Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 19 de setembro de 2003 Páx. 11.886

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2003, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 2 de xuño de 2003 relativa ó estudio informativo da autovía Ferrol-Vilalba, treito: Cabreiros-autovía do Cantábrico. Clave LU/00/74.0.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 2 de xuño de 2003, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da autovía Ferrol-Vilalba, treito: Cabreiros-autovía do Cantábrico, clave: LU/00/74.0, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2003.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas

ANEXO

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 2 de xuño de 2003 relativa ó proxecto de autovía Ferrol-Vilalba, treito: Cabreiros-autovía do Cantábrico en Vilalba, nos concellos de Vilalba e Xermade (Lugo), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, da Xunta de Galicia, clave: 2002/1060.

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental.

Dado que entre os proxectos incluídos no antedito anexo I atópanse as estradas de novo trazado, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

O estudio obxecto de avaliación ten por obxecto a definición dunha parte da vía de unión entre Ferrol e a autovía do Cantábrico, concretamente o tramo entre Cabreiros e a autovía do Cantábrico á altura de Vilalba.

De acordo coas conclusións da memoria do estudio informativo e impacto ambiental, a alternativa proposta é a 1, que presenta unha lonxitude total de 16,035 km.

No anexo I resúmese o estudio informativo e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio de impacto ambiental.

Con data 7 de novembro de 2002 (DOG nº 215) publícase a resolución da Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, pola que se somete a información pública ó estudio ambiental correspondente ó citado proxecto e con data 27 de novembro de 2002 (DOG nº 229) auméntase o prazo de información pública. Durante o período de exposición pública presentáronse alegacións por parte de Isaac Rodríguez Álvarez, Serafín Souto Seivane, Plácido Bermúdez Prieto (2), Isabel Souto Varela, Alfonso Bemúdez Lodeiro, Amador Casas Porto e outro veciño máis, Antonio López de Vicente e 3 veciños máis, AAVV Trastomil, Comunidade Usuarios Traída de Auga, José Vicente Gato e 3 veciños máis, Vicente Prieto Ledo, BNG de Vilalba, AAVV Cabreiros, Edelmiro Arias Caruncho, Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. As alegacións de carácter ambiental presentadas foron tidas en conta no punto 8 do condicionado da presente DIA.

No anexo III resúmense as alegacións con contido ambiental recibidas dentro do trámite de información pública.

Con data 7 de maio de 2003 recíbese no rexistro da Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, que contén os certificados de exposición ó público e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Saúde Pública, Conservación da Natureza e o emitido pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, da Deputación de Lugo.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do

24 de xaneiro (modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro), formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da autovía Ferrol Vilalba, treito: Cabreiros-autovía do Cantábrico, clave: LU/00/74.0, nos concellos de Vilalba e Xermade (Lugo), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación remitida pola Dirección Xeral de Obras Públicas que constitúe o expediente, e que consta de:

Estudio informativo da autovía Ferrol-Vilalba, treito: Cabreiros-autovía do Cantábrico, clave: LU/00/74.0, nos concellos de Vilalba e Xermade (Lugo).

Estudio de impacto ambiental do estudio informativo da autovía Ferrol-Vilalba, treito: Cabreiros-autovía do Cantábrico, clave: LU/00/74.0, nos concellos de Vilalba e Xermade (Lugo).

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

A) Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese ó proceso de execución e explotación do proxecto desenvolvido no estudio informativo da autovía Ferrol-Vilalba, treito: Cabreiros-autovía do Cantábrico, clave: LU/00/74.0, nos concellos de Vilalba e Xermade (Lugo), na configuración correspondente á alternativa 1, e definido nos planos planta y perfil lonxitudinal. Plano nº 3. Follas 1 a 10 do estudio informativo, agás para o que se derive do indicado no punto 7 desta DIA.

B) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre as emisións de po e gases.

A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación.

Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material procedente da obra.

En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de construcción, debido á acción da maquinaria

e ós movementos de terras, procederase á rega de viais e zonas de obra de forma suficiente e cando se dean condicións de seca e/ou fortes ventos.

1.2. Sobre o ruído.

Serán adoptadas as medidas correctoras precisas para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de obra e funcionamento, cumpran co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

En consecuencia, deberán desenvolverse sobre a solución definitiva os estudios de detalle precisos para valora-la afección sonora prevista, e propo-las medidas correctoras axeitadas, tal e como se require no punto 10.5 da DIA.

2. Protección dos solos.

De forma previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de xeito que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio. Igualmente, definiranse os vieiros para utilizar no marco do proceso constructivo. Neste ámbito, primará o uso da propia traza fronte ó de vieiros locais preexistentes e, de ámbolos dous, fronte á apertura de novos viais.

Na selección das zonas destinadas ás instalacións auxiliares, primará o uso dos espacios ocupados pola traza fronte a calquera outro, evitando, en todo caso, a súa localización sobre ou no contorno de zonas vulnerables: rede fluvial, bosques climácicos, bens patrimoniais, etcétera, de xeito que estas se sitúen en espacios carentes de valores ambientais relevantes. Estes deberán ser definidos e reflectidos en planos a escala 1:5.000 tal e como se require no punto 10.2 da DIA.

Os labores de mantemento da maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse nas zonas antes sinaladas, onde se deberá dispor dos medios precisos para previr calquera afección por caídas accidentais. No caso da maquinaria apta para circular por estrada, estes labores levaranse a cabo en talleres autorizados.

Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente dos labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no estudio ambiental, co obxecto de usala posteriormente no proceso de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras. Esta zona localizarase nos planos requiridos no punto 10.2 da DIA. Esta terra vexetal mentres permaneza almacenada non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullos.

Os amoreamentos deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica, e disporanse formando cordóns que non superen os 2 m de altura (conservándose de acordo co punto 5.1 do EsIA).

Naquelas zonas afectadas por movementos de terras, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies denudadas, procederase á súa revexetación unha vez que se acaden as superficies definitivas, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se localizaran sobre a propia traza, restaurados os espacios ocupados por elas.

Calquera material procedente de canteira que se precise para o desenvolvemento das obras deberá proceder de canteiras autorizadas que conten con plan de restauración.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da execución das obras e da explotación do novo viario deberán xestionarse conforme a súa natureza e a lexislación vixente en cada caso. Os sobrantes de terras, se os houbera, serán depositados en lugares autorizados polo órgano competente.

De realizarse almacenamentos temporais de residuos mentres non se produce a súa entrega ós correspondentes xestores, estes localizaranse no marco da zona de obras e en superficies delimitadas e destinadas para tal fin, nas que ademais, deberanse dispor contedores ou outros medios semellantes para evita-las afeccións ó solo.

3. Protección das augas e leitos.

Previamente a calquera afección ó dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

Procederase ó balizado ou sinalización axeitada, dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestructura, co obxecto de preserva-los de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espacios (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe, etcétera e, en xeral, todas aquelas actividades que, a consecuencia das escorregas ou asolagamentos, puideran supor a contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.

Asemade e en fase de obra, disporanse sistemas que impidan a chegada de materiais procedentes dos movementos de terras, escavacións e dos procesos de voadura ás augas continentais, tal e como se indica no estudio ambiental. Asemade prohíbese a vertedura de calquera substancia ás augas, en especial cementos e hidrocarburos, así como o lavado de materias nos cursos.

No deseño dos dispositivos de drenaxe terase en conta a capacidade de acollida dos regos receptores, de forma que as achegas non ocasionen alteracións substanciais nestes, así como o efecto que poida introducir pola diminución do tempo de concentra

ción. Asemade, proxectaranse de xeito que se evite a formación de asolagamentos ou deposicións nos puntos de incorporación á rede natural.

O destino dos sobrantes decidirase previamente ó inicio das obras, elixindo zonas que, ademais de estar autorizadas, pola súa situación, morfoloxía e características garantan a non afección a cursos de auga, tanto directa como indirectamente.

Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.

Queda prohibida a vertedura de calquera material ou substancia ás augas continentais, en especial restos de formigón ou mesturas bituminosas.

4. Protección da vexetación.

Previamente á corta de arborado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación que non resulte afectada directamente pola execución das obras proxectadas. Neste sentido, balizarase a zona de obras nas proximidades de masas de vexetación de especial valor, como pode se-la vexetación de ribeira, ou bosques de frondosas.

5. Protección da fauna.

Aqueles labores do proceso de obras que impliquen unha realización de voaduras levaranse á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio.

As obras de drenaxe transversal deberán ter amplitude suficiente para permiti-lo paso da fauna. Cando as obras de drenaxe afecten a cursos permanentes, utilizaranse preferentemente estructuras que non afecten ó leito, como pórticos ou arcos, evitando a instalación de pasos tipo marco. En caso de que tecnicamente non sexa posible, deberán xustificarse as estructuras para instalar, garantindo que co seu deseño non se xeren no punto de paso láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, e que se minimiza a lonxitude do paso ó máximo posible. A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna e, por tanto, desprovisto de estructuras de caída vertical que impidan o retorno. Así mesmo, o deseño de tódolos elementos de drenaxe deberá prever que as especies que caian neles poidan saír. O deseño deste sistema de drenaxe deberá ser xustificado, segundo o requirido no punto 10.4 da DIA.

6. Protección da paisaxe e restauración.

Adoptaranse as medidas correctoras encamiñadas á restauración do trazado definitivo, incluíndo a restauración con plantación de especies autóctonas das zonas onde se eliminen pés arbóreos.

Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que a consecuencia da realización das obras queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración con maior brevidade posible, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

7. Protección do patrimonio.

Co fin de evita-las afeccións e garantir a integridade e protección dalgúns elementos do patrimonio arqueolóxico, deberanse estudiar alternativas para evita-la afección dos seguintes elementos do patrimonio arqueolóxico e da súa área de respecto:

O Castro GA27021035.

Medorra 1 de Touza.

Medorra 2 de Touza.

Cara á avaliación detallada do impacto da traza proposta sobre o patrimonio cultural, na fase de elaboración do proxecto de trazado deberase realizar unha prospección arqueolóxica intensiva do ámbito das obras, onde se terán en conta as medidas correctoras que se deriven do indicado no parágrafo anterior e na memoria presentada para os depósitos localizados. Ademais, avaliaranse as posibles incidencias noutros depósitos que poidan aparecer no transcurso da prospección intensiva.

Previamente á aprobación do proxecto constructivo, estudiaranse as propostas alternativas para evita-la afección dos elementos e indicios do patrimonio arqueolóxico afectados directamente ou na súa área de protección.

O proxecto de trazado deberá ser presentado perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e conterá un plan global de medidas correctoras para realizar nas distintas fases de execución das obras, valorado economicamente, que se incluirá no orzamento final da obra. Este plan global deberá incluí-lo control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e de restitución dos terreos.

Terase en conta que con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas previstas en cada unha das fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como estipula a normativa vixente na materia.

8. Protección dos servicios existentes.

O promotor garantirá en todo momento que os abastecementos de augas (particulares ou colectivos) non resultan afectados polas obras ou pola explotación da autovía.

Tódalas estradas e pistas existentes deberán presta-lo mesmo servicio unha vez rematadas as obras. Asemade, se durante as obras, cómpre corta-lo paso

nalgunha das anteditas vías, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servicio.

9. Seguimento e vixilancia.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas no EsIA e no condicionado da presente declaración. Asemade, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas.

Con este fin, adaptarase o Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental contido no estudio de impacto ambiental ós novos condicionantes xurdidos da presente declaración, incorporándose ás correspondentes partidas orzamentarias e remitíndoo ó órgano ambiental para a súa avaliación previa ó comezo das obras.

Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Asemade, e tal e como se estipula no punto 11.5 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá, a esta dirección xeral, coas periodicidades que se indican, dous (2) exemplares de:

9.1. Trimestralmente, durante a fase de obras:

a) Cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte trimestre.

b) Memoria do seguimento realizado de acordo co Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental indicado no punto 10.8. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

9.2. Antes da emisión da acta de recepción:

a) Memoria-resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras previstas no estudio así como as impostas na DIA, e en concreto:

Informe, acompañado de reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando se é o caso as variacións producidas con respecto ó proxectado.

Estado da restauración, especialmente nas zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións.

9.3. Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos:

a) Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental solicitado no punto 10.8, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

b) No caso de xerarse algún informe especial, definido no Programa de Vixilancia e Seguimento Ambiental do estudio presentado, remitirase coa maior brevidade posible a esta dirección xeral.

10. Documentación adicional.

Previamente ó comezo do proceso constructivo, o promotor remitirá ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puideran derivarse, dúas (2) copias da seguinte documentación:

10.1. Documentación definitiva contida no proxecto constructivo ou de trazado que faga referencia a aspectos reflectidos no condicionado desta DIA, en concreto sobre o indicado no punto 7 da DIA.

10.2. Plano a escala 1:5000 ou maior detalle das zonas destinadas a instalacións auxiliares, amoreamento de terra vexetal, e zonas de depósito de sobrantes.

10.3. Memoria onde se definan os sistemas para implementar en fase de obra co obxecto de controla-la incorporación ás augas de materiais procedentes dos movementos de terras, escavacións e procesos de voadura. Acompañarase de planos a escala 1:5.000 e referenciado en coordenadas UTM onde conste a súa localización.

10.4. Descrición e xustificación de tódalas obras de drenaxe transversal, tendo en conta o indicado nos puntos 3 e 5 da DIA.

10.5. Estudio de detalle para valora-la afección sonora prevista polo funcionamento da nova infraestructura e, se procede, proposta das medidas correctoras axeitadas.

10.6. Definición, incluíndo reflexo cartográfico a escala 1:5000, da localización das vías de obra, incluíndo a xustificación da apertura de novas vías en caso de que se precisen.

10.7. Adaptación das medidas de restauración conforme o sinalado na condición 6.

10.8. Desenvolvemento do Programa de Vixilancia Ambiental incluído no estudio informativo, de xeito que se especifiquen, ademais dos controis que se vaian realizar, a periodicidade de cada un destes controis e os indicadores e limiares que determinarán a existencia dunha afección.

11. Condicións adicionais.

11.1. A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicará a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras.

11.2. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito se poderá proceder no caso de incum

primento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

11.3. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

11.4. As condicións sinaladas na presente DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan na presente declaración de impacto ambiental.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar con informe favorable desta dirección xeral para o efecto.

11.5. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

11.6. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando asemade se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

11.7. O órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e ós sos efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

11.8. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

11.9. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental

para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa realizado este trámite.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2003.

José Luís Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación

Ambiental

ANEXO I

Descrición do proxecto

Necesidade da vía.

Ó se-la rede de infraestructuras de comunicación por estradas un aspecto esencial para o desenvolvemento socioeconómico dun territorio, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Obras Públicas, como encargada de resolver esta premisa e co fin de mellora-las comunicacións da zona norte de Galicia, considerou a actuación estudiada para enlaza-la autovía do Cantábrico co núcleo de Ferrol.

Coa execución deste proxecto conectarase unha das principais vías de Galicia, a autovía do Cantábrico, co núcleo urbano de Ferrol, que constitúe un dos focos de desenvolvemento galegos máis significativos, permitindo o fluxo de persoas e materiais de forma máis rápida e segura, cousa que é imprescindible para o óptimo desenvolvemento socioeconómico e ordenación deste territorio.

Descrición de alternativas.

Foron diferenciadas no EsIA as seguintes alternativas que discorren de norte a sur e que se describen brevemente a continuación:

Alternativa 3 ou norte. Busca, en contra das dúas seguintes, a marxe dereita do río Ladra desde os primeiros quilómetros. Desta maneira, unha vez comezado o trazado, o eixo desvíase cara ó sureste cruzando o río polo sur da localidade de Cabreiros. Unha vez superado o dito punto, a autovía continúa cara á estrada C-641, á que se cruza pola localidade do Rego. Desde alí, e ata o final do trazado, o eixo proposto discorre sensiblemente paralelo á actual C-641, no seu treito final unirase a un enlace que sirva para comunicar a esta alternativa coa autovía do Cantábrico.

Alternativa 1 ou central. Discorre no seu comezo pola marxe esquerda do río Ladra mentres que á metade de percorrido aproximadamente cruza o leito onde continuará ata a súa chegada a Vilalba. O obxectivo principal que se propón na súa concepción é evitar no posible a zona de influencia do río, sen chegar a entrar dentro das zonas máis urbanas. De igual forma que na alternativa anterior, ó final do seu percorrido empálmase a un enlace para a súa posterior unión coa autovía do Cantábrico.

Alternativa 2 ou sur. Percorre, de igual maneira que a anterior, a marxe esquerda do río Ladra. Sen

embargo, e a diferencia desta última, o propósito co que foi deseñada foi evitar no posible a afección ás zonas próximas ó río. Por iso, o trazado discorre máis cara ó sur que o anterior, e ademais crúzao case ó final do seu percorrido. De igual forma ó referido nas tres alternativas previas, esta alternativa remata ensamblándose co enlace da autovía do Cantábrico.

Estudiouse na fase primeira deste E.I. presentándose na memoria resumo unha última alternativa, que xurdiu como consecuencia do interese en realiza-lo cruzamento do río Trimaz nun punto intermedio do trazado, polo que pode considerarse como unha alternativa intermedia ás alternativas 1 e 3. Esta alternativa foi desestimada e non pasa a formar parte da análise de este estudio. A sección tipo adoptada, de acordo coa orde de estudio, foi a seguinte:

Calzadas: 2 x 7,00 m.

Beiravías exteriores: 2 x 2,50 m.

Beiravías interiores: 2 x 1,50 m.

A velocidade de proxecto é de 120 km/h.

Os datos de ocupación (expropiación) e de movementos de terras das tres alternativas planeadas son os que se mostran na táboa seguinte:

ALT.Terraplén

(m)

Desmonte

(m)

Vertedoiro

(m)

Préstamo

(m)

Expropiación

(m)

Norte1.701.4441.943.124241.6800680.533

Centro1.349.239784.0060565.233630.290

Sur1.806.9861.947.159140.1730815.427

En canto ós datos de tráfico estimado para a nova autovía dan valores de 15.130 vehículos/día de IMD e un porcentaxe de vehículos pesados de 17,5% para o ano horizonte 2015.

A reposición de liñas de escorrega vaise realizar con tubos de diámetro 1.800 mm con excepción dos cruzamentos co río Trimaz, que se realizarán con pontóns construídos cun taboleiro de formigón de 30 m de luz libre apoiados en estribos tamén de formigón.

Consideracións ambientais das alternnativas.

Para a definición de alternativas de trazado, tivéronse en conta os aspectos ambientais de cada un dos corredores posibles, procurando afecta-lo menos posible as zonas ou elementos máis valiosos.

Así, entre outros, tivéronse en conta na definición lineal de alternativas os aspectos indicados a continuación.

Intentouse dar servicio ós principais núcleos de poboación procurando traxectos que se aproximarán ós núcleos de poboación máis importantes, de xeito que foran útiles ó máximo número de habitantes, incrementando os seus efectos positivos.

Foron estudiados os puntos extremos dos itinerarios co propósito de garanti-la súa adecuada conexión coa rede de alta capacidade (autovía do Cantábrico) e co treito seguinte entre Igrexafeita-Candamil.

Intentouse minimizar ou reduci-la afección ó L.I.C. e ós valores ambientais do mesmo, en especial á vexetación.

Preténdese igualmente evitar ou reduci-la afección ós elementos no patrimonio existentes no contorno, realizándose un estudio específico que desenvolve este aspecto.

Ademais destas teranse en conta unha serie de medidas preventivas e correctoras, xa sexan de carácter xeral ou particular para as distintas alternativas, como son: a revexetación, as medidas preventivas para evita-la afección ás augas, medidas para preserva-la fauna, adopción de medidas antirruído, etc.

Por último, recóllense no estudio actuacións para compensa-la posible afección ó L.I.C., con base no que se establece a Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e na súa transcrición ó dereito español no Real decreto 1997/1995, polo que se establecen medidas para contribuír a garanti-la biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres (e posteriores modificacións de ambas).

Alternativa proposta no EsIA.

A alternativa seleccionada como consecuencia do proceso de avaliación multicriterio asociado ó desenvolvemento do EsIA é a chamada Alternativa 1.

ANEXO II

Resultado das consultas efectuadas

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe no que conclúe:

Indica que o proxecto non afecta a ningún Espacio Natural Protexido, se ben se observa que se prevé o cruzamento de varios ríos e regatos.

Así mesmo, obsérvase a previsión duna serie de medias protectoras e correctoras que teñen por obxecto a realización das obras coas mínimas afeccións ambientais. Pese a iso, e co obxecto de previr outras posibles afeccións ó medio natural, desenvolveranse unha serie de consideracións:

As augas continentais afectadas polas obras cumprirán, en todo momento, o preceptuado no artigo 80 sobre a calidade mínima esixible ás augas continentais (Decreto 130/1997).

Procederase á humidificación e/ou rega de materiais pulverulentos.

Evitarase a deterioración ou influencia negativa sobre os hábitats fluviais, aplicando as medidas de protección da vexetación de ribeira previstas no EsIA.

Evitarase a colocación de estructuras de paso sobre a rede hidrográfica superficial de pasos tipo marco ou tubo co obxecto de impedir calquera alteración do leito fluvial e a limitación de desprazamentos da fauna piscícola en épocas de estío.

Evitarase modifica-las zonas de fluxo de augas de escorrega. Estes pasos deben ser utilizables como paso para a microfauna.

Realizaranse pasos de fauna de dimensións axeitadas para o xabaril e o corzo e en igual número ó de vías de tránsito existentes. Faranse tal e como o planea o EsIA, localizándose preferentemente naquelas zonas en que a infraestructura divida a vexetación, tanto arbórea como arbustiva.

No caso de producirse calquera afección ó medio natural, tomaranse inmediatamente as medidas precisas para reduci-lo dano ocasionado, comunicándoo canto antes ó Servicio Provincial de Espacios Naturais e Biodiversidade, quen decidirá sobre a conveniencia da solución a adoptar.

Por último, engade que tódalas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán quedar definidas a nivel executable e incluiranse nos correspondentes planos e cornogramas de obra, así como deben estar orzamentadas e integrarse nas dotacións orzamentarias do proxecto.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable sen detrimento das competencias doutros organismos.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que conclúe:

Informa favorablemente no que respecta ó Patrimonio Arquitectónico e Etnográfico, por non afectarse a este tipo de patrimonio e non precisarse medidas correctoras.

No que respecta ó Patrimonio Arqueolóxico, sinálase que pola zona en que discorre o trazado existen depósitos arqueolóxicos, polo que se considera necesario proceder segundo o seguinte:

Estudio de propostas alternativas para evita-la afección sobre os seguintes elementos do patrimonio e as súas áreas de protección:

Castro GA27021035.

Medorra 1 de Touza.

Medorra 2 de Touza.

Desenvolvemento dunha prospección arqueolóxica intensiva en fase de proxecto de trazado, que debe conter un Plan Global de Medidas Correctoras para realizar en cada fase da obra, valorado economicamente e integrado nas partidas orzamentarias de proxecto; incluíndo así mesmo o planeamento dun proceso de seguimento e control arqueolóxico en fase de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos.

A Demarcación de Estradas do Estado emite informe no que conclúe:

Sinala que a única afección á rede do Estado se produce no enlace de Vilalba coa futura autovía do Cantábrico, onde o trazado do presente E.I. non coincide co aprobado no seu día para o E.I. da autovía do Cantábrico, polo que solicita que se realicen os axustes precisos.

A Deputación Provincial de Lugo emite informe favorable ó estudio de impacto ambiental.

ANEXO III

Resumo de alegacións

Isaac Rodríguez Álvarez, Serafín Souto Seivane, Plácido Bermúdez Prieto, Amador Casas Porto e outro veciño máis, Antonio López de Vicente e 3 veciños máis, José Vicente Gato e 3 veciños e Isabel Souto Varela coinciden na presentación das seguinte alegación:

Sinala a afección a traídas veciñais de auga que abastecen a súa vivenda, para o que solicita a súa restitución.

Plácido Bemúdez Prieto e Alfonso Bemúdez Lodeiro coinciden na presentación das seguintes alegacións:

Solicitan a restitución do paso transversal sobre ou baixo a nova vía de camiños da concentración parcelaria.

Sinala que lle resultan afectados dous predios concentrados na parroquia de Santaballa asociadas a unha explotación leiteira, pero dado que os planos de proxecto non recollen a concentración realizada, descoñece exactamente o grao de afección que sufrirá, polo que solicita se clarifique este aspecto.

A AAVV Trastomil presenta as seguintes alegacións:

Solicitan que se restitúa o paso transversal sobre ou baixo a nova vía de catro camiños da concentración parcelaria de Santaballa e se faga o mesmo co viario que comunica a parroquia de Santaballa con a parroquia de Lanzos.

A Comunidade Usuarios Traída de Auga presenta as seguintes alegacións:

Sinalan a afección a traídas veciñais de auga que abastecen á vivendas e explotacións de Curbel, Carracido, Fontepisón, Sicortes, Silva e Barreiro, para o que solicitan a súa restitución.

Vicente Prieto Ledo presenta as seguintes alegacións:

Sinala que o trazado proxectado afecta as parcelas que compoñen a explotación agraria prioritaria da que é titular, afección que minguaría a viabilidade técnica e económica da explotación.

Sinala a afección a traídas veciñais de auga que abastecen a súa vivenda, para o que solicita a súa restitución.

Solicita que se restitúa o paso transversal sobre ou baixo o novo vial de tódolos vieiros asociados ás actividades agrarias.

O BNG de Vilalba presenta as seguintes alegacións:

Considéranse insuficientes os puntos previstos para a restitución, sexa superior ou inferior, da accesibilidade transversal territorial a través da nova infraestructura.

Sinalan a especial incidencia que iso pode ter sobre a parroquia de Santaballa, onde se depende delas para o desenvolvemento da actividade agraria.

Sinala tamén a afección a traídas veciñais de auga.

Solicitan a restitución da accesibilidade transversal territorial ata niveis semellantes ós actuais e a restitución das traídas veciñais de auga.

A AAVV Cabreiros presenta as seguintes alegacións:

Chao da Touza:

Sinalan a afección a catro traídas veciñais de auga que abastecen a 18 vivendas, para o que solicitan a súa restitución.

Solicitan a restitución do paso transversal sobre ou baixo o novo vial de camiños da concentración parcelaria.

Non observan referencias ó Camiño Real, para o que tamén solicitan a restitución do paso a través do novo vial.

Barrio de Chao e San Martiño:

Sinalan que por evita-la afección ó val do Trimaz incluído na rede natura, a alternativa seleccionada afecta gravemente a dita zona.

Engaden que os desmontes asociados ó paso pola marxe do val do Trimaz da alternativa seleccionada afectarán a totalidade dos mananciais existentes e utilizados polos veciños.

Sinalan que a modificación que iso implicará sobre a rede actual de escorrega superficial agravará os problemas de asolagamentos que actualmente xa sofren.

Solicitan se revise o E.I. co obxecto de resolve-las carencias detectadas.

Edelmiro Arias Caruncho presenta as seguintes alegacións:

Sinala que a súa vivenda queda a 10 metros do trazado o que redunda nunha perda de seguridade e calidade de vida, polo que solicita unha modificación.

O Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba presenta as seguintes alegacións:

Sinala que o depósito arqueolóxico GA27065095 Taller de Trastoy está situado incorrectamente, sendo a extensión sinalada moi inferior á real, o que implica un cambio na valoración do impacto asociado, polo que solicita que se emende este erro e se desenvolvan as medidas correctoras oportunas.