Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 27 de agosto de 2003 Páx. 10.962

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2003, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada L.M.T., C.T. e R.B.T. de Escornabois, no concello de Trasmiras (Ourense). (Expediente IN407A 03/049-3 A.T.).

Examinado o expediente instruido por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira nº 2 Velle, 32960 Ourense, sobre autorización, aprobación do proxecto e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia; resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro.-A petición someteuse a información pública por Acordo do 3 de abril de 2003, desta delegación provincial, publicado no DOG do 19 de maio, no BOP de Ourense do 3 de maio e no xornal La Región do 24 de abril, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto prevé a execución das instalacións que se detallan a continuación:

-Liña aérea a 20 kV de 1.051 m de lonxitude en conductor LA-56, con orixe no apoio nº 23 da L.M.T. ó C.T. en caseta existente en Escornabois, e rematada no C.T.-II proxectado na mesma localidade con 100 kVA e R/T 20.000/380-220 V.

-Redes de baixa tensión derivadas dos CC.TT. citados no punto anterior.

-Orzamento: 93.407,93 euros.

Terceiro.-Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

-Luis Martínez Álvarez, como titular do predio nº 15 da relación de afectados, solicita que non se autorice a ocupación do seu predio e que se modi

fique o trazado do proxecto primitivo, ó entender que existen outras alternativas máis favorables tanto técnica como economicamente.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento do Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro).

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada pola empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Non corresponde a esta fase do procedemento resolve-las cuestións económicas derivadas das afeccións, xa que iso compete ó Xurado Provincial de Expropiación, logo de ve-las follas de aprecio contradictorias que presenten as partes.

2. Con relación ás variantes solicitadas, a primeira delas, que situaría a liña eléctrica entre o rego existente e a pista de concentración parcelaria, no sería factible pois o rego é a propia cuneta da pista, sen que exista espacio físico entre ambas para a situación dos apoios, os cales tampouco gardarían a distancia regulamentaria ó eixo da pista; a segunda variante, soterramento da instalación, incrementaría en máis dun 10% o orzamento do treito afectado, polo que non sería admisible en aplicación do artigo 161 do sinalado Real decreto 1955/2000.

Terceiro.-No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Cuarto.-O proxecto de execución, que recibiu o informe favorable dos servicios técnicos desta delegación provincial, reúne tódolos requisitos técnicos necesarios para a súa execución, efectuándose a comprobación sobre o terreo do trazado da liña eléctrica proxectada, na que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refire o artigo 161 do citado Real decreto 1955/2000.

Esta delegación provincial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. a execución das instalacións eléctricas previstas no proxecto L.M.T., C.T. e R.B.T. Escornabois, situada no concello de Trasmiras.

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións eléctricas autorizadas, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terrenos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

3. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ó levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique individualmente, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 14 de xullo de 2003.

Ramón Fernández-Linares Bouza

Delegado provincial de Ourense