Analizado o expediente de referencia, promovido pola Fundación de Estudios e Análises (Fesan).
Resultando que a Consellería da Presidencia e Administración Pública por Orde de 27 de maio de 1997, (DOG da mesma data), clasificou como benéfico-docente á Fundación de Estudios e Análises (Fesan) e adscribiuna á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e que foi declarada de interese galego por Orde do 1 de xullo de 1997 (DOG do 11 de agosto), inscribíndose no Rexistro de Fundacións deste protectorado co número 182.
Resultando que a Fundación de Estudios e Análises (Fesan) solicitou ante este protectorado a modificación do artigo 6 dos seus estatutos, segundo consta na certificación da súa aprobación polo padroado, de data 11 de xuño de 2003, e na escritura pública do notario Manuel Peregil Cambón, de data 11 de xullo de 2003, co número de protocolo 1003.
Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da referida fundación.
Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.
Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/1983, e 32.3º e 38 do dito regulamento.
Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional.
Esta consellería
RESOLVE:
Primeiro.-Aproba-la modificación do artigo 6, dos estatutos da Fundación de Estudios e Análises (Fesan), segundo consta na escritura pública do notario Manuel Peregil Cambón, de data 11 de xullo de 2003, protocolo número 1003.
Segundo.-Practica-la inscrición desta modificación estatutaria no Rexistro de Fundacións deste protectorado, logo da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que entrará en vigor tal cambio estatutario.
Terceiro.-A presente disposición pon fin á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo 109.c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá ser recorrida potestativamente mediante o recurso de reposición no prazo dun mes ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2003.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria