Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 24 de setembro de 2003 Páx. 11.985

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio do Concello de Pontedeume.

Visto o texto do acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio do Concello de Pontedeume que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-6-2003, complementado o 5-8-2003, subscrito pola representación do concello e polos representantes dos funcionarios municipais, e aprobado polo pleno da corporación na súa sesión do 20-5-2003, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, segundo a redacción dada pola Lei 7/1990, do 19 de xullo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 20 de agosto de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Acordo regulador das condicións de traballo

dos funcionarios do Concello de Pontedeume

Artigo 1º

As partes que concertan este acordo son o Concello de Pontedeume e o seu persoal funcionario, constituídos en mesa xeral de negociación de acordo co establecido na Lei 9/1987, do 12 de xuño.

Artigo 2º

As normas contidas no presente acordo aplicaranse ó persoal funcionario de carreira e interino que preste os seus servicios no Concello de Pontedeume.

Artigo 3º

O ámbito funcional é o propio da corporación.

Artigo 4º

O ámbito territorial é o propio da súa demarcación territorial e o que puidese entenderse en comisión de servicios.

Artigo 5º

A vixencia das normas contidas no presente acordo entenderase desde o 1-1-2003 ata o 31-12-2003, incrementándose anualmente as contías económicas que nel figuran segundo o IPC, axustada a súa aplicación ás disposicións legais vixentes.

As condicións previstas no texto do presente acordo prorrogaranse automaticamente por anos naturais ata que non se realice unha modificación total ou parcial, que se deberá realizar trala formulación de denuncia de rescisión ou revisión por calquera das partes, cunha antelación mínima de dous meses respecto á data sinalada para o remate da súa vixencia.

Artigo 6º

As melloras establecidas en calquera outra disposición de calquera outro rango e todas aquelas situacións colectivas que, comparadas analítica ou globalmente, sexan superiores ás do acordo, serán de aplicación de acordo co principio de aplicación da norma máis favorable ou condición máis beneficiosa para os traballadores.

Artigo 7º

Constituirase unha comisión paritaria que terá como funcións as seguintes:

1. Interpretación da totalidade do articulado ou das cláusulas do acordo.

2. Vixilancia do cumprimiento do pactado.

3. Facultade de conciliación previa naquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

A comisión estará composta por dous representantes do persoal e dous representantes do concello.

A comisión reunirase por petición de calquera das partes, que deberá indicar, en todo caso, os temas que se van tratar. O prazo máximo para a realización da reunión desde que se solicite será de cinco días hábiles.

Os acordos tomaranse por unanimidade entre ambalas dúas partes serán recollidos en acta e se lles dará a debida publicidade no taboleiro de anuncios do concello ou, se a súa trascendencia o aconsella, no BOP.

Artigo 8º.-Publicidade do acordo.

O presente acordo remitirase á delegación provincial da Consellería de Xusticia, Interior e Relacións Laborais, para o seu rexistro e posterior publicación no BOP e no DOG, inmediatamente despois da súa aprobación polo Pleno da corporación municipal, no que adquire vixencia.

O concello procurará que todos e cada un dos funcionarios ó seu servicio estean en posesión dun exemplar deste acordo.

Artigo 9º.-Indivisibilidade do acordo.

O acordo ten un carácter mínimo, necesario e indivisible, para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas constitúen un todo orgánico e unitario e, para os efectos da súa aplicación práctica consideraranse global e conxuntamente vinculadas á totalidade, polo que non poderán ser renegociadas, modificadas ou reconsideradas parcialmente illadas do seu contexto, non puidéndose pretende-la aplicación de partes do seu articulado rexeitando o resto,

se non que sempre terá que ser aplicado e observado na súa totalidade.

Artigo 10º.-Calendario laboral.

O calendario laboral será o que os órganos competentes da Administración central, autonómica o local, dentro das súas respectivas competencias, sinalen para o efecto o municipio de Pontedeume.

Establécese ademais como festa propia dos funcionarios do Concello de Pontedeume, con carácter non recuperable, o 22 de maio día de Santa Rita, patroa dos funcionarios públicos locais. No caso de que a dita data coincida con festivo trasladarase ó día hábil inmediatamente anterior ou posterior, por petición dos funcionarios. Quedan excluídos o rexistro xeral e aqueles servicios de carácter permanente.

Durante os días 22 de maio, 24 e 31 de decembro, permanecerán pechadas as oficinas públicas, a excepción dos servicios de rexistro xeral e aqueles de carácter permanente.

Os servicios que polas súas peculiaridades teñan que organiza-lo seu traballo en réxime de quendas ou non sexan compatibles co calendario laboral, axustaranse ós calendarios que estableza a concellería responsable trala negociación co órgano de representación dos funcionarios afectados e comunicación ó departamento de persoal. No anexo a este acordo incluiranse, para coñecemento xeral, os servicios que estean ou poidan estar incluídos neste punto.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo común obrigatoria será de 37,5 horas semanais en computo mensual, sen prexuízo de xornadas especiais para aqueles funcionarios que teñan especial dedicación segundo o disposto no catálogo de postos de traballo e nos termos que nel se sinalen.

Artigo 12º.-Horario de traballo.

O horario laboral xeral das oficinas municipais será de luns a venres de 8.00 a 15.00 horas. A atención do servicio de rexistro xeral os sábados e días non laborais que deba permanecer aberto, realizarase correlativamente polo persoal de administración xeral, entre as 9.00 e as 14.00 horas.

Os horarios específicos que se poidan recoller segundo o indicado no artigo 10º, revisaranse no mes de decembro de cada ano para o seu cumprimento a partir do mes de xaneiro do ano seguinte.

Tódolos funcionarios municipais estarán sometidos a un sistema de control fiable ó inicio e ó remate da xornada laboral.

O incumprimento da xornada de traballo establecida no presente acordo dará lugar ás correspondientes deduccións en nómina, sen prexuizo das responsabilidades en que poida incurrer, ou ben recupera-las horas que falten para o computo mensual das 37,5 horas semanais nos días e nas horas que dispoña o xefe da unidade e a demanda do servicio.

Artigo 13º

Durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro o horario xeral único será de luns a venres de 8.30 a 14.00 horas.

Artigo 14º

Os funcionarios da policía local tamén terán dereito á reducción da xornada laboral durante este período. No caso de non se lles reduci-la súa xornada laboral aplicaráselle-lo disposto no artigo 37º deste acordo.

Artigo 15º.-Horarios específicos.

1. Policía local: o horario dos funcionarios da policía local de Pontedeume estabecerase entre estes respectando o cumprimento de 150 horas mensuais ou 300 bimensuais, tendo en conta o disposto nos artigos 13º e 14º do presente acordo.

As quendas estarán compostas como mínimo e obrigatoriamente por dous axentes.

Os funcionarios da policía local desfrutarán dunha fin de semana libre de cada tres, como mínimo, entendéndose como tal o sábado e o domingo.

2. Bibliotecario municipal: o seu horario establecerase dependendo da organización doutras actividades, exposicións, actos culturais, etc., nos que participe, colabore ou organice a biblioteca municipal.

Artigo 16º

Tódolos funcionarios disporán dun período de trinta minutos diarios de descanso, con carácter de non recuperables, dentro da xornada laboral, debéndose realizar entre o persoal de tal xeito que sigan atendidos os distintos servicios municipais. Non poderán ausentarse ó mesmo tempo máis do 50% do persoal adscrito a un mesmo servicio, excepto naqueles departamentos nos que preste servicio un único funcionario.

Artigo 17º

O período de vacacións anuais, non substituíbles por compensación económica, será dun mes ou trinta días naturais ou, se fose o caso, na proporción que lle corresponda de non prestar servicio o ano completo.

Artigo 18º

As vacacións desfrutaranse no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de setembro. Poderanse desfrutar fóra de dito período por iniciativa voluntaria do funcionario, logo de solicitude deste por escrito, e sempre que non se cause trastorno ó seu servicio.

Artigo 19º

Antes do día 30 de abril de cada ano, cada unidade administrativa ou servicio remitirá o seu plan de vacacións á unidade de persoal para a súa posterior aprobación por resolución da alcaldía.

A aprobación dos plans de vacacións das distintas unidades administrativas ou servicios por parte da alcaldía realizarase antes do 15 de maio de cada ano. O plan de vacacións poderase modificar con carácter individualizado, trala solicitude do interesado, sempre que non exista oposición por parte do xefe da unidade ou servicio correspondente, fundamentada en razóns obxectivas do servicio e que non afecte a intereses de terceiros do ámbito de quendas preestablecidas.

Artigo 20º

Para o suposto de que se produzca unha baixa con anterioridade ó inicio das vacacións ou subsistise o día sinalado para o seu comenzo, estas non poderán empezar a contar para o interesado.

Tanto nun como noutro caso, de se producir colisións de intereses entre o funcionario que modifica o seu cadro de vacacións como consecuencia da baixa médica e aqueloutros da mesma unidade ou servicio que xa as teñan programadas, terán estes últimos preferencia sobre aquel que, en todo caso, terán que supedita-las necesidades do servicio.

Se o funcionario non puidese desfrutar un ou máis días das súas vacacións por motivos relacionados directa ou indirectamente coas súas funcións, estes serán substituídos por outro día libre que se sumará ás propias vacacións.

Artigo 21º.-Licencias e permisos.

En materia de licencias e permisos haberá que aterse ó disposto pola lexislación vixente aplicable en cada momento e ó que se dispón nos seguintes artigos. Actualmente aplicarase o disposto no artigo 142 do Real decreto 781/1986, do 18 de abril, que aproba o texto refundido das disposicions legais vixente en materia de réxime local, no artigo 30 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública e no artigo 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Artigo 22º.-Licencia por matrimonio.

Por matrimonio propio, o funcionario terá dereito a una licencia de quince días naturais ininterrompidos que se poderán disfrutar con anterioridade ou posterioridade á celebración da voda, incluída a data desta, podendo acumulala coas vacacións.

Artigo 23º.-Licencia por maternidade.

Aplicarase o disposto nos artigos 30 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, e 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

En todo caso, concederase dous días de permiso cando o suceso se producise na mesma localidade e catro se fose en localidade distinta.

Os funcionarios con fillos menores de 9 meses terán dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo. Este período de tempo poderase dividir en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción da xornada en media hora.

No caso de nacemento de fillos prematuros ou que por calquera causa debesen permanecer hospitalizados a continuación do parto, a funcionaria ou funcionario terán dereito a ausentarse do traballo durante unha hora. Así mesmo, terán dereito a reduci-la súa xornada de traballo ata un máximo de dúas horas, coa diminución proporcional das súas retribucións.

No suposto de parto, a duración do permiso será de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no caso de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O permiso distribuirase a petición da funcionaria sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. En caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do permiso.

Artigo 24º.-Licencia por estudios.

Concederanse licencias para asistir a cursos de materias directamente relacionadas coa función pública trala solicitude presentada por escrito no rexistro xeral e coa posterior xustificación de asistencia.

Esta licencia concederaa o alcalde e deberá contar co visto e prazo favorable da unidade administrativa correspondente e coñecemento da comisión paritaria deste acordo. No caso de se conceder, o funcionario terá dereito a percibi-la súa remuneración e a indemnización prevista na lexislación aplicable.

Artigo 25º.-Licencia por enfermidade.

A duración máxima desta situación será a establecida pola lexislación vixente da Seguridade Social.

A alcaldía poderá efectua-la comprobación das baixas por enfermidade de calquera funcionario cando o considere oportuno a través dos servicios médicos dos que para eses efectos dispón a Seguridade Social.

A imposibilidade de asistencia ó traballo por enfermidade sobrevida débeselle notificar ó xefe da unidade respectiva o mesmo día no que se produza; este pola súa parte comunicaralle a ausencia ó departamento de persoal. Se tal situación se mantén máis de tres días, deberase presenta-la correspondente baixa médica.

Artigo 26º.-Licencia sen retribucións.

Concederase conforme o disposto no artigo 142 do texto refundido aprobado por Real decreto lexislativo 781/1986 e artigo 68.3º da Lei da función pública de Galicia.

Esta licencia terá unha duración acumulada que non poderá exceder de tres meses cada dous anos e desfrutarase sen retribución ningunha.

A concesión deste tipo de licencia subordinarase, en todo caso, ás necesidades do servicio.

Artigo 27º.-Permisos.

Aplicarase o disposto nos artigos 30 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública e 70 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

O persoal municipal, tralo aviso e a xustificación, e sen prexuízo do establecido na lexislación vixente en cada momento, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración por algún dos motivos e períodos que a continuación se relacionan:

1. Polo nacemento dun fillo: dous días cando o suceso se produza na mesma localidade de traballo e catro días cando fose fóra.

2. Por falecemento ou enfermidade grave de familiar ata o segundo grao de cosanguinidade ou afinidade: dous días se o suceso se produce na mesma localidade de traballo e catro días se ocorre en localidade distinta.

3. Por traslado de domicilio habitual: un día.

4. Por exames: o mesmo día do exame no centro oficial. Aqueles traballadores que fagan quendas de noite deberán ter, como mínimo, 12 horas de descanso entre a saída da quenda e a hora do exame.

Artigo 28º

Os permisos recollidos no artigo anterior corresponderalle outorgalos ó alcalde, tralo informe da unidade de persoal. Solicitaranse coa suficiente antelación, se fose posible, e serán resoltos, así mesmo, con antelación ós días solicitados. En caso de silencio entenderanse concedidos.

Artigo 29º.-Permisos por asuntos propios.

De acordo co disposto no artigo 142 do texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986 e artigo 70.3º da Lei da función pública de Galicia, todo funcionario ten dereito a desfrutar de nove días de permiso ó longo do ano para asuntos propios sen xustificación, respectando as necesidades do servicio.

O persoal poderá desfrutar estes días á súa conveniencia, logo de petición por escrito e autorización polo alcalde, e tendo en conta que nunca poderá queda-lo servicio desatendido, salvo naqueles servicios administrativos, nos que só traballe un funcionario. Estes días non poderán acumularse en ningún caso ás vacacións anuais.

Cando por razóns do servicio o funcionario non desfrute do mencionado permiso ó longo de todo o ano, poderase conceder este, única e exclusivamente, na primeira quincena do mes de xaneiro do seguinte ano.

Artigo 30º

Na materia á que se refiere este capítulo e no non contido expresamente nel, seguirase o disposto na lexislación vixente.

Condicións económicas

* Retribucións básicas.

Artigo 31º

A contía das retribucións básicas mensuais será a que se fixe para cada un dos grupos A, B, C, D e E ós que se refire o artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e á dos orzamentos xerais do Estado para o ano correspondente.

Artigo 32º.-Pagas extraordinarias.

Serán dúas ó ano e terán un importe cada unha delas dunha mensualidade do soldo e trienios e percibiranse nos meses de xuño e decembro.

* Retribucións complementarias.

Artigo 33º.-Complemento de destino.

É o correspondente ó nivel do posto que desempeñe o funcionario. A asignación de niveis de postos de traballo establecerase nunha relación de postos de traballo. O concello comprométese á elaboración desta relación durante o ano 2003.

A contía do complemento de destino determinarase de acordo coa Lei orzamentaria xeral do Estado.

Artigo 34º.-Complemento específico.

Son as condicións particulares de cada un dos postos de traballo as que determinan o complemento específico e a súa contía. Está establecido no catálogo de postos de traballo que aproba cada ano o pleno como consecuencia da aprobación orzamentaria do ano correspondente.

Artigo 35º.-Complemento de productividade.

O complemento de productividade destinarase a retribuí-lo especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou iniciativa co que o funcionario desenvolva o seu traballo.

A súa contía global non poderá exceder dunha porcentaxe sobre os custos totais do persoal de cada programa e de cada órgano que se determinará na Lei de orzamentos xerais do Estado. O responsable da xestión de cada programa de gasto, dentro das correspondentes dotacións orzamentarias determinará, de acordo coa normativa establecida na Lei de orzamentos, a contía individual que corresponda a cada funcionario.

En todo caso, as cantidades que perciba cada funcionario por este concepto serán de coñecemento público dos demais funcionarios do departamento ou organismo interesado así como dos representantes sindicais.

Artigo 36º.-Relación de postos de traballo.

Como anexo ó presente acordo elaborarase unha relación de postos de traballo no que figurará a dotación de funcionarios de cada posto, o grupo ó que pertence, escala, subescala, retribucións básicas e retribucións complementarias.

Artigo 37º.-Gratificacións.

Terán carácter excepcional e só poderán ser recoñecidas polos servicios extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo.

O importe das gratificacións polos servicios extraordinarios determinarase segundo o seguinte criterio: unha hora diurna valerá o dobre dunha hora normal e unha hora nocturna, en fin de semana (sábado ou domingo) ou festivo valerá o triple, ata un máximo mensual equivalente ó 30% do salario total: en tal caso seranlle aboadas as contías e incluídas inescusablemente na nómina de haberes do mes seguinte ó da súa efectiva realización, sen prexuízo do establecido no seguinte parágrafo.

