Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 21 de agosto de 2003 Páx. 10.784

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 6 de agosto de 2003 pola que se convocan axudas para a modernización de buques pesqueiros para o exercicio do ano 2003.

A Orde do 14 de xullo de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas á renovación da flota e á modernización dos buques pesqueiros (DOG do 2-8-2000), modificada pola do 1 de xullo de 2002 (DOG do 5 de xullo) prevé, que as convocatorias anuais se rexerán polas bases e condicións establecidas na dita orde.

Polo que respecta á renovación da flota, fíxose unha convocatoria específica, referíndose esta orde á convocatoria de axudas para a modernización dos buques pesqueiros unicamente.

En atención a razóns de celeridade e operatividade, e tendo en conta ademais que a vixente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma prevé que o prazo de presentación de solicitudes de axudas non será inferior a corenta días, establécese que a documentación da chamada na orde reguladora segunda fase ou de concesión das axudas, se presente toda xa coa solicitude nun único prazo de cincuenta días.

Polas razóns expostas, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria de axudas.

Convócanse axudas para a modernización dos buques pesqueiros, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 14 de xullo de 2000 (DOG do 2 de agosto) coas súas modificacións introducidas pola Orde do 1 de xullo de 2002 (DOG do 5 de xullo), sendo o prazo de presentación de solicitudes e toda a documentación o de cincuenta días hábiles con

tados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria.

Artigo 2º.-Crédito orzamentario.

As axudas concederanse con cargo á aplicación 12.03.723A.770.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003 e cun importe de 5.429.366,40 euros.

Disposición transitoria

Nesta convocatoria, e conxuntamente coa solicitude e a documentación prevista no artigo 12.2º da orde reguladora, achegarase tamén a prevista para a modernización no artigo 15.2º da mesma, e presentarase toda no prazo de cincuenta días hábiles indicado no artigo 1º desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos