Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Luns, 01 de setembro de 2003 Páx. 11.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2003 pola que se convocan unhas xornadas sobre leis, actos, sentencias e propiedade intelectual.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2003 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, unhas xornadas sobre leis, actos, sentencias e propiedade intelec

tual, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

As leis, os actos administrativos e as sentencias son considerados, en si mesmos, obras da linguaxe, xa oral, xa escrita, a pesar do que e con base nos intereses xerais superiores, os dereitos de autor sobre elas están restrinxidos. Trátase de coñecer con exactitude o alcance de tales restriccións e os supostos nos que a propiedade intelectual subsiste; trátase de saber cándo existen límites a ela, cándo e en qué medida dominio público; trátase de saber, en fin e entre outras moitas cousas, cómo afecta o asunto estudiado a lexislación sobre segredos oficiais ou o segredo de sumario e cando hai delictos ou ilícitos á vista e qué nos depara Internet ó respecto.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Censura e monopolio das leis. Publicidade destas. O interese xeral como razón de ser do artigo 13 da Lei de propiedade intelectual. Antecedentes e xestación.

-Debates parlamentarios e dereitos de autor.

-As leis e as súas recompilacións e anotacións como obxecto de propiedade intelectual.

-Escritos e informes forenses, sentencias e propiedade intelectual.

-Actos, acordos, deliberacións e dictames dos organismos públicos, asuntos reservados e segredos oficiais.

-Descubrimento e revelación de segredos.

-O artigo 13 da Lei de propiedade intelectual e os delictos contra ela.

-Leis, actos, sentencias, bases de datos e Internet.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do Instituto San Paio en Tui (rúa Casal Aboy, 11, da citada localidade) os días 22 e 23 de setembro de 2003.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 18 de setembro de 2003.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax (981 54 63 30).

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 19 de setembro, das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA