Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 12 de setembro de 2003 Páx. 11.600

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Consello de Contas de Galicia.

Visto o expediente do convenio colectivo do persoal laboral do Consello de Contas de Galicia (código convenio 1503592), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-7-2003, subscrito en representación da parte económica polo representante legal da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal o día 13-6-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 17 de xullo de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo do Consello de Contas

de Galicia

Preámbulo

Este convenio colectivo para o persoal laboral do Consello de Contas de Galicia foi negociado, dunha parte, polo delegado de persoal laboral do Consello

de Contas de Galicia, representante da organización sindical Comisiones Obreras (CC.OO.) e, doutra, pola representación legal do Consello de Contas, de conformidade co establecido no artigo 87 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo I

Ámbito do convenio

Artigo 1º.-Ámbito persoal e territorial.

1. Este convenio colectivo establece e regula as normas polas que se rexerán as relacións de carácter xurídico-laboral entre o Consello de Contas e o persoal que, suxeito á lexislación laboral, preste os seus servicios baixo a súa dependencia.

2. Así mesmo, integrarase neste convenio o persoal laboral que, con posterioridade á súa publicación pase a depender do Consello de Contas.

3. Queda excluído o persoal de alta dirección do ámbito deste convenio. Así mesmo, quedará tamén excluído o persoal que expresamente se contrate mediante pacto de exclusión.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os efectos económicos serán revisados, se é o caso, anualmente de acordo co disposto na Lei de orzamentos para a Comunidade Autónoma de Galicia.

A vixencia deste convenio rematará o 31 de decembro de 2005, prorrogándose anualmente, a non ser que se produza denuncia escrita de calquera das partes cun prazo de aviso previo de dous meses respecto do seu vencemento. En tal caso, a comisión negociadora deberá reunirse dentro dos 25 días seguintes á denuncia sinalada anteriormente.

De producirse a denuncia do convenio, este prorrogarase ata a aprobación do que o substitúa.

Capítulo II

Órgano de vixilancia

Artigo 3º.-Comisión paritaria de vixilancia, interpretación e desenvolvemento do convenio.

1. Créase unha comisión paritaria de vixilancia, control e interpretación do convenio, que entenderá da aplicación deste. A dita comisión estará composta por dous representantes do persoal do Consello de Contas, sendo un deles, necesariamente, o delegado de persoal e o outro un traballador deste organismo e dous representantes do Consello de Contas. Esta última parte comprométese a facilita-los locais onde terán lugar as reunións de traballo, así como a realiza-las súas tarefas burocráticas.

A comisión reunirase por pedimento de calquera das partes e cando as circunstancias así o aconsellen.

A constitución da comisión paritaria realizarase no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación do convenio no Diario

Oficial de Galicia. A relación de membros que a compoñen seralle comunicada por escrito, no prazo de 5 días a partir da súa sinatura, ó secretario ou secretaria da comisión negociadora.

Os acordos tomaranse por unanimidade entre ámbalas dúas representacións e serán recollidos en acta, dándoselle a debida publicidade nos taboleiros de anuncios do Consello de Contas. De considerarse necesario, pola súa transcendencia e incidencia, poderase aproba-la publicidade do acordo no DOG.

Os ditos acordos vinculan a ámbalas dúas partes nos mesmos termos que este convenio, e incorporaranse a el como anexo.

Cando existan discrepancias referidas á interpretación xurídica das materias contidas neste acordo, as partes poderán nomear de mutuo acordo un mediador que, unha vez aceptado o cargo, terá obriga de presentar no prazo de 4 días o seu dictame.

As partes deberán manifesta-lo seu posicionamento con respecto ó dictame, por escrito de xeito razoado, no prazo máximo de dez días.

2. Correspóndelle á comisión:

a) A interpretación da totalidade do articulado ou cláusulas do convenio.

b) A vixilancia do pactado.

c) A facultade de conciliación previa naquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

d) Asegura-la non discriminación da muller, controlando a igualdade de trato.

e) Ser oída con anterioridade á publicación da oferta de emprego público.

Denunciado o convenio, e ata que non se inicien novas negociacións, a comisión paritaria continuará exercendo as súas funcións verbo do seu contido normativo.

A comisión paritaria, a través do órgano competente do Consello de Contas, poderá solicitar toda clase de información relacionada coas cuestións da súa competencia, información que o Consello de Contas facilitará cando o solicite unha das partes.

Os representantes do persoal e da Administración na comisión paritaria poderán ser asistidos nas reunións por un asesor técnico, con voz e sen voto.

3. A comisión paritaria elaborará o seu propio regulamento de funcionamento.

Capítulo III

Estabilidade no emprego e incompatibilidades

Artigo 4º.-Estabilidade no emprego.

De conformidade co principio de estabilidade no emprego, os contratos de traballo abranguidos neste convenio entenderanse pactados por tempo indefinido, agás as excepcións legalmente establecidas.

O Consello de Contas, con carácter previo e non vinculante, solicitará informe ó delegado de persoal cando se acorde a amortización de prazas vacantes. Tal informe deberá ser emitido no prazo máximo de 15 días, entendéndose positivo no caso de non ser remitido no dito prazo.

Artigo 5º.-Incompatibilidades.

Ó persoal laboral do Consello de Contas aplicaráselle o réxime de incompatibilidades, de acordo coas normas estatais e autonómicas sobre a materia.

En concreto, deberase ter presente o cumprimento da dilixencia esixida no artigo 10 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas en relación co artigo 13 do Real decreto 598/1985, do 30 de abril.

A opción dun traballador/a incurso en incompatibilidade, que renunciase ó seu posto na organización do Consello de Contas, non se verá limitada polo prazo mínimo de antigüidade que, para efectos de excedencia, esixe este convenio colectivo.

A percepción dos complementos retributivos previstos no artigo 24º deste convenio quedará sometida ó réxime de incompatibilidades previsto na Lei 53/1984 e no Real decreto 598/1985 ou calquera outra disposición vixente na materia.

Capítulo IV

Provisión de vacantes e acceso á condición

de persoal laboral

Artigo 6º.-Relación de postos de traballo.

Son postos de traballo reservados ó persoal laboral os que así se determinen nas correspondentes relacións de postos de traballo de conformidade coas prescricións da lexislación autonómica sobre función pública.

No anexo II figuran os grupos profesionais nos que se clasifica o persoal laboral que na actualidade presta servicios ó Consello de Contas.

Para a elaboración e publicidade das relacións de postos de traballo do persoal laboral terase en conta o disposto no artigo 25 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, modificada pola Lei 4/1991, e demais normas concordantes.

Artigo 7º.-Provisión temporal de vacantes.

Os postos de traballo vacantes cando se considere necesaria a súa provisión poderán cubrirse mediante a contratación de persoal laboral temporal. Para iso seguirase o seguinte procedemento:

-De non existiren listas elaboradas para o efecto solicitarase do Inem, de xeito xenérico, un mínimo de tres traballadores en situación de desemprego, por cada unha das vacantes que se pretenda cubrir. Así mesmo, no taboleiro de anuncios do Consello de Contas, daráselle publicidade á citada petición, co fin de que os interesados nas vacantes ofertadas poidan participar no proceso selectivo que se realice

para o efecto. A composición do órgano de selección será a regulada no artigo 11º. Na selección aplicarase o baremo que figura como anexo IV deste convenio.

Artigo 8º.-Acceso á condición de laboral fixo.

1. O acceso ós distintos grupos de persoal laboral fixo do Consello de Contas de Galicia realizarase, logo de convocatoria pública realizada para o efecto, mediante concurso-oposición.

2. O concurso-oposición consistirá na superación das probas correspondentes así como na posesión previa, debidamente valorada, de determinadas condicións de formación, méritos ou niveis de experiencia. En todo caso, será necesario, para supera-lo proceso selectivo, supera-la fase de oposición.

3. O órgano competente para convocar probas de acceso será o Consello de Contas.

Artigo 9º.-Quenda de promoción interna e cambio de grupo.

1. Nas convocatorias de acceso reservarase un mínimo do 50% das vacantes ofertadas para cubrir pola quenda de promoción interna. Cando o número de vacantes sexa impar, o cociente redondearase a favor da quenda libre.

2. Para participar nesta quenda os interesados deberán reuni-los seguintes requisitos:

-Ter unha antigüidade de, polo menos, dous anos no grupo desde o que se accede.

-Pertencer a un grupo integrado no grupo inmediato superior ou inferior ó que se pretende acceder, para o suposto de promoción interna vertical, ou do mesmo grupo para a promoción interna horizontal.

Os demais que, con carácter xeral, se fixen na correspondente convocatoria.

3. Os aspirantes da quenda de promoción interna serán eximidos dalgunhas das probas previstas para a quenda libre.

4. As vacantes non cubertas por esta quenda acumularanse á quenda de acceso libre.

Artigo 10º.-Convocatorias.

1. Será competente para realiza-las convocatorias de acceso á condición de laboral fixo o Consello de Contas.

2. Nas convocatorias incluiranse, en todo caso, os seguintes extremos:

-Número de vacantes ofertadas por grupo e requisitos que, para participar no proceso selectivo correspondente a cada grupo, deben reuni-los aspirantes.

-Número de vacantes que, do total ofertado, se reservan para a quenda de promoción interna.

-Sistema de selección, forma de desenvolvemento das probas e valoración destas.

-Baremo de méritos aplicable.

-Composición do tribunal.

-Prazo para a presentación de instancias.

Artigo 11º.-Tribunais de selección.

1. Os tribunais de selección estarán formados por un número non superior a cinco membros, dous dos cales serán designados polos representantes dos traballadores. Para formar parte dos tribunais será necesario posuír unha titulación académica de igual ou superior nivel á solicitada como requisito ós aspirantes.

2. Tódolos membros do tribunal actuarán con voz e voto.

3. O tribunal non poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas ofertadas.

4. Os membros dos tribunais deberán absterse de formar parte deles cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e notificaranllo ó órgano convocante. Os aspirantes poderán recusalos de acordo co artigo 29 da mencionada lei.

5. Os tribunais poderán dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas, para todas ou algunhas das probas. Os ditos asesores limitaranse ó exercicio das súas especialidades técnicas, con base exclusivamente nas cales colaborarán co órgano de selección.

Artigo 12º.-Resolución.

1. Concluído o proceso selectivo, o tribunal remitiralle ó órgano convocante a proposta de aspirantes que o superaron para proceder ó seu nomeamento.

De existir máis dun tribunal, será o designado como número 1 o encargado de recibi-las propostas de aprobados dos demais, elabora-la proposta conxunta de aspirantes que superaron o proceso selectivo e elevala ó órgano convocante para o seu nomeamento.

2. Recibidas as propostas remitidas polos tribunais, o órgano convocante elevará a definitiva a proposta e publicaraa no DOG.

2.1. Os aspirantes incluídos na proposta publicada no DOG disporán dun prazo de 15 días para presentaren, no Consello de Contas de Galicia, a documentación acreditativa de cumpriren os requisitos esixidos na convocatoria.

2.2. Os que dentro do prazo indicado, salvo os casos de forza maior apreciada polo Consello de Contas, non presenten a documentación acreditativa de cumpriren os requisitos esixidos na correspondente convocatoria, non poderán ser nomeados persoal laboral fixo do Consello de Contas, e quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que poderían incorrer por falsidade na súa instancia.

2.3. Na resolución pola que se publique a proposta definitiva poderán incluírse os postos vacantes que

se lles oferten ós aspirantes que superaron o proceso selectivo, con indicación dos requisitos necesarios para o seu desempeño.

2.4. Rematado o prazo, o órgano convocante resolverá o seu nomeamento como persoal laboral do Consello de Contas no grupo que corresponda. A dita resolución publicarase no DOG.

Así mesmo, de utilizarse a previsión á que se refire o punto 2º.3 deste artigo, na resolución de nomeamento incluirase o destino adxudicado a cada aspirante. Esta adxudicación farase tendo en conta os seguintes extremos:

-Terán preferencia para a adxudicación de destinos os aspirantes provenientes da quenda de promoción interna e, dentro destes, a preferencia virá dada pola orde de prelación resultante do proceso selectivo.

-Adxudicado destino ós aspirantes da quenda de promoción interna, adxudicaráselles ós da quenda libre segundo a súa orde de prelación.

2.5. Os postos de traballo adxudicados, cos requisitos e as condicións que se regulan neste capítulo, ó persoal de novo ingreso e ó que superara procesos selectivos pola quenda de promoción interna, terán natureza de destino definitivo.

Artigo 13º.-Toma de posesión.

1. Concluído o procedemento regulado nos artigos anteriores o persoal nomeado laboral fixo do Consello de Contas de Galicia e adxudicatario dos seus respectivos postos de traballo disporá do prazo dun mes para tomar posesión do seu destino.

2. Os modelos de contrato axustaranse á lexislación vixente.

Artigo 14º.-Período de proba.

O período de proba será o seguinte:

a) Para os grupos I e II, tres meses.

b) Para o grupo III, dous meses.

c) Para os grupos IV e V, un mes.

Durante o período de proba o traballador terá os mesmos dereitos e obrigas que o persoal fixo do cadro de persoal do seu mesmo grupo profesional, agás os derivados da resolución de relación laboral, que se poderá producir a petición de calquera das partes durante o seu transcurso. As situacións de IT interrompen o período de proba.

En caso de que non se supere o período de proba, a Administración notificarallo ó traballador por escrito motivado, dando coñecemento ó delegado de persoal. A rescisión durante este período non dará dereito a indemnización ningunha.

Capítulo V

Organización e dirección do traballo

Artigo 15º.-Traballos de superior e inferior grupo.

Conforme co disposto no artigo 39 do Estatuto dos traballadores, a mobilidade funcional non terá outras

limitacións que as esixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exerce-la prestación laboral e pola pertenza ó grupo profesional. Os grupos profesionais defínense na disposición adicional cuarta.

Ademais do establecido no artigo 39 do Estatuto dos traballadores, teranse en conta os seguintes principios:

1. A realización de traballos de grupo superior ou inferior responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible. A ser posible, comunicaráselle ó traballador, por escrito, con 48 horas de antelación e, en todo caso, con anterioridade ó inicio do cambio de posto de traballo.

2. A ocupación dun posto de traballo en réxime de desempeño de funcións de grupo superior non poderá exceder de seis meses consecutivos ou dez alternos. Transcorrido o período citado, e persistindo as mesmas circunstancias, o desempeño das funcións realizarase por rotación semestral, no suposto de existir máis dun traballador que reúna os requisitos e a capacidade necesarios do grupo que se vaia cubrir, sempre que se desenvolvan as funcións adecuadamente. O límite de seis meses consecutivos ou dez alternos non será aplicable cando non sexa posible a rotación por non existiren no centro de traballo outros traballadores que reúnan as condicións necesarias de acordo co disposto neste punto.

A praza deixada vacante, por estes traballadores ou polos seus substitutos, cubrirase por contratación temporal, de acordo co establecido no artigo 7º deste convenio.

3. A realización de funcións de grupo superior requirirá autorización expresa do órgano competente do Consello de Contas. Se a urxencia na cobertura da vacante non permite a autorización previa requirirase que, no prazo de quince días, o órgano competente ratifique o citado desempeño.

Da autorización ou ratificación daráselle conta ó delegado de persoal.

4. Os postos de traballo cubertos polo procedemento regulado neste artigo incluiranse, necesariamente, no primeiro procedemento selectivo.

5. O simple desempeño de funcións dun grupo superior non consolidará o salario nin o grupo superior. O único procedemento válido para consolidar un grupo superior é o de supera-lo correspondente proceso selectivo nos termos regulados no capítulo IV deste convenio.

6. O/a traballador/a só poderá realizar traballos do grupo inmediatamente inferior ó seu durante un só período non superior a trinta días consecutivos, sen prexuízo do establecido no punto 2º do artigo 39 do Estatuto dos traballadores.

Transcorrido o período citado, o/a traballador/a non poderá volver ocupar un posto de grupo inferior ata que transcorra un ano.

O órgano competente do Consello de Contas comunicaralle ó delegado de persoal tódalas modificacións que se produzan, recollidas en cada un dos apartados anteriores.

Artigo 16º.-Organización do traballo.

Conforme coa lexislación vixente, a organización do traballo é facultade do Consello de Contas, e a súa aplicación práctica correspóndelles ás autoridades do propio consello, sen prexuízo dos dereitos e facultades de audiencia e información recoñecidos ó persoal nos artigos 40, 41, 64.1º do Estatuto dos traballadores, así como o lexislado nesta materia na Lei orgánica de liberdade sindical (LOLS).

Capítulo VI

Xornada, horario de traballo, descanso e vacacións

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

a) Como regra xeral, a xornada de traballo efectivo será de 37,5 horas semanais, de luns a venres, de forma continuada en termos xerais en quendas de mañá.

Non obstante o anterior, a xornada do persoal que desempeña postos de traballo que teña atribuído o complemento de dispoñibilidade horaria definida no artigo 24º.2, será determinada, en cada caso, polo órgano competente do Consello de Contas.

b) Tódolos/as traballadores/as con xornada continuada afectados por este convenio terán dereito a unha pausa retribuída de 20 minutos durante a xornada de traballo.

Artigo 18º.-Descanso e festivos.

1. Descanso semanal: os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de dous días ininterrompidos que, como regra xeral, abranguerá o sábado e o domingo.

En todo caso, sen prexuízo da xornada semanal pactada e do disposto no artigo 17º alínea a) terase dereito a desfrutar en semanas alternas, do descanso semanal en domingo e día laborable anterior.

O desfrute do descanso semanal é obrigatorio e non acumulable, agás naqueles casos nos que, a pedimento do/a traballador/a e por causa xustificada, se autorice a súa acumulación. Destas situacións darase conta ó delegado de persoal.

2. Domingos e festivos: un domingo ou festivo de traballo inhabilita, como mínimo, a traballa-lo festivo ou domingo seguinte, fixándose criterios de rotación para o persoal suxeito a estas circunstancias. Todo iso sen prexuízo do disposto no artigo 17º a).

