Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 26 de setembro de 2003 Páx. 12.118

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 11 de setembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declaran de utilidade pública, en concreto, as instalacións da liña de alta tensión (L.A.T) a 132 kV e 30 kV desde subestación eléctrica Farelo ata a subestación eléctrica Faro a cal afecta os concellos de Rodeiro e Agolada en Pontevedra, e Antas de Ulla e Chantada en Lugo. (Expediente 014/2002 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Enerfin, S.A., con enderezo para efectos de notificación na praza Manuel Gómez Moreno, edificio Bronce 5ª planta, 28020 Madrid, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 22 de maio de 2002, a devandita empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da liña de alta tensión L.A.T. a 132 kV e 30 kV desde a subestación eléctrica Farelo ata a subestación eléc

trica Faro, achegando o preceptivo proxecto de instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve.

Segundo.-As delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e Lugo someteron o devandito proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, ó trámite de información pública mediante cadansúas resolucións do 4 de setembro de 2002, corrixida por Resolución de 15 de novembro do mesmo ano, e do 11 de setembro de 2002. Estas resolucións foron publicadas no DOG de 30 de setembro e 25 de novembro de 2002, nos BOP de Lugo e Pontevedra do 30 de setembro e 10 de outubro de 2002 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 17 e 26 de setembro de 2002. O anuncio estivo exposto no taboleiro de anuncios dos concellos de Rodeiro e Agolada en Pontevedra, e Antas de Ulla e Chantada en Lugo.

Así mesmo, practicouse notificación individual ós interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Terceiro.-De acordo co disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enviáronse separatas relativas ó proxecto a Augas de Galicia, ó Servicio de Estradas da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, a Unión Fenosa e ós concellos de Rodeiro e Agolada en Pontevedra, e Antas de Ulla e Chantada en Lugo.

Deste trámite de información desprendeuse a conformidade das diferentes entidades, empresas e administracións á autorización da instalación.

Cuarto.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública realizáronse as seguintes alegacións:

1. Margarita Costa Otero, invocando o artigo 30 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, solicitou, mediante escrito do 17 de xaneiro de 2003, que se lle faga chegar ó seu enderezo, para efectos de notificación, unha copia da totalidade do expediente.

2. Adela Dulce María Moreiras Areán expuxo, na súa comunicación do 28 de outubro de 2002, que o predio identificado co número 302, e que se corresponde o predio 293 do polígono 1 do parcelario de rústica do concello de Chantada, figura a nome de Gloria Vence Guerra, cando en realidade é da súa propiedade ó serlle adxudicada recentemente en partilla.

Tamén expón que, dado que na relación de superficie afectada non aparece ningunha ocupación temporal fóra da propiamente correspondente á servidume de paso, non se poderá emprega-lo resto da parcela non afectada pola servidume, tanto para o establecemento, vixilancia, conservación ou reparación da liña, nin camiños ou accesos de carácter privado, salvo que previamente se chegue a un acordo ou se determine a indemnización.

Por todo o anterior, a alegante solicita que na parcela citada se leve a cabo un replanteo ou estacado sobre o terreo dos límites da servidume, dado que coa información facilitada non se pode precisar con exactitude qué parte do predio é o afectado nin a qué voo afecta. Este replanteo deberíase en todo caso realizar antes da convocatoria para o levantamento de actas previo á ocupación do predio afectado, xa que o descoñecemento da exactitude do ben expropiado levaría aparellada a indefensión do interesado.

Por último, tamén solicita que a superficie afectada pola servidume en cada predio sexa exactamente a esixida pola regulamentación existente, dado que se proxectaron distintos largos de servidume, ó longo da liña eléctrica, que varían substancialmente entre predios de similares características.

3. Elvira Arias Fernández, José Manuel Moure Hermida e Manuel Areán Montes, na súas alegacións do 28 de outubro de 2002, expoñen, ó igual que Adela Dulce María Moreiras Areán, que dado que na relación de superficie afectada non aparece ningunha ocupación temporal fóra da propiamente correspondente á servidume de paso, non se poderá emprega-lo resto da parcela non afectada pola servidume, tanto para o establecemento, vixilancia, conservación ou reparación da liña, nin camiños ou accesos de carácter privado, salvo que previamente se chegue a un acordo ou se determine a indemnización. Por todo iso solicitan exactamente o mesmo que a mencionada Adela Dulce María Moreiras Areán en relación co estacado e a superficie afectada pola servidume.

4. Ademais, Manuel Areán Montes expuxo que os predios identificados cos números 287 e 289 aparecen cualificados como de monte baixo, cando en realidade, nos devanditos predios, existe múltiple arboredo en estado de Latizal, o cal debe ser tido en conta na valoración da superficie ocupada conforme a lexislación vixente.

5. Flora García González, mediante escrito manuscrito do 1 de outubro de 2003, sinalou que o predio que a empresa adxudica a nome de Edelmira González é en realidade da súa propiedade. Así mesmo, a alegante non entende por qué queren declarala instalación de utilidade pública. A pesar de todo, móstrase disposta a cedelo terreo en réxime de alugamento mediante contrato a varios anos.

6. Os herdeiros de Avelino Faílde Vázquez e Gloria Porto Moreiras puntualizan que recibiron varios escritos que fan referencia ós predios 254, 260, 261,

262, 263, 264, 265 e 269, dirixidos o primeiro deles a Gloria Porto Moreiras e o resto a Jesusa Faílde Porto e outros, cando en realidade a totalidade dos predios pertencen ós herdeiros de Avelino Faílde Vázquez e Gloria Porto Moreiras. Ademais, consideran, aténdose ó plano recibido, que son propietarios tamén dos predios identificados como 266, 267, 268 e 270, dos cales non recibiron ningunha notificación.

En segundo lugar, mostran a súa non aceptación á instalación da liña de alta tensión polos seus predios debido ó prexuízo que para elas se causa así como das servidumes que da instalación derivan, valorando para iso non só o prezo físico da terra e a súas servidumes en si, senón do valor moral que teñen por ser herdanza dos seus pais.

Ademais consideran que o apoio numerado como 37 se encontra exactamente na metade dun dos predios, concretamente o 262, a cal é de labranza e o desvaloriza de forma moi importante, polo que instan a levalo devandito apoio ó límite do citado predio.

Neste sentido, e en contestación á resposta dada pola empresa ás anteriores consideracións, os mesmos alegantes puntualizan que a pesar de que, segundo a empresa, o apoio nº 37 está xunto ó linde da parcela 262, non se especifica o lugar exacto, facendo fincapé no feito de que, malia seren diferentes parcelas, para eles é un mesmo predio.

Por último, e no mesmo escrito que o exposto anteriormente, queren saber cal será a contraprestación económica que lles suporá a instalación da liña.

Quinto.-As delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de Lugo e Pontevedra emitiron informe, os días 26 de agosto de 2002 e 3 de xaneiro de 2003 respectivamente, favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente segundo o exposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e o exposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sexto.-O estudio de impacto ambiental desta instalación eléctrica foi sometido a información pública conxuntamente coa autorización administrativa, aprobación de proxecto e utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica que nos afecta, nas respectivas resolucións de información pública de Lugo e Pontevedra.

Durante o trámite de información pública non se presentaron alegacións ó estudio de impacto ambiental da citada liña.

Sétimo.-O 25 de agosto de 2003, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente realizou a declaración de impacto ambiental relativa ó proxecto que agora se autoriza.

Oitava.-As características técnicas básicas da instalación, que ten como fin a interconexión das subestacións eléctricas de Farelo e Faro para a evacuación da enerxía producida nos parques eólicos de Farelo

e Monte Cabeza, segundo o proxecto realizado polo enxeñeiro industrial Guillermo Planas Roca, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia con número 451/2002, son as seguintes:

* Liña de alta tensión (L.A.T.) aérea a 132 kV, tramo subestación Farelo ó apoio número 19, para interconexión das subestacións eléctricas de Farelo e Faro, de 4.578 metros de lonxitude, composta por un circuíto cun conductor por fase tipo LA-280 sobre apoios metálicos de celosía e un cable á terra OPGW para comunicacións.

* Liña de alta tensión (L.A.T.) aérea a 132 kV, tramo apoio número 19 á subestación Faro, para interconexión das subestacións eléctricas de Farelo e Faro, de 8.232 metros de lonxitude, composta por un circuíto cun conductor por fase tipo LA-280 sobre apoios metálicos de celosía e un cable a terra OPGW para comunicacións.

* Liña de alta tensión (L.A.T.) aérea a 30 kV, tramo apoio 19 ó apoio 48 bis, para evacuación da enerxía xerada no parque eólico de Monte Cabeza, de 8.224 metros de lonxitude, composta por un circuíto cun conductor por fase tipo LA-280 sobre apoios metálicos de celosía e un cable á terra OPGW para comunicacións.

* Liña de alta tensión soterrada a 30 kV, tramo apoio 48 bis a subestación Faro, para a evacuación da enerxía producida no parque eólico de Monte Cabeza de 15 metros de lonxitude, composta por un circuíto cun conductor por fase tipo AL-800 sobre apoios metálicos de celosía e un cable á terra, disposta baixo tubo de canalización formigada.

* Orzamento: 1.047.979,15 euros.

* Concellos afectados: Rodeiro e Agolada en Pontevedra, e Antas de Ulla e Chantada en Lugo.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo; o Decreto 132/1982, do 4 de novembro; o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, no seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas e do resto de documentación existente no expediente, queda de manifesto que:

1. A declaración de utilidade pública faise en virtude dos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

2. En todo momento respectarase o establecido nos artigos 157, 158, 159 e 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, os cales fan referencia ó alcance e ós límites da servidume de paso da enerxía eléctrica.

3. O replanteo ou estacado, ó cal se fai referencia en diferentes alegacións será realizado, se así o consideran oportuno os servicios da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia, con carácter previo á acta previa de ocupación dos terreos.

4. Segundo o proxecto de execución da liña eléctrica que nos afecta, o largo de servidume será de 12 metros a cada lado do eixe da liña, incrementándose o largo da servidume no caso de predios con arboredo, ata os 21 metros a cada lado do eixe da liña.

5. As alegacións referidas á contraprestación económica derivada da instalación da liña eléctrica de alta tensión non se toman en consideración nesta fase do expediente, xa que estas corresponden á fase denominada de prezo xusto, á cal serán debidamente convocados os interesados.

6. En resposta á petición realizada por Margarita Costa Otero, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas expón o seguinte:

* Segundo a letra a) do artigo 35 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os cidadáns, nas súas relacións coas administracións públicas, teñen dereito a coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos nos que teñan a condición de interesados, e a obter copias de documentos contidos neles.

* O punto 1º do artigo 37 da anterior lei reflicte o dereito que os cidadáns teñen a acceder ós rexistros e ós documentos que, formando parte dun expediente, consten nos arquivos administrativos, calquera que sexa a expresión gráfica, sonora ou en imaxe, ou o tipo de soporte material en que figuren, sempre que tales expedientes correspondan a procedementos rematados na data da solicitude.

* O devandito acceso, segundo o punto 7º do anterior artigo, será exercido polos particulares de forma que non se vexa afectada a eficacia do funcionamento dos servicios públicos, debéndose, a tal fin, formular petición individualizada dos documentos que se desexen consultar, sen que caiba, salvo para a súa consideración con carácter potestativo, formular solicitude xenérica sobre unha materia ou conxunto de materias. Non obstante, cando os solicitantes sexan investigadores que acrediten un interese histórico, científico ou cultural relevante, poderase autoriza-lo acceso directo daqueles á consulta dos expedientes, sempre que quede garantida a intimidade das persoas.

* No mesmo artigo, no seu punto 8º, faise mención ó feito de que o devandito dereito levará consigo o de obter copias ou certificados dos documentos

dos que sexa autorizado pola Administración, logo de pagamento, se é o caso, das exaccións que se encontren legalmente establecidas.

Por todo iso, e tendo en conta o antedito, a interesada poderá acceder ó expediente da forma anteriormente exposta, o cal se encontra nas dependencias da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas de Santiago de Compostela.

7. A empresa promotora tomou en consideración as alegacións realizadas por Adela Dulce María Moreiras Areán e Flora García González con relación á propiedade de diferentes parcelas incluídas neste expediente, tomando razón, para iso, do cambio de titularidade delas.

8. No caso da alegación concreta de Manuel Areán Montes, referente á natureza de dous dos seus predios, esta tomarase en consideración cando se proceda ó levantamento de actas previas á ocupación.

9. No caso das alegacións concretas realizadas polos herdeiros de Avelino Failde Vázquez e Gloria Porto Moreiras, este órgano substantivo reflicte o seguinte:

* A empresa promotora tomou razón do cambio de titularidade dos predios identificados como 260, 261, 262, 263, 264, 265 e 269.

* A devandita empresa comprobou a titularidade das parcelas número 266, 267, 268 e 270, que non custan como propiedade dos alegantes; non obstante, estes poden facer vale-los seus dereitos mediante a acreditación, na acta previa á ocupación dos terreos, dos documentos xustificativos pertinentes.

* O sitio exacto da situación do apoio número 37 pódese comprobar mediante o exame do proxecto de execución da liña, o cal estivo exposto ó público nas dependencias da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia de Lugo e Pontevedra, na fase de información pública do proxecto.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede:

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña de alta tensión (L.A.T) aérea de transporte de enerxía eléctrica a 132 kV e 30 kV desde subestación eléctrica Farelo ata a subestación eléctrica Faro, nos termos municipais de Rodeiro e Agolada en Pontevedra, e Antas de Ulla e Chantada en Lugo.

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-As instalacións que se autorizan terán que se realizar de acordo cas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 1.047.979,15 euros.

Segunda.-O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira.-En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento técnico de liñas eléctricas de alta tensión, e as súas instruccións técnicas complementarias segundo o Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, as delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo e Pontevedra poderán autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, devindo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da devandita facultade.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, as delegacións provinciais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio de Lugo e Pontevedra inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Enerfín, S.A..

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de impacto ambiental do 25 de agosto de 2003, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 7.1º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

Sétima.-A Administración reserva paa si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comer

cio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas