Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 01 de outubro de 2003 Páx. 12.295

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 25 setembro de 2003 pola que se publica o Regulamento do premio Agader ó embelecemento do medio rural galego e se convoca o premio correspondente ó ano 2003.

Na Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG nº 251, do 29 de decembro), disponse a creación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) como o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego para mellora-las condicións de vida e evita-lo despoboamento dese territorio.

Dentro dos obxectivos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural atópase a mobilización da iniciativa privada coa finalidade de impulsa-lo desenvolvemento das áreas rurais. Neste sentido, entre os traballos que está a levar a cabo Agader, cabe sinala-la posta en práctica de actuacións públicas complementarias que animen a participación privada e contribúan á conservación do contorno rural.

En consonancia con todo o anterior, o Consello de Dirección do 19 de setembro de 2003, aprobou o Regulamento do premio Agader ó embelecemento do medio rural galego. Así mesmo, aprobou a con

vocatoria para o ano 2003 e acordou delegar na directora xeral de Agader a facultade para levar a cabo as actuacións precisas para o desenvolvemento da convocatoria e a concesión do premio Agader ó embelecemento do medio rural galego.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Regulamento.

Publícase o Regulamento do premio Agader ó embelecemento do medio rural galego, que figura como anexo desta resolución.

Segundo.-Convocatoria de 2003.

Faise pública a convocatoria do premio Agader ó embelecemento do medio rural galego correspondente ó ano 2003, que se suxeitará ás normas contidas no regulamento que figura como anexo desta resolución.

O prazo de presentación de candidaturas rematará ás 14 horas do día 17 de novembro de 2003.

O premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 12.000 A.

Ademais haberá dous accésit, que terán unha dotación en metálico de 3.000 A cada un.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2003.

Belén Hernández Lafuente

Directora xeral de Agader

ANEXO

Regulamento do premio Agader ó embelecemento do medio rural galego

Artigo 1º.-O premio Agader ó embelecemento do medio rural galego poderá concederse á parroquia, localidade, aldea, núcleo de poboación ou grupo humano da Comunidade Autónoma de Galicia que destacase de xeito notable polo embelecemento e coidado do medio rural, así como pola defensa e conservación do seu contorno natural ou ecolóxico, do seu patrimonio histórico, cultural ou artístico ou na realización de obras comunais ou outras manifestacións de solidariedade extraordinaria.

Artigo 2º.-Os grupos de acción local de Galicia, institucións, entidades, empresas, así como os cidadáns que o desexen, poderán presentar propostas razoadas de candidaturas ó premio Agader ó embelecemento do medio rural galego durante o prazo que determine a axencia na correspondente convocatoria.

As propostas poderán ser enviadas por correo certificado, correo electrónico (infoAgader*xunta.es) ou presentadas na sede de Agader, avda. do Camiño Francés, 10-baixo-15771 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 3º.-A documentación que deberá ser incluída na presentación de cada candidatura é a seguinte:

1. Proposta formal, explicando os motivos polos que se presenta a candidatura.

2. Documentación acerca da parroquia, localidade, aldea, núcleo de poboación ou grupo humano proposto.

Poden presentarse tamén, se se considera oportuno, apoios á candidatura e, en xeral, cantos datos e información se consideren axeitados para fortalece-la proposta.

Artigo 4º.-As propostas de candidaturas que non cumpran os requisitos anteriores non serán admitidas.

En todo caso, a documentación presentada non será devolta, nin se manterá correspondencia sobre ela.

Artigo 5º.-En cada convocatoria o premio terá o seu propio xurado. Os membros deste serán designados por Agader, que determinará, de entre aqueles, quen será o secretario.

Artigo 6º.-Na primeira xuntanza do xurado o secretario declararao constituído. A continuación elixirase o presidente do xurado de entre os seus membros.

Correspóndelle ó presidente dirixi-las deliberacións e, se é o caso, as votacións que se produzan, e ó secretario, con voz e sen voto, levantar acta das sesións e interpreta este regulamento.

Artigo 7º.-O xurado será libre para elixir entre as candidaturas presentadas ou outorga-lo premio a outra parroquia, localidade, aldea, núcleo de

poboación ou grupo humano presentado documentalmente polos membros do xurado.

Artigo 8º.-O premio outorgarase á candidatura que obteña a maioría dos votos do xurado. O voto deberá ser emitido persoalmente por cada un dos membros do xurado durante as xuntanzas formais que este celebre. No caso de empate decidirá o voto do presidente.

Artigo 9º.-O premio será outorgado a unha soa parroquia, localidade, aldea, núcleo de poboación ou grupo humano. Excepcionalmente poderá ser compartido.

Artigo 10º.-O xurado poderá declarar deserto o premio.

Artigo 11º.-O premio Agader ó embelecemento do medio rural galego constará dun diploma e da dotación en metálico que se estableza na convocatoria anual correspondente. Ademais do premio, o xurado poderá conceder dous accesits, que terán a dotación económica que se estableza na convocatoria anual correspondente.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA