Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 21 de agosto de 2003 Páx. 10.786

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2003, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial para a nova comandancia da Garda Civil en Pontevedra.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o íntegro contido, incluídos os seus anexos, da Resolución do 14 de maio de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do Proxecto sectorial para a nova comandancia da Garda Civil en Pontevedra, que a seguir se transcribe.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2003.

Martín Fernández Prado

Director xeral de Urbanismo

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 14 de maio de 2003, relativa ó Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a nova comandancia da garda civil, nos concellos de Pontevedra e Poio (Pontevedra), promovido polo Ministerio do Interior. Clave: 2002/0653.

O Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, establece a obrigatoriedade de someter a unha avaliación de impacto ambiental os proxectos declarados como de incidencia supramunicipal.

En aplicación da referida normativa, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a nova comandancia da garda civil.

O obxecto do proxecto é a construcción da nova comandancia da Garda Civil en Pontevedra. Situarase no antigo parque e talleres de automóbiles del ejército, localizado na Caeira, no límite entre os concellos de Poio e Pontevedra. Trátase dunha parcela de forma trapezoidal e practicamente chá. Está rodeada por vías de comunicación en todo o seu perímetro, a excepción do linde sur, no que limita con terreos da sociedade Industrias Gallegas, S.A. Ó norte e ó leste limita coa autoestrada A-9 e ó oeste coa estrada C-531. A superficie da propiedade fíxase en 14.273 m. A zona de localización do proxecto está separada do río Lérez pola autoestrada A-9.

As instalacións que se substituirán presentan unha arquitectura de escasa calidade nun deficiente estado de conservación.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, con data do 21 de febreiro de 2003 publícase no DOG nº 37 a Resolución do 31 de xaneiro de 2003, da Dirección

Xeral de Urbanismo, pola que se somete a información pública o estudio de impacto ambiental do Proxecto sectorial para a nova comandancia da Garda Civil de Pontevedra, non tendo constacia da presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con data do 7 de xaneiro de 2003 recíbense nesta consellería os informes da Dirección Xeral de Costas, de Augas de Galicia e un primeiro informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Con data do 9 de maio de 2003, remitido pola Dirección Xeral de Urbanismo recibiuse o segundo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Con data do 12 de maio de 2003, remitido tamén pola Dirección Xeral de Urbanismo, teñen entrada os resultados da exposición pública do estudio ambiental.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da nova comandancia da garda civil, promovido polo Ministerio do Interior.

O órgano ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e o órgano substantivo a Dirección Xeral de Urbanismo.

No anexo I resúmese o proxecto e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio ambiental.

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos. O resultado destas tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopan os documentos titulados:

-Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a nova comandancia da Garda Civil en Pontevedra. Xuño 2002,

-Estudio de efectos ambientais. Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da nova comandancia da Garda Civil en Pontevedra. Setembro 2002,

-Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a nova comandancia da Garda Civil en Pontevedra. Informe técnico. Outubro de 2002,

-Informe arqueolóxico relativo ós terreos afectados pola construcción da nova Comandancia da Garda Civil en Pontevedra. Abril 2003,

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese exclusivamente ó proxecto desenvolvido no documento titulado Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a nova comandancia da Garda Civil en Pontevedra. Xuño 2003, localizado nos concellos de Pontevedra e Poio, na zona definida nos planos titulados Localización e Proposta de ordenación, incluídos no antedito proxecto.

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre as emisións de po e gases.

2.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

2.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material, sen a autorización correspondente.

2.1.3. Tal como se indica no estudio, e co fin de evita-las posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de demolición e construcción, procederase á rega da zona de obras nas épocas de seca. Asemade, procederase ó lavado de rodas dos camións de materiais á saída da zona de obras, tanto os que transportan os materiais procedentes da demolición, como os que transportan materiais necesarios para a construcción das instalacións proxectadas. Estes camións deberán ir cubertos por lonas ou similar.

2.2. Sobre o ruído.

2.2.1. Tendo en conta a proximidade de vivendas á localización do proxecto, adoptaranse as medidas necesarias para que os niveis de ruído producidos durante a fase de demolición e construcción, cumpran co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, de se-lo caso o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

3. Proteción dos solos.

3.1. No caso de deterioración de camiños ou calquera infraestructura, instalación ou servicio preexistente, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

3.2. Previamente á realización de tarefas de mantemento e reparación da maquinaria, no caso de que se realicen na zona de obras, deberán dispoñerse os medios necesarios para evita-la chegada de vertidos accidentais ó solo, facilitando a súa recollida.

3.3. Delimitarase un espacio destinado á acollida das instalacións auxiliares á obra (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etcétera). Estas zonas deberán estar dotadas dos equipamentos necesarios para asegurar un funcionamento ambientalmente seguro destas instalacións. Reflectiranse no plano requirido no 9.2 punto desta DIA.

4. Sobre os residuos.

4.1. Tódolos residuos xerados se xestionarán conforme a lexislación vixente de aplicación, en función

da súa natureza, primando a súa reciclaxe ou reutilización fronte ó vertido. Neste sentido, prestarase especial atención ós residuos de construcción e demolición, xestionándoos conforme o establecido no Decreto 352/2002, do 5 de decembro, polo que se regula a producción dos residuos da construcción e demolición.

4.2. O almacenamento temporal de residuos, á espera da súa entrega a xestor autorizado, efectuarase en lugares previamente seleccionados, dotándoos dos medios necesarios para garanti-la non afeccion ó contorno.

5. Protección das augas.

5.1. Durante a fase de demolición e construcción, disporase dun sistema de recollida, conducción e decantación das augas pluviais ou das procedentes da rega da zona de obras, caídas no interior da parcela. Asemade, as balsas de decantación proxectadas deberán estar correctamente dimensionadas co fin de evitar imprevistos, como a chegada destas augas á autoestrada estremeira. Este sistema de drenaxe reflictirase no plano solicitado no punto 9.1 desta DIA.

5.2. As augas procedentes dos servicios hixiénicos destinados ós operarios deberán ser axeitadamente tratadas previamente ó seu vertido.

5.3. No referente ós vertidos, que se poderían producir tanto na fase de obras como na de uso, segundo se realicen ó medio ou á rede de saneamento, deberá dispoñerse da autorización de Augas de Galicia ou do xestor da rede de saneamento, segundo o caso.

5.4. Non estando definida no estudio presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.

6. Protección da vexetación.

6.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra.

7. Protección do partrimonio.

7.1. Á vista do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non se establecerá ningún condicionado ó respecto.

8. Fase de abandono das instalacións.

8.1. Ó longo da fase de abandono, unha vez rematada a vida útil das instalacións proxectadas, procederase, con carácter xeral, á desmontaxe e retirada de calquera tipo de elemento susceptible de provocar contaminación, sendo entregados todos estes elementos a un xestor autorizado para unha correcta eliminación.

9. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras

adicionais que deriven, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

9.1. Plano en planta, a escala 1:1.000 ou maior detalle, e dotado de coordenadas UTM, do sistema de desaugamento e drenaxe das augas caídas dentro da zona de obras durante a realización destas, indicando claramente o punto de vertido das balsas de decantación.

9.2. Plano en planta, a escala 1:1.000 ou maior detalle, e dotado de coordenadas UTM, no que se reflictan as zonas onde se realizará o mantemento da maquinaria, o almacenamento de materiais, de residuos, e a localización das instalacións de obra. Asemade, describiranse os equipamentos dos que dispoñen estas zonas.

9.3. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

9.4. Indica-lo responsable ambiental designado polo promotor, tal como se require no punto 11.10 da presente DIA.

10. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garanti ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do ógano substantivo, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

10.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a utilización das instalacións e presentarase a seguinte documentación:

a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos realizados, medidas protectoras e correctoras levadas a cabo durante as obras e resultado destas (control de eficacia), e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración. Asemade, indicaranse as incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas.

b) Plano en coordenadas UTM, a escala 1:1.000 ou maior detalle, onde se reflictan tódalas obras realizadas e os distintos elementos implantados.

c) Reportaxe fotográfica que recolla os aspectos máis salientables da actuación e que reflicta o estado final da obra.

10.3. Informe previo ó abandono: nun prazo de seis (6) meses previos á finalización do uso das instalacións, remitirase un programa de abandono das

instalacións, que conterá as accións previstas polo promotor en cumprimento do punto 8 desta DIA.

10.4. Informe posterior ó abandono: nun prazo máximo de dous (2) meses contado a partir da fin das accións para o desmantelamento e abandono das instalacións, remitirase un informe que conteña a descrición detallada das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión aplicada ós residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas. Xuntaráselle reportaxe fotográfica que reflicta o estado final da área, unha vez rematados os labores de abandono.

No caso de que se detecten durante o seguimento ambiental que se efectúe, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaráselle inmediatamente a esta dirección xeral, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas.

11. Condicións adicionais.

11.1. Para efectos de seguimento da presente DIA, o órgano substantivo comunicará ó órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

11.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

11.3. Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicándolle o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

11.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando asemade se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

11.5. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá sus

pender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

11.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

11.7. O incumprimento total ou parcial, por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

11.8. A presente declaración, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta.

11.9. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

11.10. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

11.11. A declaración de impacto ambiental farase pública mediante a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2003.

José Luis Díez Yáñez

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

RESUMO DO PROXECTO

A nova Comandancia da garda civil pretende mellora-la localización e moderniza-las instalacións da Garda Civil en Pontevedra, xa que as actuais non reúnen as condicións de operatividade e habitabilidade esixibles para a función que levan a cabo.

A parcela onde se situará esta nova comandancia, sitúase no antigo parque e talleres de automóbiles do exército, situado na Caeira, no límite entre os concellos de Pontevedra e Poio.

Esta parcela, onde se situarán as instalacións proxectadas, ocupa unha superficie, segundo o levantamento topográfico, de 14.273 m. Esta superficie dividirase en:

-Edificacións: 4.781 m.

-Vías: 5.600 m.

-Aparcadoiros en superficie: 1.096 m.

-Espacios libres: 2.796 m.

Distinguiranse, principalmente, dúas zonas:

-Dependencias oficiais da comandancia.

-Área residencial.

Ó programa de dependencias resólvese cunha única edificación exenta, que proporciona a imaxe oficial da comandancia e se sitúa fronte a ría. Trátase dun edificio de dúas plantas sobre rasante, en forma de L, creando no seu interior un espacio libre, destinado a patio de armas, a través do que se accede ó edificio. Este recuarase uns 7 m para permiti-la circulación interna ó seu redor. Prevese tamén unha planta semisoto, destinada ó aparcadoiro de vehículos oficiais da comandancia. Pola posición con respecto ó río Lérez, formúlase un edificio cunha intención moi lineal que ofreza unha imaxe direccional forte, paralela ó río.

Ó programa de vivendas sitúase na parte oeste, e distribúese en dous edificios independentes, que reflicten a morfoloxía irregular da parcela nese tramo, separándose uns 13 m do linde da parcela para permiti-la localización da dotación de aparcadoiros destinados a vivendas, na parte traseira dos edificios. Estes dous bloques abrazan no seu interior un gran espacio libre, en gran medida axardinado, que se destinará a uso recreativo mediante a creación de espacio deportivo e de xogos infantís. Independizarase do uso público da comandancia mediante unha pantalla vexetal.

RESUMO DAS MEDIDAS PROTECTORAS E CORRECTORAS

a) Fase de construcción:

1. Protección do medio atmosférico.

-Respecto á xeración de po, se as obras se acometen en época seca, será obrigatorio o uso dun sistema de rega.

-A contaminación acústica existente no estado preoperacional orixinado polo tráfico asociado ás vías de comunicación e centros de producción e servicios é moi alta. Ante a dificultade de minimiza-los ruídos procedentes de fontes móbiles asociadas á construcción da nova instalación e a proximidade á zona residencial da Caeira, as medidas preventivas basearanse na organización do traballo, de acordo co horario común ó resto de residentes. En todo caso, a xeración do ruído estará limitada normativamente pola lexislación sectorial, estatal, autonómica e local correspondente.

2. Corrección da erosión e calidade das augas continentais.

-A realización das obras de fábrica de drenaxe deberá se-lo suficientemente grande como para poder desaloxar cantidades elevadas de auga, acordes para absorbe-la máxima pluviometría.

-A proximidade á ría de Pontevedra obriga á posta en marcha dun sistema de balsas de decantación, con capacidade suficiente para reter sólidos en suspensión e mellorar substancialmente o vertido do efluente final.

3. Restauración ambiental e paisaxística.

-Limpeza e traslado de residuos.

-Descompactación de solos, laboreo, escarificación e gradeado.

-Recubrimento das zonas danadas con finos e terra vexetal enriquecida con materia orgánica, mulch e estabilizantes.

-Revexetación cunha mestura de especies herbáceas, arbustivas e arbóreas.

4. Xestión de residuos.

-Obriga de realiza-las actividades que xeran aceites, lubricantes, residuos sólidos asimilables a urbanos unicamente no parque de maquinaria e almacenamento de maquinaria, o que dispón de contedores específicos para a recepción destes materiais contaminantes.

5. Implantación dun código de boas prácticas. Tomarase como base ó Código de Boas Prácticas Medioambientais-Construcción editado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e as Cámaras de Comercio de Galicia.

ANEXO II

RESUMO DOS INFORMES

* A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no seu segundo informe, conclúe:

Visto o informe arqueolóxico relativo ós terreos afectados pola construcción da nova comandancia da Garda Civil en Pontevedra, de data do 22 de abril de 2003, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no ámbito das súas competencias, acorda:

-Emitir informe favorable sobre o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a nova comandancia da Garda Civil en Pontevedra (Pontevedra), dado que non presenta ningunha afección ós elementos do patrimonio cultural.

-A Dirección General de Costas, sinala que:

O presente escrito non debe interpretarse como o informe ó que se refiren os artigos 112 e 117 da Lei de costas, preceptivo unicamente no caso de tratarse dunha figura de planeamento á que neles se alude. Esta dirección xeral entende que o obxectivo do proxecto sectorial se concreta na execución dunhas obras de infraestructura equipamental non suxeitas ó referido tipo de informe.

Nembargantes, considérase necesario, como a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia deu mostras de estar de acordo a teor da documentación que consta no expediente, de que se siga o trámite previsto nos artigos 48 e seguintes do regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1998, de costas, para se procedese, outorga-la autorización correspondente.

-Augas de Galicia informa:

Tal como se desprende da documentación remitida, as obras realizaranse dentro da zona de protección do dominio público marítimo terrestre, que non é competencia desta área. Nembargantes, se durante a fase de demolición ou construcción, se puidise ver afectada algunha zona pertencente ó dominio público hidráulico, e máis concretamente ó río Lérez,

en referencia ó cumprimento do artigo 108 do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, e en relación á planificación hidrolóxica de Galicia-Costa, deberían terse en conta os seguintes puntos:

-En todo momento durante a fase de construcción deberanse considera-las medidas protectoras de non alteración dos cursos fluviais e a prohibición de vertido neles de terras e dos refugallos, no caso que estes se producisen a consecuencia da execución, prohibíndose o lavado de camións, formigoneiras e o cambio de aceite da maquinaria de construcción das instalacións na proximidade do leito do cauce afectado.

-Durante a fase de explotación e vida útil das obras, farase fincapé na necesidade de non realizar vertidos non autorizados e manter libre de obstáculos a sección de desaugamento do tramo afectado, co obxecto de permiti-la correcta circulación de auga e o mantemento da sección.

-A calidade das augas manterase en niveis óptimos, de tal xeito que, trala construcción, a súa calidade e clasificación sexa a mesma que antes do inicio das obras.