Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 25 de setembro de 2003 Páx. 12.044

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE ARTEIXO

EDICTO.

O Pleno da Corporación, en sesión ordinaria do pasado día 31 de xullo de 2003 adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Primeiro.-A aprobación provisional da delegación na deputación provincial da recadación voluntaria e executiva das sancións municipais por infraccións da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial, incluíndo a colaboración previa da deputación co Concello de Arteixo para a identificación dos propietarios dos vehículos cos que se cometeran as infraccións segundo o establecido nas bases para a prestación de servicios tributarios ós concellos da provincia aprobadas polo Pleno provincial en sesión do 29 de xuño de 2001 (BOP nº 155, do 7 de xullo) modificadas por acordo do Pleno provincial do 28 de xuño de 2002 (BOP nº 167, do 22 de xullo). O contido e alcance da delegación vén definido polas bases para a prestación de servicios tributarios ós concellos da provincia aprobadas pola deputación e aceptadas polo Concello de Arteixo nos termos do acordo de delegación inicial adoptado polo Pleno municipal do 19 de xullo de 2001 (BOP nº 180, do 7 de agosto), así como

na resolución de Presidencia da deputación nº 514/2003, do 23 de xaneiro, polas que se establecen

as normas de procedemento para a recadación de sancións de tráfico que se remite xunto a esta proposta. A vixencia temporal desta delegación será desde a aceptación desta polo Pleno da deputación provincial ata o 1 de xaneiro de 2012.

Segundo.-Publicar este acordo no BOP, abrindo un prazo mínimo de 30 días hábiles para xeral coñecemento e presentación de alegacións, entendéndose definitivamente aprobado de non presentarse reclamacións.

Terceiro.-Unha vez aprobado definitivamente o presente acordo remitirase á Deputación Provincial da Coruña para a aceptación da delegación proposta polo Pleno provincial.

O presente acordo exponse ó público mediante inserción deste edicto no Diario Oficial de Galicia, por un prazo de trinta días hábiles para que os interesados poidan presenta-las alegacións en reclamacións que estimen procedentes. Transcorrido o dito prazo sen que sexa presentada ningunha alegación, o acordo entenderase definitivamente aprobado.

Arteixo, 21 de agosto de 2003.

Isabel Vila Vilas

Alcaldesa en funcións