Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 01 de outubro de 2003 Páx. 12.281

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 8 de setembro de 2003 pola que se declara de interese galego a Fundación Terra de Trasancos e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 18 de decembro de 2001 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 29 de novembro de 2001, pola que se clasifica como de interese social a Fundación Terra de Trasancos, adscribíndoa á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación ten por obxecto, segundo o artigo 6 dos seus estatutos, a formación social, cultural e económica da súa área de influencia. En particular, recoñécense como fins preferentes a promoción da formación e difusión do cooperativismo e das relacións intercooperativas no seu ámbito territorial de actuación.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artígo 34 da Lei 1/1983, do 22 de

febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego e no Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Terra de Trasancos, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Terra de Trasancos, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais