Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 26 de agosto de 2003 Páx. 10.892

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 6 de agosto de 2003 pola que se convoca proceso selectivo para o acceso a categorías correspondentes ó grupo I do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia pola quenda de promoción interna e cambio de categoría.

De conformidade co establecido no Decreto 183/2003, do 13 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de persoal laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (DOG nº 53, do 17 de marzo), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o artigo 10 do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia,

DISPÓN:

I. Normas xerais.

I.1. Convócase proceso selectivo para o acceso ás categorías do grupo I que figuran no anexo I da presente convocatoria.

I.1.1. O número total de vacantes reservadas ó sistema de promoción interna e cambio de categoría, de se-lo caso, será, para cada categoría, o reflectido no anexo I, sendo en todo caso dun 50% para a quenda de promoción interna e tendo en conta que cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 computarase como unha praza para incluír en tal cota.

I.1.2. As prazas sen cubrir das reservadas ó sistema de promoción interna e cambio de categoría acumularanse ó sistema de acceso libre.

I.1.3. Ó presente proceso selectivo seralle aplicable o disposto nos artigos 8 e seguintes do IV convenio colectivo único e demais normas concordantes, así coma o disposto na presente convocatoria.

I.2. Requisitos dos candidatos.

I.2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

I.2.1.1. Titulación: estar en posesión ou en condicións de obte-lo título académico que, para cada categoría, figura no anexo I antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

En caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación.

I.2.1.2. Habilitación: non ter sido separado do servicio de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

I.2.2.3. Os aspirantes deberán ser persoal laboral fixo da Administración da Xunta de Galicia e pertencer, o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, a algunha das categorías integradas nos grupos I ou II do IV convenio colectivo único e posuír, alomenos, dous anos de antigüidade na categoría desde a que se accede mediante o seu nomeamento como persoal laboral fixo, así como posuí-los requisitos requiridos para o acceso á categoría á que se opta.

Os traballadores fixos que á entrada en vigor do primeiro convenio único prestasen servicios na Xunta de Galicia e participen no presente concurso oposición por esta quenda deberán posuír a titulación que se require nas bases da convocatoria e a súa promoción poderase levar a cabo con independencia da pertenza ou non ós grupos inmediatos superior ou inferior.

Poderanse presentar por promoción interna nesta convocatoria os laborais das categorías do grupo terceiro que se relacionan no anexo, que cumpran os demais requisitos que sinalan as normas e as presentes bases.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. Os que desexen tomar parte no presente proceso selectivo deberán facelo constar mediante instancia (anexo II) que será facilitada nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia ás que se fai referencia na base I.3.2. Xunto coa instancia presentarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou pasaporte.

b) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, polo que se modifica a contía das taxas establecidas no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, como requisito necesario para participar neste proceso, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 36 euros e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo IV. Este impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia, debendo cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo V. Estarán exentos do pagamento da taxa por dereito de inscrición os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que

deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia, presentando orixinal ou copia cotexada da cualificación da minusvalidez.

A non presentación deste anexo, no que figurará o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso a presentación deste anexo suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude (anexo II).

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolverase, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten.

c) Documento xustificativo de estar en posesión do título do curso de perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, para os efectos da exención prevista no cuarto exercicio.

I.3.2. A presentación de solicitudes farase nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia e oficinas de correos nas condicións a que se refire o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días naturais, a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e dirixiranse á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Para calquera aclaración ou información adicional os interesados poderán poñerse en contacto telefónico, no número 902-120012, de 9.00 a 19.00 horas de luns a venres e de 9.00 a 14.00 horas os sábados.

I.3.3. Os aspirantes con algunha discapacidade deberán indicalo na solicitude. Así mesmo, deberán solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria. Todo iso conforme o contido do disposto na Lei 13/1982, do 7 de abril e o artigo 3º do Decreto 183/2003, do 13 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas prazas de persoal laboral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003. Tales aspirantes terán que declarar expresamente nas solicitudes que posúen a condición de discapacidade anteriormente citada, especificando o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, a directora xeral da Función Pública dictará resolución, que se publicará no DOG así como oportunamente nos lugares determinados pola normativa vixente e na que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión e a indicación do lugar no que se atopan expostas as listas de admitidos. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número de documento nacional de identidade.

I.4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte

ó da publicación da resolución, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión.

Para tal efecto, a estimación ou desestimación destas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca mediante a presente orde. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de supera-lo proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puideran derivar da súa participación neste procedemento.

II. Concurso-oposición:

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

II.1. Fase de concurso.

II.1.1. Experiencia profesional:

a) Por servicios prestados na categoría á que se opta no ámbito do convenio único da Xunta de Galicia: 0,05 puntos/mes, no caso de ter mudado de denominación a devandita categoría e se nesta outra se manteñen as mesmas funcións, terase en conta o tempo de servicios prestados, de se-lo caso, desde a categoría que mudou de nome.

b) Por servicios prestados correspondentes a outras categorías no ámbito do convenio único da Xunta de Galicia, ou ben por servicios prestados no réxime especial agrario na Xunta de Galicia: 0,02 puntos/mes.

c) Por servicios prestados na categoría á que se opta no Sergas e noutras administracións públicas: 0,02 puntos/mes.

d) Por servicios prestados noutras categorías no Sergas e noutras administracións públicas: 0,01 puntos/mes.

A puntuación máxima acadable neste punto II.1.1 será de 10,50 puntos.

II.1.2. Formación profesional:

A) Por cada curso directamente relacionado coas funcións propias da categoría á que se opta como persoal laboral fixo do grupo I realizados nas administracións públicas, escolas da Administración pública, universidades, Inem, así coma os cursos homologados que teñan informe favorable da comisión da formación continua da Comunidade Autónoma de Galicia:

-Ata as primeiras 25 horas: 0,1 puntos.

-Por cada hora que exceda ese nº: 0,01 puntos por hora.

Se non se acredita a duración entenderase de ata 25 horas.

B) Así mesmo, puntuaranse os cursos de idiomas inglés, francés e portugués organizados e impartidos directamente polos organismos anteriormente indicados na letra a).

A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

a) Por cada curso igual ou superior a 6 horas lectivas e ata 40 horas lectivas: 0,15 puntos.

b) Por cada curso superior a 40 horas lectivas e igual ou superior a 75: 0,30 puntos.

c) Por cada curso superior a 75 horas lectivas: 0,45 puntos.

Non se puntuarán os cursos que non acrediten as horas de duración.

Valoraranse os cursos de idiomas estranxeiros comunitarios, organizados e impartidos directamente polo instituto de idiomas ou escolas oficiais de idiomas (enténdese por curso o ano superado) que se puntuarán de conformidade co disposto no epígrafe c).

A puntuación máxima do epígrafe B) será de 2 puntos.

A puntuación máxima total acadable nos punto II.1.2 A e no II.1.2 B será de 7,50 puntos.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de xornadas, seminarios, simposios e similares.

II.1.3. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá supera-los 18 puntos, sumados os puntos II.1.1 e II.1.2.

II.1.4. Para supostos de empate nas puntuacións finais dos aspirantes, aquel dirimirase a favor do aspirante que obtivera a puntuación máis alta no primeiro exercicio, e se iso non fose suficiente, pola puntuación obtida nos sucesivos exercicios ata que aquel se dirima. De persisti-lo empate resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso e atendendo á orde dos méritos segundo figura na base II.1.1.

II.1.5. Os méritos enumerados nas bases II.1.1 e II.1.2 deberán referirse á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os méritos, requisitos e datos imprescindibles a que se refiren os puntos anteriores, deberán acreditarse mediante certificado, segundo o modelo que figura como anexo III a esta orde, que deberá ser expedido por:

-Servicios centrais:

-Secretario xeral, subdirector xeral ou xefes de servicio que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da última consellería onde prestou ou estea a prestar servicios, ou dos seus organismos autónomos.

-Servicios periféricos:

-Secretarios/as ou, de se-lo caso, funcionario/a responsable da área de persoal das delegacións/direccións territoriais, provinciais ou comarcais da última consellería onde prestou ou estea a prestar servicios, ou dos seus organismos autónomos.

-Outras administracións públicas ou empresas privadas:

-O responsable de persoal respectivo.

Ó certificado xuntarase a documentación acreditativa dos méritos nel reflectidos. No caso de tratarse de servicios prestados noutras administracións públicas (agás Sergas) e/ou na empresa privada, deberá xuntarse copia cotexada dos contratos orixinarios xunto co informe de vida laboral expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social. No caso de servicios prestados na Xunta de Galicia ou no Sergas poderase presentar, ademais do establecido no parágrafo anterior, un certificado de servicios prestados onde veña especificado o grupo, categoría, tipo de persoal e os períodos, con data de inicio e remate do contrato, nos que estivo traballando o aspirante.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ó establecido nos puntos anteriores.

En calquera dos casos será necesario achegar xunto coa certificación a documentación acreditativa dos méritos reflectidos nela. Tódalas follas de documentación que se acheguen deberán estar numeradas correlativamente.

II.1.6. Desde a data de anuncio de publicación no DOG das notas do segundo exercicio da fase da oposición, os aspirantes disporán dun prazo de 20 días naturais para presenta-la documentación relativa á fase de concurso.

As puntuacións obtidas na fase de concurso faranse públicas con posterioridade á publicación das cualificacións do último exercicio da fase de oposición.

II.2. Fase de oposición:

Os programas que han de rexe-las probas selectivas son os que figuran como anexo da presente orde.

II.2.1. Exercicios:

a) Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá en contestar por escrito un grupo de 100 preguntas tipo test con respostas alternativas propostas polo tribunal, que será o resultante do sorteo entre dous cuestionarios elaborados previamente por aquel, e relativos ó contido da parte específica do programa correspondente a cada categoría. No devandito test poderán poñerse ata tres preguntas máis de reserva para o caso de que se anule algunha das mencionadas anteriormente.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de dúas horas.

Cando remate o exercicio, cada opositor poderá obter copia del.

No prazo das 24 horas seguintes ó da realización farase público, no lugar onde se realice o exercicio, o modelo coas respostas correctas do test.

Cualificarase de 0 a 25 puntos, sendo preciso para superalo obter como mínimo o 50% da puntuación máxima posible. Para iso terase en conta que por cada tres respostas incorrectas se descontará unha correcta e non se valorarán as preguntas non contestadas.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a totalidade dos exercicios.

b) Segundo exercicio, de carácter eliminatorio, consistirá:

b.1. Na resolución de dous supostos prácticos con preguntas tipo test con respostas alternativas, relacionados coas materias relativas á parte específica do programa correspondente a cada categoría ou

b.2. Nunha proba práctica relacionada coas materias relativas á parte específica do programa correspondente a cada categoría.

As modalidades b.1 ou b.2 aplicaranse para cada categoría segundo o fixado no anexo I.

Para a realización deste exercicio disporase dun tempo máximo de catro (4) horas para os supostos prácticos ou, no caso de proba práctica, o sinalado no anexo I.

O exercicio cualificarase de 0 a 25 puntos, sendo necesario para superalo obter como mínimo 5 puntos, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixido para acada-la puntuación mínima.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios.

d) Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio, constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na traducción dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na traducción dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será dunha hora.

Este exercicio cualificarase como apto ou non apto, sendo necesario para superalo obte-la calificación de apto, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-lo resultado de apto.

Os resultados publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios.

Estarán exentos da realización do cuarto exercicio os aspirantes que teñan acreditado xunto coa solicitude a posesión do curso de perfeccionamento de galego.

II.2.1.1. O anuncio de exposición da puntuación dos exercicios publicarase no DOG.

II.2.2. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

II.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a dos opositores, membros do tribunal e os colaboradores designados por este.

II.2.4. A orde de puntuación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma da puntuación obtida na fase de concurso e na da oposición, non podendo supera-lo proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

II.2.5. Os aspirantes que ingresen polo sistema de promoción interna, en virtude do disposto no artigo 12.2.4) do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, terán, en todo caso, preferencia sobre os aspirantes provenientes do sistema de acceso libre para cubri-las vacantes correspondentes.

II.3. Desenvolvemento dos exercicios.

II.3.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra C, de conformidade co establecido na resolución da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 10 de marzo de 2003 pola que se publica o resultado do sorteo que se refire ó regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, (DOG nº 52, do 14 de marzo).

II.3.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal correspondente coa finalidade de acredita-la súa personalidade.

II.3.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído da oposición quen non compareza.

II.3.4. A publicación dos sucesivos anuncios de realización do segundo e restantes exercicios será efectuado polo tribunal nos locais onde se realizase o exercicio inmediatamente anterior, e por calquera outro medio, se se xulga conveniente, para facilita-la súa máxima divulgación, con corenta e oito horas, alomenos, de antelación á sinalada para a súa iniciación. Cando se trate de distintas fases do mesmo exercicio, o anuncio será publicado nos locais onde se realizase, e nalgún outro medio se se xulga conveniente con doce horas, alomenos, de antelación.

II.3.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivera coñecemento de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá acorda-la súa exclusión, se procede.

Contra tal acordo poderá interpoñerse recurso de alzada conforme o previsto no artigo 114 e seguintes da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III. Tribunais.

III.1. Os tribunais cualificadores destas probas serán designados por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, de acordo co previsto no artigo 11 do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

A composición e os requisitos dos membros dos tribunais serán os previstos no artigo 11 do IV convenio colectivo único.

III.2. Ademais dos tribunais que se designen na orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, poderán nomearse máis tribunais para xulga-las probas, por proposta do tribunal número 1, cando polo número de aspirantes isto fose necesario.

Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos tribunais, se é o caso.

III.3. Os membros dos tribunais deberán absterse de intervir, notificándollo á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente na sesión de constitución do tribunal solicitará dos membros do tribunal declaración expresa de non encontrarse incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas na presente base.

III.4. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos membros do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base III.3.

III.5. Logo da convocatoria do presidente do tribunal número 1, constituiranse os tribunais en sesión conxunta. Tal constitución entenderase válida con que asistan a ela a maioría dos membros de cada tribunal.

A realización da sesión de constitución terá lugar no prazo máximo de trinta días a partir da designación dos tribunais e mínimo de dez días antes da realización do primeiro exercicio.

Na dita sesión, os tribunais, baixo a dirección e coordinación do tribunal número 1, adoptarán tódalas decisións que lles correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

Especialmente cando as circunstancias así o aconsellen os tribunais poderán acordar que a realización do exercicio nº 1 da fase de oposición teña lugar simultaneamente en varias localidades.

III.6. A partir da sesión de constitución, cada tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes.

III.7. O procedemento de actuación dos tribunais axustarase en todo momento ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.8. A cada tribunal corresponderalle xulgar un número determinado de aspirantes, que estarán com

prendidos entre as letras do abecedario correspondentes ós seus apelidos.

III.9. Por cada sesión do tribunal levantarase acta que se autorizará coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

III.10. Cada tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinente, limitándose estes asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

III.11. Os tribunais cualificadores poderán adopta-las medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidade, sen que se vulnere o principio de igualdade, gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos demais participantes. Neste sentido poderanse establecer, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3.3., as adaptacións posibles para a súa realización.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polo persoal da categoría á que opta, poderán solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

III.12. O primeiro exercicio da fase de oposición realizase no prazo máximo de 40 días desde a constitución do tribunal. Os seguintes exercicios teñan lugar nun prazo mínimo de 48 horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de 40 días.

III.13. O presidente de cada tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que se realicen en forma escrita sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

Os tribunais excluirán aqueles candidatos con exercicios nos que figuren marcas ou signos que permitan coñece-la identidade do opositor.

III.14. Os tribunais que actúen nestas probas selectivas terán a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

III.15. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes que o de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.16. No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, aquel resolverase a favor do aspirante que obtivera a puntuación máis alta no primeiro exercicio, e se iso non fose suficiente, pola puntuación obtida nos sucesivos exercicios ata que aquel se dirima. De continua-lo mesmo resolverase acudindo á puntuación obtida na fase de concurso e atendendo á orde dos méritos segundo figura na base II.1.1 e na base II.1.2 respectivamente. De

continuar, resolverase por orde alfabética iniciándose pola letra establecida na resolución da Conselleria da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 10 de marzo de 2003 pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o regulamento de selección de persoal da administración da Comunidade Autonoma de Galicia para o ano 2003 (DOG nº 52, do 14 de marzo).

III.17. As comunicacións que formulen os aspirantes ós tribunais dirixiranse á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (edificio administrativo San Caetano. Santiago de Compostela).

IV. Lista de aprobados.

IV. Rematado o proceso selectivo o presidente do tribunal enviará proposta de aprobados ó órgano convocante, tal e como dispón o artigo 12 do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Con carácter excepcional poderase renunciar á participación no proceso selectivo ata a data en que o tribunal eleve a definitiva a proposta de aspirantes que superaron o proceso selectivo.

V. Presentación de documentos e nomeamento.

V.1. Por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública elevarase a definitiva a proposta dos tribunais de aspirantes que superaron o proceso selectivo, publicándose no DOG, e a partir da dita publicación computarase o prazo de 20 días para que os ditos aspirantes presenten na Dirección Xeral da Función Pública os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título esixido na base I.2, e anexo I ou certificación académica que acredite ter realizado tódolos estudios para a obtención do título, ou se é o caso documento que acredite fidedignamente a posesión do correspondente título académico.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

c) Os aspirantes con minusvalidez con grao de discapacidade igual ou superior ó 33% deberán acreditar tal condición, se obtiveran praza, mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e, se é o caso, da Administración correspondente.

A Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, dictame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato, coas funcións propias da categoría á que accede.

V.2. Os que dentro do prazo fixado e salvo os casos de forza maior, libremente apreciada pola Dirección Xeral da Función Pública, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducira que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2., non poderán ser nomeados persoal laboral e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

V.3. Rematado o proceso selectivo e unha vez cumpridos os requisitos esixidos con anterioridade, os que os superasen serán nomeados persoal laboral da Xunta de Galicia na categoría que corresponda mediante resolución do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, que se publicará no DOG, de acordo coa puntuación obtida no proceso selectivo.

V.4. De acordo co disposto no artigo 12.2.3) do IV convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na resolución pola que se publique a proposta definitiva de aprobados poderán incluírse os postos vacantes que se lles oferten, con indicación dos requisitos para o seu desempeño.

VI. Norma derradeira.

Contra esta convocatoria, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer reclamación previa á vía xudicial laboral no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación no DOG, conforme os artigos 69 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril.

Os actos administrativos que se deriven desta convocatoria e da actuación dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos pola Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, a Administración poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal conforme o previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

ANEXO I

GrupoCategoríaVacantes3º exercicioTitulación académica requirida

I011. Titulado/a superior pedagogo/a3Suposto prácticoLicenciado en pedagoxía

019. Titulado/a superior especialista. Titulado/a superior

farmacéutico/a

1Suposto prácticoLicenciado en farmacia

040. Titulado/a superior lingüista3Suposto prácticoLicenciado en filoloxía galego-portuguesa

ANEXO V

Parte específica:

Grupo I-categoría 011 (titulado superior pedagogo).

Tema 1. O dereito á educación: o seu fundamento na constitución e o seu desenvolvemento legal. A escolaridade obrigatoria e gratuíta en España.

Tema 2. Teoría xeral do currículum. Deseño curricular como proxecto, desenvolvemento curricular como realización. Currículum explícito e currículum oculto

Tema 3. Dinámica de grupos. Concepto de grupo. O grupo como estructura educativa. Tipos de liderado ou coordinación nun grupo. Algunhas técnicas de traballo creativo en grupo: brainstorming, discusión 66, técnica da analoxía persoal, técnica dialéctica.

Tema 4. Principios e modelos xerais de avaliación en educación. Fins e tipos. A avaliación no proceso educativo e na toma de decisións.

Tema 5. Procesos de aprendizaxe. Condicionamento. Aprendizaxe por observación.

Tema 6. Aprendizaxes superiores. O procesamento da información. O papel da atención e da memoria. As habilidades metacognitivas.

Tema 7. Ensino de habilidades básicas e hábitos de autonomía na infancia, principalmente con alumnos con necesidades educativas especiais.

Tema 8. Modificación de conducta. Técnicas de solución de problemas. Adestramento en habilidades sociais.

Tema 9. Aspectos da diversidade dos alumnos relevantes para a educación e a aprendizaxe: aptitudes, motivación, estilos cognitivos, outras diferencias individuais.

Tema 10. O desenvolvemento evolutivo do neno: o primeiro ano. A primeira infancia.

Tema 11. O desenvolvemento evolutivo do neno: a segunda infancia. A adolescencia.

Tema 12. A dimensión moral da educación. Actitudes e valores morais. A educación do razoamento e do xuízo moral.

Tema 13. Educación para a convivencia e a paz. A educación para o desenvolvemento de actitudes cooperativas, democráticas e cívicas. Educación pa-

ra a igualdade.

Tema 14. A orientación como actividade educativa. Principios básicos de orientación educativa común ós diferentes modelos. As súas técnicas máis utilizadas.

Tema 15. Relación entre teoría e práctica na educación. A investigación educativa. O pedagogo como investigador. Principios e métodos da investigación na acción.

Tema 16. O enfoque preventivo dos problemas escolares e de aprendizaxe. Grupos de risco e recursos compensatorios para a educación.

Tema 17. A construcción da intelixencia e da personalidade na interacción social: o papel dos compañeiros na experiencia educativa e na aprendizaxe

Tema 18. O concepto de risco social e os malos tratos á infancia. Identificación de situacións de risco. Intervención sobre os factores de risco social. O proceso de intervención ante o maltrato infantil.

Tema 19. Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais: servicios sociais de atención primaria. Contido e organización. Programas e proxectos. Equipamentos. Supervisión e coordinación. O plan concertado para a execución das prestacións básicas dos servicios sociais.

Tema 20. Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código Civil e da Lei de axuizamento civil.

Tema 21. A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia

Tema 22. O Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

Tema 23. A Orde do 29 de febreiro de 1996 pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia.

Tema 24. Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores: principios, criterios e orientacións. Enumeración das medidas e contido de cada unha delas. Regras para a súa aplicación. As medidas cautelares.

Tema 25. Os centros de internamento. Características e orientacións da actividade dos centros. Dereitos e deberes dos menores internados. Réxime disciplinario.

Tema 26. Metodoloxía de intervención socioeducativa: da planificación á avaliación. O proxecto educativo de centro. O PEI.

Tema 27. Os equipos técnicos de atención ó menor e a familia. Características e funcións.

Tema 28. Socialización e inadapatación social. Definición de conceptos. Características. Principios de intervención educativa. Directrices para a intervención educativa.

Tema 29. Estratexias de prevención da conducta inadaptada. Prevención primaria. Prevención secundaria. Prevención terciaria. Prevención e tratamento na comunidade e nas institucións.

Tema 30. A educación especial. Do modelo de déficit ó modelo de necesidades de competencia curricular. Principios xerais da intervención educativa en relación ás necesidades educativas especiais. A organización da atención á diversidade.

Tema 31. As persoas con retraso mental: características do seu desenvolvemento. Principios xerais da intervención educativa.

Tema 32. Dificultades sensoriais: tipos e avaliación. Sistemas de comunicación en persoas cegas e xordas.

Tema 33. O autismo e as alteracións da comunicación na infancia e na adolescencia. Intervención educativa.

Tema 34. Alumnos con disfuncións ou dificultades motoras. Barreras de acceso ó currículum, adaptacións instrumentais.

Tema 35. Dificultades e problemas na adquisición da fala. Intervención educativa.

Tema 36. Dificultades e problemas na adquisición da linguaxe escrita. Intervención educativa.

Tema 37. Menores e drogas. A drogodependencia. Concepto, sintomatoloxía e efectos. Terapia básica. Detección e intervención educativa.

Tema 38. A educación permanente. Concepto. Efectividade práctica da educación permanente. Funcións do pedagogo social.

Tema 39. III Plan Integral de Apoio á Familia. Principios inspiradores, obxectivos, niveis de intervención. Programas de actuación.

Tema 40. O sistema familiar. Estructura e funcións. O ciclo vital familiar e crises evolutivas asociadas. Abordaxe de intervencións ante conflictos familiares e maritais: mediación familiar.

Grupo: I, categoría: 19. Titulado superior especialista (licenciado en farmacia).

Tema 1. Lei de protección ambiental de Galicia.

Tema 2. Decreto sobre efectos ambientais para Galicia.

Tema 3. Equilibrio químico. Cinética química.

Tema 4. Disolucións. Formas de expresa-la concentración. Propiedades coligativas das disolucións. Equilibrio químico en disolucións de electrólitos. Actividade. Cálculo de factores de actividade. Efecto do ión común e efecto salino.

Tema 5. Reaccións ácido-base. Cálculos de equilibrio. O pH das disolucións acuosas. Solucións tampón. Reaccións de formación de complexos. Cálculos de equilibrio.

Tema 6. Equilibrios de solubilidade de electrólitos. Cálculo de solubilidade. Influencia do pH e formación de complexos. Reaccións Redox. Potenciais Redox. Células electroquímicas.

Tema 7. Volumetrías ácido-base. Volumetrías de precipitación. Volumetrías de formación de complexos. Volumetrías Redox.

Tema 8. Nomenclatura de compostos inorgánicos.

Tema 9. Gravimetrías.

Tema 10. Técnicas espectrofotométricas para a determinación de metais pesados.

Tema 11. Técnicas cronomatográficas en fase gasosa. Fundamentos. Compoñentes básicos dos equipos. Detectores. Metodoloxía para a análise cualitativa e cuantitativa.

Tema 12. Cromatografía líquido-líquído. Fundamentos. Compoñentes básicos dos equipos. Detectores. Metodoloxía para a análise cualitativa e cuantitativa.

Tema 13. Analítica da auga. Análise microbiolóxica e físicoquímica.

Tema 14. Lexislación española da calidade de augas de consumo público.

Tema 15. Os aparellos e as operacións da análise volumétrica.

Tema 16. Calibracións do material dos laboratorios.

Tema 17. Determinación da ecotoxicidade. Diferentes ensaios para a toxicidade. Mutaxénese. Ensaios para a súa determinación.

Tema 18. Normas da atmosfera. Decreto 833/1975. Orde do 18 de outubro de 1976, sobre prevención e corrección da contaminación atmosférica de orixe industrial. Lei 8/2002, de protección de ambiente atmosférico de Galicia. Real decreto 1073/2002 e directivas relacionadas.

Tema 19. Determinación da velocidade dos gases e medida do caudal volumétrico do gas.

Tema 20. Os axentes químicos como riscos laborais. Riscos na manipulación de axentes químicos perigosos no laboratorio.

Tema 21. Nomenclatura de compostos orgánicos.

Tema 22. Potenciometría. Valoracións potenciométricas. Electrodos selectivos.

Tema 23. Toma e preparación de mostras.

Tema 24. Espectrometría visible e ultravioleta. Fundamentos. Compoñentes básicos dos equipos. Metodoloxía para a análise cualitativa e cuantitativa.

Tema 25. A función inspectora das administracións públicas en materia de ambiente.

Tema 26. Calidade do aire: niveis de inmisión. Sistemas de mostraxe e análises de contaminantes atmosféricos en inmisión.

Tema 27. Entidade Nacional de Acreditación. Competencia dos laboratorios de ensaio e calibración. Criterios xerais de acreditación. Normativa que aplica.

Tema 28. Guía para a acreditación de laboratorios que realizan ensaios químicos.

Tema 29. A calidade nos laboratorios químicos.

Tema 30. Lexislación actual na materia de residuos perigosos.

Tema 31. Lexislación sobre xestión dos aceites usados.

Tema 32. Lexislación sobre xestión de PCB'S e PCT'S.

Tema 33. Caracterización de residuos tóxicos e perigosos.

Tema 34. Metodoloxía que se debe aplicar na toma de mostras para a caracterización dos residuos perigosos.

Tema 35. Traslado de residuos tóxicos e perigosos.

Tema 36. Avaliación de impacto ambiental para Galicia.

Tema 37. Determinación do lugar e puntos de mostraxe para a determinación de diversos contaminantes e fontes estacionarias.

Tema 38. Toma de mostras e determinación de partículas e SO emitidas por unha fonte estacionaria.

Tema 39. Tratamentos físicos, químicos e biolóxicos para os residuos tóxicos e perigosos.

Tema 40. Depósito de seguridade para os residuos tóxicos e perigosos.

Grupo: I, categoría: 40. Titulado/a superior lingüista.

Tema 1. O galego na Idade Media.

Tema 2. Os Séculos Escuros.

Tema 3. Do Rexurdimento á Guerra Civil.

Tema 4. Da Guerra Civil ós nosos días.

Tema 5. Situación sociolingüística do idioma galego: bilingüismo, diglosia, conflicto lingüístico.

Tema 6. Factores sociais do bilingüismo en Galicia. Lealdade lingüística, cambio lingüístico, prestixio e promoción social.

Tema 7. Situación sociolingüística de Galicia: coñecementos lingüísticos.

Tema 8. Situación sociolingüística de Galicia: usos lingüísticos.

Tema 9. Situación sociolingüística de Galicia: actitudes lingüísticas.

Tema 10. Liñas xerais do proceso de normalización lingüística nos ámbitos educativo, institucional, socioeconómico e da comunicación en Galicia.

Tema 11. Lexislación lingüística. A Constitución española e o Estatuto de autonomía.

Tema 12. A Lei de normalización lingüística de Galicia.

Tema 13. Europa multilingüe. Linguas minorizadas e minorías lingüísticas en Europa.

Tema 14. O caso español. Linguas minorizadas e minorías lingüísticas en España.

Tema 15. O galego na Comunidade Autónoma de Galicia. A Dirección Xeral de Política Lingüística.

Tema 16. A normalización lingüística.

Tema 17. Criterios de elaboración dun plan de normalización lingüística.

Tema 18. Definición e obxectivos da planificación lingüística.

Tema 19. Definición e obxectivos da dinamización lingüística.

Tema 20. Galego hoxe, o estándar e as variedades. Problemas e avances na estandarización do galego.

Tema 21. Galego común e as variedades xeográficas. Desviacións da norma: vulgarismos, arcaísmos, hiperenxebrismos, castelanismos e lusismos.

Tema 22. Variedades estilísticas, os rexistros e os tecnolectos.

Tema 23. A terminoloxía en Galicia.

Tema 24. Principios básicos do traballo terminolóxico.

Tema 25. Fonoloxía, fonética e ortografía.

Tema 26. Morfosintaxe: o nome e os pronomes. As súas funcións sintácticas.

Tema 27. Morfosintaxe: o verbo. Tipos de predicado. Tipos de oración segundo o predicado. As perífrases verbais.

Tema 28. Morfosintaxe: o adverbio, a preposición, a conxunción e outros nexos. Os complementos circunstanciais. A oración composta. A estructura do texto.

Tema 29. Semántica e lexicografía. Campos e riscos semánticos. Relacións semánticas (sinónimos, homónimos, contrarios...). Criterios e métodos no traballo lexicográfico. Os problemas léxicos e o manexo de diccionarios.

Tema 30. Léxico. Mecanismos de creación de palabras. A renovación do léxico galego.

Tema 31. A linguaxe administrativa.

Tema 32. Corrección de interferencias léxicas e fraseolóxicas doutras linguas.

Categorías do grupo terceiro que se poden presentar ó grupo primeiro por promoción interna:

A titulado superior farmacéutico:

-Categoría III.17 analista de laboratorio.

-Categoría III.26 axudante técnico de laboratorio.

-Categoría III.61 oficial de laboratorio, analista de segunda, axudante.

A titulado superior lingüista:

-Categoría III.52 Traductor. Intérprete da administración de xustiza.