Para os servicios que haxa que prestar necesariamente en domingos e festivos establecerase un descanso adicional do 75% do tempo de prestación. Este descanso desfrutarase no prazo máximo de dous meses seguintes á prestación do servicio. Será resolto pola autoridade competente por petición do interesado.

3. Todo o persoal laboral vinculado a este convenio desfrutará como descanso os días 24 e 31 de decembro. Se por necesidades do servicio non se puidesen desfrutar eses días, facilitarase un descanso equivalente no mes de xaneiro seguinte, cunha compensación adicional igual á que teñen os domingos e festivos.

4. Como norma xeral entre o remate dunha xornada e o inicio da seguinte deberán transcorrer como mínimo 12 horas.

Artigo 19º.-Vacacións.

Todo o persoal laboral acollido a este convenio cun ano mínimo de servicios terá dereito a unhas vacacións retribuídas de duración igual á do mes natural en que se desfruten. De non levar un ano de servicios, desfrutaranse as vacacións en proporción ós días traballados, a razón de 2 días e medio por mes ou fracción de mes traballado.

A distribución dos períodos de vacacións farase por acordo entre a dirección do centro e o traballador e deberá terse en conta a natureza específica do centro e o seu correcto funcionamento.

O calendario de vacacións ultimarase en cada centro antes do 30 de abril de cada ano, debéndose efectua-las solicitudes antes do último día do mes de marzo, con previa articulación das preferencias do seu desfrute.

Cando, por necesidades do servicio o persoal teña que desfrutar obrigatoriamente as súas vacacións fóra do período establecido, as vacacións serán de 30 días laborables.

As vacacións anuais desfrutaranse preferentemente no período abranguido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. Os traballadores poderán solicita-lo fraccionamento das vacacións en dous períodos, comezando sempre nos días 1 ou 16 de cada mes, como norma xeral. Cando a conveniencia do servicio aconselle o peche do centro, o desfrute das vacacións axustarase a ese período.

En tódalas situacións de IT ou baixa maternal que coincidan coas datas nas que deberán desfrutarse as vacacións o desfrute pospoñerase ás datas posteriores á situación de alta agás que o período de baixa se iniciase con posterioridade ó principio do desfrute das vacacións e que este non se estenda máis alá do trinta e un de decembro do ano.

Capítulo VII

Licencias e excedencias

Artigo 20º.-Licencias e permisos con soldo.

Todo o persoal laboral vinculado por este convenio, logo de aviso e posterior xustificación (agás os asuntos propios), poderá desfrutar das seguintes licencias:

a) Por casamento, o persoal laboral terá dereito a unha licencia retribuída de quince días naturais ininterrompidos.

b) Polo nacemento ou adopción dun/ha fillo/a e pola morte, enfermidade grave ou intervención cirúrxica do cónxuxe ou persoa que se atope ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/a beneficiario/a ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, dous días cando o suceso se produza na mesma localidade e catro días cando sexa en localidade distinta.

c) Poderá dispoñerse de nove días ó ano, como máximo, de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre á necesidade do servicio, que deberá ser expresamente xustificada. Se os servicios prestados son inferiores ó ano natural, os días para desfrutar serán en proporción ó tempo efectivamente traballado. Este permiso poderá desfrutarse ata o 15 de xaneiro do seguinte ano natural, non podéndose acumular ós correspondentes dese ano.

d) Por traslado de domicilio: dous días.

e) Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais, durante os días da súa realización.

f) Poderá concederse permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

g) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.

h) As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, tralo aviso á respectiva unidade de persoal do Consello de Contas e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

i) Os/as traballadores/as poderán asistir á consulta médica durante o horario de traballo acreditando debidamente este extremo co xustificante do servicio sanitario correspondente, agás cando realicen un cambio de quenda voluntario.

j) Para asistir a cursos organizados pola EGAP ou administracións públicas e polo tempo indispensable, co informe favorable da autoridade correspondente da institución, establecendo un sistema de rotación de tal xeito que poidan ir accedendo tódolos/as traballadores/as que o soliciten.

Artigo 21º.-Licencias con soldo parcial e sen soldo.

1. Licencias con soldo parcial: quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos, a un ancián ou un diminuído físico, psíquico ou sensorial, que non desempeñen ningunha actividade retribuída ou non perciban ingresos superiores ó salario mínimo interprofesional, terá dereito a unha reducción da xornada total ordinaria entre alomenos un tercio e un máximo da metade da duración daquela, sufrindo como mingua salarial o importe proporcional ó tempo de reducción. Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo

dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e que non desempeñe actividade retribuída. A solicitude destes permisos efectuarase con quince días de antelación ó seu desfrute.

2. Licencias sen soldo: os traballadores fixos que leven como mínimo un ano de servicio poderán pedir licencias sen soldo, por un prazo non inferior a quince días e non superior a seis meses, nun intervalo de tempo de dous anos.

3. O traballador solicitará a licencia con, polo menos, quince días de antelación á data do inicio do desfrute. O Consello de Contas contestará dentro deste prazo e, de non facelo, entenderase concedido o permiso.

Artigo 22º.-Licencias especiais e condicións de traballo nos supostos de maternidade e paternidade.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar, durante o embarazo, un posto de traballo e/ou quenda distintos dos seus, sempre que exista tal posto e quenda alternativos e sempre que, segundo prescrición dun facultativo do sistema da sanidade pública, o seu posto ou quenda resulten nocivos para a súa saúde ou a do feto. Este cambio de posto de traballo non suporá modificación do seu grupo, nin mingua dos seus dereitos económicos.

Finalizada a causa que motivou o cambio de posto de traballo, procederase á reincorporación ó seu destino orixinal.

A traballadora embarazada terá dereito a escolle-la data das súas vacacións regulamentarias.

O/A traballador/a por lactación dun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións ou substituílo por unha reducción da xornada dunha hora.

No non previsto neste punto rexerá o regulado na Lei de maternidade, adopción e paternidade.

Artigo 23º.-Excedencias.

1. Para o coidado de fillos/as menores de tres anos.

Tódolos traballadores terán dereito a unha excedencia por tempo non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a natural ou adoptivo. Os fillos sucesivos darán lugar a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin ó que se viñese desfrutando.

Non será preciso que o traballador esgote o tempo de excedencia para reincorporarse cando, por motivos persoais acreditados, así o solicite.

Concederáselle este mesmo dereito ó traballador nos supostos de acollida tanto permanente como preadoptiva.

O cómputo dos prazos realizaranse, segundo proceda, desde a data de nacemento ou da resolución xudicial ou administrativa correspondente.

Durante o desfrute da excedencia para estes supostos, ó traballador reservaráselle o posto de traballo e quenda que viñera desempeñando con carácter definitivo.

Ó persoal que se atope nesta situación computaráselle, para efectos de antigüidade, a súa duración.

2. Voluntaria.

a) Os traballadores fixos, cunha antigüidade mínima de dous anos no Consello de Contas poderán solicitar, cunha antelación mínima de 45 días, excedencia voluntaria por un período de tempo non inferior a un ano nin superior a dez anos.

Unha vez solicitada, resolverase o procedente e notificaráselle ó interesado con quince días de antelación á data do inicio proposta pola persoa interesada.

O traballador que solicite o seu reingreso terá dereito a ocupa-la primeira vacante, con carácter provisional, que se produza no seu grupo e categoría, agás no caso de concorrer un excedente forzoso, que terá preferencia. Se a vacante fose de inferior grupo ó que antes tiña, poderá optar a ela, na espera de que xurda a que corresponda ó seu grupo. O reingreso producirase por orde de antigüidade na solicitude.

Se o interesado non solicita o reingreso ou un novo período de excedencia, que non supere en total 10 anos, polo menos 15 días antes de finaliza-lo prazo sinalado para a excedencia que desfruta, perderá o seu dereito ó posto de traballo. En todo caso, non se poderá solicitar nova excedencia voluntaria antes de transcorrido un ano.

b) Ós excedentes voluntarios que xa desfrutaran máis dun ano da dita excedencia, concederáselle-lo reingreso ó servicio activo, de existiren vacantes, con carácter provisional, ata que obteñan destino con carácter definitivo a través do sistema de provisión de vacantes correspondente.

3. Forzosa.

A excedencia forzosa ó persoal laboral fixo, que dará dereito a conserva-lo posto de traballo, quenda e centro e a que se compute a antigüidade durante a súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

O reingreso deberá efectuarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir da cesación no cargo. Para estes efectos, entenderase por cargo público a elección para deputado ou senador no Parlamento español, deputado de asembleas autonómicas, deputado provincial, concelleiro dun concello, ou calquera outro cargo, electivo ou non, asimilado á condición de alto cargo nas institucións públicas. Se non solicitan o reingreso no prazo citado, serán declarados de oficio, en excedencia voluntaria por interese particular.

A reincorporación producirase no mesmo grupo profesional e quenda que tiña o traballador ó se inicia-la devandita excedencia, computándoselle o tempo transcorrido para efectos de antigüidade. Este reingreso terá carácter inmediato desde o momento no que se solicite e, en todo caso, un mes despois do cesamento no cargo.

4. Excedencia voluntaria por incompatibilidade.

Procederá declarar de oficio ou por instancia de parte nesta situación ó persoal laboral fixo cando estea en servicio activo no Consello de Contas noutro grupo, corpo ou escala, a non ser que obtivesen a oportuna compatibilidade ou pasen a prestar servicios en organismos ou entidades do sector público e non lles corresponda quedar noutra situación.

5. Para coidado de familiares.

Os/as traballadores/as tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a dous anos, para atende-lo coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

A excedencia establecida neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores/as do Consello de Contas xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas.

Cando un novo suxeito causante dera dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin á que, se é o caso, se viñera desfrutando.

O período no que o/a traballador/a permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o/a traballador/a terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, á participación dos cales deberá ser convocado/a polo Consello de Contas, especialmente coa ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Capítulo VIII

Condicións económicas

Artigo 24º.-Estructura do salario.

As retribucións do persoal acollido a este convenio son as reflectidas no seu anexo I, e están constituídas polo salario base e os complementos salariais que a continuación se definen:

a) Salario base: é a parte de retribución do traballador/a fixada para a xornada ordinaria de traballo, en función do seu grupo profesional. A súa contía figura recollida no anexo I-A por períodos anuais.

b) Complementos salariais:

1. Antigüidade: o complemento de antigüidade durante o ano 2003 será de 26,59 A mensuais para tódolos traballadores, calquera que sexa o seu grupo profesional, que perfeccionen trienios a partir da entrada en vigor deste convenio. O trienio cumprido terá efectos económicos desde o primeiro día do mes seguinte a aquel no que se perfeccione, excepto se se cumpre na primeira quincena do mes, xa que neste caso os seus efectos serían desde o primeiro día do mes de cumprimento.

Para o cómputo de trienios, consideraranse os servicios prestados en período de proba ou excedencia forzosa con cargo público.

Para efectos de antigüidade e segundo o procedemento fixado pola Orde do 12 de decembro de 1990, da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, recoñeceranse os servicios prestados en calquera Administración pública con anterioridade á adquisición da condición de persoal laboral fixo ó servicio do Consello de Contas.

A remuneración por trienios dos traballadores a tempo parcial será proporcional á establecida para os traballadores fixos a xornada completa. O cómputo do tempo para a consolidación dos trienios determinarase como se fose contratado a tempo completo.

2. Dispoñibilidade horaria:

O complemento de dispoñibilidade defínese como un complemento salarial do posto de traballo que retribúe o feito de estar á disposición da empresa e que esta poida fixa-lo horario de traballo e maila duración da xornada laboral dos traballadores adscritos ós devanditos postos en función das necesidades do servicio e conforme coas cláusulas do contrato de traballo.

A cantidade para o ano 2003 é a que figura no anexo I-B.

3. Nocturnidade:

O período de tempo abranguido entre as 22.00 horas e as 6.00 horas da mañá, salvo que o salario se establecera atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza, considerarase na súa totalidade nocturno, e na súa totalidade festivo ou domingo cando se inicie a xornada na véspera de domingo ou festivo. O salario correspondente á xornada de traballo realizada no período determinado anteriormente incrementarase un 30%, en concepto de complemento de nocturnidade, sobre o salario que corresponda á xornada ordinaria, aboándoselle só ó persoal que realice a xornada completa dentro da quenda; en caso contrario será proporcional ó tempo investido de xornada nocturna.

Naqueles casos nos que a quenda de noite finalice despois das 6.00 horas, o complemento de nocturnidade estenderase, para efectos económicos, ata a terminación da dita quenda.

Establécese, para efectos de cálculo do complemento de nocturnidade a seguinte fórmula de indemnización por este concepto e por hora nocturna traballada:

Salario bruto anualx0,30=30% h nocturna

1.665

Este complemento deberalle ser aboado ós traballadores/as que desempeñen as súas funcións durante o período nocturno, sempre que o seu salario non fose calculado tendo en conta o incremento pola natureza nocturna do posto de traballo

Artigo 25º.-Pagas extraordinarias e percepción de haberes.

a) Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito a percibir dúas pagas extraordinarias, que se aboarán co salario mensual de xuño e decembro.

A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade do salario base do convenio máis antigüidade.

b) As retribucións pagaranse mensualmente mediante nómina, na que se reflectirán con absoluta claridade tódolos aspectos retributivos, recollendo así mesmo tódolos conceptos polos cales se produzan descontos nos haberes dos traballadores/as.

O modelo de nómina será obrigatoriamente igual para tódolos traballadores incluídos no ámbito de aplicación deste convenio.

Artigo 26º.-Horas extraordinarias.

1. Con carácter xeral, terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan de 37 horas 30 minutos semanais.

Tenderase a reducir ó mínimo imprescindible as horas extraordinarias que non se deban a imprevistos e teñan un carácter excepcional.

Como norma xeral a realización de horas extraordinarias terá sempre un carácter voluntario. O seu límite será de oitenta ó ano, agás as traballadas para previr ou reparar sinistros e outros casos extraordinarios urxentes.

2. As horas extraordinarias compensaranse preferentemente como tempo de descanso acumulable a razón de 1 hora e 45 minutos por cada unha realizada, agás nos supostos de horas realizadas en domingos ou días festivos, que terán unha compensación de 2 horas e 15 minutos.

A xuízo do empregador, estes tempos de descanso poderanse acumular ata sumar xornadas completas que, pola súa vez, se poden xuntar a períodos de vacacións ou ós permisos ordinarios pactados no calendario laboral do centro.

Para os efectos económicos, a fórmula para a determinación do salario-hora, será a seguinte:

Hora extra=S. bruto anual+antigüidadex1,75

1.665

O coeficiente multiplicador será de 2,25 para as horas realizadas en domingos ou festivos.

Os traballadores poderán optar, de común acordo co empregador, polo aboamento das horas extraordinarias na contía resultante da aplicación da fórmula anterior ou ser compensadas mediante descanso, dentro dos catro meses seguintes á súa realización. En ningún caso, a retribución en diñeiro por este concepto poderá supera-lo equivalente a 80 horas ó ano.

3. Con carácter especial para o persoal que desempeñe postos de traballo que teñan asignado o complemento de dispoñibilidade horaria, só serán horas extraordinarias aquelas que excedendo de 37,5 horas semanais non teñan a consideración de horas de presencia. Serán de carácter obrigatorio as incluídas dentro dos límites do artigo 35.2º do Estatuto dos traballadores.

Considéranse horas de presencia os tempos de espera, expectativas, servicios de garda, viaxes sen servicio, avarías, comidas en ruta e outras semellantes, nas que o conductor, aínda que non preste traballo efectivo, se atope á disposición do Consello de Contas. Estes períodos non son de carácter voluntario e non superarán o límite de 13 horas de media semanal con referencia ó prazo dun mes natural. Con excepcionalidade, este límite poderá ser alterado en caso de congresos, seminarios, xornadas, etc. organizados pola institución ou en colaboración con outras institucións ou entidades, así como no caso de comisións de servicio que se presten fóra de Santiago de Compostela, sen que, en ningún caso, poida superarse unha media de 20 horas semanais con referencia ó prazo dun mes natural.

Os tempos de presencia serán compensados con períodos de descanso equivalentes dentro dos catro meses seguintes á súa prestación, a razón de 1 hora por cada unha realizada.

Para este persoal, o tempo de permanencia no edificio sede da institución só se considerará como de traballo efectivo cando se atope incluído no horario de traballo e na xornada laboral que para cada membro do colectivo se fixe na orde de servicio para ese día.

No suposto de retirada do carné de conducir por autoridade xudicial ou gobernativa, os conductores non sufrirán mingua salarial básica ningunha, salvo que a dita retirada sexa debida a imprudencia temeraria ou a conducir baixo os efectos do alcohol, ou á comisión de infraccións graves ou moi graves segundo as normas contidas na Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade vial.

Artigo 27º.-Axudas de custos e desprazamentos.

Enténdese por axuda de custos a indemnización económica diaria que se lle debe pagar a un traballador/a como compensación dos gastos de mantenza e aloxamento que deba realizar a consecuencia dun desprazamento motivado por orde do Consello de Contas.

A contía da axuda de custos para o persoal incluído nos grupos profesionais IV ou V, sen exclusión de domingos e festivos, se é o caso, incluído o día de retorno, será a especificada para os funcionarios deses mesmos grupos e aplicarase nas mesmas condicións que a estes, segundo o regulado no Decreto 114/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de destino na Administración autonómica de Galicia.

Para o persoal que se incorpore durante a vixencia ou prórroga deste convenio que pertenza ós grupos profesionais I, II ou III, a contía será a especificada para os grupos de funcionarios I, II ou III, respectivamente, segundo o regulado no Decreto 114/2001.

Cando un traballador/a se desprace no vehículo propio terá dereito a unha indemnización de 0,17 A por quilómetro, sempre que para iso se conte coa autorización e a orde de desprazamento.

Artigo 28º.-Incapacidade temporal.

1. Nos supostos de baixa por incapacidade temporal legalmente declarados, o Consello de Contas aboaralle ó traballador afectado un complemento da prestación económica regulamentaria, ata acada-lo 100 por 100 do salario ordinario.

Para os efectos deste artigo, entenderase por salario ordinario, o salario base, o complemento de antigüidade e os complementos salariais do posto de traballo.

2. As ausencias por enfermidade xustificaranse conforme coa lexislación vixente na materia en cada momento.

Capítulo IX

Beneficios sociais

Artigo 29º.-Formación e perfeccionamento profesional.

1. O persoal afectado por este convenio terá dereito a que se lle facilite a realización de estudios académicos ou profesionais.

2. O Consello de Contas realizará cursos de formación e as actividades que cumpran para perfeccionar e actualiza-los coñecementos profesionais do seu persoal laboral.

3. Respecto ó disposto no punto 2 e co obxecto de facilita-la asistencia a estes cursos ou actividades, o traballador/a terá dereito a que se lle reduza a xornada ordinaria de traballo no número de horas precisas para a asistencia a eles, sen mingua da súa remuneración.

Artigo 30º.-Ocio, recreo, cultura.

O Consello de Contas facilitará a adquisición de novos libros, que favorezan a formación cultural e profesional dos traballadores.

O salón de actos poderá ser utilizado polos traballadores para poñer en práctica os diversos proxectos culturais, todo isto sempre e cando non interfira nas actividades normais do Consello de Contas.

Artigo 31º.-Orientación sobre planificación familiar e revisións médicas.

1. O Consello de Contas facilitará con carácter voluntario e coa mesma extensión que para os funcionarios do consello, os seguintes recoñecementos médicos:

a) Unha vez ó ano, a todo o persoal.

b) Periódicos e específicos, ó persoal ó que, pola súa actividade, se considere necesario.

c) A todo o persoal de novo ingreso, antes de incorporarse ó posto de traballo.

d) Revisión xinecolóxica.

Co fin de atende-lo cumprimento dos distintos puntos, o Consello de Contas porá os medios ou correrá co gasto necesario para facilitarlle ó traballador/a a súa asistencia ós centros de recoñecemento cando estean en localidade distinta a aquela onde o traballador presta os seus servicios.

2. Con carácter xeral, o Consello de Contas facilitará o acceso dos traballadores ós seguintes servicios:

a) Planificación familiar.

b) Consello xenético.

c) Consello prenatal.

Artigo 32º.-Xubilación e fomento de emprego.

1. Modalidades de xubilación:

a) Xubilación forzosa.

Co fin de contribuír á realización dunha política de promoción de emprego, a xubilación, para o persoal laboral fixo do Consello de Contas, terá carácter de forzosa ó cumpri-lo traballador/a a idade de 65 anos.

Aqueles/as traballadores/as que, ó chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causar dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servicios ata cumpriren o citado período de cotización, momento no que se causará baixa de xeito inmediato.

b) Xubilación especial.

De conformidade co Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo (BOE do 20 de xullo), para o caso de que os traballadores/as con 64 anos se queiran acoller á xubilación co 100 por 100 dos dereitos, o Consello de Contas substituirá o que se xubile dese xeito por calquera traballador que se atope inscrito como desempregado na correspondente oficina de emprego e nas listas que, se é o caso, se elaboren, mediante un contrato da mesma natureza cá do extinguido.

No caso de que a contratación se decida con carácter indefinido, deberá levarse a cabo de conformidade co regulado no capítulo IV deste convenio.

c) Xubilación voluntaria.

O persoal laboral poderá xubilarse voluntariamente de acordo cos requisitos establecidos no réxime da Seguridade Social ó que pertenza.

2. No momento da xubilación, o persoal laboral suxeito a este convenio, percibirá unha gratificación consistente en tres mensualidades do salario.

Artigo 33º.-Acción social.

O persoal laboral suxeito a este convenio poderá acollerse ós programas de acción social que teña en cada momento o Consello de Contas, coas limitacións que establezan as leis.

Artigo 34º.-Indemnización por invalidez e morte por accidente de traballo ou enfermidade profesional.

Ámbalas dúas partes acordan que, se non estiver xa asumido, se xestione un seguro que ampare a invalidez ou morte do traballador/a, por accidente de traballo ou enfermidade profesional, percibindo os seus beneficiarios unha cantidade non inferior a 48.080,97 A. Con respecto á responsabilidade civil haberá que aterse ó disposto nas normas de aplicación xeral.

Artigo 35º.-Fondo de axuda para anticipos.

O persoal acollido a este convenio, dentro das previsións orzamentarias, poderá solicitar:

-Anticipos por importe igual ou menor a dúas mensualidades dos seus haberes líquidos, que se devolverán nun prazo de catorce meses como máximo. Non obstante ó anterior en casos debidamente xustificados o Consello de Contas facilitará, dentro das posibilidades orzamentarias, a concesión de anticipos ata 3 mensualidades, non podendo supera-la cantidade de 3.005,06 A (que se devolverán nun prazo máximo de 24 mensualidades).

Artigo 36º.-Complemento das pensións de viuvez e orfandade.

A morte do traballador/a que prestase os seus servicios no Consello de Contas no momento do seu falecemento, ou se atopase nalgún dos supostos de suspensión do contrato de traballo recollidos no artigo 45 do Estatuto dos traballadores e posúa o período de carencia esixido polas disposicións vixentes, poderá dar lugar ó recoñecemento dos seguintes complementos:

1. Complemento de garantía de salario real. Serán beneficiarios deste complemento os viúvos/as ou persoa que se atopase ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/a causante, con fillos a cargo menores de 18 anos de idade, ou a que fixe a normativa vixente da Seguridade Social ou orfos absolutos, sempre que non posúan ingresos, de calquera tipo, superiores ó salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

A contía será igual á diferencia entre o salario bruto, constituído este polos conceptos recollidos nos artigos 24º e 25º deste convenio, percibido como

media nos 12 meses anteriores ó mes do feito causante, e a suma das pensións de viuvez e orfandade xeradas polo traballador a consecuencia do falecemento.

Este complemento será fixo no tempo ata o momento da súa extinción, que terá lugar como consecuencia das seguintes causas:

-Cumprimento da maioría de idade dos fillos ó seu cargo ou a idade que fixe a normativa específica da Seguridade Social.

-Percepción, por parte do/a viúvo/a ou persoa que se atopase ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co/a causante e os fillos a cargo, de ingresos superiores ó salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

-As causas xerais de extinción das pensións de viuvez e orfandade recollidas na lexislación da Seguridade Social.

Se a morte se produce por accidente de traballo ou enfermidade profesional contraída durante o seu servicio no Consello de Contas, non se esixirá antigüidade ningunha para o cobramento dos complementos citados, percibindo os beneficiarios o salario bruto, sempre que non existan outros ingresos superiores ó salario mínimo vixente en cada momento, e coas mesmas causas de extinción que as establecidas no parágrafo anterior.

2. Complemento de garantía do salario mínimo interprofesional.

Nas situacións non previstas no punto 1, garantirase en todo caso un complemento, sobre a pensión que asigne a Seguridade Social, que iguale en cada momento o salario mínimo interprofesional.

Naqueles supostos en que o/a traballador/a tivese unha xornada reducida, este complemento reducirase en proporción á xornada realizada.

Estes complementos concederanse con efectos desde a data na que a Seguridade Social recoñeza as pensións.

O beneficiario virá obrigado a comunicar calquera cambio das circunstancias de carácter familiar ou económicas das que dan lugar ó recoñecemento do complemento.

Capítulo X

Seguridade e hixiene

Artigo 37º.-Seguridade e hixiene.

1. O persoal acollido a este convenio ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a unha adecuada política de seguridade e hixiene no traballo. Ten, así mesmo, o dereito a participar na formulación da política de prevención no seu centro de traballo e no control das medidas adoptadas en desenvolvemento daquela, a través do seu representante legal e os órganos internos e específicos de participación nesta materia.

2. O Consello de Contas está obrigado a promover, formular e poñer en aplicación unha adecuada política de seguridade e hixiene no centro de traballo, así como a facilita-la participación do persoal nela. Así mesmo, debe garantir unha formación práctica e adecuada nestas materias, cando se contrate persoal ou cando se cambie de posto de traballo, ou se teñan que aplicar novas técnicas, equipos ou materiais que poidan ocasionar riscos para o propio traballador/a, para os seus compañeiros/as ou para terceiros.

En todo caso, rexerá o disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, e lexislación complementaria.

Artigo 38º.-Roupa de traballo.

O Consello de Contas facilitaralle roupa de traballo e calzado profesional homologados e de uso obrigatorio, a todo o persoal ó seu servicio cando as condicións e a natureza do traballo o requiran. As solicitudes serán autorizadas polo Consello de Contas, que será o encargado de arbitra-lo sistema de subministración de material que, en ningún caso, poderá supoñer unha adquisición directa polo persoal.

A cantidade e a clase de roupa serán as especificadas no anexo III deste convenio, e a súa data de entrega será nos meses de abril e setembro de cada ano.

Os uniformes serán de inverno e de verán, ámbolos dous no mesmo número e cor das pezas, con adaptación, segundo a estación, do tecido e material da roupa e calzado, respectivamente. No caso das camisas estas poderán ser de manga curta ou longa, indistintamente.

Os uniformes recollidos no parágrafo anterior, serán repostos unha vez ó ano, agás no caso da roupa de abrigo, que será cada dous anos.

As partes asinantes deste convenio comprométense a adapta-lo contido deste artigo ás peculiaridades de cada grupo.

Artigo 39º.-Servicio e traballo.

O persoal suxeito a este convenio non poderá realizar obras por un tanto, nin traballo axustado, durante a súa xornada laboral.

O representante dos traballadores e a dirección do persoal deberán velar polo dereito á intimidade, pola liberdade dos traballadores, e pola erradicación das conductas de acoso sexual, procurando silencia-la súa identidade.

Capítulo XI

Dereitos sindicais

Artigo 40º.-Delegado de persoal.

O delegado/a de persoal, sen prexuízo das competencias, funcións e dereitos, en xeral, recoñecidos polas disposicións legais, terá os seguintes dereitos específicos:

1. O delegado/a de persoal dispoñerá, avisando previamente, sempre que sexa posible, con 24 horas

á dirección do centro de traballo, de tempo retribuído para realizar xestións conducentes á defensa dos intereses do persoal. As horas mensuais necesarias para cubrir esta finalidade fíxanse, de conformidade coa lexislación vixente, que establece 15 horas para centros de ata 100 traballadores.

2. O delegado/a de persoal poderá ser substituído durante as súas horas sindicais, mediante previo aviso con 24 horas de antelación, se ten carácter ordinario, e sen previo aviso, se ten carácter de urxencia.

De non realizarse a substitución, en ningún caso quedará limitado o dereito do representante do persoal a realiza-la súa actividade sindical.

3. Coñecer e consulta-lo rexistro de accidentes de traballo e as súas causas. Terá acceso ó cadro horario, do que recibirá unha copia. Tamén accederá ós modelos TC-1 e TC-2 das cotizacións á Seguridade Social, ó calendario laboral, ós orzamentos dos centros, a un exemplar da memoria anual do centro e a calquera outro documento relacionado coas condicións de traballo que afecten o persoal.

4. Poñerase á súa disposición unha dependencia, sen dereito de exclusividade, provista de teléfono e do correspondente mobiliario, para que poida desenvolve-la súa actividade sindical, deliberar entre si e comunicarse cos seus representados/as, facilitándose o material de oficina preciso.

5. Poderán utilizar fotocopiadoras, multicopistas e demais aparellos de reprografía para uso da súa administración interna.

6. Facilitaránselle un taboleiro de anuncios necesario para que, baixo a súa responsabilidade, coloquen tódolos avisos e comunicacións que deban efectuar e consideren pertinentes, sen máis limitacións cás expresamente sinaladas pola lei. O dito taboleiro instalarase en lugar claramente visible para permitir que a información chegue ó persoal.

7. Non se poderán acumular nin suma-las horas non utilizadas nun mes para outro mes.

O crédito horario é de carácter persoal, retribuído, mensual e para o exercicio exclusivo de funcións de representación.

8. O delegado/a de persoal terá, ademais das garantías recollidas neste convenio, as establecidas nos puntos a), b) e c) do artigo 68 do Estatuto dos traballadores.

9. Realización de asembleas:

a) O delegado/a de persoal dispoñerá dun mínimo de 20 horas anuais para este fin. As asembleas convocadas e cunha duración máxima de media hora, antes do inicio ou do final da xornada, non serán computadas, se ben, con este carácter, só poderán convocarse como máximo dúas asembleas mensuais. Para tal fin, o Consello de Contas facilitará os locais adecuados en cada centro de traballo.

Os convocantes garantirán en todo momento a prestación dos servicios que se vaian realizar durante as asembleas, así como a orde destas.

En ámbolos dous supostos, o aviso previo, con antelación de 24 horas, que se deberá facer perante a dirección do centro ou servicio, deberá ir acompañado da orde do día que se vai tratar na reunión.

b) Cando en determinados casos, pola existencia de varias quendas de traballo, non se poida reunir simultaneamente a totalidade do cadro de persoal, as asembleas parciais das diferentes quendas considéranse, para estes efectos, como unha asemblea. Poderanse, así mesmo, realizar asembleas convocadas polo 20 por 100 do cadro de persoal do centro.

As asembleas terán lugar en locais facilitados polo Consello de Contas para tal fin.

Capítulo XII

Réxime disciplinario

Artigo 41º.-Graduación de faltas.

1. Os traballadores poderán ser sancionados polos órganos competentes, mediante a resolución correspondente, en virtude de incumprimento das obrigas contractuais, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen neste epígrafe.

2. As faltas disciplinarias dos traballadores, cometidas con ocasión ou como consecuencia do traballo, poderán ser: leves, graves e moi graves.

a) Serán faltas leves as seguintes:

a.1. A leve incorrección co público e, en xeral, cos usuarios do servicio, así como cos compañeiros e subordinados.

a.2. O atraso inxustificado, neglixencia ou descoido no cumprimento das súas tarefas.

a.3. A non comunicación coa debida antelación da falta ó traballo por causa xustificada, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

a.4. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada dun ou dous días ó mes.

a.5. O incumprimento non xustificado do horario de traballo entre tres e cinco ocasións ó mes.

a.6. O descoido na conservación dos locais, material e documentos de servicio.

a.7. En xeral, o incumprimento dos deberes por neglixencia ou descoido inescusables.

b) Serán faltas graves as seguintes:

b.1. A falta de disciplina no traballo ou do respecto debido ós superiores, compañeiros ou subordinados.

b.2. O incumprimento das ordes ou instruccións dos superiores relacionadas co traballo e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos graves para o servicio.

b.3. A desconsideración co público no exercicio do traballo.

b.4. O incumprimento grave das obrigas en materia de prevención dos riscos laborais contempladas na normativa vixente.

b.5. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada de tres ou catro días no período dun mes.

b.6. O incumprimento non xustificado do horario de traballo entre seis e dez ocasións ó mes, cando acumulados supoñan un mínimo de dez horas mensuais.

b.7. O abandono do posto de traballo durante a xornada sen causa xustificada.

b.8. A simulación de enfermidade ou accidente.

b.9. A simulación ou encubrimento de faltas doutros traballadores en relación cos seus deberes de puntualidade, asistencia e permanencia no traballo.

b.10. A diminución continuada e voluntaria no rendemento do traballo normal ou pactado.

b.11. A neglixencia que poida causar graves danos na conservación dos locais, material ou documentos de servicio.

b.12. O incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedementos en materia de incompatibilidades, cando non supoña o mantemento dunha situación de incompatibilidade.

b.13. A utilización ou difusión indebida de datos ou asuntos dos que se teña coñecemento por razón do traballo.

b.14. Cometer falta leve, tendo anotadas e non canceladas, ou sen posibilidade de cancelar, polo menos dúas faltas leves.

b.15. O abuso de autoridade no desempeño das funcións encomendadas. Considerarase abuso de autoridade a comisión por un superior dun feito arbitrario, con infracción dun dereito do traballador recoñecido legalmente por este convenio, Estatuto dos traballadores e demais leis vixentes, de onde se derive un prexuízo notorio para o subordinado, ben sexa de orde material ou moral.

c) Serán faltas moi graves as seguintes:

c.1. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas.

c.2. A manifesta insubordinación individual ou colectiva.

c.3. A notoria falta de rendemento que comporte inhibición no cumprimento das tarefas encomendadas.

c.4. O falseamento voluntario dos datos e informacións do servicio.

c.5. A falta de asistencia ó traballo non xustificada durante cinco ou máis días ó mes.

c.6. O incumprimento non xustificado do horario de traballo durante máis de dez ocasións ó mes ou durante máis de vinte ó trimestre.

c.7. O incumprimento das normas sobre incompatibilidades cando dea lugar a situacións de incompatibilidade.

c.8. Cometer falta grave, tendo anotadas e non canceladas, ou sen posibilidade de cancelar, polo menos, dúas faltas graves.

c.9. O acoso sexual.

c.10. A violación da neutralidade ou independencia política, utilizando as facultades atribuídas para influír en procesos electorais de calquera natureza ou ámbito.

c.11. A obstaculización ó exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.

c.12. O incumprimento da obriga de atender en caso de folga os servicios previstos no artigo 6.7º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo.

c.13. A obtención de beneficios económicos por razón do traballo alleos ó posto desempeñado.

c.14. O quebrantamento do segredo profesional, a manipulación de datos e programas con ánimo de falsificación ou a utilización dos medios técnicos da Administración para intereses particulares de tipo económico.

c.15. A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercuten negativamente no traballo.

c.16. A tolerancia ou encubrimento dos xefes ou superiores respecto das faltas graves e moi graves cometidas polos subordinados.

c.17. O incumprimento moi grave das obrigas en materia de prevención de riscos laborais recollidas na normativa vixente, entendendo como tal cando del poidan derivarse riscos para a saúde e a integridade física ou psíquica doutro traballador ou de terceiros.

