Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2003 Páx. 12.329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de setembro de 2003 pola que se convocan premios extraordinarios de formación profesional correspondentes ó curso 2002/2003.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deportes creou mediante a Orde ECD/1696/2002, do 1 de xullo de 2002, os premios nacionais de formación profesional como recoñecemento ó alumnado que rematou os seus estudios de formación profesional específica de grao superior.

Así mesmo, na citada orde establécese, no artigo 3, que poderán concorrer ós premios nacionais os alumnos que resultasen merecedores dos premios extraordinarios convocados na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen na citada orde.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas,

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Convócanse premios extraordinarios de formación profesional para os alumnos que finalizaran os estudios de formación profesional específica de grao superior no curso 2002/2003 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Número e recoñecemento.

1. Poderá concederse un premio extraordinario por cada familia de formación profesional específica.

2. Os alumnos que obteñan o premio extraordinario recibirán un diploma acreditativo e anotaralles esta distinción no seu expediente académico o secretario do centro docente onde estea depositado o dito expediente. Esa distinción tamén lles será anotada no libro de cualificacións a través da dilixencia correspondente polo secretario da comisión de selección. Para iso, os interesados, directamente ou a través do centro, deberán enviar, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ó da publicación da resolución de concesión dos premios, o libro de cualificacións á Subdirección Xeral de Inspección Educativa.

3. Os alumnos que obteñan o premio extraordinario de formación profesional poderán concorrer, logo de inscrición, ó correspondente premio nacional.

Terceiro.-Requisitos.

Poderán optar ós premios extraordinarios de formación profesional os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter rematados nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia os estudios de forma

ción profesional específica de grao superior no curso 2002-2003.

2. Ter obtido unha cualificación final media de tódolos módulos igual ou superior a 8,5.

a) A cualificación final obterase como media aritmética das cualificacións obtidas nos módulos que compoñen o ciclo formativo.

b) Para os efectos de cálculo da nota media, non será computado o módulo de formación en centros de traballo que se cualifica en termos de apto ou non apto nin os módulos que foran obxecto de validación.

Cuarto.-Prazo e documentación.

1. Os alumnos que, reunindo os requisitos indicados, desexen optar ós premios extraordinarios, inscribiranse, no prazo dos 20 días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, nas secretarías dos institutos de educación secundaria no que se atope o seu expediente académico ou, no caso dos centros privados, na secretaría do instituto de educación secundaria ó que cada centro estea adscrito.

2. Para formaliza-la inscrición deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Instancia cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

b) Certificación académica dos estudios obxecto de baremación.

c) Breve currículum vitae con indicación, se é o caso, dos premios ou bolsas que obtivese e outros méritos que desexe alegar, xunto coa documentación xustificativa correspondente.

d) Fotocopia do DNI.

3. Ó día seguinte de remata-lo prazo de inscrición, os secretarios dos centros remitirán ó Servicio Provincial de Inspección Educativa da delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as solicitudes de inscrición que estean no seu poder xunto coa documentación xustificativa correspondente e comunicarán por fax ó citado servicio a lista de alumnos inscritos coa indicación das familias de formación profesional específica nas que cursaron os seus estudios.

Quinto.-Emenda e mellora da solicitude.

Se a solicitude de inscrición non reúne os requisitos sinalados ou non se presenta a documentación indicada no artigo anterior, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desis

tido da súa petición ou, se é o caso, non se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados.

Sexto.-Tribunal de selección.

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un tribunal de selección integrado por funcionarios dos corpos de inspectores de educación e por profesores de ensino secundario das especialidades de formación profesional específica, designados pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

Sétimo.-Baremación das solicitudes.

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o tribunal terá en conta os seguintes méritos:

a) Nota media do expediente académico dos estudios de formación profesional específica.

b) Nota media dos estudios que lle permitiron o acceso ós estudios de formación profesional específica (bacharelato, formación profesional de segundo grao, outro ciclo, nota da proba de acceso, etc....).

c) Outros méritos relacionados co título profesional.

2. Cada unha das alíneas de méritos citados no punto anterior estarán expresados en valores numéricos do 1 ó 10 cunha cifra decimal.

3. A valoración final expresarase nun valor numérico con dúas cifras decimais e será o resultado de aplicar sucesivamente os valores de ponderación recollidos no anexo II.

4. Nos casos de empate, o tribunal resolverá tendo en conta os seguintes méritos e por esta orde:

a) Expediente académico dos estudios de formación profesional específica.

b) Cualificación do módulo de proxecto integrado, no caso de que este forme parte de tódolos ciclos da mesma familia profesional.

c) Expediente dos estudios que lle permitiron o acceso.

d) Elección dos estudios de formación profesional como primeira opción.

5. O tribunal poderá declarar deserto algún dos premios.

Oitavo.-Proposta de concesión dos premios e publicación da resolución de adxudicación.

1. Antes do 30 de novembro o tribunal de selección confeccionará unha acta provisional coa puntuación final obtida por cada aspirante unha vez avaliados os méritos xustificados.

2. O tribunal fará pública a acta provisional coas puntuacións obtidas polos candidatos nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e na páxina web da consellería, http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxcie/dxcie001.htm

3. Os interesados poderán reclamar por escrito contra a puntuación outorgada polo tribunal, mediante instancia dirixida ó presidente do tribunal de selección, no prazo de cinco días hábiles a partir do seguinte a aquel no que se fagan públicas as actas provisionais.

4. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. O orixinal quedará arquivado na Inspección Central e serán remitidas copias á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

5. De acordo coa proposta feita polo tribunal, o director xeral de Centros e Ordenación Educativa concederá os premios extraordinarios de formación profesional, mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. O prazo máximo para notifica-la resolución deste procedemento será de seis meses desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

7. Contra a devandita resolución de adxudicación dos premios, poderase recorrer mediante recurso de alzada no prazo dun mes ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo os artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Noveno.-Habilitación para o desenvolvemento normativo.

Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Décimo.-Entrar en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO II

BAREMACIÓN DO EXPEDIENTE E OUTROS MÉRITOS

Mérito

Documento acreditativo

Ponderación

parcial

Ponderación

final

Nota media do expediente académico dos estudios de formación profesional específica de grao superior.Certificación oficial do instituto de educación secundaria.80%

Nota media dos estudios que lle permitiron o acceso ós estudios de formación profesional específica (bacharelato, formación profesional de segundo grao, outro ciclo, nota da proba de acceso, etc....).Certificación oficial do instituto de educación secundaria.20%90%

Outros méritos relacionados co título profesional.Certificación oficial ou fotocopia compulsada do documento xustificativo.-10%

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO