Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 11 de setembro de 2003 Páx. 11.550

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Montouto 2000, nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves (Pontevedra), promovido pola empresa Montouto 2000, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 18 de agosto de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Montouto 2000, nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves (Pontevedra), promovido pola empresa Montouto 2000, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

-Proxecto Parque Eólico Montouto. Pontevedra. Abril de 2001. Tomos I, II, III e IV.

-Estudio de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Montouto (Pontevedra). Abril de 2001.

-Modificado proxecto de execución. Parque Eólico Montouto. Fase I.

-Solicitude de aclaracións e emenda de documentación.

-Addenda nº 5 ó estudio de impacto ambiental do Parque Eólico Montouto 2000. Fase I (Pontevedra).

-Estudio de impacto arqueolóxico. Volumes I e II. Maio de 2003.

-Modificación proxecto de execución. Parque Eólico Montouto. Fase I. Perfís lonxitudinais de camiños.

-Modificación proxecto de execución. Parque Eólico Montouto. Fase I. Perfís transversais de camiños.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

En calquera caso, a prelación da documentación é a seguinte: «Declaración de impacto ambiental», «Modificado proxecto de execución. Parque Eólico Montouto. Fase I», «Addenda nº 5 ó estudio de impacto ambiental do Parque Eólico Montouto 2000. Fase I (Pontevedra)», «Estudio de impacto arqueolóxico. Volumes I e II. Maio de 2003», e «Estudio de impacto ambiental do proxecto do Parque Eólico Montouto (Pontevedra). Abril de 2001», por esta orde.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado Parque Eólico Montouto 2000, de 39,75 MW de potencia total, nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves (Pontevedra), constituído por 53 aeroxeradores de 750 kW de potencia unitaria, distribuídos en varias aliñacións dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM. Así mesmo, proxéctase a construcción dunha subestación transformadora, que se conectará co parque eólico mediante unha liña eléctrica subterránea. A evacuación da enerxía producida realizarase a través duna liña existente de Unión Fenosa:

Vértice XVértice Y

555.2604.674.208

555.5814.674.197

555.4094.673.874

555.6134.673.285

555.5524.672.646

554.9724.672.225

553.8194.669.517

554.2154.669.316

553.9934.669.042

553.8824.668.820

554.7174.668.367

554.5404.668.038

553.9864.668.241

553.4184.667.502

554.0254.666.891

554.8334.666.022

554.6864.665.873

553.5704.665.663

553.3154.664.949

553.7674.664.235

Vértice XVértice Y

553.5874.664.042

552.8954.664.752

553.4604.666.146

553.4554.666.621

552.8414.666.959

551.1904.667.434

551.2624.667.673

551.7504.668.254

551.9094.668.343

552.0804.668.151

552.1044.667.825

552.1514.667.640

552.8404.667.345

553.1364.667.895

552.4884.670.072

551.7224.670.423

551.2134.670.430

551.2134.670.723

551.9634.670.727

552.5704.670.294

553.3144.670.072

554.6104.672.394

555.3294.672.684

555.3224.673.334

555.2044.673.670

Tendo en conta o exposto no punto 7 desta DIA, a viabilidade dos aeroxeradores nº 51, 52 e 53 (antes 42, 43 e 44) podería variar debido ó impacto visual desde o Mosteiro da Franqueira, polo que as coordenadas definitivas dos anteditos aeroxeradores se establecerán unha vez que a documentación requirida no punto 10.1 desta DIA sexa recibida, avaliada e reciba informe favorable.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos planos titulados «Planta xeral 1 e 2. Maio 2003», do documento titulado «Addenda nº 5 ó estudio de impacto ambiental do Parque Eólico Montouto 2000. Fase I (Pontevedra)», agás para o indicado no parágrafo anterior.

As coordenadas UTM dos 50 aeroxeradores restantes son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

1554.7404.666.003

2554.6204.666.045

3554.5004.666.140

4554.4004.666.240

5554.3104.666.360

6554.2064.666.479

7554.1184.666.585

8554.0714.666.738

9553.6404.664.240

AeroxeradorUTM XUTM Y

10553.4124.664.465

11553.3004.664.570

12553.1804.664.690

13553.0894.664.820

14553.2404.665.120

15553.3404.665.400

16553.4204.665.680

17553.4804.665.890

18553.5404.666.100

19553.5804.666.300

20553.6134.666.483

21553.5504.666.700

22553.6184.666.959

23553.5784.667.106

24553.4904.667.280

25553.3304.667.350

26553.2154.667.455

27553.0654.667.520

28552.7904.667.103

29552.6494.667.159

30552.5204.667.240

31552.4004.667.320

32552.2804.667.400

33552.2104.667.537

34552.1064.667.663

35552.0704.667.811

36552.0004.667.950

37551.9454.668.070

38551.8924.668.189

39551.6874.667.367

40551.5734.667.503

41551.4054.667.514

42551.2604.667.521

43554.5594.668.253

44554.4254.668.275

45554.2754.668.325

46554.1804.668.446

47554.0754.668.550

48553.9404.668.600

49553.4304.668.330

50553.3554.668.450

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación continua das vías e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po.

Os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po deberán ir cubertos con lonas ou similares.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite

de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

Para tal fin, presentarase unha proposta de seguimento do nivel de ruído, segundo o requirido no punto 10.3 desta DIA.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga precisará da autorización de Augas de Galicia, conforme o establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

As obras non poderán afecta-la calidade e o volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro.

Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe previstos (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe. Para tal fin, presentarase unha proposta de seguimento do funcionamento das drenaxes, segundo o requirido no punto 10.5 desta DIA.

A achega das augas das drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía co fin de evitar erosión, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, nin interferindo na rede natural de drenaxe, co fin de evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial.

Non está permitido o lavado de maquinaria e materiais nos cursos fluviais.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terrapléns resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, polo que este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, o promotor presentará unha proposta detallada dun plan para o control da calidade das augas, tendo en conta, entre outros, os oito puntos de potencial afección á rede hidrográfica indicados

no documento titulado «Addenda nº 5 ó estudio de impacto ambiental do Parque Eólico Montouto 2000. Fase I (Pontevedra)», tanto na fase de obra como na de funcionamento do parque, de acordo co requirido no punto 10.4 desta DIA.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

A circulación de vehículos e maquinaria de obra no parque restrinxirase ás vías e zonas acondicionadas para o efecto.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas na documentación ambiental, non permitíndose o seu sobredimensionamento.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas, lonas...) para impedi-la proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se estos se producisen, deberán ser retirados e depositados en lugar autorizado.

Para a localización das instalacións de obra e o edificio de control seleccionaranse uns lugares de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastados de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica, reflectindo a localización prevista, de cada un deles, no plano requirido no punto 10.2 desta DIA.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se trala finalización das obras existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. No caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, restaurando o préstamo ó finaliza-la obra.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ós labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e á defensa destas.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da construcción, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós cri

terios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

Mentres non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporase dun lugar específico dentro do edificio de control.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos de poboación e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola presencia dos aeroxeradores.

Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no punto 4 do anexo I do documento titulado «Addenda nº 5 ó estudio de impacto ambiental do Parque Eólico Montouto 2000. Fase I (Pontevedra)».

Así mesmo, o plan de vixilancia presentado deberase completar nos seguintes aspectos:

-Identificación nun mapa dos puntos de observación seleccionados e xustificación de cada un deles.

-Definición detallada do limiar inadmisible e conxunto de medidas que se deberán adoptar no caso de chegar a este limiar.

No caso de instalar pasos canadenses para o gando, deberanse dotar estes pasos de estructuras que lles faciliten o escape do foso ós pequenos vertebrados. Para tal fin, no caso de instalación de pasos canadenses, deberanse presentar diferentes propostas que se adoptarán dependendo do perfil do terreo no que se localice o paso, segundo o requirido no punto 10.6 desta DIA.

6.2. Sobre a vexetación.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, e efectuarase mediante sistemas de roza.

Previamente á corta de arboredo realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberase proceder á súa trituración e espallamento homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección do patrimonio cultural.

Co fin de evitar posibles afeccións, establécese unha área de exclusión, no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde

o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas precisará do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En relación co impacto visual dos aeroxeradores 51, 52 e 53 (antes denominados 42, 43 e 44) sobre o Mosteiro da Franqueira, importante centro de peregrinación, así como desde o vía crucis, localizado na subida ó monte e á Cruz da Paradanta, localizada no cumio do monte, deberase propoñer algún tipo de apantallamento vexetal, a base de especies autóctonas, que minimicen o dito impacto; no caso de non acadar unha solución satisfactoria, os aeroxeradores 51, 52 e 53 deberán ser eliminados.

Deberase realizar un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico e da liña de evacuación de enerxía, así como a sinalización e balizamento con material non perecedoiro dos xácigos arqueolóxicos. Para tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico); o dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

En relación co impacto moderado sobre o xácigo Mámoas de Coto Redondo (PA-20/21), establécese unha área de exclusión cun raio de 80 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. Deberase levar a cabo a seguinte medida correctora:

-Control arqueolóxico e seguimento presencial por parte dun arqueólogo das obras que se realicen no contorno dos xácigos.

-A vía que discorre entre os túmulos PA 20 e PA 21 non poderá ser empregada pola maquinaria da obra.

En relación co impacto severo sobre os xácigos Mámoas de Chan do Marco (PA23/24/25/26/27), deberanse levar a cabo as seguintes medidas correctoras:

-Control arqueolóxico presencial por parte dun arqueólogo dos labores de apertura da gabia de cableado nesta zona.

-No caso do xácigo Mámoas de Chan do Marco (PA-24), será necesario balizar linealmente o foxo da vía C-3.1, coincidindo cos 50 m do contorno de protección.

En relación co impacto severo sobre o xácigo Estructura indeterminada de Chan de Marco (PA-22), deberanse levar a cabo as seguintes medidas correctoras:

-A realización de estudios complementarios (sondaxes arqueolóxicas) que permitan a adecuada

caracterización arqueolóxica deste punto. Para tal fin, e previamente ó inicio das obras nesta zona, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Control arqueolóxico presencial por parte dun arqueólogo dos labores de acondicionamento da vía C-3.1.

-Será necesario balizar linealmente o foxo da vía C-3.1, coincidindo cos 50 m de contorno de protección.

En relación co impacto severo sobre o xácigo Mámoas da Paradanta 2 e 3 (PA-29 e PA-30), deberase levar a cabo a seguinte medida correctora:

-Control arqueolóxico e seguimento presencial por parte dun arqueólogo, das obras que se realicen no contorno destes xácigos.

En relación co impacto moderado sobre o Petroglifo da Paradanta (PA-31), establécese unha área de exclusión no contorno deste ben do patrimonio arqueolóxico cun raio de 200 m, medidos desde o límite exterior do ben inventariado.

En relación ó impacto severo sobre o xácigo Achados Líticos do Salgueirón (PA-37), deberase levar a cabo a seguinte medida correctora:

-Control arqueolóxico presencial por parte dun arqueólogo dos labores de acondicionamento da vía C-3.14 e da apertura da gabia do cableado.

En relación co impacto severo sobre o xácigo Achados Lítico-Cerámicos do Salgueirón (PA-38), deberase levar a cabo a seguinte medida correctora:

-Control arqueolóxico presencial por parte dun arqueólogo dos labores de acondicionamento da vía C-3.14 e da apertura da gabia do cableado.

En relación co impacto crítico sobre os puntos PA-32, Achados cerámicos da Pedra que Bole; PA-34, referencias a achados cerámicos de Coto da Moza; PA-36, achados cerámicos de San Fins 1, será necesario levar a cabo a seguinte medida correctora:

-A realización de estudios complementarios (sondaxes arqueolóxicas), nos puntos sinalados no informe arqueolóxico, que permitan a adecuada caracterización arqueolóxica. Para tal fin, e previamente ó inicio das obras nesta zona, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En relación co punto 9.6 Medidas compensatorias, do estudio arqueolóxico, deberase presentar un proxecto de posta en valor dos bens do patrimonio cultural localizados no ámbito do parque eólico.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de esta

blecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de Patrimonio Cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tons mate no acabamento dos aeroxeradores.

O acabamento exterior do edificio de control será acorde coa tipoloxía constructiva da zona.

9. Restauración.

Tódalas superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes das vías, foxos, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, garantirase o mantemento da revexetación ó longo do tempo.

Para tal fin, presentarase un proxecto de revexetación para a fase de obra e desmantelamento do parque, composto de memoria, na que se definan detalladamente todas e cada unha das accións que se levarán a cabo, prego de condicións, planos detallados e orzamento (cadros de prezos unitarios, medicións, cadro de prezos descompostos, orzamento de execución material e orzamento de execución por contrata, diferenciado para a fase de obra e desmantelamento), así como unha proposta de seguimento da súa efectividade, segundo o requirido no punto 10.8 desta DIA.

Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse paralelamente ó avance da obra, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de acada-la integración paisaxística das zonas alteradas desde un principio.

Ó finaliza-las obras retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

Na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo tódalas actuacións necesarias para recupera-la situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, incluíndo a restauración das vías creadas para uso exclusivo do parque e a revexetación das zonas afectadas pola desmontaxe. Neste sentido, presentarase a documentación requirida no punto 10.8 da DIA.

10. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición das medidas protectoras

e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

10.1. Proposta detallada de apantallamento dos aeroxeradores 51, 52 e 53 segundo o indicado no punto 7 desta DIA.

Unha vez emitido informe favorable por esta dirección xeral sobre a documentación requirida no punto anterior, presentaranse tres (3) exemplares de:

10.2. Plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, incorporando, se é o caso, as modificacións que se deriven do informe anterior.

Diferenciaranse, en cores ou grafía distintiva, as vías preexistentes das de nova construcción e aquelas que se van acondicionar, se é o caso, indicando na lenda a lonxitude de cada tipo e a das gabias do cableado. Reflectiranse, así mesmo, o/s punto/os de acceso ó parque, dispositivos de drenaxe e a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria, fornecemento de materiais, edificio de control e xácigos arqueolóxicos xunto coas áreas de protección indicadas no punto 7 desta DIA.

10.3. Novo plan de seguimento do nivel de ruído, conforme a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento da antedita lei, no que se inclúa:

-Proposta xustificada de puntos de control, centrándose nas vivendas existentes a menos dun quilómetro dos aeroxeradores, e incluíndo un punto de medición na área do parque. Irá xunto cun plano de localización dos puntos de control a escala mínima 1:25.000 e cunha táboa coa distancia dos puntos ó aeroxerador máis próximo.

-Proposta metodolóxica para o control das emisións, indicando a frecuencia das medicións que se van efectuar, tanto para a fase de obra como funcionamento.

-Resultados dunha medición na fase preoperacional, en tódolos puntos propostos. As medicións deben ser efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral e os informes de resultados deben estar asinados polo técnico da entidade realizadora da medición. Os resultados incluirán, sen detrimento dos percentís L, L e L, o parámetro Leq.

10.4. Proposta detallada de seguimento da calidade das augas, segundo o indicado no punto 3 desta DIA.

10.5. Proposta detallada de seguimento da rede de drenaxe proxectada, segundo o indicado no punto 3 desta DIA.

10.6. Proposta detallada de sistemas de escape nos pasos canadenses para pequenos vertebrados, tendo en conta o recollido no punto 6.1 desta DIA.

10.7. Addenda ó plan de seguimento da incidencia do parque sobre a avifauna segundo o indicado no punto 6.1 desta DIA.

10.8. Proxecto de revexetación das zonas afectadas, cos contidos indicados no punto 9 desta DIA.

10.9. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do indicado no punto 12.3 desta DIA.

10.10. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras (referida á contrata ou contratas que vaian executa-lo parque), de acordo co Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

10.11. Resultados das sondaxes arqueolóxicas nos lugares indicados no punto 7 desta DIA.

10.12. Copia da autorización e/ou autorizacións dos proxectos arqueolóxicos para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 desta DIA. En ningún caso se poderán inicia-las obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a totalidade da documentación requirida.

Unha vez emitido informe favorable por esta dirección xeral do cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de inicio das obras e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, no que figuren tódalas actividades (incluíndo as medidas protectoras e correctoras), indicando, para cada unha, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

No caso de que durante o seguimento ambiental se detectasen, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, comunicando a esta dirección xeral a incidencia detectada e propoñendo as medidas correctoras precisas para corrixilas, que serán avaliadas polo órgano ambiental, quen informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Durante a execución das obras, con carácter trimestral, presentarase un informe de obras que inclúa:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización e os sucesivos cronogramas virán numerados correlativamente.

b) Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións serán efectuadas por entidade homologada e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade. Así mesmo, deberá indicarse a velocidade do vento durante o período de medición.

c) Resultados do plan de control da calidade das augas, funcionamento dos dispositivos de drenaxe e condicións de incorporación á rede natural, conforme o indicado no punto 3 desta DIA.

d) Informe, xunto con reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos, controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras (control de eficacia), tanto as indicadas na documentación avaliada como as establecidas nesta declaración, incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levados a cabo, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflectirá o cumprimento das condicións establecidas na declaración, en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela. Nas fotografías indicarase a data e hora, e achegaráselles un plano de localización.

e) Plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución respecto ó total, referido ós distintos elementos que conforman o proxecto: vías, aeroxeradores, plataformas de montaxe, gabias do cableado, subestación, etcétera.

11.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da instalación. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), medidas protectoras e correctoras levadas a cabo e resultado destas (control de eficacia), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas,

destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, subestación, estado das vías, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, e achegaráselles un plano de localización.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

e) Plano en planta, a escala 1:10.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, correspondente a un levantamento topográfico da obra realizada, indicando, así mesmo, as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

11.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento do parque, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición e a duración desta. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos. Así mesmo, deberá indicarse a velocidade do vento (máxima, mínima e media) durante o período de medición.

b) Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe, mantemento do réxime hídrico, calidade das augas e condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, de acordo co indicado no punto 3 da DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna, conforme o indicado no punto 6.1 desta DIA.

d) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados da aplicación do plan de restauración, indicando os avances e as incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, noiros, drenaxes, foxos, gabias do cableado e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detalle dos controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adop

tadas, avaliando o seu resultado. Descrición das posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, e achegaráselles un plano de localización.

11.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, salvo indicación en contra por parte desta dirección xeral, os contidos do informe requirido no punto anterior.

11.5. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase o cronograma previsto das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación. Se é o caso, xuntarase un informe indicando as posibles variacións respecto do previsto na addenda que se vai presentar de acordo co punto 10.8 desta DIA, xunto coa súa xustificación.

11.6. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Achegaráselle reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono e realizada a oportuna revexetación.

12. Condicións adicionais.

12.1. Para efectos de seguimento desta declaración, o órgano substantivo comunicaralle a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

12.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Sen embargo, o promotor poderá solicitar do órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, e comunicaralle o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

12.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control

deste, notificándolle o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen llo comunicará ó órgano ambiental.

12.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e será notificado previamente, a través do órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

12.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade dun millón seiscentos noventa e dous mil setecentos sesenta e un euros con dous céntimos (1.692.761,02). O importe definitivo do aval, que será actualizable, poderá propoñerse cando se dispoña do orzamento da totalidade do plan de restauración, tendo en conta o requirido no punto 10.8 da DIA.

12.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

12.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

12.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

12.9. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado Parque Eólico Montouto 2000, promovido pola empresa Montouto 2000, S.A., consiste na instalación e explotación dun

parque eólico de 39,75 MW de potencia total nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves (Pontevedra), constituído por 53 aeroxeradores de 750 kW de potencia unitaria. Os aeroxeradores distribuiranse dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

-Número de aeroxeradores: 53.

-Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

-Potencia total instalada: 39,75 MW.

-Altura das torres: 49 m.

-Diámetro do rotor: 52 m.

-Investimento previsto: 42.319.025,51 euros.

A obra civil inclúe a execución de 8.647 m de vías de acceso ós aeroxeradores, cun largo de rodadura de 5 m e dotados de foxos e drenaxes para a recollida e evacuación de pluviais. Prevese a execución de 15.004 m de gabias de conducción do cableado, cun largo de 60 cm.

Medidas preventivas e correctoras

-Protección do solo contra derrames e xestión aceites e residuos.

-Protección da terra vexetal.

-Protección da flora, fauna e áreas de especial valor natural.

-Tratamentos de estériles.

-Integración paisaxística das estructuras.

-Protección da avifauna.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite dous informes. No segundo informe realizado sobre o estudio de impacto arqueolóxico do proxecto modificado conclúe emitir informe favorable, cos seguintes condicionantes que se van incluír na declaración ambiental:

1. Co fin de evitar posibles afeccións, establécese unha área de exclusión, no contorno dos bens do patrimonio cultural, cun raio de 50 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. A realización de calquera tipo de obra nestas áreas, precisará o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. En relación co impacto visual dos aeroxeradores 51, 52 e 53 (antes denominados 42, 43 e 44) sobre o Mosteiro da Franqueira, importante centro de peregrinación, así como desde o vía crucis, localizado na subida ó monte e á Cruz da Paradanta, localizada no cumio do monte, deberase propoñer algún tipo de apantallamento vexetal, a base de espe

cies autóctonas, que minimicen o dito impacto; no caso de non acadar unha solución satisfactoria, os aeroxeradores 51, 52 e 53 deberán ser eliminados.

3. Deberase realizar un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico e da liña de evacuación de enerxía, así como a sinalización e balizamento con material non perecedoiro dos xácigos arqueolóxicos. Para tal fin, e previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Como anexo ó proxecto arqueolóxico, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal da obra durante o transcurso dela, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico); o dito plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

4. En relación co impacto moderado sobre o xácigo Mámoas de Coto Redondo (PA-20/21), establécese unha área de exclusión cun raio de 80 m medidos desde o límite exterior do ben inventariado. Deberase levar a cabo a seguinte medida correctora:

-Control arqueolóxico e seguimento presencial por parte dun arqueólogo das obras que se realicen no contorno dos xácigos.

-A vía que discorre entre os túmulos PA-20 e PA-21 non poderá ser empregado pola maquinaria da obra.

5. En relación co impacto severo sobre os xácigos Mámoas de Chan do Marco (PA-23/24/25/26/27), deberanse levar a cabo as seguintes medidas correctoras:

-Control arqueolóxico presencial por parte dun arqueólogo dos labores de apertura da gabia de cableado nesta zona.

-No caso do xácigo Mámoas de Chan do Marco (PA-24), será necesario balizar linealmente o foxo da vía C-3.1, coincidindo cos 50 m do contorno de protección.

6. En relación co impacto severo sobre o xácigo Estructura Indeterminada de Chan de Marco (PA-22), deberanse levar a cabo as seguintes medidas correctoras:

-A realización de estudios complementarios (sondaxes arqueolóxicas), que permitan a adecuada caracterización arqueolóxica deste punto. Para tal fin, e previamente ó inicio das obras nesta zona, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Control arqueolóxico presencial por parte dun arqueólogo dos labores de acondicionamento da vía C-3.1.

-Será necesario balizar linealmente o foxo da vía C-3.1, coincidindo cos 50 m de contorno de protección.

7. En relación co impacto severo sobre o xácigo Mámoas da Paradanta 2 e 3 (PA-29 e PA-30), deberase levar a cabo a seguinte medida correctora:

-Control arqueolóxico e seguimento presencial por parte dun arqueólogo das obras que se realicen no contorno destes xácigos.

8. En relación co impacto moderado sobre o Petroglifo da Paradanta (PA-31), establécese unha área de exclusión no contorno deste ben do patrimonio arqueolóxico cun raio de 200 m, medidos desde o límite exterior do ben inventariado.

9. En relación ó impacto severo sobre o xácigo Achados Líticos do Salgueirón (PA-37), deberase levar a cabo a seguinte medida correctora:

-Control arqueolóxico presencial por parte dun arqueólogo dos labores de acondicionamento da vía C-3.14 e da apertura da gabia do cableado.

10. En relación co impacto severo sobre o xácigo Achados Lítico-Cerámico do Salgueirón (PA-38), deberase levar a cabo a seguinte medida correctora:

-Control arqueolóxico presencial por parte dun arqueólogo dos labores de acondicionamento da vía C-3.14 e da apertura da gabia do cableado.

11. En relación co impacto crítico sobre os puntos PA-32, Achados Cerámicos da Pedra que Bole; PA-34, referencias a Achados Cerámicos de Coto da Moza; PA-36, Achados cerámicos de San Fins 1, será necesario levar a cabo a seguinte medida correctora:

-A realización de estudios complementarios (sondaxes arqueolóxicas), nos puntos sinalados no informe arqueolóxico, que permitan a adecuada caracterización arqueolóxica. Para tal fin, e previamente ó inicio das obras nesta zona, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

12. En relación co punto 9.6 Medidas compensatorias, do estudio arqueolóxico, deberase presentar un proxecto de posta en valor dos bens do patrimonio cultural localizados no ámbito do parque eólico.

13. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

14. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe no que conclúe:

1. A explotación inclúese dentro dun ámbito atractivo para a práctica turística, e valórase que a inci

dencia visual inmediata do contorno será alta cara ó norte e ó sur da instalación.

2. O proxecto previsto recolle unha serie de medidas correctoras orientadas co efecto de lograr reduci-la incidencia visual das obras previstas na paisaxe do contorno inmediato, considerando incluso o favorable da propia morfoloxía do terreo na percepción local do parque. Sen embargo, estas medidas atenúan parcialmente a incidencia desde os puntos de vista máis afastados.

3. Analizados os aspectos anteriores, considérase que o impacto resultante da citada explotación despois da modificación existirá nalgunha medida; desde o punto de vista turístico a instalación dun parque eólico supón unha deterioración das cualidades propias do medio e o seu atractivo natural. Todo iso permítenos considerar que esta iniciativa, como tódalas que son similares, presenta connotacións negativas inherentes á natureza do proxecto, pero a reforma proposta do proxecto mellora considerablemente a situación anterior.

4. No caso de levarse a cabo o proxecto, deberán tomarse as medidas correctoras necesarias, propostas no proxecto que reduzan o impacto na medida do posible; ó mesmo tempo que, unha vez iniciada a obra, se dea conta delas mesmas a esta dirección xeral.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a través da Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, emite un informe que inclúe un resumo do proxecto, uns comentarios sobre a calidade da documentación gráfica e escrita e as seguintes consideracións:

1. Consideracións sobre a fauna.

Unha das medidas habituais que se adoitan aplicar na rede viaria dos parque eólicos, aínda que non se recollan explicitamente nos estudios que se presentan, son a colocación de cancelas canadenses, as cales teñen a misión de impedi-lo paso do gando. Estas cancelas constitúen unha trampa mortal para moitos vertebrados pequenos.

De acordo co anterior, e no suposto de que se prevexa a instalación deste tipo de pasos, propoñemos que se adopten medidas que eviten os posible impactos, de xeito que se implementen estructuras de escape para os animais que caian no foso.

2. Infraestructuras viarias.

Establecen unha lonxitude de 8.647 m para vías de nova construcción.

Para estes vías é importante que se teñan en conta os seguintes criterios:

-Non se abrirán canteiras de préstamos na zona, salvo xustificación adecuada. O mesmo acontece no tocante ás verteduras, que deben efectuarse en lugares previamente sinalizados e procedendo á súa integración no medio.

-As vías deberanse axustar á topografía do terreo para minimiza-lo movemento de terras ó máximo e reduci-los impactos.

-O modelado dos noiros evitará formas demasiado artificiais procurando que o cambio de pendentes sexa gradual, integrándose co natural e, por extensión, coa paisaxe.

-Adopción das medidas precisas para evitar posibles desprendementos, fundamentalmente en zonas de forte pendente, medidas que se adoptarán tanto para a fase de acondicionamento como para a de explotación.

-Os noiros e desmontes deberán de estar protexidos contra fenómenos erosivos.

-É moi importante o control da erosión das plataformas das vías e dos foxos. Para isto deberanse adopta-las medidas de protección oportunas de forma que a erosión sexa anecdótica. Debemos lembrar a este respecto a gran cantidade de tramos que presentan unha pendente lonxitudinal elevada, sendo frecuentes pendentes do 15%. Nestes tramos a forza erosiva é moi elevada, co cal as medidas que se van adoptar estarán adaptadas á situación.

-O control da erosión non só se debe limitar ós puntos anteriores, senón que tamén se deben establece-las medidas de control oportunas nos puntos de desaugamento das vías. Medidas que pasan pola disposición de disipadores de enerxía e barreiras de sedimentos, entre outras.

-A deterioración que sufran as infraestructuras viarias, como consecuencia do uso que se efectúe delas durante o ciclo de explotación, deberá ser restaurado. Entendemos esta necesidade aplicable a aqueles elementos das vías que repercuten directamente no ambiente (procesos erosivos, contaminantes, desprendementos, levantamento de po...).

3. Gabias de cableado.

O parque presenta unha intrincada rede de liñas colectoras subterráneas de media tensión. Coidamos que debe redefinirse a rede de cableado subterráneo, de xeito que se incorporen os seguintes criterios:

-Para o caso das pistas de nova execución, deben facerse baixo elas, sendo o máis axeitado que formen parte do corpo destas, embutidas nas distintas capas do firme. Deberán presentarse adecuadamente as solucións constructivas adoptadas, aínda que, por motivos de mantemento, se pode considera-la opción de facelas paralelas e tanxentes ás pistas.

-No caso de transcorreren paralelamente a pistas xa existentes ou que se van acondicionar, bastará con achegalas ó máximo a estas.

-En todo caso, as gabias de cableado non deben levar como recheo materiais que xeren un efecto presa, como o formigón. En caso de ser imprescindible, dotarase dos suficientes puntos drenantes. De todos modos presentarase xustificación da solución adoptada.

O incumprimento parcial ou total dalgún dos criterios anteriores debe vir adecuadamente xustificado.

4. Potencia unitaria dos aeroxeradores.

Coidamos que sería moito máis adecuado o emprego de aeroxeradores de maior potencia unitaria, habéndoos que duplican a potencia que se vai instalar, e por conseguinte reduciría o número de aeroxeradores para unha maior potencia, coa consecuente reducción da afección ó medio e do seu impacto.

5. Paisaxe.

O parque eólico, pola súa estructura e extensión, orixinará unha notable modificación da paisaxe, debido ás variacións da topografía así como ós efectos visuais derivados da presencia dos aeroxeradores e as infraestructuras e instalacións asociadas.

A integración paisaxística será un aspecto crucial na execución da obra.

Entre os criterios que se acheguen ó plan de restauración, adoptaranse os seguintes:

-O modelado dos noiros evitará formas demasiado artificiais procurando que o cambio de pendentes sexa gradual, integrándose co natural e, por extensión, coa paisaxe.

-Empregaranse para a vertedura as canteiras ou zonas de extracción abandonadas. Zonas que posteriormente serán integradas no medio seguindo como criterios xerais para o seu deseño as formas irregulares, arredondadas e suaves, que se adapten á sinuosidade do terreo (deberá presentarse previamente).

-Ademais do impacto paisaxístico global debe terse presente a preservación dos elementos da paisaxe máis localizados (singularidades xeolóxicas, topográficas, etc.).

Determínase, finalmente, que de cumprirse todo o requirido e exposto na documentación e informes emitidos ó respecto, non hai motivos para non estimar unha adecuada integración ambiental do proxecto. De todos modos, é necesario considera-las observacións feitas no actual informe, sendo tamén determinantes a correcta execución das obras e o adecuado seguimento ambiental.

Emítese este informe sempre dentro do noso ámbito competencial, así como con base no procedemento no que se integra a súa solicitude; evácuase, polo tanto, sen prexuízo doutras comunicacións, autorizacións e/ou informes que sexan precisos. Lémbrese que calquera modificación do proxecto que teña algunha afección sobre o medio natural requirirá informe correspondente.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa de que a realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten os terreos compren

didos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental.

O organismo autónomo Augas de Galicia emite informe no que conclúe que, unha vez estudiada a localización física do parque eólico, lle corresponden á Confederación Hidrográfica do Norte as funcións relativas á ordenación do dominio público hidráulico.

ANEXO III

Resumo das alegacións

O Concello de Arbo:

1. O estudio socioeconómico carece de rigor técnico, polo que se debería desenvolver mellor.

2. Deberíase realizar un estudio de plantación de especies autóctonas co fin de minora-lo impacto visual.

3. Respecto ós programas de seguimento ambiental e restauración ambiental, debería constituírse unha comisión de seguimento.

4. Deberíanse reinstala-los aeroxeradores que se atopan a menos de dous quilómetros dos núcleos de poboación, co fin de minimiza-los impactos sonoros.

5. A empresa promotora debería colaborar no consumo da enerxía da luz pública.

6. Deberíanse probar diferentes cores nos aeroxeradores co fin de minimiza-lo impacto visual.

7. A actuación que se pretende levar a cabo necesitará a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Arbo.

O Concello da Cañiza:

1. Deberán respectarse as masas arbóreas existentes, así como a prohibición de talar especies autóctonas e de valor forestal obxecto de protección.

2. A instalación deberá respecta-las distancias regulamentarias a outras instalacións existentes, cun deseño que non represente un impacto ambiental e garantindo en calquera caso a non contaminación, sen producción de ruídos, vibracións ou calquera tipo de perturbación á flora, fauna e núcleos de poboación do contorno.

3. As vías ou zonas públicas afectadas polas obras deberán repoñerse cos mesmos tipos de acabamentos, firmes e condicións existentes actualmente.

4. As obras que se van realizar deberán dispoñer da licencia municipal, das autorizacións previas, así como da documentación necesaria e esixida na tramitación que sexa de aplicación.

As comunidades de montes veciñais en man común das Achas, Santiago da Paradanta, Paraños, Mouriscados, Santa Eulalia de Batalláns, Cerdeira, San Cibrán de Ribarteme, A Lamosa, Arbo e a Asociación Forestal de Galicia:

1. Non se poden aprobar novos proxectos sectoriais se o plan que os ampara non está aprobado.

2. Non se pode aproba-lo proxecto de execución, posto que non se someteu a información pública.

3. No caso de o declarar de utilidade pública, será necesario iniciar un expediente de prevalencia.

4. O estudio da incidencia territorial do proxecto é totalmente simple, moi pouco informado e desprezativo cara ós usos forestais do territorio. Así mesmo, o proxecto terá incidencias sobre a caza, a producción forestal, usos sociorecreativos, culturais, relixiosos, tradicionais e augas, tanto de uso doméstico como de regadío.

5. É particularmente relevante a ausencia de rigor nos contidos do estudio de avaliación ambiental do proxecto da central eólica de Montouto.

José Manuel Sendín Rodríguez, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Paraños:

1. Esta comunidade é propietaria dos bens e dereitos afectados que se lle asignan á Comunidade de Montes Mouriscados.

Benito Casas Fernández e Nelson Parames Parames, como presidentes das comunidades veciñais de montes en man común de San Cibrán e A Lamosa, respectivamente:

1. Non é compatible a instalación dun parque eólico coas actividades de aproveitamento forestal e servicio á parroquia.

2. Faise necesaria unha declaración de prevalencia do interese xeral.

3. Non existe estudio de impacto ambiental.

4. Trátase dun solo non susceptible de uso industrial.

Por outra banda, solicítase que a empresa beneficiaria facilite a documentación necesaria para a correcta localización das plataformas e demais instalacións.

A Asociación Cultural e Social Asemblea de Suído:

1. O incremento da producción de enerxías renovables non implica a diminución de enerxías derivadas dos combustibles fósiles.

2. No estudio ambiental omítese o impacto sobre a paisaxe e o ambiente, así como as sinerxías cos restantes parques.

3. No inventario faunístico omítense especies con diferentes graos de protección.

4. No estudio ambiental non se recolle o estudio arqueolóxico.

O Grupo Erva:

1. Presenta graves deficiencias o estudio de efectos ambientais, incumprindo o disposto non artigo 3 do Decreto 442/1990, así como a propia finalidade do texto normativo.