O módulo para o seu cálculo será o seguinte:

-Salario anual/1.647 horas=valor hora ordinaria ou normal (1.647 nº máximo de horas segundo Resolución do 10 de marzo de 2003, da secretaría de Estado para a Administración Pública).

-Valor hora normalx 2=valor hora extra diurna en servicio extraordinario.

-Valor hora normalx3=valor hora extra nocturna, fin de semana ou festivo en servicio extraordinario.

Estes importes quedan suxeitos ás mesmas variacións que, como consecuencia dos incrementos establecidos na Lei orzamentaria xeral do Estado, sexan de aplicación ós funcionarios do Estado.

Acórdase a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de servicio extraordinarios, isto é, os realizados fóra da xornada de traballo, polo que só se realizarán servicios extraordinarios estructurais, excepcionais ou orixinadas por producirse imprevistos, ausencias, interrupcións do servicio, alteracións das quendas de persoal ou outras circunstancias de carácter puntual derivadas da actividade ou servicio de que se trate que non poidan ser atendidas polo persoal existente.

O pagamento polos servicios extraordinarios poderase substituír pola compensación en tempo, cando non supoña un prexuízo para o normal funcionamento dun determinado servicio ou unidade administrativa.

Artigo 38º.-Fondo adicional.

Con cargo a este fondo, dotado orzamenteriamente, e mediante resolución da alcaldía, que acorde a súa distribución, poderase aboar a tódolos funcionarios municipais, nos meses de xuño e decembro, unha productividade extra.

A contía que hai que dotar orzamenteriamente sería a resultante de suma-los complementos das retribucións complementarias de destino e específico de cada un dos postos de traballo.

Artigo 39º.-Indemnizacións por razón do servicio.

Os funcionarios recibiran as indemnizacións correspondentes ós servicios prestados no concello, segundo o disposto no artigo 23.4º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e no Real decreto 462/2002, do 24 de maio.

Os funcionarios da policía local percibirán as dietas e gastos de desprazamento correspondentes, cando teñan que asistir a xuízos derivados do seu traballo. Se a data do xuízo coincidise cun día no que

o funcionario estea libre de traballo ou de vacacións, este terá dereito a outro día libre; se tivese que traballar na quenda de tarde, daráselle libre.

Artigo 40º.-Cláusula de revisión salarial.

Cando por unha norma ou disposicións se establecese para os funcionarios da Administración do Estado unha retribución deles por diferencia entre a inflación real e os incrementos establecidos nos orzamentos xerais do estado, tal revisión será aplicada automaticamente e cos mesmos efectos ós funcionarios deste concello.

Co fin de lle dar cumprimento ó anterior nos orzamentos do concello crearase un fondo específico para o mantemento do poder adquisitivo.

Condicións sociais

Artigo 41º.-Normas xerais de aplicación das axudas sociais.

O concello asignará anualmente nos orzamentos municipais, a cantidade equivalente ó 1% da masa salarial do persoal funcionario, para sufraga-los gastos dos funcionarios e beneficiarios deles, destinado a axudas de carácter social. Esta cantidade incrementarase anualmente o mesmo índice que o IPC.

O remanente que exista en cada exercicio económico será incorporado ó exercicio seguinte con carácter prioritario.

Os conceptos para os que se poden solicitar axudas serán os seguintes:

a) Bolsa de estudios.

-Primaria e escolar: 200,00 euros/ano escolar.

-ESO, BUP, FP e COU: 300,00 euros/ano escolar.

-Universidade, escolas técnicas e equivalentes: 500,00 euros/ano escolar.

Para poder beneficiarse destas axudas é requisito indispensable o seguinte:

1. Ser funcionario de carreira do concello. Poden solicita-la axuda os orfos de funcionarios.

2. Presentar solicitude achegada da xustificación debidamente documentada da matrícula no centro de estudios correspondente.

3. A súa tramitación e concesión farase dentro do exercicio orzamentario.

b) Garderías.

Establécese a axuda de 150,00 euros/ano escolar. Os beneficiarios desta serán os fillos do funcionario e a xustificación será igual que no caso anterior.

c) Servicio sanitarios.

1. Odontolóxicos: o 50% da factura cunha axuda máxima por cada membro da unidade familiar de 270,00 euros/ano.

2. Oftalmolóxicos: o 50% da factura cunha axuda máxima de 240,00 euros para cada membro da unidade familiar, montura, cristais ou lentes de contacto, durante dous anos.

3. Próteses auditivas e de fonación: o 50% da factura, cun límite máximo de 90,15 euros/ano.

4. Próteses ortopédicas: o 50% da factura, cun límite máximo de 30,05 euros/ano.

As solicitudes deberán achegarse a seguinte documentación:

-Documento de prescrición facultativa.

-Factura oficial orixinal ou compulsada que acredite o gasto realizado.

-Fotocopia do libro de familia se a solicitude se refire ó conxuxe ou ós fillos.

-Declaración xurada de que os fillos maiores de 18 anos ou o cónxuxe, de referirse a eles, non perciben ningún tipo de renda derivada do traballo por conta allea ou propia.

A petición, unha vez rexistrada, pasará á secretaría xeral que, co preceptivo informe, así como o da intervención municipal, será resolta por resolución da alcaldía.

d) Xubilación.

Os traballadores que se xubilen percibirán unha gratificación económica de 200,00 euros por ano de servicio no concello cun máximo de 3.000,00 euros líquidos.

Artigo 42º.-Aboamento do permiso de conducción.

O concello aboaralle ó persoal que o precise para o desenvolvemento do seu traballo os gatos de renovación dos correspondentes permisos de conducción.

Artigo 43º.-Aboamento de gastos especiais.

O concello aboará os gastos para a relización dos tres exercicios de tiro ó ano obrigatorios para os funcionarios da policía local, entendéndose por tales a munición, brancos de siluetas e o desprazamento á galería de tiro.

Artigo 44º.-Seguro de accidentes e responsabilidade civil.

O concello subscribirá unha póliza de accidentes de traballo, sendo os ditos asegurados/as tódolos/as traballadores/as do cadro de persoal municipal en situación de servicio activo. As condicions da dita póliza serán as seguintes.

a) Cobertura: falecemento, invalidez absoluta e permanente ou invalidez parcial, exclusivamente para aqueles casos de accidentes sufridos durante o exercicio das ocupacións profesionais ou in itínere.

b) Capitais garantidos:

I. Falecemento: 12.020,24 euros.

II. Invalidez absoluta e permanente: 24.040,48 euros.

III. Invalidez parcial: segundo baremo.

c) O concello obrigase a cumprir posibles responsabilidades civís que pudiesen derivar das actividades propias dos funcionarios, salvo en caso de neglixencia debidamente probada.

Para estes efectos subscribirá o concello unha póliza de seguro que garanta unha adecuada cobertura de responsabilidade civil para tódolos funcionarios municipais.

Artigo 45º.-Asistencia xurídica.

A corporación obrigase a prestar asistencia xurídica ós seus empregados/as nos supostos de conflictos xurídicos con terceiros como consecuencia da prestación dos seus servicios, salvo en caso de manifesta neglixencia debidamente probada.

Artigo 46º.-Anticipos reintegrables.

1. Concederanse de acordo coa base 40 das de execución dos orzamentos municipais do ano 2003.

2. A solicitude do interesado o concello, mediante resolución da alcaldía, concederalle un anticipo reintegrable das retribucións básicas e complementerias líquidas cun tope máximo de 3.000,00 euros.

3. A devolución efectuarase mediante deduccións mensuais en nómina e sen xerar ningún tipo de xuro.

4. O período máximo de devolución establécese en relación co importe solicitado, podendo, en calquera caso, o funcionario solicitar un período de tempo menor para a amortización.

5. No suposto de funcionarios interinos, terase en conta o tempo que falte para o seu previsible cesamento.

6. Se por calquera causa o funcionario cambiase a súa condición de servicio activo, deberá aboa-lo saldo pendente de pagamento antes do seu paso definitivo á situación que lle corresponda.

7. As solicitudes de anticipos terán que ser xustificadas polos interesados e serán resoltos por decreto da alcaldía.

Condicións sindicais

Artigo 47º

Cando o dereito de reunión, garantías e dereitos sindicais haberá que se ater ó expresamente regulado na lexislación vixente aplicable.

Artigo 48º

Tódolos funcionarios do Concello de Pontedeume terán derieto a se sindicar libremente na defensa e promoción dos intereses profesionais, económicos e sociais que lles son propios como traballadores, e á non discriminación, prexuízo ou sanción por razóns de afiliación e exercicio dos dereitos sindicais de acordo coa Lei orgánica 11/1985 e coa Lei 9/1987.

Artigo 49º

De conformidade coa lexislación vixente, o Concello de Pontedeume recoñece ó delegado sindical ou, se é o caso, delegados de persoal, como órgano representativo dos funcionarios, que actúa con capacidade xurídica e de obrar en defensa dos intereses dos funcionarios e dos seus propios (artigo 4 da Lei 9/1987, do 12 de xuño).

Sen prexuízo da capacidade de representación que asiste ó/ós delegado/s de persoal en defensa dos intereses do colectivo, recoñéceselles tamén a dita capacidade, de conformidade coa lexislación aplicable, ós sindicatos, seccións sindicais, e en xeral, organizacións legalmente creadas e establecidas para a defensa dos intereses dos funcionarios; estes poderán, a través dos seus órganos acreditativos ante o concello, realizar todo tipo de actuacións sindicais das previstas nas normas correspondentes (Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical).

Artigo 50º.-Horas sindicais.

Fíxase en 15 as horas mensuais de libre disposición sindical para os delegados de persoal, debéndoselle comunicar previamente ó alcalde as que teña previsto utilizar de antemán ou con posterioridade de teren carácter imprevisto. Estas horas disporanse dentro da xornada de traballo e serán contabilizadas como traballo efectivo.

Non se considerarán computables como horas sindicais, nin as de negociacións nin aquelas para reunións con órganos administrativos convocados por iniciativas deste.

Artigo 51º.-Dereito de reunión.

Estan lexitimados para convocar unha reunión:

a) O/os delegado/s de persoal.

b) As organizacións sindicais.

c) Os funcionarios do concello, sempre que o seu número non sexa inferior o 40% do colectivo convocado.

Artigo 52º.-Dereito de folga.

O concello recoñece o dereito de folga do persoal municipal nos termos establecidos na lexislación vixente.

A comisión de seguimento ou, en calquera caso, a alcaldía ou a consellería delegada de persoal, de acordo co órgano representativo dos funcionarios, elaborará unha proposta de servicios mínimos para o caso de folga; estes servicios mínimos terán que prestarse con carácter inescusable.

Artigo 53º.-Recoñecemento médico.

Cada ano os funcionarios municipais que o soliciten poderán realizar un exame médico integral (revisión médica completa).

Artigo 54º.-Réxime de vestiario.

O concello facilitará roupa de traballo e calzado homologado e de uso obrigatorio a tódolos funcionarios ó seu servicio ou cando as condicións e natureza do traballo o esixan por razóns de seguridade e hixiene, uniformidade ou outro motivo xustificado.

Redactarase un regulamento de vestiario co obxectivo de regula-lo dereito do persoal municipal a desfrutar do vestiario necesario para o seu traballo.

A uniformidade de verán empregarase entre o 15 de maio e o 14 de outubro, a uniformidade de inverno empregarase entre o 15 de outubro e o 14 de maio polo que a súa entrega efectuarase con anterioridade a estas datas.

O vestiario entregaráselles ós funcionarios antes do inicio das súas funcións renovándose periodicamente nos prazos que se establecen para cada servicio do seguinte xeito:

a) Vestiario da policía local: nos orzamentos municipais reservarase unha cantidade non inferior a 13.222,00 euros, que xestionada segundo as necesidades da policía local, baixo a supervisión dos servicios de intervención municipais, empregarase para cubri-las necesidades de vestiario. Se efectuada a compra do vestiario necesario para as súas funcións houbese algún excedente, este poderá ser empregado para a adquisición doutros materiais, equipos, etc., para o exercicio das súas funcións.

O concello facilitará os membros da policía local o resto da dotación que lles sexa necesaria para o exercicio das suas funcións, entendéndose por tal o cinto, os grillóns, a defensa, as armas, a munición, etc.

b) Vestiario do porteiro municipal.

I. Vestiario de verán (que se entregará antes do 15 de maio).

ProductoCantidadePeriodicidade

Camisa de manga curta2Anual

Pantalón2Anual

Zapatos (par)1Anual

Chaqueta1Anual

I. Vestiario de inverno (que se entregará antes do 15 de outubro).

ProductoCantidadePeriodicidade

Camisa de manga longa2Anual

Pantalón2Anual

Chaqueta1Anual

Xersei1Anual

Zapatos (par)1Anual

Gravata1Anual

Condicións profesionais

Artigo 55º.-Formación.

O concello fomentará a formación profesional dos funcionarios o seu servicio. Para isto facilitaralles a asistencia a cursos, seminarios, congresos, conferencia e calquera outro evento que contribúan á formación profesional dos funcionarios.

Os funcionarios que cursen estudios de formación e perfecionamento terán preferencia a elixir quenda de traballo, se é o caso, e de vacacións anuais, así como adaptación da xornada ordinaria de traballo para asistencia ós ditos cursos, na marxe das concesións de licencias por estudios para iso, se fora preciso, de acordo cos artigos 23º e 26º.5 deste acordo.

O concello farase cargo dos gastos de quilometraxe, desde o domicilio do funcionario, e manutención, se é o caso, dos funcionarios que acudan ós cursos, previamente autorizados pola alcaldía, segundo o disposto na base 41 das de execución dos orzamentos municipais do ano 2003.

Artigo 56º.-Promoción interna.

O concello facilitará a promoción interna consistente no ascenso desde corpos, escalas ou subescalas do grupo inferior a outros correspondentes ó grupo inmediato superior, sendo necesario reuni-los requisitos e supera-las probas que para cada caso se establecesen.

Para lograr unha maior promoción de persoal ó servicio do Concello de Pontedeume arbitraranse para cada caso concreto e ata o límite que estableza a lexislación vixente, medidas para reducir ou suprimi-los programas e/ou exercicios do procedemento selectivo do que se trate.

Os procedementos de promoción interna dentro da policía local realizaranse segundo o disposto no artigo 25 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia.

Artigo 57º.-Provisión de postos de traballo.

Os funcionarios do Concello de Pontedeume teñen dereito o cambio do seu posto de traballo unha vez que se teña producido vacante no posto de traballo de igual ou superior nivel, dentro do mesmo grupo e escala, logo de realización do concurso de promoción interna correspondente.

Artigo 58º

Os procedementos para a provisión de postos de traballo vacantes, desempeñados por funcionarios, rexeranse pola convocatoria respectiva, con base na lexislación aplicable.

Establécese como sistema xeral de provisión de vacantes a oposición e o concurso-oposición. O sistema de acceso ás prazas vacantes en calquera dos postos da policía local será, exclusivamente, por oposición libre, segundo o disposto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia.

Artigo 59º

O Concello de Pontedeume fomentará a mobilidade interadministrativa á que se refire o artigo 17.2º da Lei 30/1984.

Réxime disciplinario

Artigo 60º

O cadro de faltas e sanción dos funcionarios incluídos no ámbito de aplicación deste acordo, así como o procedemento e réxime disciplinario xeral, acomodaranse ás normas específicas vixentes aplicables, xunto coas puntualizacións que neste capítulo se sinalen.

Artigo 61º

No referente ós membros da policía local terase en conta o disposto na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade.

Artigo 62º

O concello comprométese a esgota-la vía do diálogo e da información reservada, logo de iniciación do expediente disciplinario a calquera funcionario do Concello de Pontedeume.

Artigo 63º

O concello deberalle comunicar ó órgano representativo dos funcionarios a incoación de calquera expediente disciplinario dentro do prazo establecido para comunicarllo ó interesado.

O órgano representativo dos funcionarios neste concello será oído antes da resolución de calquera expediente disciplinario tanto polo instructor del como pola autoridade ou órgano competente na materia sancionadora.

Artigo 64º

O acordo FEMP-Sindicatos sobre condicións de traballo na función pública local para o período 1995-1997 asúmese na súa totalidade polas partes negociadoras deste acordo.

Disposicións adicionais

Primeira.-As modificacións parciais puntuais deste acordo poderán ser acordadas pola mesa de negociación e polo concello, sen necesidade de denuncia-lo dito acordo.

Segunda.-As situacións xurídicas determinadas polo establecido no presente acordo terán efectos a partir da súa vixencia, salvo nos casos que expresamente se prescriba outra cousa.

O presente acordo regulador das condicións de traballo dos funcionarios do Concello de Pontedeume, que consta de trece páxinas, asinado en tódalas páxinas polos abaixo asinantes, foi aprobado polo concello pleno en sesión extraordinaria celebrada o día vinte de maio de dous mil tres.

En representación do concello:

Belarmino Freire Bujía, alcalde-presidente.

En representación dos funcionarios:

José Luis Sande Vázquez.

Juan Carlos Vázquez Méndez.