Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 18 de agosto de 2003 Páx. 10.679

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2003 pola que se delega a sinatura da potestade certificante do secretario xeral en determinados órganos.

Os estatutos da universidade establecen como competencia propia do secretario xeral da universidade a expedición de certificacións e a de ser quen

dá fe pública dos acordos dos órganos de goberno, representación e administración da universidade.

Ó ser competencia propia do secretario esta facultade certificante e ante o incremento das funcións certificantes nos campus de Santiago de Compostela e Lugo, procede realizar unha delegación de sinatura, nos termos establecidos no artigo 16 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas, da facultade certificante do secretario xeral en distintos órganos administrativos para axiliza-los procedementos administrativos e evitar así o atraso que se pode producir polo asinamento de certificacións.

Por todo o anterior resólvese:

Primeiro.-Delégase a sinatura da facultade certificante do secretario xeral da universidade nos xefes das unidades de Xestión Académica, para expedi-las certificacións das materias seguintes:

1. As certificacións académicas persoais de materias totais ou parciais.

2. As que soliciten os interesados ou deban expedirse de oficio referidas exclusivamente ós datos administrativos, que constan nos expedientes que figuren nas devanditas unidades de xestión e non se deleguen expresamente nos xefes de división ou subdivisións.

3. As que fagan referencia á data de iniciación dos procedementos de matrícula ordinaria ou extraordinaria que formalicen os interesados.

Segundo.-Apróbase a delegación de sinatura da facultade certificante do secretario xeral da universidade nos xefes de división ou de subdivisión, segundo proceda, das unidades de Xestión Académica, para expedi-las certificacións das materias seguintes:

a) As que acrediten o pagamento ou exención dos prezos de matrícula.

b) As que se refiran á presentación dos documentos esixidos para formaliza-la solicitude de matrícula.

Terceiro.-Quedan reservados ó secretario xeral da universidade, e pola súa suplencia, ó secretario xeral adxunto, coa excepción establecida no punto quinto da presente resolución, a titularidade e exercicio en materia de alumnado da facultade certificante respecto de:

1. As certicacións académicas oficiais.

2. A certificación sobre cualificacións de grao de licenciado.

3. As certificacións supletorias dos títulos oficiais de diplomado, licenciado e, de se-lo caso, doutor, así como dos títulos propios e do diploma de estudios avanzados.

4. As funcións propias recollidas nos estatutos ou atribuídas polas disposicións legais ou regulamentarias que non sexan obxecto de delegación expresa.

Cuarto.-Delégase nos xefes das unidades de Xestión Académica a sinatura de anulación de matrícula

se o alumno acredita estar admitido ou matriculado noutra universidade.

Quinto.-Delégase a sinatura da facultade certificante do secretario xeral no vicerrector de Coordinación do Campus de Lugo nos seguintes actos e sempre dentro do ámbito territorial do Campus de Lugo:

Asinamento das certificacións supletorias dos títulos oficiais de alumnos que rematen os seus estudios nas titulacións do Campus de Lugo.

Asinamento de certificacións en materia de alumnado matriculado no Campus de Lugo nas que a súa sinatura non estea delegada noutros órganos ou unidades administrativas.

Certificados para a solicitude de expedición de duplicados de títulos que se tramitan directamente ó Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Certificados de probas de conxunto.

Certificados alumnos suxeitos ó Convenio Universidades Galegas.

Certificados sobre o exame de grao.

Certificados de memoria de licenciatura.

Certificados de premios extraordinarios de licenciatura.

Certificacións académicas oficiais relativas ós traslados de expedientes.

O asinamento das resolucións motivadas que se dicten autorizando ou denegando a rectificación das actas académicas en disciplinas que se impartan no Campus de Lugo.

Sexto.-Delégase no director da Oficina de Investigación e Tecnoloxía o asinamento de certificacións relativas ó financiamento, ingresos e execución de gastos das actividades de investigación e desenvolvemento realizadas na USC, cando esa certificación teña que ser achegada como xustificación ante entidades financiadoras das ditas actividades. Tamén se delega no mesmo órgano o asinamento de certificacións relativas ós datos que consten na documentación que se atopa nos arquivos da citada oficina. Estas certificacións irán visadas polo xefe da unidade administrativa que corresponda.

Sétimo.-Delégase no vicerrector de Organización Académica e Profesorado:

1. As certificacións sobre datos que figuren no POD/PDA.

2. As certificacións sobre concesión de venia docendi.

3. As certificacións sobre a acreditación de titores externos e clínicos.

4. A acreditación de datos que figuren no vicerrectorado sobre o plan de traballo anual dos profesores.

Oitavo.-Delégase no vicerrector de Terceiro Ciclo e Extensión Docente:

1. As certificacións sobre datos que figuren en cursos de terceiro ciclo, posgrao e formación continua.

2. As certificacións sobre dirección de traballos de investigación e teses dirixidas no marco das competencias do CPTF.

Noveno.-Delégase no vicexerente de Lugo a función certificante do secretario xeral da universidade referida exclusivamente ó seguinte suposto:

-Certifica-la condición de persoal contratado no ámbito do Campus de Lugo, para os efectos de solicita-la concesión das subvencións de matrícula nos centros de ensino, ou para que produza efectos en calquera acto da vida administrativa dos interesados, unicamente no ámbito da Universidade de Santiago de Compostela.

Décimo.-Delégase no xefe do Servicio de Xestión de Persoal, en relación co persoal universitario, a función certificante do secretario xeral da universidade, referida exclusivamente ós seguintes supostos:

Certifica-la condición de funcionario ou traballador da universidade, en situación de servicio activo para solicita-la concesión de subvencións de matrícula nos centros de ensino.

Certificar ou constata-la situación de servicio activo dos funcionarios ou traballadores para que produza efectos en calquera acto da vida administrativa dos interesados, unicamente no ámbito da Universidade de Santiago de Compostela.

Certificación dos datos que obran no expediente persoal do PAS para os de participar nos concursos de provisión de postos da propia USC.

Certifica-las contías das retribucións básicas e complementarias percibidas anualmente polo persoal universitario para os únicos efectos de presenta-la declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Certificar ou constatar calquera extremo de carácter retributivo sobre cantidades percibidas polo persoal universitario para que produza efectos en actos da vida administrativa dos interesados, unicamente no ámbito da Universidade de Santiago de Compostela.

Décimo primeiro.-Delégase no xefe da Oficina de Relacións Exteriores o asinamento de documentos acreditativos de datos da USC necesarios para a realización de programas de intercambio nacional e internacional. En particular deléganse, en materia de intercambio e convenios bilaterais, a sinatura dos Transcriptor of records para estudiantes de intercambio, mentres non se inclúan como certificados académicos ordinarios.

Décimo segundo.-Delégase no xefe da Sección de Xestión e Admisión de alumnos e no xefe de Negociado de Alumnos-Información do Campus de Lugo.

O asinamento de actos de instrucción necesarios para a tramitación dos procedementos de ingreso e acceso de estudiantes, incluídas as resolucións de inadmisión a trámite.

A expedición de documentos nos que se faga consta-las titulacións que se imparten na USC, segundo o modelo que se aprobe.

A expedición de documentos que poidan producir efectos noutras administracións públicas nos que se faga consta-la presentación de solicitudes, a situación dos procedementos ou calquera outra circunstancia administrativa en relación con procedementos de acceso ou ingreso, segundo o modelo que se aprobe.

Décimo terceiro.-Delégase no xefe da Sección do Terceiro Ciclo, sen prexuízo do disposto no punto terceiro, a sinatura da facultade certificante do secretario xeral en materia de estudios do terceiro ciclo, posgrao e formación continua nas seguintes materias:

Certificacións sobre datos de profesorado e créditos impartidos.

Certificados sobre datos académicos dos alumnos do CPTF.

Décimo cuarto.-Consideraranse autorizados a expedir certificacións o xerente ou o vicerrector que corresponda cando unha norma ou convocatoria estableza que algún destes órganos deben expedir certificados para achegar nun procedemento administrativo, debendo cumprir en todo caso coas disposicións sobre expedición de certificacións.

Décimo quinto.-Cando se emitan certificacións en uso desta delegación de sinatura farase constar así expresamente e considerarase dictada polo órgano delegante.

Décimo sexto.-En caso de ausencia ou enfermidade do órgano delegado, este ou o órgano delegante designará quen o substitúa.

Décimo sétimo.-A secretaría xeral poderá dictar instruccións sobre os modelos de certificacións en desenvolvemento desta resolución.

Disposición derrogatoria

Esta resolución derroga a resolución do secretario xeral do 26 de setembro de 2001 sobre delegación de sinatura no director da OIT, as do 11 de marzo de 1998 e 24 de setembro de 2001, así como calquera outra que se opoña ó contido da presente delegación de sinatura.

Disposición derradeira

Esta resolución terá eficacia o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2003.

Joaquín Rodríguez-Toubes Muñiz

Secretario xeral da Universidade de Santiago

de Compostela