Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 19 de setembro de 2003 Páx. 11.859

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 15 setembro de 2003 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura convocadas pola Orde do 30 de decembro de 2002.

A Orde do 30 de decembro de 2002 pola que se particulariza para o exercicio 2003 o procedemento de concesión de axudas para a creación, renovación, modernización e innovación tecnolóxica das empresas de manipulación, transformación, conservación, tratamento e comercialización dos productos da pesca, o marisqueo e a acuicultura (DOG nº 252, do 31 de decembro de 2002) establece no seu artigo 2º o importe da contía máxima das axudas que ó abeiro dela poderán ser concedidas ós seus solicitantes.

Posteriormente foi publicada a Orde do 20 de marzo de 2003 (DOG nº 61, do 27 de marzo) pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2002 no relativo ó importe da contía máxima das axudas. Como consecuencia da modificación desta orde, o importe máximo para este tipo de axudas quedou fixado en 15.235.326,83 euros.

Non obstante, e por canto no mesmo programa de gasto destinado para o efecto existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, é polo que cómpre amplia-lo importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ó abeiro da referida Orde do 30 de decembro de 2002 coa finalidade de achegalas ó maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ó abeiro da Orde do 30 de decembro de 2002 (DOG nº 252, do 31 de decembro de 2002) na cantidade de 4.000.000,00 de euros con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.722A.770.0 que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003.

Segundo.-A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos