Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 01 de outubro de 2003 Páx. 12.281

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 359/2003, do 16 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Cervo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización da travesía entre a rúa dos Campos e a rúa Manuel Antonio.

O Concello de Cervo, en sesión do día nove de marzo de dous mil dous, aprobou o proxecto de urbanización travesía entre a rúa dos Campos e a rúa Manuel Antonio e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Cervo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día trece de agosto de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vintesete de febreiro de dous mil tres.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos emitiu informe favorable. O dito informe tivo data de entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día doce de xuño de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, a urbanización da travesía é necesaria ó tratarse dunha vía asfaltada pola que está permitida a circulación de tráfico e na que hai un estreitamento brusco de varios metros, co conseguinte perigo para os vehículos que circulan por este lugar e para os peóns, que non dispoñen de beirarrúas para circular de xeito seguro.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de setembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cervo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización travesía entre a rúa dos Campos e a rúa Manuel Antonio, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obte-las autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ó inicio das obras.

Santiago de Compostela, dezaseis de setembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local