestase nese prazo, enténdese que existe acordo.

No prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte prazo a aquel en que se produza o acordo (expreso ou tácito) coa liquidación, a empresa distribuidora fará o pagamento do importe da conta de liquidación, que ingresará na entidade e conta bancaria que se lle indique oportunamente a favor da Xunta de Galicia.

Décima.-A Xunta de Galicia reserva para si o dereito de verifica-las existencias dos seus fondos e de contrata-la regular distribución das obras que o integren.

Décimo primeira.-Os datos que a Xunta de Galicia lle facilite á distribuidora axustaranse á protección de datos establecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e utilizaranse só para o fin para o que están destinados.

Décimo segunda.-A duración do contrato quedará fixada en dous anos contados desde a data da súa sinatura, prorrogables por iguais períodos, a non ser que unha das partes o denuncie catro meses antes do seu vencemento.

Décimo terceira.-En garantía do cumprimento das súas obrigas e da eficacia das responsabilidades nas que poida incorrer, a Xunta de Galicia esixiralle á empresa distribuidora garantía abonda, mediante a prestación dunha fianza.

Décimo cuarta.-A contratación á que fan referencia as presentes bases ten natureza de contrato de servicios de carácter privado e rexerase, en canto á súa preparación e adxudicación, polas normas contidas no texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, e as súas normas de desenvolvemento; en tanto que para os seus efectos e extinción rexerase polas normas de dereito privado.

Décimo quinta.-As empresas licitadoras poderán prestar melloras no que respecta ós seguintes extremos:

* Distribución sen cargo para o destinatario de obras editadas pola Xunta de Galicia. Pódese ofertar prezo da distribución, medio que se utilizará e prazo de entrega. O prezo por envío, se o houbese, descontaríase da liquidación semestral.

* Periodicidade que a empresa distribuidora estará disposta a asumir no que respecta ó punto sete (7).

* Publicidade que a empresa distribuidora realizaría dos fondos da Xunta de Galicia

ANEXO II

Contrato de autor: bases

Primeira.-O autor responde perante o editor da autoría e orixinalidade da obra. A este respecto, o autor faise responsable fronte ó editor de tódalas cargas pecuniarias que puidesen derivar para o editor en favor de terceiros con motivo de accións, reclamacións ou conflictos derivados do incumprimento destas obrigas por parte do autor.

Segunda.-O autor cede ó editor e con carácter exclusivo os dereitos de reproducción, distribución comunicación e venda da obra ... para a súa explotación en lingua....

Terceira.-A cesión dos devanditos dereitos enténdese referida tanto ó territorio español como ó estranxeiro e en calquera soporte de edición.

Cuarta.-A edición constará dun mínimo de ... e un máximo de... exemplares.

Quinta.-O autor obrígase a entregarlle ó editor o orixinal mecanografado e en soporte informático nun prazo non superior a... días contados a partir da data do documento. Pola súa parte, o editor vén obrigado a edita-lo libro antes de... e a distribuílo polas canles establecidas pola Xunta de Galicia nun prazo non superior a dous anos contados desde que o autor lle entregou ó editor a obra en condicións adecuadas para realiza-la súa reprodución. O orixinal restituirase ó autor, logo de rematada a edición da obra.

Sexta.-Como remuneración única polos dereitos de autor, cedidos polo presente contrato, o autor percibirá a cantidade total de... A da que se fará as retencións do IRPF que correspondan.

Sétima.-O autor recibirá sen ningunha carga a cantidade de... exemplares de cada edición ou reimpresión da obra.

Oitava.-O editor comprométese a que figure o nome do autor de forma destacada e a realiza-la publicación da obra de acordo coas características xerais da colección..., na que se insira a obra e a incluí-la mención internacional de reserva da propiedade intelectual seguida do nome e apelidos ou pseudónimo do autor e o ano da primeira edición, ademais da mención do Copyright editorial.

Novena.-Esgotada a primeira edición, o editor poderá, logo da conformidade do autor, proceder a realizar a segunda nas mesmas condicións da primeira. Durante a vixencia do contrato, o editor poderá efectuar un máximo de... edicións para cada unha das modalidades de edición cun mínimo de... exemplares e un máximo de... exemplares para cada unha delas coas reimpresións que dentro dos devanditos totais libremente decida o editor.

Décima.-Autor e editor poderán facer, conxunta ou separadamente, todas cantas xestións consideren oportunas para a traducción da obra a linguas distintas das que figuren no contrato. De fructificaren esas xestións, a repartición das cantidades aboadas polos dereitos de traducción será do 60% para o autor e do 40% para o editor.

Décimo primeira.-O editor comprométese a remitirlle ó autor unha certificación do número de exemplares de que consta a edición ou reimpresión de que se trate, acompañado dunha declaración da industria de artes gráficas onde se realizou a impresión e encadernación da obra, na que conste o número de exemplares fabricados que lle foron entregados ó editor e a data da entrega realizada. Así mesmo, o editor comprométese a poñer en circulación a obra a través dos seus canais de distribución.

Décimo segunda.-O editor renuncia expresamente a tódolos dereitos que a obra puidese reportar por outros conceptos non pactados.

Décimo terceira.-O contrato de autor rexerase conforme o previsto no texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril e polas disposicións legais que lle sexan de aplicación.

ANEXO III

Contrato de traducción: bases

Primeira.-O contratante encargarase da traducción da obra titulada... o autor da cal é..., do... cara ó... de xeito fiel ó orixinal, sen omisións nen engadidos, e cédelle ó editor, a título exclusivo, durante a vixencia do contrato, o dereito de edición da traducción.

Segunda.-O traductor comprométese a presentarlle ó editor a obra totalmente rematada nun prazo de... contados a partir da data de entrega do orixinal que se vai traducir.

Terceira.-O traductor entregará a traducción mecanografada a dobre espacio, numeradas as follas correlativamente sobre a base de 60 pulsacións por liña e 30 liñas por páxina e en soporte informático.

Cuarta.-O editor comprométese a aboarlle ó traductor, como retribución, polo seu traballo, a cantidade de... A por folio de 1800 matrices. Da retribución total faranse as retencións do IRPF que correspondan.

Para sucesivas edicións o editor pagaralle ó traductor o... % do prezo de venda ó público.

Quinta.-O pagamento establecido na cláusula anterior será satisfeito ó traductor logo de recibi-lo editor a traducción.

Sexta.-Se a xuízo do editor, a traducción non tivese a suficiente calidade e o traductor non realizase as modificacións propostas polo editor, este quedaría desligado de calquera compromiso económico ou xurídico co traductor.

Sétima.-Realizada, entregada e aceptada a traducción, os dereitos de reproducción, distribución e venda desta, en forma de libro, cédense ó editor para a súa explotación comercial en lingua... e para o ámbito territorial de...

Oitava.-O editor vén obrigado a poñer á venda a obra nun prazo non superior a... meses desde a data de entrega do orixinal.

Novena.-O editor entregaralle o traductor, en condicións de gratuidade, ... exemplares da primeira edición do libro e... exemplares por cada unha das novas edicións ou reimpresións da obra, os cales non poderán ser destinados ó comercio. Así mesmo o traductor poderá adquirirlle ó editor, cun desconto de... % os exemplares que precise para o seu uso particular ou con destino a terceiros, sen fins lucrativos.

Décima.-O editor obrígase a que o nome do traductor ou pseudónimo figure en lugar visible, na páxina de créditos así como a mención do Copyright da traducción.

Décimo primeira.-Durante a vixencia do contrato o editor poderá efectuar un máximo de... edicións, cun mínimo de... exemplares e un máximo de..., coas reimpresións que dentro deses totais decida o editor.

Décimo segunda.- Antes da posta en circulación dos exemplares impresos, o editor remitiralle ó traductor unha certificación co número de exemplares de que consta a edición, data da publicación e prezo de venda ó público. Esta certificación irá acompañada dunha declaración xurada da persoa ou entidade responsable da impresión e encadernación da obra, na que constará o número de exemplares fabricados e entregados ó editor e data da entrega efectuada.

Décimo terceira.-O contrato de traducción rexerase conforme o previsto no texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril e polas disposicións legais que lle sexan de aplicación.

Décimo cuarta.-O contrato considerarase resolto por incumprimento de calquera das cláusulas nel contidas por calquera de ámbalas partes, podendo a parte prexudicada esixir indemnización polos danos causados.

ANEXO IV

Contrato de coedición: bases

Primeira.-A consellería/a empresa... publica en réxime de coedición coa empresa/consellería... a obra..., da que é autor....

Segunda.-A consellería/a empresa... comprométese a editar o libro en réxime de coedición coa empresa/consellería de..., de acordo coas características que figuran como anexo ó contrato.

Terceira.-Da obra mencionada farase unha tiraxe total de... exemplares que a empresa/a consellería... xustificará mediante certificado expedido polo impresor.

Cuarta.-A empresa/a consellería... comprométese a facer figurar na obra a mención editorial da consellería/empresa... e a súa identidade corporativa ou anagrama, respectando sempre o disposto no Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, polo que se aproba o código de identificación corporativa da Xunta de Galicia.

Quinta.-O prezo de venda ó público será fixado de común acordo por ámbalas dúas partes ó remate do proceso de edición, non podendo superar este prezo o triplo do custo de producción.

Sexta.-A empresa/a consellería... pagará a cantidade de... euros, correspondente ó... % dos custos de producción incrementados ata un máximo do 15% en concepto de gastos xerais. A consellería/ou empresa... recibirá o... % da tiraxe total da primeira edición da obra.

Sétima.-Ámbalas dúas partes decidirán sobre a distribución e venda da obra que se vai publicar e comprometeranse a distribuíla naqueles puntos de venda que a soliciten, no caso da empresa... ou a través das distribuidoras coas que a Xunta de Galicia mantén contrato, segundo os casos.

Oitava.-A empresa/a consellería aboaralle ó autor da obra, en concepto de dereitos de autor, o... % do prezo de venda ó público sen IVE

Novena.-O contrato de coedición rexerase conforme o previsto no texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril e polas disposicións legais que lle sexan de aplicación.

Décima.-O contrato considerarase resolto por incumprimento de calquera das cláusulas nel contidas por calquera das partes, podendo a parte prexudicada esixir indemnización polos danos causados. Non obstante o anterior, o presente contrato extinguirase, ademais de polas causas xerais de extinción de contratos, polas seguintes:

* Polo remate do prazo pactado.

* Pola venda da totalidade dos exemplares.

* Ós quince anos de poñe-lo autor en mans dos coeditores a súa obra en condicións de ser reproducida.

Décimo primeira.-Ámbalas partes, de mutuo acordo, para resolveren cantas diverxencias puideren xurdir como consecuencia da interpretación deste contrato, sométense a unha arbitraxe de equidade de acordo co réxime previsto na lei reguladora dese procedemento.