Artigo 42º.-Sancións.

1. As sancións que se poderán impoñer, en función da cualificación das faltas, serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por faltas graves:

-Inhabilitación para a promoción e ascensos, así como para concorrer a probas selectivas para un período non superior a un ano.

-Suspensión de emprego e soldo de tres días a tres meses.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de tres meses e un día a seis meses.

-Inhabilitación para a promoción ou ascenso por un período dun ano e un día a cinco anos.

-Traslado forzoso sen dereito a indemnización.

-Despedimento.

Non se poderán impoñer sancións que consistan na reducción das vacacións ou outra minoración dos dereitos ó descanso do traballador ou multa de haber.

2. O alcance da sanción, dentro de cada categoría, farase tendo en conta:

a) O grao de intencionalidade, descoido ou neglixencia que se revele na conducta.

b) O dano ó interese público, cuantificando incluso en termos económicos cando sexa posible.

c) A reiteración ou reincidencia.

Artigo 43º.-Tramitación e procedemento sancionador.

1. Durante a tramitación de todo expediente disciplinario cumprirase o principio de audiencia ó interesado. O incumprimento deste principio dará lugar á nulidade do actuado, debendo retrotraerse a tramitación do procedemento ó momento en que se produciu o incumprimento do dito principio.

Ó interesado notificaránselle por escrito as actividades que se desenvolvan.

Será de aplicación ó procedemento o réxime legal sobre dereitos dos cidadáns do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As sancións por faltas leves serán impostas logo da audiencia ó presunto infractor, oído o representante dos traballadores. A sanción deberá notificárselle por escrito ó interesado e ó representante dos traballadores.

No escrito de notificacións farase consta-la data e os feitos motivadores da sanción, a cualificación da falta e os recursos que contra ela procedan.

3. As sancións por faltas graves ou moi graves requirirán a tramitación previa de expediente disciplinario. A incoación poderá ser de oficio ou mediante denuncia, debendo constar no escrito de incoación os feitos susceptibles de sancións e a designación de instructor. Do dito escrito darase traslado simultaneamente ó interesado, ó instructor e ó representante dos traballadores. No suposto de que o motivo de incoación sexa o considerado no punto c.15 do artigo 41, a Administración poderá solicitar informe médico. No caso de iniciarse o expediente por denuncia, o acordo de incoación deberá ser comunicado ó asinante dela.

4. A incoación de expediente disciplinario corresponderalle ó órgano competente e na súa tramitación terase en conta o previsto nos puntos seguintes.

5. Unha vez notificada a incoación do expediente sancionador, o traballador poderá solicita-la recusación do instructor. Así mesmo, o instructor poderá presenta-la súa abstención en caso de concorre-las causas legais. A autoridade que acordou a incoación

deberá resolver sobre a abstención e a recusación no prazo de dez días hábiles, e se se admitise calquera das dúas, efectuarase novo nomeamento, facéndollo saber por escrito ó interesado.

6. O instructor, como primeiras actuacións, procederá a recibir declaración ó presunto inculpado e a emitir cantas dilixencias se deduzan da comunicación ou denuncia que motivou a incoación do expediente e do que aquel tivese alegado na súa declaración.

7. O prego de cargos: no prazo dun mes desde a incoación do expediente, ampliable en quince días máis, deberá notificarse o prego de cargos que debe conter: feitos que se imputen ó traballador, falta presuntamente cometida e posible sanción que se vai impoñer. O prego de cargos redactarase de modo claro e preciso mediante parágrafos separados e numerados.

O traballador poderá, no prazo de dez días hábiles desde a notificación do prego de cargos, propoñe-los medios de defensa que lle conveñan e realizar cantas alegacións coide procedentes.

8. A práctica da proba: contestado o prego ou transcorrido o prazo sen facelo, o instructor poderá acorda-la práctica das probas que considere, así como a práctica ou denegación das propostas. O instructor comunicará por escrito ó interesado as probas que se realicen, así como as que se denegasen. A denegación da proba será debidamente motivada e só poderá acordarse en caso de que as cuestións que se deban probar sexan innecesarias para o procedemento. Os feitos relevantes para a decisión do procedemento poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito.

9. Proposta de resolución: deberán consta-los feitos declarados probados que se lle imputan ó traballador, a súa valoración xurídica e, se é o caso, a sanción proposta. Do expediente completo coa proposta de resolución daráselle traslado ó traballador para que poida efectua-las alegacións pertinentes no prazo de dez días hábiles. Así mesmo, darase traslado ó delegado de persoal, que comparecerá no procedemento para que no mesmo prazo poida ser oído.

10. Resolución: darase traslado do expediente á autoridade competente, que adoptará a decisión de sancionar, non sancionar ou ordenar novas dilixencias para esclarecer puntos confusos do expediente. Neste último caso darase traslado delas ó traballador no prazo de dez días hábiles para levar a cabo alegacións sobre as actuacións últimas.

A resolución deberá conte-los seguintes elementos: feitos probados, falta cometida, preceptos en que aparece tipificada, traballador responsable, sanción imposta e data de efectos. Cando a sanción consiste na suspensión de emprego e soldo, procurarase que esta se cumpra en meses sucesivos, cun límite máximo de seis meses.

A resolución notificaráselle ó interesado con expresión dos recursos que procedan, órgano ante o que deben de interpoñerse e prazo para iso.

A resolución definitiva comunicaráselle ó delegado de persoal que comparecera no procedemento.

11. O procedemento sancionador quedará interrompido cando exista un procedemento penal polos mesmos feitos ata a sentencia firme, podéndose reiniciar nese momento o expediente disciplinario.

12. O órgano competente poderá decretar, durante a tramitación do expediente sancionador por falta moi grave, a suspensión provisional de emprego cando se considere que a presencia do traballador no centro de traballo pode ocasionar prexuízo para o servicio, ou cando razóns xustificadas así o aconsellen.

Artigo 44º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte días e as moi graves ós sesenta días, contados todos eles a partir da data na que a Administración tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido. Os ditos prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído ou información preliminar, incluída a audiencia previa ó interesado que poida instruírse, se é o caso.

En calquera caso, desde o inicio do expediente, incluída a información preliminar, ata a súa resolución, non poderán transcorrer máis de seis meses, agás que o atraso fose imputable ó traballador expedientado.

Artigo 45º.-Cancelación.

Tódalas sancións impostas anotaranse no expediente persoal do sancionado e cancelaranse de oficio ou por instancia de parte, unha vez transcorrido o prazo de tres meses cando se trate de falta leve, un ano se é falta grave e dous anos para as moi graves.

Artigo 46º.-Denuncia por instancia de parte.

Todo traballador poderá dar conta por escrito por si ou a través dos seus representantes, dos actos que supoñan faltas de respecto á súa intimidade ou á consideración debida á súa dignidade persoal ou profesional. O Consello de Contas abrirá a oportuna información reservada e instruirá, se é o caso, o expediente disciplinario que proceda.

Disposicións adicionais

Primeira.-Este convenio constitúe un todo indivisible. As condicións económicas e demais dereitos con anterioridade vixentes e aplicables ás relacións laborais colectivas do persoal incluído no seu ámbito de aplicación, sexa por imperativo legal, regulamentario ou convencional, quedan absorbidas e compensadas na súa totalidade polas novas condicións pactadas, que se recoñecen máis beneficiosas no seu conxunto e illadamente en termos homoxéneos.

Segunda.-A contía das pagas extraordinarias será proporcional ó tempo traballado durante o ano; para estes efectos, as fraccións de mes computaranse como mensualidade completa. Con tal fin, a mensualidade computarase como de 30 días naturais.

Terceira.-Ós traballadores fixos que no momento da entrada en vigor do primeiro convenio único prestasen servicio no Consello de Contas non se lles poderá esixir título académico para a súa promoción profesional, agás para o seu ascenso ós grupos I e II. Así mesmo, no caso de posuí-la titulación esixida para o desempeño dun determinado posto de traballo, a promoción interna poderase levar a cabo con independencia da pertenza ou non ós grupos inmediatos superior ou inferior.

Cuarta.

1. O sistema de clasificación que se recolle neste convenio estructúrase en grupos profesionais e establécese co fin de facilita-la mobilidade funcional e interdepartamental do persoal e de favorece-la súa promoción, establecendo para iso mecanismos de carreira dentro do sistema.

O grupo profesional agrupa unitariamente as aptitudes profesionais, as titulacións e o contido xeral da prestación laboral que se corresponde con elas.

A pertenza a un grupo profesional capacitará para o desempeño de tódalas tarefas e cometidos propios deles, sen máis limitacións cás derivadas da esixencia das titulacións específicas e dos demais requisitos de carácter profesional considerados, se é o caso, nos catálogos e relacións de postos de traballo.

2. Os criterios para determina-la pertenza ós grupos profesionais son os que a seguir se relacionan:

2.1. A determinación da pertenza a un grupo profesional será o resultado da ponderación, entre outros, dos seguintes factores: coñecementos e experiencia, iniciativa, autonomía, responsabilidade, mando e complexidade.

2.2. Na valoración dos factores, con anterioridade mencionados, terase en conta:

a) Coñecementos e experiencia: factor para a valoración do cal se terá en conta, ademais da formación básica ou específica necesaria para cumprir correctamente os cometidos, a experiencia adquirida e a dificultade para a adquisición dos ditos coñecementos e experiencia.

b) Iniciativa: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de seguimento de normas, procedementos ou directrices para a execución de tarefas ou funcións.

c) Autonomía: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de dependencia xerárquica no desempeño de tarefas ou funcións que se desenvolvan.

d) Responsabilidade: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de autonomía de acción do traballador, o nivel de influencia sobre os resul

tados, a relevancia da xestión sobre recursos humanos, técnicos e productivos e a asunción do risco polas decisións tomadas e as súas consecuencias.

e) Mando: factor para a valoración do cal se terá en conta o grao de supervisión e ordenación das funcións e tarefas, a capacidade de interrelación, as características do colectivo e o número de persoas sobre as que se exerce o mando.

f) Complexidade: factor para a valoración do cal se terá en conta o número e o grao de integración dos diversos factores, antes enumerados, na tarefa ou posto encomendado.

3. Establécense os seguintes grupos profesionais:

G.I:

Inclúense neste grupo aqueles que no desenvolvemento do seu traballo requiren un alto grao de coñecementos profesionais que exercen sobre un ou varios sectores da actividade, con obxectivos definidos e alto grao de esixencia nos factores de iniciativa, autonomía e responsabilidade.

Formación: título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

G.II:

Inclúense neste grupo aqueles traballadores que levan a cabo funcións consistentes na realización de actividades complexas con obxectivos definidos dentro do seu nivel académico; integran, coordinan e supervisan a execución de tarefas heteroxéneas coa responsabilidade de ordena-lo traballo dun conxunto de colaboradores; inclúense ademais a realización de tarefas complexas pero homoxéneas, así como aquelas que consisten en establecer ou desenvolver programas ou aplicar técnicas seguindo instruccións xerais.

Formación: título de diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalente.

G.III:

Incluénse neste grupo aqueles traballadores que realizan traballos de execución autónoma que esixan habitualmente iniciativa por parte dos traballadores encargados da súa execución, comportando, baixo supervisión, a súa responsabilidade, podendo ser axudados por outro ou outros traballadores de grupos profesionais inferiores. O seu exercicio pode implica-lo mando directo dun conxunto de traballadores e a supervisión do seu traballo.

Formación: título de bacharelato, bacharelato unificado polivalente ou formación profesional de técnico superior ou técnico especialista ou equivalente.

G.IV:

Inclúense neste grupo aqueles traballadores que realizan tarefas, que aínda que executadas baixo instruccións precisas, requiran adecuados coñecementos profesionais e aptitudes prácticas e a responsabilidade das cales está limitada por unha supervisión directa e sistemática, sen prexuízo de que

na execución daquelas poidan ser axudados por outros traballadores de igual ou inferior grupo profesional.

Formación: título de graduado escolar, FP 1º grao ou equivalente.

G.V:

Inclúense neste grupo aqueles traballadores que levan a cabo tarefas que se realizan de forma manual ou con axuda de elementos mecánicos simples axustándose ás instruccións concretas, claramente establecidas, con alto grao de dependencia e que requiren normalmente esforzo físico e atención e que non necesitan de formación específica.

Formación: nivel de formación equivalente a educación primaria, certificado de escolaridade ou acreditación dos anos cursados e das cualificacións obtidas na educación secundaria obrigatoria.

Quinta.-Principio de igualdade de oportunidades de trato.

Os traballadores afectados por este convenio non poderán ser obxecto de decisións e condicións, ou de calquera clase de medidas, que comporten directa ou indirectamente un trato discriminatorio en función do sexo en canto ó acceso, promoción e conservación do posto de traballo.

Conforme as disposicións vixentes de carácter estatal e internacional en materia de igualdade de oportunidades no ámbito laboral, vixiarase e asegurarase unha igual prestación económica por un traballo de igual valor, así como o acceso á promoción e á formación profesional sen limitacións ou condicionamentos por razón de sexo.

Sexta.-O disposto neste convenio poderá alterarse ou modificarse pola aplicación de pactos que poidan subscribirse entre a Administración e as organizacións sindicais cando no contido destes se faga referencia ó persoal laboral suxeito ó dito convenio.

Sétima.-Como dereito supletorio e para o non previsto neste convenio, aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores e nas demais disposicións de xeral aplicación.

Disposición transitoria

As prazas da relación de postos de traballo do persoal laboral fixo do Consello de Contas que se atopen vacantes no momento da entrada en vigor deste convenio colectivo, poderán ser cubertas por medio dunha convocatoria de probas selectivas pola quenda de promoción interna, exclusivamente entre o persoal laboral fixo que presta os seus servicios na institución.

ANEXO I-A

Táboa salarial por grupos (cantidade 2003)

Conductores alto cargo.

III. Especialistas e encargados: 15.619,52 A.

Conductores-ordenanzas.

IV. Oficiais de 2ª administr. e oficiais de 2ª: 13.235,18 A.

Ordenanzas.

V. Persoal subalterno, de vixilancia e de servicios específicas non titulados: 11.863,18 A.

ANEXO I-B

Complementos salariais (cantidade 2003)

Trienio: 26,59 A/mes.

Complemento de dispoñibilidade horaria: 366,02 A/mes.

ANEXO II

Grupos profesionais do persoal laboral actual

Grupo III. Especialistas e encargados.

(Categorías nas que, para o acceso, se necesita posuír titulación académica de nivel de bacharelato, FP 2º grao ou equivalente).

Grupo IV. Oficiais de 2ª administrativos e oficiais de 2ª.

(Categorías nas que, para o acceso, se necesita posuír titulación académica de nivel de graduado escolar, FP 1º grao ou equivalente).

Grupo V. Persoal subalterno, de vixilancia e de servicios específicos non titulados.

(Categorías nas que, para o acceso, se necesita posuír titulación académica de nivel de certificado de escolaridade ou equivalente).

ANEXO III

Roupa de traballo

a) Conductor de alto cargo.

Prendas do uniforme:

-Traxe completo con chaqueta e pantalón ou saia.

-Tres camisas en cor lisa.

-Tres pares de calcetíns.

-Dúas gravatas.

-Zapatos negros lisos.

-Roupa de abrigo consistente en chaquetón ou gabardina.

b) Conserxe e ordenanza.

Roupa do uniforme:

-Traxe completo con chaqueta, pantalón ou saia.

-Tres camisas en cor lisa.

-Tres pares de calcetíns.

-Dúas gravatas.

-Zapatos negros lisos.

-Roupa de abrigo consistente en chaquetón ou gabardina.

Reposición da roupa: os uniformes considerados neste anexo serán repostos unha vez ó ano, agás no caso da roupa de abrigo, que será cada 2 anos.

ANEXO IV

(Baremo ó que se refire o artigo 7º)

a) Servicios prestados no Consello de Contas no mesmo grupo ó que se pretende acceder: 0,15 puntos/mes.

b) Por cada mes de servicios prestados noutras administracións públicas no mesmo grupo e referidos ós últimos 5 anos: 0,10 puntos/mes.

c) Por cada mes de servicios prestados en empresas privadas no mesmo grupo e referidos ós últimos 5 anos: 0,05 puntos/mes.

A suma da puntuación dos puntos a), b) e c) non poderá exceder de 5 puntos.

d) Por cada curso de formación ou perfeccionamento realizado con aproveitamento impartido polas administracións públicas, universidade ou Inem e relacionado coas funcións propias do grupo (máximo 2 puntos): 0,20 puntos/curso.

e) Por posuír unha titulación académica distinta e independente da requirida na convocatoria como requisito imprescindible para o acceso:

-Título de doutor: 2 puntos.

-Título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente: 1,50 puntos.

-Título de enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico ou equivalente: 1 punto.

-Título de bacharelato superior, formación profesional de 2º grao ou equivalente: 0,50 puntos.

-Graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente: 0,25 puntos.

Só se computará a titulación de máis nivel das alegadas.

f) Polo coñecemento acreditado do idioma galego (só se valorará o grao superior alegado).

-En grao de iniciación: 0,50 puntos.

-En grao de perfeccionamento: 0,75 puntos.

Só se concederá validez, polo que á acreditación do galego se refire, ós cursos ou titulacións homologadas pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

g) Por cada mes acreditado como demandante de emprego (máximo 1 punto): 0,01 puntos/mes.

De producirse empate na puntuación, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados segundo a orde establecida neste anexo.

De persisti-lo empate, resolverase a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde do alfabeto.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2003.

Pola representación dos traballadores: Genaro Noya Otero (delegado do persoal laboral).

Pola representación do Consello de Contas de Galicia: José Manuel Dacal Vázquez (xefe da Sección de Persoal).

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA