Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 13 de agosto de 2003 Páx. 10.596

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DO GROVE

XXII Premio de Novela Longa Blanco Amor.

Bases:

Primeira.-O premio estará dotado con 12.020 euros.

Segunda.-Poderán participar nel tódolos autores de calquera nacionalidade que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega na normativa oficial.

Terceira.-As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados por unha cara e a dous espacios.

Cuarta.-A obra enviarase por correo, sen remite e baixo lema, á Casa de Cultura Manuel Lueiro Rey, Monte da Vila, nº 11, 36980 O Grove (Pontevedra). En sobre adxunto, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e enderezo do autor/a. De cada obra remitiranse 5 copias.

Quinta.-As obras presentadas terán que ser inéditas.

Sexta.-O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 30 de setembro 2003. O dictame darase a coñecer no mes de novembro/decembro, nunha xuntanza que terá lugar no salón de comisións do Concello do Grove.

Sétima.-A concesión do premio non implicará cesión dos dereitos de propiedade sobre a obra premiada. As obras non premiadas serán devoltas ós autores que o soliciten no prazo dun mes contando desde o día do veredicto.

Oitava.-A entrega do premio terá lugar no mes de xaneiro/febreiro de 2004, nun acto público no que se tentará a difusión da novela gañadora.

Novena.-O premio poderá quedar deserto de non existiren obras de calidade a xuízo do xurado. Neste caso o importe do premio destinarase a divulga-la obra de Eduardo Blanco Amor entre as escolas e os centros culturais de Galicia.

Décima.-O feito de concorreren a este premio presupón que os autores aceptan as súas bases.

Décimo primeira.-O xurado do premio, nomeado nesta ocasión polo Concello do Grove, estará composto por cinco membros que deberán ser escritores ou críticos literarios da literatura galega.

Décimo segunda.-O xurado fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.

O Grove, 21 de xullo de 2003.

Miguel Ángel Pérez García

Alcalde